07 marzo 2026

O ABOMINABLE RÉXIME IRANIANO E "OCCIDENTE"

         Coido que ningún demócrata ou persoa progresista do mundo dubida que o actual réxime dos Aiatolás en Iran é abominable, como anteriormente o foi o do Sha Reza Pahlevi.

         Unha persoa que crea nun réxime democrático ten que desexar, para os demais e para se mesma, un país onde as diferenzas sociais sexan mínimas, onde se respecten os dereitos de expresión pacífica libre en calquera dos seus aspectos, onde as policías e a xudicatura estean ao servizo da seguridade da colectividade e non ao servizo dos economicamente poderosos ou dos seus monicreques que exercen nominalmente a gobernación; un país gobernado por quen procure unha educación pública gratuíta, laica, plural, achegada á realidade da súa contorna; un país no que se respecte e se pulen os dereitos e a igualdade das mulleres e os dereitos da clase traballadora, onde as diferenzas de etnia ou orientación sexual e afectiva das persoas non sexa motivo de discriminación e trato. Un país non confesional, laico, que respecte as crenzas máis profundas da súa cidadanía e non prime a unha crenzas sobre as demais. E o réxime que goberna o Irán non cumpre ningunha das condicións citadas anteriormente

        Ao contrario dun país que se poida definir como democrático, Iran está gobernado por unha xentes que non admiten discrepancias coa doutrina oficial, que reprime ao seu pobo cunha policía e unha milicia relixiosa ao máis puro estilo franquista ou hitleriano (o mesmo que fai o Estado de Israel coas persoas palestinas), un réxime que marxina e condena ás mulleres, que obriga a manter unha posición pública de achegamento a unha confesión relixiosa determinada. Un país nominalmente gobernado polos aiatolás (tiranos curas islámicos chiítas) que, como todos os países baseados no goberno dunha relixión oficial de carácter obrigatorio, son por natureza antidemocráticos. Polo cal ao réxime iraniano podemos cualificalo de abominable; e aos seus dirixentes como tiranos indesexables.

        Iran é abominable, pero non menos que outros da súa contorna ou fora dela que tampouco cumpren as condicións de país para ser democrático e que gobernan coas leis máis integristas e crueis; ou incluso a países que para nada se diferencian do actual Iran nos aspectos políticos, como poden ser os gobernados polos sátrapas e asasinos xeques árabes dos países e dos emiratos do Golfo Pérsico (Kuwait, Arabia Saudí, Barheim, Catar, Emiratos Árabes Unidos e Oman; que teñen como lei a Sharia que aplican aos seus súbditos: aforcamentos públicos, lapidación das mulleres adúlteras, discriminación e cousificación das mulleres, amputación ou castigos corporais públicos, etc.), todos eles cómplices das ilegalidades cometidas polos Estados Unidos de América (EUA) na rexión e ultimamente aliados de Netanyahu na súa cruzada contra Palestina e membros, xunto con outros políticos lixo como Tony Blair  ou Milei, da impresentable "Xunta da Paz", fabricada por Trump para especular cos territorios palestinos e converter Gaza nun ressort turístico para ricos e para maior proveito económico persoal do actual presidente dos EUA e do seu xenro, un falcón dos negocios.

Merece ser bombardeada a poboación civil iraní?

        Eu podo comprender a rabia das persoas iranianas exiliadas nos distintos países de Europa e América por ter que residir no estranxeiro debido á represión do seu dereito a pensar e a comportarse de forma diferente ao do réxime dos ayatolás. Así como entendo que tamén hai irannianos exiliados noutros países, fundamentalmente os Estados Unidos, para fuxir das acusacións de roubo á que serían sometidos (e tratados con métodos que eu non comparto) no seu país de orixe se volven; moitos destes últimos personaxes están ligados ao anterior réxime ditatorial do sha de Persia, Reza Phalevi, que escaparon con fortunas que pertencían ao pobo iraniano.

            O que a min non me cabe na cabeza é que as persoas iranianas que están exiliadas por desexar un país democrático ou, simplemente, por pensar de forma diferente poidan aplaudir e celebrar que os seus compatriotas civís sexan bombardeados por mor das ordes de dúas persoas, Netanyahu e Donald Trump, que teñen máis que demostrado o seu desprezo pola democracia e os dereitos humanos; que son culpables do xenocidio do pobo palestino en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste e que, de forma repetida, quebrantan a legalidade internacional bombardeando e masacrando poboación civil de países soberanos. Dos que un xa está reclamado polo Tribunal Penal Internacional e que o outro espero que pronto corra a mesma sorte.

            E aínda menos comprendo esa satisfacción cando é de público coñecemento que o réxime islámico dos aiatolás foi potenciado e fabricado polos EUA para evitar que a caída do derradeiro sha de Persia provocara a conversión do Iran nun país máis xusto, non aliñado, cunha democracia ao servizo da comunidade e con menos diferenzas sociais. Foi nun encontro fora de Iran e dos EUA entre a administración norteamericana e os aiatolás iranianos onde se decidiu potenciar a figura do aiatolá Jomeini, exiliado en Francia, para suceder no goberno ao defenestrado Reza Pahlevi (ao que se lle permitiu saír para EUA cargado con propiedades do pobo iraniano).

Que se esconde detrás da agresión ianqui-sionista a Iran?

             É evidente que esa agresión ilegal contra Iran ten motivos estratéxicos e económicos, tanto para os EUA como para Israel (e posiblemente económicos para o propio patrimonio persoal de Donald Trump), a pesar de estar disfrazada con música de liberdade; música que custou a vida a numerosas persoas civís, entre elas a decenas de crianzas vítimas do bombardeo da súa escola, e por moito que neses bombardeos puidera morrer asasinado o sátrapa e criminal aiatolá mandamais do momento. É de coñecemento público a riqueza iraniana en petróleo e gas natural, así como as ligazóns entre Trump e a industria petroleira dos EUA.

            O das liberdades é evidente que a Donald Trump e a Netanyahu os traen ao fresco, como podemos observar polo que fan nos seus propios países e nas agresións a outros países. É evidente, tamén, que o das bombas nucleares en posesión de Iran e outro conto igual que o foi o das armas de destrución masiva no Iraq de Saddam Hussein.

            Se por falla de liberdades, por amor á democracia e por salvaxismo fora xa habería tempo que os EUA terían invadido Arabia Saudí e o resto dos países do Golfo, ou adoitado medidas contra Corea do Norte, Rusia ou China. Pero, claro, os primeiros -países non democráticos- son ferreos aliados do imperialismo ianqui; e contra os segundos -que tampouco son democráticos, pero que si está claro que teñen a bomba nuclear ou medios para fabricala- non se atreven, non vaia a ser. Tampouco lle esixe a Israel ou a se mesmos que se desfagan do armamento nuclear; e iso está a ocorrer nun momento onde o uso dese armamento no conflito está nas mans de dúas persoas que, amais de ter demostrado o seu desequilibrio mental, teñen un afán persoal de mostrarse como "invencibles", con madeira de tiranos, dos cales o actual Presidente dos EUA ten aspiracións a ser emperador do mundo e rei absoluto do seu país (a min, coas súas ridiculeces e dourados lémbrame a aquel Idi Amin de Uganda, pero con máis poder). E iso sen ter en conta os seus desexos de ambos suxeitos de escapar das acusacións de presunción de abusos sexuais a menores un e de corrupción no exercicio do poder o outro.

Violación das leis internacionais 

            É claro que esta agresión armada a Iran emprendida por Israel e os EUA viola todas as leis internacionais, desde as convencións de xenebra ata o dereito internacional acordado nas distintas instancias que regulamentan as relacións e os conflitos entre os diferentes países do mundo. Incluso son violadas polos EUA aquelas normas estabelecidas por organismos que ata agora teñen estado fundamentalmente ao servizo dos seus intereses, como pode ser a Organización Mundial do Comercio (OMC) ou do Banco Mundial (BM).

