11 setembro 2024

Venezuela: (?) ou (!)

 

       Que é o que realmente pasa en Venezuela? Houbo “chanchullo” electoral? Son as actas presentadas pola oposición a Maduro falsificacións como este afirma? Son as afirmacións feitas desde o Estados Unidos de América (EUA) parte dunha campaña por manter e renovar os seus privilexios na rexión? Son as voces que en Europa se erguen contra Maduro parte da campaña dos EUA? Mais, que pintan en todo este panorama as declaracións feitas polo brasileiro Lula e outros dirixentes fiables de Latinoamérica considerando que Venezuela “debe facer públicas as actas”?

    Teño que confesar que todo este balbordo montado arredor dos resultados do proceso electoral venezolano do pasado 28 de xuño por unha parte me cabrea e, por outra, me mantén á expectativa e algo confuso. Sobre todo porque situacións, actitudes, acusacións, procedementos, etc., aínda que con moscas diferentes, son similares aos acontecidos nos pasados procesos electorais desde o primeiro mandato de Hugo Chávez. E o que é máis preocupante: a situación internacional na que terceiros países están a situar a Venezuela recae directa e negativamente sobre a cidadanía venezolana que está a ser sometida a privacións de todo tipo por decisións tomadas por persoas que non só non residen en territorio do país, senón que nen sequera teñen nacionalidade venezolana.

Un breve repaso aos mandatos iniciados por Hugo Chávez

          Dende a súa elección coma presidente no ano 1998, Hugo Chávez[i] dedicouse a poñer as riquezas e as potencialidades de Venezuela ao servizo dos seus concidadáns. Ata ese momento, no país rexido alternativamente polos social-cristianos, alianzas das dereitas ou polos autodenominados socialdemócratas, Venezuela era un país que tiña toda a súa riqueza natural hipotecada e ao servizo das grandes multinacionais norteamericanas. O seu petróleo, fonte de máxima riqueza servía para incrementar os beneficios das grandes petroleiras ianquis e para beneficiar economicamente a unha ínfima parte da poboación venezolana. O empobrecemento do conxunto da poboación do país era cada día maior; mentres a burguesía e os partidos clásicos (incluído o partido dos amiguiño socialdemócrata de Felipe González) seguían clamando contra as medidas de Chávez para facer recaer a riqueza das súas materias naturais no conxunto do país, así como das medidas previstas para facer medrar a calidade de vida dos venezolanos: expansión da educación, aumentos nos salarios mínimos, políticas de vivenda para as clases populares, reversión das licenzas de explotación dos ricos xacementos petrolíferos para que estes volveran á soberanía do país, cambios na constitución do tendentes a impedir o roubo legal da riqueza dos venezolanos, etc.

          Como era de supoñer, todo este tipo de medidas non eran aceptadas nin pola burguesía venezolana que se opoñía a perder os seus privilexios nin polo imperialismo dos Estados Unidos de América (EUA), principais beneficiados pola explotación dos pozos e dos xacementos petrolíferos e outras riquezas naturais do país nunhas condicións totalmente humillantes para o pobo de Venezuela, ao que ambos (EUA e oligarquía) querían manter nas condicións sociais e económicas de profunda pobreza e falta de instrución educativa.

          Este “descontento” das clases dominantes patrias e estranxeiras desembocou en múltiples intentos de desprestixiar internacionalmente ao goberno de Chávez e o dos seus sucesores, de declaracións do centro Carter[ii] sobre a falta de transparencia nos procesos electorais gañados por Chávez e de varios intentos de golpe de Estado organizados pola CIA (o primeiro intento de golpe de Estado no primeiro mandato de Chávez en combinación con algúns estamentos militares e as organizacións civís ao servizo dos intereses da alta burguesía e das multinacionais ianquis) con apoio da oligarquía venezolana. Moitos destes indesexables golpistas buscaron asilo nos EUA e na España; nesta última baixo o paraugas dos goberno do Partido Popular e na actualidade baixo a protección dos gobernos do PSOE.

          E así despois de cada proceso electoral: posta en cuestión dos resultados ou do proceso mesmo, tentativas de golpe de Estado, acusacións de represión cando os participantes ou dirixentes desas tentativas son detidos e xulgados, embargos ou incautacións en terceiros países de bens pertencentes ao pobo de Venezuela, campañas mediáticas dirixidas polo Departamento de Estado dos EUA e, ultimamente, replicada case ao pe da letra pola Comisión Europea e moitos dos gobernos de distintos países europeos. Un aspecto novo, aparecido no penúltimo proceso electoral de 2018, foi o recoñecemento de monicreques ao servizo dos EUA como mandatarios electos por parte dos países da UE, como é o caso do xa esquecido Guaidó (tristemente, tamén Pedro Sánchez e o goberno español da época recoñeceron a tal suxeito coma “presidente encargado”; cousa que non se sabe moi ben o que é nin o que pode facer, agás apropiarse de bens e fondos venezolanos depositados en terceiros países).

Son os desexos imperiais de Washington os condicionantes da situación venezolana?

          Situacións como as vividas polas persoas residentes na Venezuela de 2024 non unha novidade na Latinoamérica. Pola situación, que desde que Chávez accedeu á presidencia ata hoxe está a vivir o pobo venezolano, xa teñen pasado múltiples países do Sul e de Centroamérica cando as cousas non lle van ben aos EUA nas súas aspiracións de dominio xeoestratéxico ou de apropiación das riquezas naturais que pertencen aos distintos pobos dos países que conforma Latinoamérica, ao que os EUA consideran como o seu patio traseiro onde poden facer e desfacer ao seu antollo.

