Amosando publicacións coa etiqueta Empresarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Empresarios. Amosar todas as publicacións

28 maio 2026

O Rueda da vergoña, a autonomía secuestrada e a complicidade pasiva cun xenocidio

 

 

        Antes unha aclaración: non pretendo relacionar a Rueda directamente cos criminais internacionais; non teño motivo para facelo. Si o tería, en troques, para relacionar a Núñez Feijóo co narco arousán. Simplemente é que nestes últimos días asistimos, por unha parte, a unha das máis claras mostras de incompetencia do Partido Popular de Galiza para gobernar un país, desde calquera perspectiva e orientación ideolóxica, coa intervención de Alfonso Rueda e do voceiro parlamentario do Partido Popular no pleno do Parlamento de Galiza dedicado a examinar o chamado "estado da autonomía", no que o Presidente da Xunta de Galicia e o voceiro popular amosan unha vez máis a súa carencia de ideas propias para gobernar e a permeabilidade das normas que lexisla aos desexos das empresas que basean a súa actividade na destrución do territorio (eucalipteiras, eléctricas, celulosas, minería contaminante, etc.) e nas ocorrencias da patronal galega para xerar ganancias a conta do benestar da clase obreira

        Por outra parte  a persistente negación do Partido Popular de Galicia (e tamén estatal), da Xunta de Galicia e da maioría do Parlamento Galego a condenar as agresións perpetradas polo Estado de Israel contra o dereito internacional pola súa invasión do Líbano e a continuación do xenocidio en Palestina, baixo as ordes desa ratas nazis que son Benjamin Netanyahu e o seu goberno nazi-sionista.  Negativa reiterada mesmo cando sete cidadáns galegos, integrantes da Global Sumud Flotilla de apoio a Palestina, foron secuestrados en augas internacionais, maltratados e levados a Israel polo exércicto nazi-sionista dese país que, unha vez máis, violou as normas do dereito internacional.  

        E todo isto, combinado coas ordes de Trump de acometer unha agresión armada dos Estados Unidos de América contra Iran e a súa poboación civil (e previamente contra Venezuela), rachando toda normativa legal de carácter internacional e cometendo, xunto cos seus almirantes e xenerais, numerosos cimes contra a humanidade polos bombardeos contra a poboación civil. Sendo consciente de que os EUA están presididos por un nazi que padece o que semella ser unha demencia senil con carácter agresivo nun avanzado estado, ou unha tolería megalómana en estado extremo, e considerando que persoalmente Rueda nada teña que ver con Netanyahu ou con Donald Trump, debemos aceptar que o Presidente da Xunta de Galicia (en tanto que membro do Partido Popular e seguidor das súas directrices públicas e ideolóxicas) é cómplice pasivo das políticas de Netanyahu e de Donald Trump en todas as súas correrías delincuentes acontecidas no mundo.

        E dirá vostede: Que ten que ver Rueda con Netanyahu e Donald Trump? A priori, nada; mais debemos ter en conta que o Partido Popular é un fiel súbdito de Donald Trump, un "chico para todo" como o foi Aznar anteriormente, amais de non ter condenado o xenocidio emprendido polo Estado nazi-sionista de Israel (1) contra Gaza e Cisxordania, amais de contra dos habitantes árabes de Xerusalén Leste, e defender con unllas e dentes as agresións israelitas contra a poboación palestina.