              Pero iso xa non é novo; xa acontece no xenocidio  emprendido polo goberno nazi-sionista do Estado de Israel contra Palestina en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste co apoio incondicional dos EUA; igualmente coa invasión de Venezuela e secuestro do seu presidente, ou co asasinato extra-xudicial de presuntos narcos nas costas de Colombia, Venezuela ou en augas internacionais.

As reaccións políticas e militares ao bombardeo de Iran

             A agresión ao seu país provocou que a maquinaria de guerra e defensa de Iran puxérase en marcha e comezara unha choiva de mísiles sobre as bases militares ianquis establecidas nos distintos países do Golfo Pérsico, que servían a intendencia e os apoios á maquinaria de guerra orixe dos bombardeos, e sobre o Estado de Israel. Algunha destas mortíferas armas caeu preto ou afectando a unha base non americana, aínda que era usada polo US-Army, situada en Chipre.

            Pero o que máis noxo produce da maioría das chamadas "democracias occidentais" e da Unión Europea por boca da súa presidenta Ursula Von der Leyen, é que a meirande parte dos países europeos non condenaron a agresión ianqui-sionista contra Iran causante de centos de mortes de persoas civís que ningunha afinidade política coñecida tiñan co réxime dos aiatolás. Pero si que condenaron posteriormente os bombardeos contra as bases militares americanas situadas nos países do Golfo, o que da unha mostra da submisión que certos dirixentes políticos "occidentais" teñen cara ao presunto pederasta nazi e actual Presidente dos Estados Unidos de América Donald Trump.

            Amais do anteriormente exposto, Starmer e Macrón aceleraron a escalada armada dos seus países. O primeiro destinando máis tropas ás súas instalacións militares na zona de conflito coa escusa de protexer a Chipre; e o segundo impulsando o maior e perigoso rearmamento nuclear do seu exército e enviando buques de guerra coa mesma escusa de Starmer.

         O único presidente dun estado europeo que deu a nota discordante foi o Presidente do Estado Español Pedro Sánchez, que condenou por igual tanto os ataques ilegais e contrarios ao dereito internacional dos EUA e Israel contra Iran,  como os ataques deste último contra obxectivos situados en terceiros países, amais de prohibir o uso das bases militares conxuntas de Rota e Morón de la Frontera polas tropas ianquis. Isto valeu ao Estado unha reprimenda do fanfarrón Presidente dos EUA, con ameazas sobre a economía e reaccións propias dun neno mal caprichoso e mal criado (ou dunha persoa maior cunha demencia senil moi avanzada, o cal nada estraño sería). E posteriormente do Secretario ianqui que manexa a economía sae tentando de culpar ao Estado Español da morte de "americanos" (supoño que os militares, non os americanos que asasinan os paramilitares do ICE anti-migración no interior dos EUA) por un conflito que crearon eles. Como se nun atraco a un banco con asasinato dalgún refén os traballadores culpan do mesmo a ese refén ou a outro por non obedecer!! Pois neste caso, o mesmo. (A verdade é que estes imbéciles ianquis se pensan os amos do mundo e cando sae alguén a replicarlle non saben outra cousa que facer o ridículo ou dicir/facer barbaridades).

        Pero a reacción máis triste, calamitosa, penosa e propia dun vasalo sen personalidade foi a do chanceler alemán Friedrich Merz na súa entrevista con Trump na Casa Branca, onde diante das acusacións, ameazas e insultos do Presidente dos EUA cara ao Estado Español e ao seu presidente foi incapaz de plantarlle cara e poñelo á fresca, co cal ficou como o que é diante do mundo, dos seus compatriotas, dos políticos norteamericanos e  dos xornalistas presentes nesa entrevista. Máis humillado e con menos personalidade que o Zelensky na súa primeira visita á Casa Branca.

O papel da OTAN 

            Outro aspecto importante é a posición da OTAN diante do conflito. Sabemos que o vasalo holandés de Donald Trump que ostenta a Secretaría Xeral desa organización militar, á que por desgraza pertence o Estado Español, vai tentar de seguir todas as instrucións que desde a Casa Branca e da cúpula do US-Army lle transmitan. Polo de pronto xa insiste en que todos os países que forman parte desa organización de masacrar civís teñen que asumir un gasto armamentístico do 5% dos seus produtos interiores brutos (PIB). Neste contexto, isto é unha referencia ao Estado Español, que se nega a asumir tal gasto en favor das arcas do empresariado do armamento dos EUA e diminuír o xa de por si escaso orzamento en gasto social do Estado.

                Cabe a posibilidade de que, adrede ou accidentalmente, Iran agrida algún país da OTAN onde haxa bases dos EUA ou da OTAN, que ven a ser o mesmo. Mesmo que o faga alguén con falsa bandeira e se culpe ao Iran.  Onte xa o exército español interceptou e avisou aos ianquis dun mísil dirixido cara a algures, que foi derribado polas defensas do exército dos EUA e que foi caer desactivado en territorio de Turquía (membro da OTAN). Pola legalidade da organización armada todos os países membros, en caso de ser agredido un deles, deben implicarse no conflito en defensa do país agredido. Nun caso destes tamén o exército español tería que participar na defensa do país agredido. O cal, tendo en conta os métodos pouco fiables usados xa en multitude de veces, en multitude de países, polos Estados Unidos de América (ben usando o propio exército ou ben usando calquera dos seus servizos secretos CIA, DEA ou outros peores) sería máis que conveniente que o Estado Español se saíra desa organización militar e pechara as bases militares dos EUA no territorio español.

Consecuencias económicas do ataque a Iran 

       Previsiblemente, as consecuencias económicas do ataque de EUA e Israel a Iran van ser moi negativas para o conxunto da economía mundial; e iso se o conflito non se internacionaliza máis e se converte nunha guerra mundial con participación de Rusia e/ou China.

         A primeira reacción iraniana diante da agresión foi a de pechar ao tráfico o estreito de Ormuz, vía clave para o comercio entre oriente e occidente. E non só polo tráfico de petróleo e gas natural procedente de Iran, senón por todas as mercadoría que proceden de China, Xapón ou países do sur-leste asíatico. Se esta situación se mantén no tempo, vai ter como efecto un encarecemento de todas esas mercadorías derivado do maior custo do transporte, dun menor abastecemento e, tamén, un encarecemento (que xa se está a notar) no prezo dos combustibles; o que todo no seu conxunto vai provocar aínda un maior incremento dos prezos e a aparición de procesos inflacionistas. Sen esquecer a desaceleración dos mercados financeiros diante da situación de incerteza que a conxuntura internacional está a provocar nun espazo económico fundamentalmente especulador.

        A consecuencia social inmediata desta situación (se non se agrava aínda máis) vai ser a apertura dunha maior fenda social, onde os menos favorecidos economicamente van precarizar aínda máis a súa situación e onde, tamén, os máis poderosos economicamente vanse beneficiar da situación, contribuíndo a agrandar aínda máis esa fenda.

             Que consecuencias poden ter as ameazas de Donald Trump sobre a ruptura de relacións comerciais co Estado Español como represalia á posición mantida polo goberno español sobre o ataque a Iran e o non uso das bases? Como xa teñen dito distintas persoas dirixentes de países da Unión Europea e da mesma Comisión Europea os EUA non poden establecer medidas unilaterais sobre España posto que significaría rachar os acordos acadados entre a Unión e os EUA; e iso non sería posible, por tanto e por moito que Donald Trump e os seus lambecús o pretenderan.

