07 marzo 2026

O ABOMINABLE RÉXIME IRANIANO E "OCCIDENTE"

         Coido que ningún demócrata ou persoa progresista do mundo dubida que o actual réxime dos Aiatolás en Iran é abominable, como anteriormente o foi o do Sha Reza Pahlevi.

         Unha persoa que crea nun réxime democrático ten que desexar, para os demais e para se mesma, un país onde as diferenzas sociais sexan mínimas, onde se respecten os dereitos de expresión pacífica libre en calquera dos seus aspectos, onde as policías e a xudicatura estean ao servizo da seguridade da colectividade e non ao servizo dos economicamente poderosos ou dos seus monicreques que exercen nominalmente a gobernación; un país gobernado por quen procure unha educación pública gratuíta, laica, plural, achegada á realidade da súa contorna; un país no que se respecte e se pulen os dereitos e a igualdade das mulleres e os dereitos da clase traballadora, onde as diferenzas de etnia ou orientación sexual e afectiva das persoas non sexa motivo de discriminación e trato. Un país non confesional, laico, que respecte as crenzas máis profundas da súa cidadanía e non prime a unha crenzas sobre as demais. E o réxime que goberna o Irán non cumpre ningunha das condicións citadas anteriormente

        Ao contrario dun país que se poida definir como democrático, Iran está gobernado por unha xentes que non admiten discrepancias coa doutrina oficial, que reprime ao seu pobo cunha policía e unha milicia relixiosa ao máis puro estilo franquista ou hitleriano (o mesmo que fai o Estado de Israel coas persoas palestinas), un réxime que marxina e condena ás mulleres, que obriga a manter unha posición pública de achegamento a unha confesión relixiosa determinada. Un país nominalmente gobernado polos aiatolás (tiranos curas islámicos chiítas) que, como todos os países baseados no goberno dunha relixión oficial de carácter obrigatorio, son por natureza antidemocráticos. Polo cal ao réxime iraniano podemos cualificalo de abominable; e aos seus dirixentes como tiranos indesexables.

        Iran é abominable, pero non menos que outros da súa contorna ou fora dela que tampouco cumpren as condicións de país para ser democrático e que gobernan coas leis máis integristas e crueis; ou incluso a países que para nada se diferencian do actual Iran nos aspectos políticos, como poden ser os gobernados polos sátrapas e asasinos xeques árabes dos países e dos emiratos do Golfo Pérsico (Kuwait, Arabia Saudí, Barheim, Catar, Emiratos Árabes Unidos e Oman; que teñen como lei a Sharia que aplican aos seus súbditos: aforcamentos públicos, lapidación das mulleres adúlteras, discriminación e cousificación das mulleres, amputación ou castigos corporais públicos, etc.), todos eles cómplices das ilegalidades cometidas polos Estados Unidos de América (EUA) na rexión e ultimamente aliados de Netanyahu na súa cruzada contra Palestina e membros, xunto con outros políticos lixo como Tony Blair  ou Milei, da impresentable "Xunta da Paz", fabricada por Trump para especular cos territorios palestinos e converter Gaza nun ressort turístico para ricos e para maior proveito económico persoal do actual presidente dos EUA e do seu xenro, un falcón dos negocios.

Merece ser bombardeada a poboación civil iraní?

        Eu podo comprender a rabia das persoas iranianas exiliadas nos distintos países de Europa e América por ter que residir no estranxeiro debido á represión do seu dereito a pensar e a comportarse de forma diferente ao do réxime dos ayatolás. Así como entendo que tamén hai irannianos exiliados noutros países, fundamentalmente os Estados Unidos, para fuxir das acusacións de roubo á que serían sometidos (e tratados con métodos que eu non comparto) no seu país de orixe se volven; moitos destes últimos personaxes están ligados ao anterior réxime ditatorial do sha de Persia, Reza Phalevi, que escaparon con fortunas que pertencían ao pobo iraniano.

            O que a min non me cabe na cabeza é que as persoas iranianas que están exiliadas por desexar un país democrático ou, simplemente, por pensar de forma diferente poidan aplaudir e celebrar que os seus compatriotas civís sexan bombardeados por mor das ordes de dúas persoas, Netanyahu e Donald Trump, que teñen máis que demostrado o seu desprezo pola democracia e os dereitos humanos; que son culpables do xenocidio do pobo palestino en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste e que, de forma repetida, quebrantan a legalidade internacional bombardeando e masacrando poboación civil de países soberanos. Dos que un xa está reclamado polo Tribunal Penal Internacional e que o outro espero que pronto corra a mesma sorte.