Unha "autonomía" autosecuestrada 

        Celebrado na semana pasada no Parlamento de Galiza, o debate sobre o estado da Galiza baixo o goberno do Partido Popular presidido por Alfonso Rueda empezou coa intervención deste último relatando "o ben que nos estaba indo aos galegos e ás galegas, así como ao noso territorio", co seu goberno e estabelecendo cales serían as liñas mestras que no futuro e ate as próximas eleccións autonómicas ía a adoitar ese goberno para, segundo el, que Galiza seguira avanzando como ata agora. E cales foron as súas propostas estrela? Pois realmente a única "medida estrela" nova que propuxo foi a  da creación dun órgano para o control das baixas laborais, dando maiores competencias ás mutuas patronais para decidir sobre elas. É dicir, aumentar o poder dunhas empresas privadas, servidoras dos intereses da patronal, para dar altas que ata o momento moitas delas eran cuestionadas polos médicos da sanidade pública, cualificadas como altas fraudulentas e confirmadas como baixas laborais. É dicir, dar máis poder ás empresas da sanidade privada en substitución da sanidade pública, o que implica un novo paso do goberno do Partido Popular na privatización da sanidade para satisfacer ás empresas que fan da nosa saúde (para eles preferiblemente mala) un negocio: empresas sanitarias privadas, aseguradoras de saúde e industria farmacéutica, fundamentalmente.

        Pero, amais das anunciadas medidas relatadas anteriormente, hai un par de semanas Rueda anuncia a creación do que el chama Mesa del Diálogo Social de Galicia que, segundo a propia definición realizada pola Xunta de Galicia, ben sendo un órganos coas mesmas funcións que o Consello Económico e Social de Galicia (CES) (organismo autónomo contemplado no Estatuto de Autonomía) pero con unha menor representación democrática e, na práctica, controlado totalmente pola administración galega, onde poida esta facer e desfacer ao seu antollo (1). Aparte do empresarios de Galiza, (CEG) forman parte dese "chiringuito" os sindicatos CC.OO. e UGT (o sindicato maioritario de Galiza, a CIG, negouse a participar nel por consideralo organismo inútil, antidemocrático, gobernamental e coma un intento, por parte da Xunta do PP, de suplantación do CES).

 O "absentismo laboral" presuntamente indebido

        Curiosamente, a primeira tarefa que a Xunta de Galiza impuxo ao "chiringuito" mencionado anteriormente foi a "creación do grupo de traballo para a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo". Hai que sinalar que isto provocou a saída de CC.OO. dese "chiringuito" (a ver por canto tempo).

        É curioso o do "benestar laboral" cando nos convenios colectivos en vía de negociación na Galiza o empresariado implicado está a negarse a aceptar temas relacionados coa prevención de riscos laborais, coa conciliación ou coa discriminación salarial e funcional por razón de sexo nas empresas.

        Tamén é curioso que os empresarios se lanzaran de cabeza á piscina diante dun estudo sobre absentismo laboral publicado polas universidades de Vigo e Compostela que pon a súa atención no absentismo causado polas baixas médicas, mais esquecendo que moitas desas baixas son xeradas pola falla de seguridade e hixiene no traballo ou polas listas de espera médicas para poder acceder a unha consulta que verifique o estado da incapacidade temporal do traballador ou traballadora.

        Na mesma dirección de acometida contra o dereito á saúde dos traballadores e traballadoras vai a medida adoitada pola Xunta de Galicia, ao través da Consellería de Sanidade, de incentivar cun complemento aos médicos de familia por limitar o número de incapacidades laborais que prescriban ou poñendo trabas a que estes invaliden as altas dadas por facultativos ao servizo das empresas nas mutuas patronais. Como xa non lles chegaba con tentar que os médicos das mutuas patronais teñan as mesmas atribucións que os do servizo público de saúde para dar altas médicas, agora tentan comprar a vontade dos médicos do sistema público para reafirmar a súa complicidade e supeditación das súas políticas ás esixencias do empresariado.