            E iso téñeno claro os empresarios de Galicia. Nun primeiro momento, no inicio do conflito, e xa posta enriba da mesa a posición do goberno do Estado e as ameazas de Trump, os empresarios da provincia de Pontevedra (activistas pepeiros onde os haxa) amosaron a súa preocupación sobre o incremento dos prezos dos seus insumos e a posibilidade dunha inflación que puidera levar ao Banco Central Europeo (BCE) a subir os tipos de xuro. Mentres, a Cámara de Comercio de Estados Unidos en España (AmChamSpain) parece que se inclina por pedir diálogo entre estados para protexer os negocios bilaterais, o cal tampouco é posible dada a negociación conxunta dos estados da UE cos EUA.  Do que pensa a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) non teño lido nada agás o que ten dito unha das súas organizacións compoñentes citada máis arriba; en todo caso si hai indicios de que alguén anda a meter medo cos sectores da economía galega que teñen relacións comerciais importantes cos EUA, sectores que están protexidos polos acordos acadados entre a UE e os EUA e que, nun principio e agás (cousa pouco probable) de que o catavento ianqui troque o seu parecer, nada teñen que temer.

Aumento dos fluxos migratorios cara a outros países de Europa e Asia

            Como xa ten ocorrido coa guerra habida en Siria promovida polo sionismo e os EUA, a guerra con Iran xerará un gran número de desprazados que escapan da guerra cara a outros países; non só desde Iran, senón tamén desde o Líbano asolado polas agresións armadas sionistas. Como xa ten pasado coa poboación siria, serán Turquía, como destino provisional das persoas refuxiadas, e a Unión Europea como destino final de moitas delas os principais receptores desas correntes migratorias.

        En Europa atoparanse con políticas claramente xenófobas, practicadas en certos países como Italia ou Hungría, e apoiadas e xustificadas desde a Comisión Europea, polas forzas políticas da dereita europea e polas crecentes forzas fascistas presentes na Europa. Moitas desas persoas, que deberían ter carta de refuxiadas políticas, atoparanse co rexeitamento á súa presenza e serán internadas en verdadeiros campos de concentración situados en terceiros países por mor dos acordos establecidos entre os seus gobernos e gobernos nacionais de certos estados europeos.

  E o ámbito político?

             No ámbito político hai que distinguir tres posicións políticas fundamentais: a da dereita, a da socialdemocracia liberal e a da esquerda. Os primeiros, Partido Popular, Vox e resto da dereita e extrema dereita, respaldan totalmente a agresión ordenada por Trump e Netanyahu contra Iran e condenan a posición de neutralidade adoitada pola socialdemocracia liberal do PSOE e o goberno español que condenan a agresión tanto en canto se violou a lei internacional e piden que se volva ao diálogo para evitar unha escalada bélica.

        Hai que sinalar que os da "banderita-pulsera" patriotera de Vox seguen ao pe da letra o argumentario que Washington marca en cada momento, aderezado coa petición de dimisión de Pedro Sánchez, co cal parecen mesmamente os bufóns baratos do inquilino da Casa Branca aos que lles importa unha vaina a seguridade e as vidas dos soldados españois.

        O Partido Popular non sabe a que anda. Nin sequera coa bandeiriña patriótica de pulseira. Dentro da seu aliñamento coas posicións dos EUA, un día di unha cousa e outro día di outra distinta. Para xustificar a agresión di o insigne Núñez Feijóo que eles "non queren que se viole a legalidade internacional, pero que por riba dela están os dereitos humanos". Como se os dereitos humanos non formaran parte da legalidade internacional estipulada pola ONU! Pero é máis incrible aínda se consideramos que esas verbas proceden dunha persoa que se di licenciada en dereito! Esa posición compleméntase coa petición de que Pedro Sánchez convoque eleccións. A partir de aquí, e tendo os continuos e contraditorios comentarios e declaracións feitos por distintos membros dese partido, podemos deixar de tomalos en serio; iso si, cada vez máis se aproxima á disputa da cualificación de bufóns baratos da Casa Branca con Vox.

        Outras declaracións da extrema dereita foron as feitas pola Presidenta da Comunidade de Madrid. Coma sempre, declaracións histriónicas dedicadas a copar titulares e desviar a atención dos grandes problemas que a cidadanía madrileña ten coa sanidade pública, a educación, a atención aos maiores nas residencias e non sei cantas cousas máis, pero moitas, que non funcionan ou ranquean pola vontade do Partido Popular madrileño de afundir os servizos públicos. Titulares que farán festa de todo o espazo de lixo mediático que diariamente vangloria á líder fascista do Partido Popular madrileño e oculta os verdadeiros problemas que a cidadanía ten.

        A esquerda, estatal e nacionalista, aínda con diferenzas de matíz entre as distintas formacións, é unánime en condenar a agresión a Iran polo que supón de violación do dereito internacional e pide que se pare o conflito, se pechen as bases estadounidenses no territorio do Estado Español e a saída de España da OTAN. Todo elo con múltiples matices en cada caso.

         E así están as cousas neste intre de ir pechar o artigo. Unha novidade: un barco de guerra español parte cara á zona de conflito para sumarse a outro francés que vai para o mesmo lugar; en teoría para defender os intereses dos países europeos como Chipre.

            A ver que pasa; a ver se non entramos nunha espiral bélica. Se é así, co meu apoio que non conten.

______________________________ 
Nota final.- 
Este artigo revisado o sábado 7 de marzo de 2026. 

 

11 febreiro 2026

ENSINO GALIZA: UNHA FOLGA ÚTIL

 INFOGAUDA: UN ESPAZO DE INFORMACIÓN TRANSFRONTEIRIZA: ENSINO

         Hai xa máis de 10 anos que, por xubilación anticipada, deixei a miña actividade como ensinante. Daquela xa se empezaban a notar os síntomas do que hoxe xa é unha grave enfermidade do ensino público non universitario na Galiza: exceso de horas lectivas do profesorado, exceso do número de alumnado por aula, burocratización (daquela, sobre todo, na FP), trabas á atención ao alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) por falta de profesorado, falta de profesorado, tamén, noutras especialidades da docencia, exceso de materias afíns, falla dun mantemento estrutural axeitado nos centros educativos, orzamentos de miseria, trabas e obstáculos ao uso normal do galego nas aulas, supresión de aulas e unidades públicas que se traspasan aos negocios do ensino concertado... E, posiblemente, outros que deles xa nin me lembro e que, tamén posiblemente, poderían facer máis doados e produtivos tanto o labor como o aproveitamento docentes.

        Toda esta degradación acelerada planificada xa, sen dúbida, xa coa perspectiva de impulsar unha maior privatización do servizo público de ensinanzas; privatización acelerada que na actualidade vese con claridade, sobre todo, na Formación Profesional con esa mala e ineficiente imitación da formación en alternancia alemá que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia estableceu no noso país e co aumento dos concertos e axudas a centros privados concertados. Sen esquecernos da etapa de cero a tres anos da Educación Infantil, dependente da Consellería de Política Social, onde a privatización é máis que descarada.

         Teño que confesar que me sentía moi a gusto impartindo as materias da miña especialidade; que me congratulaba estar na compañía do meu alumnado (ás veces tamén fora das aulas) e de moitos e moitas das miñas colegas. Que era feliz preparando as miñas aulas na casa aínda que puidera levarme horas e horas acadar e preparar material complementario a sabendas de que non ía ser un esforzo baldío. 

        A miña xubilación non foi por ter chegado aos 65 anos, senón, e como xa sinalei nun principio, anticipada. E, á parte de motivos persoais de peso que me levaron a adoitar a decisión de xubilarme, quizais fora o exceso de burocratización que se miraba vir e a falta de dotacións materiais as que inclinaron a balanza cara á decisión de xubilarme. Mais, no fondo, aínda hoxe sigo a botar en falta a relación co alumnado.