            E aínda menos comprendo esa satisfacción cando é de público coñecemento que o réxime islámico dos aiatolás foi potenciado e fabricado polos EUA para evitar que a caída do derradeiro sha de Persia provocara a conversión do Iran nun país máis xusto, non aliñado, cunha democracia ao servizo da comunidade e con menos diferenzas sociais. Foi nun encontro fora de Iran e dos EUA entre a administración norteamericana e os aiatolás iranianos onde se decidiu potenciar a figura do aiatolá Jomeini, exiliado en Francia, para suceder no goberno ao defenestrado Reza Pahlevi (ao que se lle permitiu saír para EUA cargado con propiedades do pobo iraniano).

Que se esconde detrás da agresión ianqui-sionista a Iran?

             É evidente que esa agresión ilegal contra Iran ten motivos estratéxicos e económicos, tanto para os EUA como para Israel (e posiblemente económicos para o propio patrimonio persoal de Donald Trump), a pesar de estar disfrazada con música de liberdade; música que custou a vida a numerosas persoas civís, entre elas a decenas de crianzas vítimas do bombardeo da súa escola, e por moito que neses bombardeos puidera morrer asasinado o sátrapa e criminal aiatolá mandamais do momento. É de coñecemento público a riqueza iraniana en petróleo e gas natural, así como as ligazóns entre Trump e a industria petroleira dos EUA.

            O das liberdades é evidente que a Donald Trump e a Netanyahu os traen ao fresco, como podemos observar polo que fan nos seus propios países e nas agresións a outros países. É evidente, tamén, que o das bombas nucleares en posesión de Iran e outro conto igual que o foi o das armas de destrución masiva no Iraq de Saddam Hussein.

            Se por falla de liberdades, por amor á democracia e por salvaxismo fora xa habería tempo que os EUA terían invadido Arabia Saudí e o resto dos países do Golfo, ou adoitado medidas contra Corea do Norte, Rusia ou China. Pero, claro, os primeiros -países non democráticos- son ferreos aliados do imperialismo ianqui; e contra os segundos -que tampouco son democráticos, pero que si está claro que teñen a bomba nuclear ou medios para fabricala- non se atreven, non vaia a ser. Tampouco lle esixe a Israel ou a se mesmos que se desfagan do armamento nuclear; e iso está a ocorrer nun momento onde o uso dese armamento no conflito está nas mans de dúas persoas que, amais de ter demostrado o seu desequilibrio mental, teñen un afán persoal de mostrarse como "invencibles", con madeira de tiranos, dos cales o actual Presidente dos EUA ten aspiracións a ser emperador do mundo e rei absoluto do seu país (a min, coas súas ridiculeces e dourados lémbrame a aquel Idi Amin de Uganda, pero con máis poder). E iso sen ter en conta os seus desexos de ambos suxeitos de escapar das acusacións de presunción de abusos sexuais a menores un e de corrupción no exercicio do poder o outro.

Violación das leis internacionais 

            É claro que esta agresión armada a Iran emprendida por Israel e os EUA viola todas as leis internacionais, desde as convencións de xenebra ata o dereito internacional acordado nas distintas instancias que regulamentan as relacións e os conflitos entre os diferentes países do mundo. Incluso son violadas polos EUA aquelas normas estabelecidas por organismos que ata agora teñen estado fundamentalmente ao servizo dos seus intereses, como pode ser a Organización Mundial do Comercio (OMC) ou do Banco Mundial (BM).

              Pero iso xa non é novo; xa acontece no xenocidio  emprendido polo goberno nazi-sionista do Estado de Israel contra Palestina en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste co apoio incondicional dos EUA; igualmente coa invasión de Venezuela e secuestro do seu presidente, ou co asasinato extra-xudicial de presuntos narcos nas costas de Colombia, Venezuela ou en augas internacionais.