Notas.-

(1) . Xa antes, mediante a Lei de Acompañamento dos Orzamentos Xerais da Comunidade para 2026, lexislou pola porta de atrás a dependencia do Instituto Galego de Estatística (IGE) da propia presidencia da Xunta de Galicia. O que antes era un organismo autónomo con dinámica propia pasa a ter unha autonomía dependente dos caprichos e desexos do entre político de goberno da Xunta. Non vaia a ser que faga públicos ou acometa estudos que amosen datos e conclusións que para nada favorecen as políticas do Partido Popular na Galiza; e que desmintan toda esa propaganda que se xera pola propia administración ou ao través dos medios afíns e subvencionados, como ten pasado co estudo sobre o uso e coñecemento do idioma galego publicado no pasado outono polo IGE. Iste intento de control político de organismos supostamente autónomos xa ten pasado co organismo hai anos co IGAPE; e parece que vai suceder co Centro Galego de Arte Contemporaneo (CGAC) co cambio de requisitos para acceder á súa dirección.

27 outubro 2020

Sen as vosas traballadoras e os vosos traballadores non sodes ninguén!

 Chamábame a atención despois do confinamento obrigatorio de marzo pasado todos os pallasos e pallasas (no senso máis despectivo no que se poida utilizar o termo) que amosaban a súa concordancia en que grazas ao funcionamento nese período dos traballos máis estigmatizados e infravalorados socialmente (limpeza pública e de edificios públicos e privados, persoal de caixa e de reposición dos supermercados, transportistas, repartidores e repartidoras a domicilio de distintas empresas e sectores, “riders”, etc.) a sociedade puidera saír adiante; que foran eses traballadores e esas traballadoras as que realmente fixeran saír adiante a sociedade e co seu labor acadaran que esta non crebara. O mesmo, aínda que con outro nivel de valoración social ben diferente, os profesionais da saúde. E as louvanzas eran constantes para todas e a todos os profesionais realizadores de traballos infravalorados que arriscando a súa saúde estiveron sacándonos as castañas do lume mentres tiñamos que estar confinados nos nosos domicilios, traballadores e traballadoras sen os cales moitos de nós non poderiamos facer un algo de vida. Eses pallasos e pallasas das que falo, agora están máis que calados e caladas.

Comentaristas radiofónicos, xornalistas de prensa escrita, empresarios e empresarias, políticos de diferente signo e caste, etc. todo díos falando marabillas dos e das varredoras, dos e das limpadoras, dos chamados “riders”. Incluso empresarios do ramo da distribución alimentaria falando marabillas das e dos caixeiros dos supermercados que arriscaban a súa vida e saúde atendendo á clientela sen apenas ou sen ningún (polo menos nas primeiras semanas) medio de protección proporcionado polas empresas, moitas das cales non o facían porque “producía un mal efecto” entre os e as compradoras. Necios e hipócritas, vamos; ademais de impresentables e cabróns. Ata os empresarios voceiros dos outros que realmente dirixen o cotarro non amosaban claramente o seu desacordo en que houbera que pechar todo tipo de actividade das que lles proporcionan máis dividendos e fondos que desviar cara a paraísos fiscais.

A miña experiencia máis próxima: a compra doméstica.

Eu, daquela, teño escrito vía “contacto web”, como mínimo, a dúas grandes empresas de distribución en alimentación queixándome da falla de elementos de protección dos seus empregados e das súas empregadas, e ata o de agora nin unha mínima resposta; e iso que no seu “contacto web” todas elas prometían unha rápida contestación. Isto sucedeu aproximadamente ás dúas semanas de terse decretado o confinamento de marzo e aínda noutras dúas semanas ou tres non se viron elementos de protección dos empregados e empregadas deses establecementos; nin sequera unha mísera mascara protectora. Evidentemente, eses patronos o único no que pensaban era en si mesmos, en como encher aínda máis a súa faltriqueira, aínda que iso supuxera problemas da saúde aos seus traballadores e ás súas traballadoras, amais da clientela. Unha proba clara desta afirmación foi a xeneralizada suba de prezos dos produtos alimentarios e domésticos que eses “desinteresados” empresarios aplicaron aos seus produtos en fresco durante esa época, mentres agricultores, mariñeiros e gandeiros queixábanse da baixada de prezos que eles percibían polos produtos que tanto suor e esforzo custáralles acadar. Especuladores, non empresarios nin persoas preocupadas polo benestar social en épocas de crise. Xentalla sen principios aos que eu, sen compaixón, metería na cadea xunto cos seus leais cans con aparencia de persoa que non fan máis que lamberlle os cus.