        E vexo, polo que leo en distintos xornais, que os problemas que o ensino público ten na actualidade son os mesmos, pero moi aumentados, que os que tiña cando eu optei por me xubilar. (Cando digo nos xornais, loxicamente non me refiro a La Voz de Galicia, nin a La Región, tampouco a El Correo Gallego, Faro de Vigo ou El Progreso e outros que só sobreviven polas subvencións, subscricións e publicidade das consellerías da Xunta; xornais nos que tal parece que todos os servizos públicos da Galiza dependentes da Xunta de Galicia son unha balsa de aceite con ausencia case total de problemas graves dos que informar.)

        As persoas que sigan este blog, se é que as hai, decataranse de que é a primeira vez que escribo sobre o ensino e a súa situación. Mais desta vez, a participación crecente dos distintos sectores das comunidades educativas nas distintas mobilizacións do curso 2023-24, 2024-25 e as que se están a levar neste curso 2025-26, chamaron a miña atención (folgas, manifestacións en Compostela, peches sindicais na Consellería de Educación, distintas formas de mobilización locais, peches rotatorios en centros de ensino, etc.).

 Por un ensino público de calidade

         (Mira ti! Saíume un título de apartado que parece situarme nas mobilizacións habidas cando estaba en activo, en especial as do ano 1998 na educación non universitaria galega, coas que as actuais mobilizacións teñen algunhas semellanzas, tanto na participación docente como nas actuacións sindicais feitas ás costas do profesorado por algunhas organizacións).

        As actuais mobilizacións, iniciadas xa en cursos anteriores, teñen como leiv motiv a mellora das condicións da profesión docente e de distintos aspectos dos procesos e dotacións educativas (que non vou enumerar para non alongarme en demasía e que poden coñecerse e relembrarse nas hemerotecas dos diferentes sindicatos, na prensa galega publicada en papel e nos medios dixitais galegos, agás os mencionados directamente máis arriba).

        Pero as arelas de mellora da calidade do ensino e de mellora das condicións de traballo do profesorado galego víronse frustradas polo denominado Acordo da Vergoña, asinado polos sindicatos ANPE, CC.OO. e UGT coa Consellería de Educación  ás costas do profesorado; acordo que non recollía ningunha das principais reivindicacións dos corpos docentes da Educación Infantil e Primaria e da Educación Secundaria, simplificando: recuperar os dereitos laborais anteriores ao ano 2007, redución do alumnado por aula, reforzar a atención ao alumnado NEE, etc.  Isto provocou un rexeitamento maioritario no profesorado, que nos seguintes tempos e até hoxe secundou as accións de protesta e reivindicativas convocadas pola CIG-Ensino e STEG. Hai que sinalar que estas mobilizacións do profesorado foron secundadas por multitude de ANPAS, federacións de ANPAS e sindicatos de estudantes.

        Un acordo asinado pola Consellería de Román Rodríguez con sindicatos que entre todos eles só representan ao 47,3%, segundo datos recollidos das últimas eleccións sindicais, do profesorado non universitario de Galiza, e que foi rexeitado pola maioría sindical que representa ao profesorado do ensino público non universitario. 

        A todo isto, hai que lembrar que ese Acordo da Vergoña foi unha manobra impulsada pola Consellería de Educación, utilizando como comparsas aos asinantes, para tentar parar as crecentes mobilizacións non porque a Consellería fora a cumprir o que asinou. Iso ficou patente na impotencia amosada polos asinantes do mesmo diante dese incumprimento que nada achegaría á resolución dos problemas do ensino e do profesorado. Porque de cumprir as tristes condicións do mesmo... nin flores (como era de esperar desa maquinaria de propaganda baleira de realidade que é a Consellería de Educación, dito de paso).

        Outra cousa a lembrar é que, xa no pasado non foron nin unha, nin dous, nin tres, as ocasións nas que estes mesmos sindicatos teñen asinado coas administracións educativas (centrais ou autonómicas) acordos que supuxeron puñaladas trapeiras ao profesorado, e que en numerosas ocasións provocaron unha desmoralización e unha desmobilización do mesmo.

A reacción da Consellería diante do mantemento e gran participación nas mobilizacións.

        Diante das masivas mobilizacións do profesorado e coa clara intención de parar a mobilización docente (parece que agora os pais, nais e alumnado á Consellería impórtanlle un pemento), o peor conselleiro de Educación que tivo este país desde 1996 ata hoxe, moi "esperto" el, tivo unha "excelente" idea: convocar aos asinantes do Acordo da Vergoña para facerlle novas propostas.

        Cales foron esas propostas? Pois nin máis nin menos que a de volver ás 18 horas lectivas no ensino secundario. E o demais? E no resto dos niveis educativos non universitarios? E os rateos nas aulas? A dotación de máis profesorado especialista para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais? E o aumento dos cadros do profesorado? E así poderiamos seguir ata encher dúas páxinas, ou máis, completas dun xornal editado en formato tabloide. Volvera a Consellería de Educación a incumprir ese novo acordo adoitado con organizacións que se deixan tomar o cabelo e non teñen o respaldo do profesorado?

        O realmente triste é que eses sindicatos reafirmen a súa complicidade e confianza con un órgano, a Consellería de Educación, que normalmente se resiste a cumprir os acordos e que xa os ten enganado; é triste, tamén, que se presten a ser cómplices da maquinaria de propaganda do Partido Popular, contribuíndo a espallar o fume que desde esa consellería xeran o conselleiro Román Rodríguez e os seus cargos de confianza.

        Igualmente triste é que algunha das representantes dos vergoñentos sindicatos asinantes sinale na rolda de prensa posterior á firma algo así como que "os que non asinaron non van poder participar no seguemento do acordo". Acaso non saben, a mencionada persoa e os restantes asinantes, que as condicións de traballo dos docentes teñen que ser negociadas nas mesas sectoriais? Porque iso é o que di a Lei de Representación Sindical dos empregados públicos. Ou acaso pretenden, de novo, desprezar á unha maioría do profesorado que non está representada por eles?

        Pero os depositarios da vergoña docente medraron desta volta; a eles xuntouse o CSIF, que durante un tempo apoiou as mobilizacións contra o vergoñento acordo. Pero iso é o que teñen os sindicatos corporativistas; e o CSIF o é.

        Outro dos elementos da propaganda baleira creada por Román Rodríguez é o da oferta pública de emprego para o ano en curso, destacando a creación de prazas nas especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Máis fume, máis mentiras e máis propaganda da Consellería espallada aos catro ventos polos xornais máis arriba mencionados. Non espallan eses xornais as contas feitas polo sindicato maioritario do ensino público non universitario da Galiza, a CIG-Ensino,  onde con datos e cifras ponse en evidencia que a convocatoria de oposicións apenas cubre as vacantes que por mobilidade, xubilación ou defunción se producen no ensino público da Galiza.

        En fin, todos a unha: Partido Popular e asinantes do Acordo da Vergoña, ver 1.0 e 2.0.

Polo ben do ensino público e do país 

        Polo ben do ensino público, polo ben das clases populares máis desfavorecidas economicamente, polo ben do ensino rural, polo ben do futuro do país, espero que as mobilizacións do profesorado non se deteñan, que forcen á Consellería de Educación a negociar e chegar a acordos coas forzas sindicais que representan á meirande parte do profesorado non universitario.

27 xaneiro 2026

O TREN QUE ME LEVA


 

Nos últimos tempos imos tendo frecuentes novas que nos indican incidentes de diferente natureza nas liñas ferroviarias que teñen coma consecuencia paralización de liñas, cancelacións de servizos ferroviarios e outro tipo de incidencias que afectan á circulación de trens. Os motivos... variados: desde problemas nas catenarias ou nas propias vías causados por roubos de cableado ou eivas da infraestrutura ata paralizacións debidas a derrubamentos de árbores ou taludes sobre as vías.