As reaccións políticas e militares ao bombardeo de Iran

             A agresión ao seu país provocou que a maquinaria de guerra e defensa de Iran puxérase en marcha e comezara unha choiva de mísiles sobre as bases militares ianquis establecidas nos distintos países do Golfo Pérsico, que servían a intendencia e os apoios á maquinaria de guerra orixe dos bombardeos, e sobre o Estado de Israel. Algunha destas mortíferas armas caeu preto ou afectando a unha base non americana, aínda que era usada polo US-Army, situada en Chipre.

            Pero o que máis noxo produce da maioría das chamadas "democracias occidentais" e da Unión Europea por boca da súa presidenta Ursula Von der Leyen, é que a meirande parte dos países europeos non condenaron a agresión ianqui-sionista contra Iran causante de centos de mortes de persoas civís que ningunha afinidade política coñecida tiñan co réxime dos aiatolás. Pero si que condenaron posteriormente os bombardeos contra as bases militares americanas situadas nos países do Golfo, o que da unha mostra da submisión que certos dirixentes políticos "occidentais" teñen cara ao presunto pederasta nazi e actual Presidente dos Estados Unidos de América Donald Trump.

            Amais do anteriormente exposto, Starmer e Macrón aceleraron a escalada armada dos seus países. O primeiro destinando máis tropas ás súas instalacións militares na zona de conflito coa escusa de protexer a Chipre; e o segundo impulsando o maior e perigoso rearmamento nuclear do seu exército e enviando buques de guerra coa mesma escusa de Starmer.

         O único presidente dun estado europeo que deu a nota discordante foi o Presidente do Estado Español Pedro Sánchez, que condenou por igual tanto os ataques ilegais e contrarios ao dereito internacional dos EUA e Israel contra Iran,  como os ataques deste último contra obxectivos situados en terceiros países, amais de prohibir o uso das bases militares conxuntas de Rota e Morón de la Frontera polas tropas ianquis. Isto valeu ao Estado unha reprimenda do fanfarrón Presidente dos EUA, con ameazas sobre a economía e reaccións propias dun neno mal caprichoso e mal criado (ou dunha persoa maior cunha demencia senil moi avanzada, o cal nada estraño sería). E posteriormente do Secretario ianqui que manexa a economía sae tentando de culpar ao Estado Español da morte de "americanos" (supoño que os militares, non os americanos que asasinan os paramilitares do ICE anti-migración no interior dos EUA) por un conflito que crearon eles. Como se nun atraco a un banco con asasinato dalgún refén os traballadores culpan do mesmo a ese refén ou a outro por non obedecer!! Pois neste caso, o mesmo. (A verdade é que estes imbéciles ianquis se pensan os amos do mundo e cando sae alguén a replicarlle non saben outra cousa que facer o ridículo ou dicir/facer barbaridades).

        Pero a reacción máis triste, calamitosa, penosa e propia dun vasalo sen personalidade foi a do chanceler alemán Friedrich Merz na súa entrevista con Trump na Casa Branca, onde diante das acusacións, ameazas e insultos do Presidente dos EUA cara ao Estado Español e ao seu presidente foi incapaz de plantarlle cara e poñelo á fresca, co cal ficou como o que é diante do mundo, dos seus compatriotas, dos políticos norteamericanos e  dos xornalistas presentes nesa entrevista. Máis humillado e con menos personalidade que o Zelensky na súa primeira visita á Casa Branca.

O papel da OTAN 

            Outro aspecto importante é a posición da OTAN diante do conflito. Sabemos que o vasalo holandés de Donald Trump que ostenta a Secretaría Xeral desa organización militar, á que por desgraza pertence o Estado Español, vai tentar de seguir todas as instrucións que desde a Casa Branca e da cúpula do US-Army lle transmitan. Polo de pronto xa insiste en que todos os países que forman parte desa organización de masacrar civís teñen que asumir un gasto armamentístico do 5% dos seus produtos interiores brutos (PIB). Neste contexto, isto é unha referencia ao Estado Español, que se nega a asumir tal gasto en favor das arcas do empresariado do armamento dos EUA e diminuír o xa de por si escaso orzamento en gasto social do Estado.