Unha mostra da pouca intención de servizo á sociedade amosada por estes elementos veuse no tema dos pedidos para reparto domiciliario, cunha alta demora da entrega, incluso máis dun mes chegaron a avisarme que se demoraría un pedido de alimentación realizado por min. Como é lóxico considereino una tomadura de pelo e anuleino (amais de que, por sorte,eu aliméntome todos os días e un mes...). Coas facilidades de contratación que existen neste país para favorecer ao empresariado, e coa cantidade de persoas que se quedaron co cu ao ar por desempeñar traballos nos que non estaban dadas de alta na Seguridade Social, e se realmente -como moitos deles dicían- pensaban en facilitarlle a vida á sociedade e á súa clientela, non lles resultaría máis doado contratar máis repartidores e alugar máis furgonetas para facer fronte a ese número crecente de pedidos domiciliarios? Eu coido que si, máis tamén coido que ese tan traído e levado discurso que o empresariado se gasta “de servizo á sociedade” dino coa boca pequena, que o que realmente lle interesa é encher as súas caixas. A saúde da sociedade, dos seus traballadores e das súas traballadoras, así como a dos seus clientes actuais, impórtalle un carallo.

E imaxino que coma min pasaríalle a outras moitas persoas. E supoño que o sector da alimentación non sería o único, senón que moitos máis sectores veríanse na mesma tesitura. De feito os sindicatos que de verdade representan ás traballadoras e aos traballadores teñen denunciado multitude de despedimentos e accións ilegais por parte de empresarios sen escrúpulos. Así como ONGs que atenden a persoas procedentes da economía somerxida denunciaron multitude de casos de traballadores e traballadoras privadas dos seus traballos ou abusadas neles sen contemplacións e sen ningún tipo de compensación por parte dos seus empregadores; incluso postas, literalmente, na rúa, sen lugar onde acubillarse.

A volta ao traballo e a “nova normalidade”. Amos e cans na procura dos cartos perdidos.

Pasado o período de confinamento case estrito, veu a mal chamada “nova normalidade”. No mundo do traballo as contradicións de clase manifestadas neste intre entre empresariado e traballo arredor dos elementos de protección que as empresas deberían proporcionar aos seus traballadores e traballadoras e as distancias a manter durante o proceso de traballo. Empresariado e cans a tentar de incrementar os volumes de beneficios dos primeiros aínda a costa da saúde dos seus e das súas empregadas; estes últimos, loxicamente, querendo defender a saúde propia e a das persoas coas que conviven nos seus fogares. Ao final, aínda que a regañadentes, parece que houbo acordo de mínimos. Iso si, sen que iso supuxera a desaparición dos abusos realizados por multitude de empresarios e empresarias sobre os seus traballadores e traballadoras, sobre todo naqueles sectores menos sindicalizados.

O que parece unha contradición é que as organizacións empresariais coincidiran coa demanda social de prorrogar os ERTEs ata o mes de decembro. Pero non o é tanto; non sería de recibo para a sociedade que o empresariado estivera a solicitar toda caste de axudas e apoios gobernamentais para as empresas e non dixeran nada en prol dos que realmente son imprescindibles para manter as súas tramas produtivas e xerar a riqueza da que eles se apropian (co beneplácito das leis, claro; aínda que non sempre). Amais, total quen paga é o Estado; e facendo as contas do empresariado:

Sendo:

T= Impostos que pago; CS= Cotizacións sociais que deixo de pagar; RT= Rebaixas noutras taxas e impostos; AD= Axudas directas das administracións; AI= Axudas indirectas das administracións; (W)= Salarios que me aforro; RF= Rebaixas futuras de impostos e taxas

Teremos que:

T – CS -RT + AD + AI – W + RF > 0

É dicir, a eles o empresariado o custo real da crise sáelle a conta. O único que perden son os beneficios que lles proporcionaría o poder explotar máis aos seus traballadores e traballadoras, é dicir o seu custo de oportunidade.