Accidentes graves
O máis grave sucedeu hai uns días en Aldamuz (Córdoba), accidente de cuxos detalles puidemos estar informados polos especiais informativos de radio e TV. As consecuencias do citado accidente, aparte das materiais, foron 45 persoas falecidas e 123 feridas. Un dos máis graves accidentes ferroviarios da historia de ferrocarril no Estado Español, xunto coa fatídica traxedia ocorrida aquel 24 de xullo de 2013 cun tren Álvia en Angrois (Santiago de Compostela) na que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

No accidente de Aldamuz, polo que se pode deducir das continuas achegas de información dos organismos de investigación das causas do accidente, a orixe pode estar (case seguro din esta tarde) nun defecto da infraestrutura viaria, unha mala soldadura que foi deteriorándose co paso dos trens. As causas do accidente do Álvia en Angrois seguen a estar en parte moi dubidosas; por unha parte parece demostrado que o maquinista pasou de limitar a velocidade estabelecida no tramo, mais por outra, parece que tampouco a infraestrutura estaba dotada cos máis elementais sistemas de seguridade adaptados ás características do tramo no que se produciu o accidente. E isto, a día de hoxe, despois da sentencia da Audiencia Provincial librando de toda responsabilidade a ADIF vai seguir xudicializado en Europa, ao non estar os familiares das vítimas de que esa sentencia non estivera condicionada por conveniencias políticas (estaba gobernando a dereita cando sucedeu o accidente).

Mentres no recente accidente de Aldamuz a información sobre a marcha das investigacións flúe publicamente a medida que se van producindo avances, no caso de Angrois o escurantismo por parte do Ministerio de Fomento xestionado pola ministra Ana Pastor sendo presidente Mariano Rajoy foi continuado, chegándose incluso a insultar e desprezar ás familias das vítimas.

Outro accidente, ocorrido nas Rodalies de Catalunya por mor do derrumbe sobre a vía dun muro de contención que se desprendeu ao paso do tren “por causa das condición meteorolóxicas” e que puxo fin á vida do maquinista en prácticas que o conducía.

Como chegamos a isto?
Para chegar a isto recorreuse un longo camiño. Un camiño no que unha entidade pública con vocación de prestar un servizo público de transporte de viaxeiros e mercadorías por ferrocarril pasou a converterse nunha empresa pública onde a prioridade dos servizos á comunidade e as políticas de calidade pasaron a un segundo plano para priorizar o beneficio económico privatizando servizos, derivando funcións cara a empresas privadas e actuando non con criterios de rendibilidade social senón de rendibilidade económica.

Cando penso nestes feitos sempre acode a min a lembranza do filme de Ken Loach que leva por título “A cuadrilla”, que nos relata como se foi deteriorando o ferrocarril británico, tanto nos aspectos laborais como técnicos, como consecuencia da privatización dos servizos e do mantemento do ferrocarril británico realizado polo goberno ultraliberal de Margaret Thatcher.

Aquí, no Estado Español, todo empeza co goberno de José María Aznar (Partido Popular) e a súa teima en privatizar ou compartir empresas públicas e todo aquilo de propiedade pública que puidera ser rendible coas grandes empresas privadas, aínda que fora a costa do seu persoal e da calidade das prestacións que tiñan. A Renfe, non se librou deste destino.

A división de Renfe 
Corría o ano 2003, sendo presidente do goberno do Estado José María Aznar (Partido Popular) e Ministro de Fomento Rafael Arias Salgado, promulgouse a Lei do Sector Ferroviario, unha lei cuxo contido era atribuído por Aznar e o seu ministro (medias verdades) ás esixencias da Unión Europea de liberalizar o transporte ferroviario, posibilitando a entrada doutras compañías diferentes de Renfe para a prestación dos servizos de transporte. Significar que o maior partido da oposición daquela, o PSOE, non presentou obxeccións á citada lei.

A Lei do Sector Ferroviario, prevía a división de Renfe en dúas compañías diferentes: Renfe Operadora, encargada de operar os trens e os servizos ferroviarios, e ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) compañía encargada de crear e manter as infraestruturas ferroviarias. Foi posta en práctica no ano 2005, sendo presidente do goberno estatal Rodríguez Zapatero e ministra de Fomento Magdalena Álvarez.

Lembro que cando o Partido Popular promulgou a citada lei se notaba un certo malestar e medo nos círculos sindicais. Dicía un coñecido meu, traballador do ferrocarril e cadro dun sindicato que operaba en Renfe, que esa lei de Aznar tiña detrás o claro intento de privatizar o sector ferroviario, tanto na circulación de trens como no mantemento e creación das infraestruturas ferroviarias (1); e que iso suporía supeditar a calidade do servizo e a seguridade das infraestruturas a criterios de rendibilidade, cousa que posteriormente, desde o Ministerio de Fomento encargouse de confirmar Magdalena Álvarez (2).

Contaba o coñecido citado que as brigadas de obras e vías, que se ocupaban do mantemento das infraestruturas ferroviarias, antes do cambio da orientación de servizo polo de rendibilidade, (se mal non me lembro) estaban destinadas en certas bases e tiñan por obxectivo o mantemento global das infraestruturas dos tramos que a esas bases se lle asignaban. Eran esas brigadas as encargadas de examinar os raís, as travesas, os asentamentos das vías, os taludes polos que pasaban as vías, a vexetación que puidera obstaculizar a boa circulación dos trens, as posibilidades de derrubamentos sobre as vías, etc. É dicir, ter unha visión global do estado das infraestruturas e facer as intervencións necesarias. O que elas podían arranxar cos medios cos que estaban dotados, o arranxaban; se a cousa era máis grave Renfe tiña que acudir a unha empresa externa para reparar os danos localizados polas brigadas de obras. Eran brigadas de mantemento integral; non contrataban unha empresa para examinar os valados, outra para as pontes, outra para un tipo de herbas, outra para os árbores, unha dos parafusos... e outras para calquera outra cousa; onde cada unha só miraba para o que lle tocaba, sen pararse a ver o estado xeral.

A continuación do proceso de división ferroviaria
No ano 2013, gobernando o Estado o Partido Popular e presidido por M. Rajoy, e sendo ministra de Fomento a médica Ana Pastor, decide volver a dividir a sociedade Renfe; nesta ocasión en catro empresas: Renfe Viaxeiros, Renfe Mercadorías, Renfe Fabricación e Mantemento (do material rodante) e Renfe Alugueiro de Material Ferroviario. Catro novos chiringuitos (unha das máis notorias afeccións do Partido Popular) onde colocar aos “amiguetes” e cunha clara vocación de priorizar a rendibilidade sobre o servizo á cidadanía.

Este proceso de división seguiu no ano 2014, co mesmo goberno e Ministra de Fomento; esta vez tocoulle a ADIF, que foi dividido en dúas sociedades: ADIF, dedicado á construción, explotación e mantemento das liñas do ferrocarril convencional; e ADIF Alta Velocidade, dedicada á construción, mantemento e explotación das liñas de alta velocidade.

Seguen os problemas
Todo este proceso de división das tarefas ferroviarias, de creación dunha sociedade para cada cousa, de non considerar ao ferrocarril coma un todo global onde as infraestruturas sen tren non teñen senso, sen unha consideración global das necesidades de modernización dos vehículos e das infraestruturas, así como a supeditación da calidade do servizo ao lucro económico e a privatización dos servizos e tarefas de mantemento que antes se desenvolvían desde a propia compañía ferroviaria tiveron efectos moi negativos sobre o noso tren. Incluso a dirección de obras (non a realización) que antes da súa división se levaban a cabo desde Renfe global se deixaron ao coidado de empresas privadas.

