Hoxe non tiña pensado escribir sobre o tema do xenocidio palestino que o Estado de Israel está a cometer na totalidade da Palestina, pero que está extremadamente agudizado na Faixa de Gaza onde os criminais armados do exército sionista non só bombardean hospitais, escolas, poboación civil, etc. de forma indiscriminada, senón que amais están procurando que numerosas crianzas estean a morrer de fame ou afectados por enfermidades derivadas da desastrosa situación hixiénica á que os xenocidas sionistas están a someter á poboación dese territorio palestino.
A complicidade criminal dos EUA
Pero esas persoas de que permanecen en Gaza está a recibir instrucións enganosas do goberno de criminais presidido por Netanyahu para que se vaian da súa terra, forzados a marchar daquela terra que é deles desde os orixes da historia, coa ameaza de ser exterminados pero á súa vez son exterminados mentres seguindo as instrucións se moven dun lugar cara a outro. O propósito parece ser que os colonos criminais e sionistas israelís ocupen as terras que pertencen ás palestinas gazatís (e converter a Faixa de Gaza nun ressort turístico de luxo con participación da familia Trump, se facemos caso das declaracións do presidente criminal dos EUA). E, por riba. vemos imaxes nos que a tropa de soldadiños rasos do exército israelí rise cando ven desde o lonxe como as bombas arrasan edificios civís, hospitais, escolas e poboación palestina; actitude que os fai cómplices e responsables dos mesmos crimes que cometen os seus superiores que deciden eses bombardeos criminais.
Todo isto co beneplácito dos Estados Unidos de América (EUA), presidido agora polo delincuente nazi Donald Trump e antes por Biden, e co silencio cómplice da maioría dos estados da Unión Europea e de Europa. Os EUA fornecen todo tipo de armas de destrución ao estado xenocida de Israel sabendo que o seu destino é masacrar á poboación Palestina, principalmente á de Gaza, o que fai dese país un cómplice activo na masacre humanitaria e nos crimes contra a humanidade e de guerra que están a acontecer na faixa de Gaza; así como dos crimes de lesa humanidade que colonos, exército e policía de Israel están a cometer na Cisxordania e no Xerusalén Leste contra a poboación Palestina.
E a Unión Europea?
A Unión Europea, cuxa Comisión preside Ursula von der Leyen (á que tanta satisfacción parece reportar fotografarse con xentes da caste de Netanyahu ou de Donald Trump), parece insensible, desde un primeiro momento no que manifestou que “Israel ten dereito a se defender”, ao que desde o fatídico día de outubro no que comezou o exterminio palestino está a acontecer en Gaza, que non é máis que un clásico xenocidio.
Pero é que, a día de hoxe, esa Comisión Europea aínda está a discutir se o xenocidio de manual que Israel está a cometer contra o pobo palestino é, ou non, un xenocidio. E, de paso, temos coñecemento de que esa comisión tamén está a incumprir un acordo asinado pola Unión Europea con Israel polo cal o mantemento de relacións comerciais entre ambos territorios está condicionado ao respecto polos dereitos humanos e, polo tanto, a Comisión europea está a cometer unha ilegalidade manifesta. E non só desde que comezou o labor criminal de Israel na Faixa de Gaza, senón desde hai moito máis tempo no que Israel leva violando os dereitos humanos da poboación palestina (encarceramentos infinitos sen acusacións, permisividade coas ocupacións de propiedades palestinas polos colonos, discriminación da poboación árabe en todas as facetas oficiais e civís, derrubamentos de vivendas ou barrios enteiros baixo a escusa de ter albergado algún membro das resistencia palestina contra a ocupación, torturas e malos tratos aos detidos, etc.).
O que se debería demandar da Unión Europea non é só que condene firmemente o que está a acontecer coa poboación Palestina en todos os seus territorios, pero fundamentalmente en Gaza e na actual situación. Non o fan en bloque e dunha forma clara; e os países que individualmente se pronuncian condenando a violación dos dereitos humanos polo Estado de Israel buscan formas semánticas que poidan suavizar esas condenas e a maioría deles non adoitan medidas efectivas; e xa non digamos aqueles países, cómplices inmateriais do xenocidio, que non só non condenan o comportamento de Israel senón que o apoian.
Pero, amais dos países que non condenan o xenocidio palestino, dentro dos países que si o fan hai forzas políticas que defenden as políticas criminais de Benjamin Netanyahu (moitas desas forzas aínda hoxe negan a existencia do holocausto dos xudeus baixo o réxime hitleriano), que defenden con uñas e dentes ben as accións de Israel contra Palestina, ben a non-condena desas accións e a toma de medidas restritivas nas relacións co estado sionista. A estes tamén podemos consideralos coma cómplices inmateriais do sionismo criminal.
Necesidade dunha fronte internacional contra os crimes de lesa humanidade
Quizá o único organismo colectivo que condena firmemente o xenocidio que está a acontecer en Gaza e que denuncia o incumprimento polo Estado xenocida de Israel da legalidade internacional é a ONU.
Na Segunda Guerra Mundial, á vista da violación dos dereitos humanos emprendidos pola Alemaña nazi e o seu intento de expansión territorial, os países democráticos formaron unha forza militar coa finalidade de rematar con esa situación. Só quedaron á marxe desa operación os aliados europeos de Hitler (a España franquista e a Italia fascista) e o imperialismo Nipón na área do pacífico.
Hoxe, os países que se consideren así mesmos como democráticos deberían rachar todo tipo de relacións co Estado de Israel, sen ver e considerar o que poidan pensar os EUA gobernados por nazis coma Trump ou países gobernados por calamidades tipo Milei; deberían esixir dese estado criminal a fin da agresión e do xenocidio contra a poboación palestina e o respecto polos dereitos humanos; deberían esixir tamén o cese dos seus actuais gobernantes e dos máximos responsábeis do seu exército e dos seus servizos de intelixencia. Igualmente, deberían esixir a entrega de todos eles para ser xulgados por crimes de lesa humanidade, como o foron os responsábeis do holocausto nazi.
E, no caso de que a ruptura das relacións non deran resultado, non dubidar en facer o que fixeron as democracias contra o réxime de Adolfo Hitler: formar un exército internacional para pararlle os pes ao sionismo do Estado de Israel; estado que non é nin máis nin menos que a reprodución en termos actuais do Estado Hitleriano responsable do Holocausto contra a poboación de relixión xudea. O que non pode permitir a decencia e a humanidade é o que está a facer o Estado criminal de Israel; se hai que usar a forza, úsase.