                Cabe a posibilidade de que, adrede ou accidentalmente, Iran agrida algún país da OTAN onde haxa bases dos EUA ou da OTAN, que ven a ser o mesmo. Mesmo que o faga alguén con falsa bandeira e se culpe ao Iran.  Onte xa o exército español interceptou e avisou aos ianquis dun mísil dirixido cara a algures, que foi derribado polas defensas do exército dos EUA e que foi caer desactivado en territorio de Turquía (membro da OTAN). Pola legalidade da organización armada todos os países membros, en caso de ser agredido un deles, deben implicarse no conflito en defensa do país agredido. Nun caso destes tamén o exército español tería que participar na defensa do país agredido. O cal, tendo en conta os métodos pouco fiables usados xa en multitude de veces, en multitude de países, polos Estados Unidos de América (ben usando o propio exército ou ben usando calquera dos seus servizos secretos CIA, DEA ou outros peores) sería máis que conveniente que o Estado Español se saíra desa organización militar e pechara as bases militares dos EUA no territorio español.

Consecuencias económicas do ataque a Iran 

       Previsiblemente, as consecuencias económicas do ataque de EUA e Israel a Iran van ser moi negativas para o conxunto da economía mundial; e iso se o conflito non se internacionaliza máis e se converte nunha guerra mundial con participación de Rusia e/ou China.

         A primeira reacción iraniana diante da agresión foi a de pechar ao tráfico o estreito de Ormuz, vía clave para o comercio entre oriente e occidente. E non só polo tráfico de petróleo e gas natural procedente de Iran, senón por todas as mercadoría que proceden de China, Xapón ou países do sur-leste asíatico. Se esta situación se mantén no tempo, vai ter como efecto un encarecemento de todas esas mercadorías derivado do maior custo do transporte, dun menor abastecemento e, tamén, un encarecemento (que xa se está a notar) no prezo dos combustibles; o que todo no seu conxunto vai provocar aínda un maior incremento dos prezos e a aparición de procesos inflacionistas. Sen esquecer a desaceleración dos mercados financeiros diante da situación de incerteza que a conxuntura internacional está a provocar nun espazo económico fundamentalmente especulador.

        A consecuencia social inmediata desta situación (se non se agrava aínda máis) vai ser a apertura dunha maior fenda social, onde os menos favorecidos economicamente van precarizar aínda máis a súa situación e onde, tamén, os máis poderosos economicamente vanse beneficiar da situación, contribuíndo a agrandar aínda máis esa fenda.

             Que consecuencias poden ter as ameazas de Donald Trump sobre a ruptura de relacións comerciais co Estado Español como represalia á posición mantida polo goberno español sobre o ataque a Iran e o non uso das bases? Como xa teñen dito distintas persoas dirixentes de países da Unión Europea e da mesma Comisión Europea os EUA non poden establecer medidas unilaterais sobre España posto que significaría rachar os acordos acadados entre a Unión e os EUA; e iso non sería posible, por tanto e por moito que Donald Trump e os seus lambecús o pretenderan.

            E iso téñeno claro os empresarios de Galicia. Nun primeiro momento, no inicio do conflito, e xa posta enriba da mesa a posición do goberno do Estado e as ameazas de Trump, os empresarios da provincia de Pontevedra (activistas pepeiros onde os haxa) amosaron a súa preocupación sobre o incremento dos prezos dos seus insumos e a posibilidade dunha inflación que puidera levar ao Banco Central Europeo (BCE) a subir os tipos de xuro. Mentres, a Cámara de Comercio de Estados Unidos en España (AmChamSpain) parece que se inclina por pedir diálogo entre estados para protexer os negocios bilaterais, o cal tampouco é posible dada a negociación conxunta dos estados da UE cos EUA.  Do que pensa a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) non teño lido nada agás o que ten dito unha das súas organizacións compoñentes citada máis arriba; en todo caso si hai indicios de que alguén anda a meter medo cos sectores da economía galega que teñen relacións comerciais importantes cos EUA, sectores que están protexidos polos acordos acadados entre a UE e os EUA e que, nun principio e agás (cousa pouco probable) de que o catavento ianqui troque o seu parecer, nada teñen que temer.

Aumento dos fluxos migratorios cara a outros países de Europa e Asia

            Como xa ten ocorrido coa guerra habida en Siria promovida polo sionismo e os EUA, a guerra con Iran xerará un gran número de desprazados que escapan da guerra cara a outros países; non só desde Iran, senón tamén desde o Líbano asolado polas agresións armadas sionistas. Como xa ten pasado coa poboación siria, serán Turquía, como destino provisional das persoas refuxiadas, e a Unión Europea como destino final de moitas delas os principais receptores desas correntes migratorias.

