A primeira parte desta xeira, publicada neste mesmo espazo, versou sobre o Real Decreto-Lei 9/24 rexeitado no Parlamento Español por obra dos votos do Partido Popular, de Vox e de Junst per Catalunya. Como xa teño dito na presentación da xeira, o sistema das chamadas “leis ómnibus” é un recurso ampla e regularmente usado polo PSOE e o Partido Popular nos gobernos que presiden, sexan autonómicos ou sexa o goberno central.
Como podemos definir o que é unha “lei omnibus”?
Facemos un paralelismo co contido dun vehículo ómnibus, onde caben moitas persoas e de moi distinta caste, amais das mercadorías ou equipaxes que as acompañan. Pois logo, falando de disposicións legais co “apelido” ómnibus, podemos definilas como aquelas cuxo contido lexislativo abrangue aspectos legais que afectan a asuntos de moi distinta natureza. Nelas caben artigos que crean lexislación e/ou modificacións de lexislacións anteriores que poden referirse a tributación, réxime local, financiamento autonómico, lexislación laboral, alimentaria, sanitaria, etc. É dicir, todo o que un parlamento poida lexislar no seu ámbito competencial. Que diferenza unha lei ómnibus dun decreto-lei ómnibus? A primeira é debatida e aprobada no Parlamento, o decreto-lei ómnibus é promulgado por un goberno, en uso das súas atribucións lexislativas, para casos que considera de urxencia; mais para que a súa aplicación sexa plenamente válida debe ser posteriormente aprobado polo Parlamento; no caso de que este último suposto non se dea, as súas disposicións teñen que deixar de ser aplicadas (caso do RD-L 9/24).
Por que os gobernos recorren tanto ás “leis ómnibus”?
O recurso dos gobernos a agrupar asuntos de diversa natureza nunha soa disposición pode ter moitas motivacións. Entre elas:
a) Lexislar ou modificar aspectos legais de distinta natureza que por algunha causa vaian ligados entre si.
Por exemplo, se cambia algunha lei laboral determinar os cambios no aspecto da seguridade social ou no aspecto tributario ou administrativo que poida afectarlle a estes aspectos. Neste caso, ou outro similar, estariamos diante dun uso lóxico e racional dunha lei ómnibus. Outro caso que podemos considerar como un ómnibus de disposicións é o das leis de orzamentos xerais do Estado ou das comunidades autónomas; estas leis van determinar os gastos que vai ter esa administración e os ingresos da mesma durante o ano ao que fan referencia. Loxicamente o Estado ou as comunidades autónomas teñen gastos de moi distinta natureza (social, administrativa, de persoal, inmobiliarios e de mantemento, pagamentos de débeda, etc.) que os orzamentos non teñen máis remedio que contemplar e regular a forma, importe e obxecto do gasto. Igualmente, deberán determinar de onde acadar os cartos para cubrir eses gastos; polo tanto deberán concretar todo o sistema de financiamento dos mesmos (tributos, endebedamento, etc.). Ou, o caso da novo decreto-lei que vai substituír ao recentemente rexeitado polo Parlamento, lexislar un paquete de medidas que, aínda sendo de diferente natureza, teñen unha mesma finalidade; neste caso unha finalidade de protección social.
b) Non ter que abondar en múltiples disposicións o que se pode meter nun só paquete, aínda que nada teñan que ver entre si os asuntos que se tratan.
Outra motivación pode ser a de “non molestar” á cámara correspondente coa presentación de moitas variacións lexislativas presentadas en “paquetes” separados; pero: Para que lle pagamos aos parlamentarios e parlamentarias? Para que quenten o asento e pulsen o botón cando “Mandamáis” dea a orde? Que traballen, que para iso cobran e teñen vantaxes para viaxar e de cara á xubilación. De todas formas este motivo é practicamente inexistente. Ou, polo menos, eu non coñezo caso algún.
c) Meter disposicións impopulares pola porta de atrás, procurando escondelas entre outras moitas.
Pero a motivación máis usada polos gobernantes é a de trocar ou lexislar “pola porta de atrás”, de forma que sexa o menos perceptible posible para o público, normas que poidan ser impopulares entre a poboación pero que van variar e condicionar de forma importante a vida da mesma. Un exemplo son as Leis de Medidas Fiscais e Administrativas, ou Leis de Medidas Fiscais, Administrativas e de Orde Social, máis coñecidas como “leis de acompañamento” dos orzamentos xerais que se lexislan en numerosas ocasións, tanto nos gobernos centrais como nos gobernos autonómicos.