As consecuencias
Respecto ao servizo de viaxeiros e mercadorías: Diminución de liñas de proximidade, supresión de estacións e de paradas dos diferentes trens, diminución de bases de recollida e entrega de mercadorías (o que obriga ás empresas e particulares usuarios do servizo a utilizar servizos máis caros e contaminantes), diminución de liñas de media e longa distancia, trens de viaxeiros cada vez máis deteriorados e sucios cunha máis que evidente falta de mantemento dos coches (espero que non das mecánicas, mais o dubido), redución dos cadros de persoal de todo tipo (xefaturas de estación, despacho de billetes, revisores e maquinistas ao reducir liñas, etc.). O descoido das liñas de tren convencional (que xa existía e era é case endémico) acelerouse desde a privatización dos servizos ferroviarios e só temos noticia de problemas nas liñas de longa distancia cando a cousa é moi grave e hai protestas potentes das persoas afectadas (parece como se aos xornais convencionais non só lles interesaran os problemas das liñas de alta velocidade). Por suposto, aos convencionais de media distancia nin ver para eles por moitos problemas que presenten (agás en períodos electorais onde estea un goberno liberal-demócrata onde son usados pola tropa mediática da dereita para influír nos resultados electorais).

En relación ás infraestruturas as crónicas nos falan desde un longo tempo a esta parte de fallos nas catenarias (non temos en conta os roubos) e outro tipo de avarías e problemas presentados nas liñas de alta velocidade, que é o único no que parecen fixarse. Nada estraño se temos en conta que a construción de moitas das liñas de AVE, adxudicadas a grandes empresas do sector de obra pública (as de sempre), foron finalmente realizadas por subcontratas da subcontrata que subcontratou con outra subcontrata... e así sucesivamente, o que significa que para cada subcontrata, para manter o beneficio da empresa, a calidade de materiais e coidados de construción e rematados. Tampouco esquecemos o número de obreiros mortos nesas obras debido ás políticas de aforro en medidas de seguridade laboral amosado por eses empresarios voitres sen escrúpulos que poñía en perigo constante a vida dos traballadores para garantir un mínimo de rendibilidade. Outra das consecuencias de supeditar a seguridade á rendibilidade na construción de novas liñas de AVE foi o aforro en medidas de seguridade nas infraestruturas que puideran garantir a seguridade dos pasaxeiros e dos traballadores dos trens; como exemplo disto último temos a falla de instalación do sistema RTMS que de estar en funcionamento impediría o grave sinistro do Alvia na curva da Grandeira en Angrois ao provocar o freado automático do tren; pero claro, isto suporía un alto número de incidentes da alta velocidade nese punto; e iso non era conveniente para a propaganda.

Rematando
Non hai tanto tempo que se decidiu subdividir o que antes era a Renfe "global" que se ocupaba de todo; de feito non hai tanto que se deu impulso á construción e posta en funcionamento de liñas de AVE. Cada quen que saque as súas propias conclusións, pero o inicio da posta en marcha da primeira liña de AVE foi en 1992, e as demais a partires do ano 2008; estamos no ano 2026 e non pasaron tantos anos. Eu coido que a relación “incidentes”/tempo é demasiado alta e, deixando de lado a cualidade e limpeza dos trens, podemos concluír que hai unha evidente falta de calidade no mantemento de infraestruturas e dos trens, que segue a primar o beneficio sobre a seguridade do ferrocarril.

As investigacións dos últimos accidentes, que parece que desta vez si hai unha certa transparencia na información facilitada por expertos e goberno, dirán o que pasa.

Outra cousa que teño clara é que non se pode supeditar o servizo público e a seguridade do pasaxe e das mercadorías a criterios de rendibilidade, polo cal teño claro que as culpables de moitos destes graves accidentes acontecidos nas vías férreas do Estado Español son produto da posta en marcha das políticas de liberalización defendidas e aplicadas polas forzas políticas de dereitas (sexan peperas, sexan voxeras; tanto monta monta tanto) ou daquelas forzas políticas que presentándose como de esquerda socialdemócrata adoitan políticas de corte ultraliberal.

__________________________________
NOTAS.-

(1) Teñamos en conta que a privatización de servizos e empresas públicas empezou xa baixo a presidencia do goberno de Felipe González (PSOE) aínda que fora posteriormente, cos gobernos de Aznar, cando se acelerara a privatización de todo o público que podía contribuír a proporcionar beneficios ao Estado e a manter a calidade dos servizos públicos, incluíndo aquelas empresas que podería servir para evitar abusos do sector privado sobre a poboación.

(2) Nese ano o PSOE, a pesares de manter na súa denominación as verbas “socialista” e “obrero” xa deixara de ter como obxectivo estratéxico o cambio social para pasar a defender o liberalismo como sistema; e así o proban as sucesivas titularidades nos ministerios económicos e sociais “pesoeros” desde o segundo goberno de Felipe González ata hoxe.

21 novembro 2025

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

 

        Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I, rei da España por decisión de Franco) cando os criminais franquistas que daquela gobernaban o Estado Español deixaron ao pobo saharauí abandonado á súa sorte nas mans doutro sátrapa e ditador, o naquel intre rei de Marrocos Hasan II.

        Estaba eu, aos meus 20 anos, realizando estudos universitarios en Santiago de Compostela, onde a atención maior e a preocupación da cidadanía (tanto da fascista como da demócrata, e por motivos contrapostos) estaba centrada na enfermidade do criminal Franco, que pouco despois, o 20 de novembro, faleceu cheo de tubaxe e, probablemente, de todo tipo de conservantes e colorantes destinados a mantelo co corazón latente mentres os que mandaban e os seus servos franquistas do goberno de Arias Navarro, baixo o mando do ditador en funcións, decidían o “que” e o “como” facer.

        A situación descrita máis arriba non significou que o pobo demócrata do Estado Español se desentendera da traizón do franquismo, liderado por Juan Carlos de Borbón, ao pobo saharauí. Sobre todo, a esquerda democrática condenou e fixo campaña (dentro das posibilidades reais que a represión franquista o permitía) contra o abandono do pobo saharauí, en favor da independencia do Sahara e do recoñecemento da Fronte Polisario  como único representante do seu pobo.

        Onte fixo, tamén, 50 anos da morte do criminal Franco (que non da chegada das liberdades democráticas ao Estado Español). Curiosamente onte tamén coñecemos unha sentencia inxusta, que cheira a franquismo por todas partes, emitida por un Tribunal Supremo español, inzado de maxistrados de ideoloxía dereitista e fascista, contra o Sr. García Ortíz, fiscal xeral do Estado, por dar luz onde outros ansiaban unha total escuridade coa finalidade de protexer os seus privilexios e os seus chanchullos. País! (que diría o grande Forges).

A Marcha Verde

        Nesa tesitura política, segundo amosan os papeis desclasificados polas instancias dos Estados Unidos de América (EUA), a Axencia Central de Intelixencia (CIA) foi preparando conxuntamente co goberno do sátrapa Hassan II, daquela rei de Marrocos, unha comitiva numerosa composta por lumpen, labregos obrigados a participar, voluntarios pensando en facerse ricos coas terras saharauís en base ás promesas dos sicarios do rei sátrapa e, posiblemente, presidiarios aos que se lles prometeu a liberdade pola súa participación. Esa comitiva recibiu por estes pagos o nome de Marcha Verde, que escoltada por militares marroquís invadiu o Sahara, diante da perplexidade dos militares coloniais españois asentados no territorio do Sahara que recibiran ordes de non enfrontarse e non disparar contra esa masa de xente (non eran “rojos” perigosos con cornos, rabo e pezoñas de cabra, senón súbditos do amigo de Juan Carlos e de Franco). A medida que a citada comitiva ía penetrando en terras do Sahara, unha colonia española en África pendente de que o Estado colonizador cumprira as resolucións da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre a forma que ese proceso debería levarse a bo termo, que era precisamente o que Marrocos e os EUA (e tamén Francia) pretendían evitar, a sabendas de que o pobo saharauí ía pronunciarse en referendo pola súa independencia e pola súa soberanía como país, evitando caer nas mans do sátrapa Hassan II ou de permanecer baixo soberanía da ditadura franquista.