        En Europa atoparanse con políticas claramente xenófobas, practicadas en certos países como Italia ou Hungría, e apoiadas e xustificadas desde a Comisión Europea, polas forzas políticas da dereita europea e polas crecentes forzas fascistas presentes na Europa. Moitas desas persoas, que deberían ter carta de refuxiadas políticas, atoparanse co rexeitamento á súa presenza e serán internadas en verdadeiros campos de concentración situados en terceiros países por mor dos acordos establecidos entre os seus gobernos e gobernos nacionais de certos estados europeos.

  E o ámbito político?

             No ámbito político hai que distinguir tres posicións políticas fundamentais: a da dereita, a da socialdemocracia liberal e a da esquerda. Os primeiros, Partido Popular, Vox e resto da dereita e extrema dereita, respaldan totalmente a agresión ordenada por Trump e Netanyahu contra Iran e condenan a posición de neutralidade adoitada pola socialdemocracia liberal do PSOE e o goberno español que condenan a agresión tanto en canto se violou a lei internacional e piden que se volva ao diálogo para evitar unha escalada bélica.

        Hai que sinalar que os da "banderita-pulsera" patriotera de Vox seguen ao pe da letra o argumentario que Washington marca en cada momento, aderezado coa petición de dimisión de Pedro Sánchez, co cal parecen mesmamente os bufóns baratos do inquilino da Casa Branca aos que lles importa unha vaina a seguridade e as vidas dos soldados españois.

        O Partido Popular non sabe a que anda. Nin sequera coa bandeiriña patriótica de pulseira. Dentro da seu aliñamento coas posicións dos EUA, un día di unha cousa e outro día di outra distinta. Para xustificar a agresión di o insigne Núñez Feijóo que eles "non queren que se viole a legalidade internacional, pero que por riba dela están os dereitos humanos". Como se os dereitos humanos non formaran parte da legalidade internacional estipulada pola ONU! Pero é máis incrible aínda se consideramos que esas verbas proceden dunha persoa que se di licenciada en dereito! Esa posición compleméntase coa petición de que Pedro Sánchez convoque eleccións. A partir de aquí, e tendo os continuos e contraditorios comentarios e declaracións feitos por distintos membros dese partido, podemos deixar de tomalos en serio; iso si, cada vez máis se aproxima á disputa da cualificación de bufóns baratos da Casa Branca con Vox.

        Outras declaracións da extrema dereita foron as feitas pola Presidenta da Comunidade de Madrid. Coma sempre, declaracións histriónicas dedicadas a copar titulares e desviar a atención dos grandes problemas que a cidadanía madrileña ten coa sanidade pública, a educación, a atención aos maiores nas residencias e non sei cantas cousas máis, pero moitas, que non funcionan ou ranquean pola vontade do Partido Popular madrileño de afundir os servizos públicos. Titulares que farán festa de todo o espazo de lixo mediático que diariamente vangloria á líder fascista do Partido Popular madrileño e oculta os verdadeiros problemas que a cidadanía ten.

        A esquerda, estatal e nacionalista, aínda con diferenzas de matíz entre as distintas formacións, é unánime en condenar a agresión a Iran polo que supón de violación do dereito internacional e pide que se pare o conflito, se pechen as bases estadounidenses no territorio do Estado Español e a saída de España da OTAN. Todo elo con múltiples matices en cada caso.

         E así están as cousas neste intre de ir pechar o artigo. Unha novidade: un barco de guerra español parte cara á zona de conflito para sumarse a outro francés que vai para o mesmo lugar; en teoría para defender os intereses dos países europeos como Chipre.

            A ver que pasa; a ver se non entramos nunha espiral bélica. Se é así, co meu apoio que non conten.

______________________________ 
Nota final.- 
Este artigo revisado o sábado 7 de marzo de 2026. 

 

O ABOMINABLE RÉXIME IRANIANO E "OCCIDENTE"

            Coido que ningún demócrata ou persoa progresista do mundo dubida que o actual réxime dos Aiatolás en Iran é abominable, como ant...