O Partido Popular sempre fixo (e segue a facer) un uso totalmente indiscriminado e filibustero deste tipo de disposicións legais, tanto nas comunidades autónomas como no Estado central. Por exemplo, na Galiza usáronse este tipo de leis para tentar despoxar ás comunidades de montes comunais das súas competencias sobre os montes segundo as leis xermánicas que rexen a competencia comunal galega (para as que non dan o seu brazo a torcer para favorecer ás pasteiras ou ás celulosas, claro). Ou para acurtar os prazos de para facer alegacións contra proxectos eólicos ou de minería contaminante, de forma que sexa case imposible presentar en tempo e forma esas alegacións desde a presentación pública dos proxectos ata o remate dos prazos de alegacións. Tamén usadas polo Partido Popular de Galicia para declarar como prioritarias ou estratéxicas (con todo o coactivo e de recorte de dereitos civís que supón esa figura) industrias contaminantes que agriden non só ao ambiente, senón que poden destruír a economía e forma de vida de medio país como pode ser o caso de ALTRI, tal e como din os sisudos estudos biolóxicos, xeográficos, comerciais e económicos feitos públicos ata o de agora por persoas de toda solvencia. Tamén se usan estas lei para rebaixarlle os impostos a quen máis ten; un caso claro é a multimillonaria rebaixa fiscal coa que a Xunta de Galicia está a favorecer ás grandes fortunas galegas ou a determinados sectores empresariais reformando os impostos sobre os cales ten competencias exclusivas; por exemplo, ao través do Imposto sobre o Patrimonio e so Imposto sobre as Sucesións, ou ao través dos Impostos sobre o Xogo ás empresas do desa actividade (casinos, salas de apostas, máquinas de apostas, etc.).
d) Poñer nun brete a quen está en desacordo con parte do contido da lexislativo dunha disposición pero que rexeitándoa estaría a facer o mesmo con unha maioría de artigos cos que pode estar de acordo e cuxo rexeitamento podería ser altamente impopular.
Outra das causas que poden levar a presentar unha disposición lexislativa ómnibus, cando ten que pasar pola ratificación dun órgano superior para ser aplicada na súa totalidade, é a de poñer “en apuros” a aqueles membros do órgano que se sabe que están en contra dunha parte do contido da disposición, pero que se a rexeitan terían que rexeitar na súa totalidade normativa coa que poden concordar e que poida supoñer gran mellora para a poboación en xeral. Isto podería supoñer un custo político moi importante para quen votara en contra, polo que ás veces faise de tripas corazón e se traga coa disposición. Isto non só pasa coas ómnibus, senón con novas leis ou con modificacións dunha anterior, onde se colocan artigos que provocan desacordo; por exemplo, a última reforma do Código Penal impulsada polo PSOE ou a da Lei Mordaza, onde grupos políticos defensores das liberdades democráticas estaban en contra de determinadas partes desas leis por consideralas incompatibles cun Estado democrático e máis propias dun Estado represivo. No caso do acontecido co Real Decreto-Lei 9/24, JuntsxCat mantívose firme na súa postura e votou negativamente, en favor dos intereses que representa (cos votos en contra dos partidos da ultradereita, PP e Vox, coido que o goberno xa contaba).
Sinalar desta caste de leis ómnibus, que unha das primeiras leis deste tipo que se presentou tras a reforma política post-franquista foi a Constitución de 1978, que tiña que ser referendada nas urnas polo conxunto da cidadanía do Estado Español maior de 18 anos.
Uniónde Centro Democrático (UCD, partido contedor da dereita franquista aperturista xa desaparecido), Alianza Popular (partido da dereita fascista máis rancia, xa desaparecido e convertido en Partido Popular e onde foron a caer os restos máis franquistas e dereitistas da UCD), Convergènciai Unió (CiU, desaparecido e reconvertido en Junts per Cat), PSOE e PCE, presentaron un texto constitucional a aprobar no que, entre todos os artigos que poderían facer da lei suprema do Estado Español unha lei homologable a calquera outra do noso entorno xeográfico, introduciron unha xefatura do Estado monárquica creada pola ditadura franquista (cun rei nomeado con Franco, que xurou os principios fascistas do réxime franquista e baixo cuxa ditadura, entre o 20 de novembro de 1975 e a data de aprobación das primeiras Cortes Constituíntes post-franquistas, se cometeron múltiples atrocidades por parte da policía criminal franquista e onde os fascistas camparon e asasinaron ás súas anchas sen represión ou castigo polo aparato policial e xudicial da ditadura) e a obriga de que o sistema económico fora o de economía de mercado, entre outras lindezas anacrónicas presentes no texto constitucional. O primeiro, o rei franquista, amparado por un título no que se lle declaraba irresponsable civil e penalmente de calquera dos seus actos; por riba, unha monarquía machista que perpetuaba a lei sálica, onde o sucesor debería ser o seu fillo maior (se a maior era unha filla, non valía; só podería ser sucesora da coroa unha muller no caso de non haber fillos). O tema da economía de mercado implica que no hipotético caso dunha maioría política de real ideoloxía socialista, esta non podería aplicar políticas desta índole sen trocar a Constitución (cousa practicamente imposible cos requisitos que isto demanda).
Houbo persoas de coñecida traxectoria de loita pola democracia e contra a ditadura e forzas políticas democráticas que denunciaron e pediron a abstención nun referendo no que os redactores da disposición pretendían meter pola porta de atrás a monarquía franquista, a sabendas do gran peso que tiñan entre o pobo as aspiracións a vivir en liberdade e a aspiracións do pobo do Estado Español en deixar de ser súbditos para converterse en cidadáns.