        Tanto o monarca marroquí como o gobernos dos EUA e de Francia non querían deixar que foran os propios saharauís quen gobernaran e determinaran o que facer coas súas inmensas riquezas naturais: gas natural, fosfatos, pesca, ouro, petróleo, etc. De aí o seu interese por forzar ao Estado Español a incumprir as resolucións da ONU e a entregar a Marrocos o que era do pobo saharauí. Para elo buscaron un momento no que o réxime franquista estaba moi feble e desconcertado, co seu piar básico tirado nunha cama, podre e cheo de tubos por todas partes, e sen saber por onde tirar diante dunha crecente mobilización popular demandando liberdades democráticas.

Os Acordos Tripartitos de Madrid.

        Finalmente, a CIA, Hassan II, os EUA e Francia saíronse coa súa e o 14 de novembro de 1975 asináronse en Madrid, baixo a ditadura de Juan Carlos de Borbón, os denominados Acordos Tripartitos de Madrid entre España, Marrocos e Mauritania, en virtude dos cales a potencia colonizadora (España)  deixaba a administración do territorio nas mans dos gobernos marroquís e mauritanos, que posteriormente repartíronse o territorio cal piratas repartíndose o botin.

        Anos máis tarde, baixo a presión da loita armada do goberno saharauí no exilio exercida ao través da Fronte Polisario (FPolisario), o goberno de Mauritania renunciou á parte do botín acordado con Marrocos. E este último país mantivo unha permanente guerra armada contra a FPolisario, obrigando ás súas tropas a repregarse e a construír un muro e sementar parte do deserto con minas antipersoas (prohibidas polas leis internacionais, pero facilitadas polos EUA) para conter os ataques do exército saharauí.

        Esta invasión do Sahara por Marrocos, coa pasividade (ou aquiescencia) do Estado Español franquista, significou o exilio forzoso de milleiros de persoas saharauís cara a campos de refuxiados situados no deserto alxeriano e a ocupación de bens e vivendas dos habitantes do Sahara por parte das forzas (militares e civís) invasoras. Igualmente, aos saharauís residentes na colonia española (españois de nacionalidade segundo aquela cantarela franquista de “las provincias españolas de El Sahara y Río de Oro, Ceuta y Melilla”), con DNI español, fóronlle negadas a nacionalidade e a posibilidade de renovación do seu carné de identidade; e foron considerados pola potencia colonialista como marroquís, agás casos illados residentes na península. Outra mostra máis do abandono e deixación de responsabilidades da que aínda hoxe segue a ser considerada pola ONU coma potencia colonizadora.

        No ano 1976, no mes de febreiro, sendo Presidente do Goberno español Arias Navarro, Ministro de Gobernación Fraga Iribarne e rei-ditador Juan Carlos I de Borbón, o exército español recibiu ordes de abandonar o Sahara, deixando ao pobo saharauí nas mans e a mercede do rei sátrapa marroquí, que se veu coas mans libres para manter unha forte campaña represiva contra a totalidade da poboación saharauí, sobre todo daquela que se negaba a pertencer a Marrocos. A súa intención era encher o Sahara de persoas de nacionalidade marroquí, diminuír a poboación autóctona ata que esta ficara en minoría e proceder a realizar un referendo amañado de antemán. Loxicamente, o FPolisario reclamou diante da ONU que o referendo debería ser realizado cos censos existentes no momento da cesión da administración do Sahara a Marrocos e Mauritania por parte do goberno franquista de España, cousa á que as Nacións Unidas non puideron negarse.

        Evidentemente, hoxe moita da poboación censada daquela no Sahara xa non está entre nós; e os territorios saharauís están poboados por xentes procedentes de Marrocos e os seus descendentes. E a pesares de que a resistencia interior saharauí segue existindo e maniféstase frecuentemente nas cidades do Sahara estando sometidos a unha cruel represión (pese a que aquí a maioría dos mass media -pro e anti gobernamentais- nin o goberno español non o dean a coñecer).

Un novo revés para o pobo saharauí.

        Houbo un tempo no que o Fronte Polisario fixo unha tregua na súa loita armada contra Marrocos; foi o tempo no que puxo as súas esperanzas en que a potencia colonizadora, despois da vitoria electoral de Felipe González e o seu PSOE no ano 1982, pensando en que todas as promesas feitas por estes nos sucesivos anos desde 1975, ían ser cumpridas. Craso erro; parafraseando ao gran Javier Crahe:  “o gran xefe encantador de serpes non estaba disposto a fumar a pipa da paz”. Hassan II e o seu sucesor Mohamed VI aproveitaron a ocasión e a tregua para consolidar as súas posicións internacionais a cambio de cesións.

        Pero non foi este o único revés. Desde 1975 ata hoxe os desplantes e traizóns efectuados polos distintos gobernos españois ao pobo saharauí foron continuados; en todos eles a escusa principal foi a do “control da inmigración ilegal” desde Ceuta ou Melilla (lembrar que só unha mínima parte das persoas sen papeis que entran no Estado Español non acceden ilegalmente ao territorio hispano). Gobernara o dereitista Partido Popular ou o liberal-demócrata PSOE.

        Pero a maior traición veu dada polo goberno de Pedro Sánchez no ano 2022, iniciada coa súa carta a Mohamed VI, e seguida despois polo apoio decidido, expresado polo Ministro Albares, ás posicións de Marrocos para converter ao Sahara nunha provincia marroquí. Pero claro, do PSOE como partido de ideoloxía liberal-demócrata, defensor a morte do sistema económico capitalista liberal e como adulador dos EUA (incluso con Trump coma presidente) non se pode esperar outra cousa por moito que nas súas siglas sigan a aparecer as verbas “socialista” e “obreiro”.

___________________________________ 

Nota final.- Para un magnífico resume da evolución da venda do pobo saharauí por parte do Estado Español a Marrocos, desde a Marcha Verde ata o 31 de outubro de 2020, podes consultar aseguinte ligazón da publicación "No te olvides del Sahara Occidental.org" : 

https://noteolvidesdelsaharaoccidental.org/%E2%AD%95-efemerides-45-anos-de-una-ocupacion-la-marcha-verde-que-ocurrio-exactamente-en-el-sahara-occidental/


29 setembro 2025

É necesario outro Núremberg

                                                        (Proceso de Núremberg retocado)

 Dende finais de novembro de 1945 e até 1949, na cidade de Núremberg (Alemaña) celebráronse toda unha xeira de xuízos destinados a xulgar a todas as bestas de aspecto humano implicadas nos crimes contra a humanidade cometidos baixo o réxime de Adolf Hitler; crimes dos que foron vítimas persoas de relixión xudaica e os seus descendentes, persoas da etnia xitana, persoas con ideas comunistas ou de esquerda e, en xeral, todas aquelas persoas sospeitosas de non ser partidarias do réxime ditatorial nacional-socialista. Un réxime político corrupto (como todas as ditaduras) imposto polo anteriormente mencionado criminal e sustentado en grandes aparatos de terror, represión, delación e control da cidadanía. Todo elo coa finalidade de servir aos intereses económicos dos grandes empresarios alemáns da época e colaboradores activos do réxime nazi, entre elas: grupo industrial Krupp, Siemens, Bayer, Basf, Bosch, Volkswagem, BMW, etc. Esta xeira de xuízos foron coñecidos como os Procesos ou os Xuízos de Núremberg.

Quen foi xulgado en Núremberg?