Por suposto que non inclúo neste saco a moitos pequenos empresarios autónomos, que terán que pechar os seus negocios coma consecuencia desta crise. O cal será proveitoso para o empresariado podente, ese que se sinte representado pola CEOE e pola CEPYME, porque alguén se fará co nicho de mercado que queda baleiro, alguén con poderío económico.

Por outra parte, saben os empresarios e empresarias con poderío que esa situación non pode persistir eternamente, nin que poden levar ao traste con todo o pequeno e mediano empresariado, e tampouco deixar moreas de traballadores e traballadoras na rúa, sen medios de subsistencia. Teñen claro que se fan iso estarían a cavar a súa propia tumba coma clase, que a sociedade saltaría en mil cachos e non se sabería en que podería rematar. De aí as queixas dos representantes dos grandes empresarios cara ao toque de queda desde as 11 da noite; non é que defendan aos hostaleiros, agás grandes cadeas de hoteis e de xantares-lixo; é que non queren perder aliados se a sociedade rebenta. Saben que todas as armas de carácter legal e institucional das que o réxime os ten dotados para a protección do seu sistema non se sabería como poderían resultar, sobre todo as formadas por persoas de orixe humilde, se a sociedade salta polo ar; que os partidos nazis e fascistas que eles manteñen coma arma de reserva para o caso de fallarlle o control institucional tamén son susceptibles (dados os personaxes que as lideran) de non servir para aquilo que as crearon ou de servirlles temporalmente.

Obxectivo: explotar ás persoas sen miramentos.

Pero sobre todo, a toda costa e sexa coma sexa, sen miramentos e sen contemplacións, agora o que queren e ter traballadores e traballadoras que xeren a riqueza da que eles se apropian. A riqueza que lles permite ter casa aquí, casa alí e casa acolá; a riqueza que mantén tres ou catro coches de alta gama e que lles permite tirar de tarxeta dourada onde e como queren; a riqueza que permite aos seus vasalos políticos e aos seus cans disfrazados de persoas chalés e trens de vida difíciles de manter; riqueza que lles permita financiar a partidos políticos corruptos que lles permitan usar as institucións e o erario público como medio de enriquecemento. Non importa que a eses traballadores e a esas traballadoras se lle paguen salarios de miseria, non importa tampouco que non cheguen a fin de mes ou que teñan contratos irregulares ou ningún; nin sequera impórtalles que eses traballadores e traballadoras e as súas familias teñan que durmir debaixo dunha ponte porque non poden pagar un alugueiro ou porque outros empresarios os expulsaron do seu fogar por calquera motivo co obxecto de especular. A eses empresarios, que son moitos, só lles importan eles. Eu poñeríaos a comer eses billetes ou eses coches, barcos e xoias que queren acumular e que dan, o de cada un deles, para vivir milleiros de vidas

Conclusión: por moito que teñades sodes lixo.

E todos os empresarios saben perfectamente que sen os traballadores eles non son ninguén. E por se non o saben dígollo eu. Empresarios, empresarias, de calquera caste e sector: vos sen traballadores e traballadoras non sodes ninguén; sen eles sodes lixo; e canto máis grandes sodes, máis monte de lixo.

Xa se amosou nesta pandemia.

O Rueda da vergoña, a autonomía secuestrada e a complicidade pasiva cun xenocidio

              Antes unha aclaración: non pretendo relacionar a Rueda directamente cos criminais internacionais; non teño motivo para facelo....