O 14 de abril de 1931, despois dunhas eleccións xerais no Estado Español, a maioría da cidadanía española pronunciouse contra a monarquía e a favor dunha república popular votando ao Frente Popular. Este era unha coalición de forzas democráticas, fartas de estar gobernadas por monarquías absolutistas corruptas encabezadas pola familia dos Borbón, nese momento encabezada por Alfonso XIII. Esta dinastía, a borbónica, desde o seu iniciador como rei na España Fernándo VII ata ese momento foi un cancro para a poboación española, sobre todo para a máis economicamente pobre; unha dinastía que gobernou para os grandes terratenentes e para a burguesía dos distintos espazos do Estado; unha dinastía que cando as cousas non lle pintaban claras non dubidou en acudir á represión sistemática contra as persoas e organizacións discrepantes para seguir sendo beneficiaria da corrupción e defensora da explotación da clase obreira pola nacente burguesía industrial.
Por desgraza, esa República foi esmagada por mor dun golpe de Estado militar encabezado por unha serie de xenerais asasinos e apoiado internamente pola burguesía, os terratenentes e a Igrexa Católica; e apoiada externamente polos réximes nazis de Alemaña hitleriana e o réxime fascista italiano de Mussolini, diante da pasividade das chamadas democracias europeas como a francesa ou a inglesa cuxos posicionamentos na práctica non fixeron máis que favorecer ese golpe de Estado. Golpe de Estado seguido por tres anos onde nunha importante parte do territorio do Estado Español librouse unha guerra entre fascismo e democracia, entre o capital e a clase obreira (non entre irmáns, como pretenden moitos facernos crer).
Cando falo que a guerra desenvolveuse nunha importante parte do Estado, refírome a que houbo grandes zonas (por exemplo, de Andalucía e Galiza) onde a guerra non existiu. Onde o único que aconteceu foi un paso marcial dos sublevados e dos fascistas que foron arrasando con toda persoa que pensara de forma distinta ou non amosara o seu fiel apoio ao golpe de Estado. Zonas onde se ametrallou e bombardeou á poboación civil que fuxía dos lugares de conflicto cara a outros onde non puidera haber enfrontamentos (hoxe, despois da IIª Guerra Mundial, serían considerados crimes de guerra); zonas onde falanxistas, gardas civís e militares golpistas torturaban e asasinaban a sangue fría a que lles petaba ou estaba nas listas que lle tivera facilitado o cura católico de quenda. Toda persoa sospeitosa de ser non adicta ao golpismo franquista era asasinada. Por desgraza, este réxíme de criminais encabezados polo xeneral Francisco Franco Bahamonde durou ata o ano 1977. Un réxime sustentado na represión sistemática e na explotación constante da clase obreira, apoiado pola crecente burguesía española do momento (que se aproveitou utilizando aos presos republicanos -os que non foron asasinados- como man de obra escrava para facer estradas, pantanos ou outras obras das que eran beneficiarias).
Morto Franco en novembro de 1975, sucedeulle na xefatura do Estado en calidade de ditador Juan Carlos de Borbón, despois de xurar os principios do Estado Fascista do 18 de xullo de 1936, que mantivo esa ditadura perante dous anos; ditadura que tivo que poñer en cuestión debido á mobilización popular que desexaba un Estado democrático e de dereito. Podemos dicir que aquí empezou a chamada "transición española da ditadura á democracia". Non me vou parar no acontecido nin nas traizóns que a cúpula do Partido Comunista de España de Santiago Carrillo e do Partido Socialista Obrero Español de Felipe González, cos seus pactos coa burguesía e co franquismo, cometeron contra as aspiracións populares. Hai publicacións de sobra que tratan este aspecto. Tampouco vou falar do pacto que supuxo que a monarquía rexeitada polo réxime lexítimo e legalmente constituído da IIª República permanecera e que este non puidera ser restaurado. Nin tampouco da razón de que un ditador, formado na ditadura, fiel partidario do réxime franquista e xurante dos seus principios fora instituído pola porta de atrás, e valéndose das arelas de liberdade do pobo, como xefe de Estado e Rei de España. Tamén hai literatura, boa e suficiente.
Os "50 anos de democracia"
Este ano, partindo do goberno do Estado, se instituíu o que eles chaman "50 anos de democracia". Non é certo que vaian 50 anos de democracia pois non se pode considerar como democracia os anos que Juan Carlos de Borbón estivo exercendo coma ditador e onde o Estado estivo a ser presidido por Adolfo Suárez, un fascista procedente do Movemento Fascista do 18 de Xullo. Anos onde seguiron sendo asasinados centos de persoas que esixían nas rúas ou de forma pública o fin da ditadura. Anos onde Policía Armada, Guardia Civil, Brigada Político Social, servizos secretos do Estado e dos corpos policiais seguiron colaborando, participando directamente ou encubrindo aos asasinos fascistas culpabeis deses crimes; anos nos que nos cuarteis da Garda Civil, da Policía Armada e nas comisarías seguían a practicarse torturas contra os opositores ao réxime; anos nos que os xuíces exculpaban de forma case sistemática, e a pesares das probas e testemuñas concluíntes, aos poucos culpábeis deses crimes que eran xulgados; onde as escasas condenas ditadas eran incumpridas e soltábase aos condenados aos poucos días ou meses de ser encarcerados. Sobre esta triste etapa da historia española escribiuse por Alfredo Grimaldos e Andreu García Ribera un excelente e moi detallado libro, editado por El Garaje Ediciones, que leva por título La sombra de Franco en la transición (ISBN: 978-84-126213-8-9); por desgraza, un libro non moi publicitado, ou ocultado, polos medios pero moi detallado e cun sistemático resume dos crimes do franquismo ata o ano 1983. Si, non é un erro, ano 1983.
Unha oportunidade perdida
A oportunidade que se perdeu por mor da complicidade dalgúns políticos trepas (non hai máis que seguir a súa "carreira" posterior para decatarse) co franquismo económico e sociolóxico foi única.
Hoxe, con toda a propaganda monárquica e coa gran dificultade que a constitución saída do franquismo marca para poder trocar o réxime monárquico fai moi difícil que o réxime republicano lexítimo poida ser asentado no Estado Español.
Ás dificultades antes sinaladas, hai que engadir a propaganda que as maiorías formantes do goberno que institúe os "50 anos de democracia" realiza. Posiblemente para tapar as miserias nas que Felipe González e Santiago Carrillo, cos seu colegas de direccións do PSOE e PCE incorreron entre 1975 e 1983, e lavar esa fea mancha que afecta aos seus partidos.
A pesares de todo, hai métodos para acadar unha república; unha república popular que respecte non só os dereitos das persoas, senón que tamén respecte os dereitos das nacións que compoñen o Estado Español. Isto empezou a realizarse durante a IIª República coa promulgación dos Estatutos de Autonomía de Euzkadi, Catalunya e Galiza mais os criminais non permitiron que estes estatutos foran desenvolvidos e perfeccionados.
República Federal? República Confederal? Federación de Repúblicas? Non o sei, pero República si. Viva a República!!