Foron xulgados e condenados os grandes dirixentes civís, militares e empresariais do réxime nazi de nacionalidade alemá; e tamén foron xulgados todos os compoñentes (non só oficiais) capturados das brigadas da morte das SS. Pero tamén as persoas de distinta nacionalidade da alemá considerados colaboradores do réxime hitleriano no seu labor de xenocidio de todos os diferentes e opositores ao réxime nazi.

Por desgraza, moitas destas persoas implicadas no holocausto xudeu e no xenocidio realizado por Hitler e os seus colaboradores conseguiron fugarse (moitos deles co apoio do réxime fascista de Franco) a países de África e América (Estados Unidos de América-EUA, Arxentina e Chile, principalmente). Algúns deles foron capturados e xulgados posteriormente en tribunais de Europa e de Israel polos crimes cometidos; outros, fundamentalmente científicos, pese a que as autoridades coñecían a súa implicación activa ou colaboración co réxime nazi de Hitler, foron “branqueados” e adoitados polos EUA, fundamentalmente, para os seus equipos de investigación en armamento químico e nuclear (o que nos mostra a orientación agresora e imperialista emprendida polas administracións dos EUA despois da IIª Guera Mundial e da presidencia de Harry Truman, o que ordenou botar as bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki cando xa era sabido que Hitler ía ser derrotado, que Xapón rendíase e que, por tanto, a IIª Guerra Mundial podía darse por rematada).

A importancia dos Procesos de Núremberg

Un dos acordos aos que chegaron os países aliados (Inglaterra, Terceira República Francesa, EUA, Segunda República Polaca, URSS de Stalin e China de Mao) foi o de realizar en Núremberg os xuízos contra as persoas implicadas nos crimes do nazismo. Este proceso tivo unha grande importancia, pois baseados nas doutrinas neles asentadas foron adoitados posteriormente grandes acordos lexislativos internacionais: a Convención contra o Xenocidio de 1948, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, as Convencións de Xenebra de 1949 e os seus protocolos en 1977.

Xenocidio

Segundo define a Convención para a prevención e a sanción do delito de xenocidio, recollida no Estatuto do Tribunal Penal Internacional (TPI), o xenocidio é a destrución metódica dun grupo nacional, étnico, racial, político ou relixioso e que consiste na comisión, por funcionarios do Estado ou particulares, de actos coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixiosos. Estes actos comprenden a morte ou lesión graves á integridade física ou moral dos membros do grupo, o exterminio, a adopción de medidas destinadas a impedir os nacementos no grupo ou o traslado de nenos.

É máis que evidente, e así o afirman especialistas en dereitos humanos da ONU e outros especialistas no estudo dos xenocidios, que o que está a cometer o Estado de Israel coa poboación palestina da Faixa de Gaza é un xenocidio, que se axusta totalmente á definición de xenocidio estipulada polo TPI. Pero non só o que acontece na Faixa de Gaza, senón que tamén o que o goberno e o exército nazi de Israel está a perpetrar, xunto cos colonos fascistas israelís, na Cisxordania, así como as accións contra as persoas palestinas e árabes no Xerusalén Leste, apuntan a un intento de aniquilar ao pobo palestino. É evidente o ánimo que o goberno nazi de Netanyahu ten de exterminar ao pobo de Palestina, sobre todo o que reside en Gaza, incluso utilizando a fame negra como arma mortífera contra a poboación, fundamentalmente contra as crianzas e as persoas anciáns.

Pero, por desgraza para o mundo, Netanyahu e os seus nazis militares ou civís nunca estiveron sos. E non so falo da indiferenza amosada pola maioría dos países europeos, ou do apoio moral que desde o minuto un amosou a Presidenta da Comisión Europea pola causa sionista, aos criminais sionistas que gobernan Israel, foto de alegría incluída; nin tampouco da indiferenza dos países árabes aos que non se lle escoitou nin un só berro en contra do xenocidio (exceptuando á emisora Al Jazira que informou puntualmente do que estaba a suceder no interior da Faixa de Gaza). Como tampouco de que a China ou a Rusia non se lle escoitou (ou polo menos, se o fixeron, aquí os medios non o recolleron) unha palabra de apoio ao pobo de Palestina e unha condena ao sionismo israelí. Falo de que non podemos falar do xenocidio contra o pobo palestino sen denunciar a colaboración activa prestada polos EUA e os seus presidentes, sen cuxos armamentos e bombas subministrados ao exército nazi-sionista de Israel non sería posible que o xenocidio proposto alcanzara a dimensión que acadou. Por iso, debemos dicir que Joe Biden e Donald Trump, pola súa colaboración, tamén son culpables do xenocidio cometido contra o pobo de Palestina.

É necesario un novo Núremberg

É preciso un novo proceso xudicial internacional como o de Núremberg; e nel deben estar sentados no banco dos acusados Netanyahu, todos os membros do goberno de Israel, os altos mandos do seu exército e os oficiais de menor gradación, suboficiais e soldados que mostraran un comportamento similar aos amosados polas brigadas da morte das SS hitlerianas (por exemplo, os que francotiradores que se divertían disparando contra as crianzas ou a poboación civil, ou os que –en colaboración cos mercenarios da suposta ONG estadounidense- disparaban contra as colas da fame que se formaban en busca de alimentos para crianzas e civís). Netanyahu e un dos seus ministros xa teñen sobre a súa cabeza unha orde de detención internacional emitida polo TPI por crimes de guerra; agora faltan o resto dos criminais.

E, por suposto, neste proceso tamén deberían estar sentados no banco dos acusados os Joe Biden e Donald Trump, coñecedores do que acontecía na Faixa de Gaza e sen cuxo beneplácito Israel non podería contar coas armas coa que estaba a cometer delito de xenocidio.

Que iso dun novo Núremberg é un imposible? Posiblemente. Pero a vida da moitas voltas; e os países europeos deberían deixar de considerar aos EUA como un aliado. E máis agora que está presidido por un suxeito nazi, ególatra, racista e negacionista do cambio climático; que está violando todo canto dereito se establece na Convención dos Dereitos Humanos, sobre todo no referente aos seus comportamentos coas persoas migrantes e ao seu gatillo fácil, que o leva a ordenar e gabarse da execución extra xudicial de persoas supostamente traficantes de drogas en augas dun Estado soberán; un suxeito indesexable que non dubida en ameazar e tomar represalias contra todo aquel país soberano ou persoa crítica con el e as súas fanfurriñeiras e actuacións.

Hai no mundo outros moitos organismos internacionais dos que formar parte sen por elo ter que aliarse a uns ou a outros, nin ser can fiel de ninguén.

As subministracións enerxéticas e as tecnoloxías punteiras poden obterse noutros países diferentes dos EUA e, posiblemente en moitos casos, moito menos custosas; sen que sexan produto de explotacións que se enfrontan a calquera proba de sustentabilidade do planeta (como pode ser a obtención de gas natural ou petróleo procedente de explotacións baseadas no fracking).

        No referente ao militar/defensa a OTAN non é imprescindible, senón máis ben todo o contrario; é un elemento de submisión aos EUA que impide a soberanía dos países que dela forman parte e que están sometidos aos caprichos da industria armamentista dos EUA. Amais, Europa ten capacidade sobrada de artellar un mecanismo de defensa propio sen dependencia tecnolóxica e política de ninguén.

        Vale. Non nos vaiamos a outros eidos distintos dos que motivaba o título. Vaiamos ao concreto: si, é preciso un novo Núremberg, é necesario un proceso xudicial de carácter internacional no que o banco dos acusados estea ocupado por todas as persoas responsables do xenocidio que Israel leva a cabo contra Palestina, sexan estas de nacionalidade israelí ou doutros países.


 

O ABOMINABLE RÉXIME IRANIANO E "OCCIDENTE"

            Coido que ningún demócrata ou persoa progresista do mundo dubida que o actual réxime dos Aiatolás en Iran é abominable, como ant...