          Hai múltiples referencias na literatura política das distintas intervencións e secuestro da soberanía dos países de Latinoamérica polos Estados Unidos de América. Citar algúns deles: “Historia de las intervenciones EE.UU. en América Latina” de Carlos Hernández-Echevarría, publicado no ano 2019 no xornal dixital Rebelion; “Los ‘cambios de régimen’ propiciados por Estados Unidos. Antecedentes históricos”, de James Petras, publicado en Rebelion no mes de febreiro de 2019; “192 de intervenciones”, de Rodrigo Yedra, publicado en 2015 , no xornal Mirada al Sur (xa inexistente) e recollido nese mesmo ano polo xornal dixital Rebelión; “A 56 años del golpe militar. Relaciones peligrosas: Estados Unidos y el golpe militar”, artigo de Liliana O. Calo publicado no xornal La Izquierda Diario o 31 de marzo de 2020

          Cuba colonial, dos caciques o escravismo e a mafia ianqui,  Cuba de Castro (obrigada a botarse nas mans da URSS de Kruschev para poder manter a súa independencia), Nicaragua, Panamá, Ecuador, Venezuela, Chile, Arxentina, Colombia, Bolivia, Honduras, Brasil, Illa de Granada... todos eles países que teñen sufrido as tráxicas e dolorosas consecuencias da intervención directa ou encuberta e criminal dos Estados Unidos de América. Uns con intervención militar directa; outros sometidos a bloqueos, caos e potenciamento de golpes de Estado cruentos e sanguinarios (non estaría de máis repasar a obra “A doctrina do Shock”, da xornalista canadense Naomi Klein, moi documentada na “creación de ambiente” nos distintos países polos servizos secretos dos EUA para propiciar ditaduras militares ou simples cambios de goberno cara a outros que se preguen aos seus intereses).

          Entre os máis recentes, e que por cuestión de datas non están contemplados nos artigos máis arriba citados, podemos incluír os golpes xudiciais contra Evo Morales (Bolivia), a tentativa de golpe militar aos sucesores de Evo Morales, a destitución dun presidente electo de Perú mediante a técnica do lawfare; os múltiples intentos de golpe de Estado e de reverter -usando os apoios clásicos internacionais- os resultados das eleccións na Venezuela (e sempre coas mesmas escusas; e mesmo aquelas cuxos resultados foron contrastados por comisións independentes de observadores internacionais -non falo do Centro Carter, por suposto).

          Á vista dos precedentes, debemos pensar que efectivamente son os desexos dos EUA e da oligarquía multinacional de facerse coas riquezas petroleiras de Venezuela, así como os desexos da propia oligarquía venezolana de manterse nunha posición de parasitos ao servizo da nación imperial aínda a costa do empobrecemento da súa cidadanía, os que propician a situación actual e o bloqueo económico e político ao que os EUA e os seus socios europeos e latinoamericanos teñen sometido a Venezuela.

          E máis aínda se sopesamos a perda de poder, militar e económico, que os EUA están a ter no mundo. As ansias imperialistas dos americanos do norte están a sufrir grandes decepcións: perda de influencia económica en favor de China; a aparición dun réxime ditatorial na Rusia con capacidade de minguar a influencia EUA na Europa; a aparición de novos organismos económicos internacionais que escapan das directrices do Fondo Monetario Internacional (FMI), Banco Mundial (BM) e Organización Mundial de Comercio (OMC) que son os tres piares no que o capitalismo basea a súa hexemonía e dominación a nivel mundial; o cada vez maior número de países que se integran neses novos organismos (moitos destes situados no seu na América Latina).

          Hai analistas internacionais que sinalan que esa perda de influencia dos EUA no mundo fai que ese país use todos os medios ao seu alcance, sexan lexítimos ou non, sexan ilegais ou non, sexan sanguinarios ou non,... para apuntalar a súa influencia e o seu dominio no continente americano, apoiándose nunhas burguesías nacionais acostumadas a vivir de forma parasitaria a costa de empobrecer á súa cidadanía e mantendo o poder local apoiándose na forza militar ou nos aparellos corruptos de xustiza.

E o actual caso venezolano, que?

          Pois teño que confesar que estou moi confuso. As axencias internacionais de novas e as súas emisoras de radio e TV e os seus xornais, controladas pola oligarquía capitalista, insisten en que houbo chanchullo; o goberno venezolano di que gañaron as eleccións; unha parte da oposición venezolana (a que máis barullo fai nos medios internacionais) di que gañaron eles, e usan os mesmos argumentos de sempre polo que son moi pouco cribles; o goberno dos EUA di o mesmo que as axencias internacionais e que a oposición pouco crible, é dicir, non teñen credibilidade ningunha sobre todo tendo en conta a súa historia; os gobernos da Unión Europea din que non recoñecen os resultados mentres o goberno venezolano non ensine as actas electorais, pero tampouco teñen recoñecido expresamente as “actas” presentadas pola oposición (e temos que ter en conta que a Comisión Europea está presidida por Ursula van der Layen, unha fiel servidora dos intereses dos EUA en Europa como xa ten demostrado no caso de Ucraína e nos apoios ao xenocida Netanyahu, entre outras cousas). Esta posta en cuestión por Europa contrasta coa súa posición cara á actuación de Macrón, o pequeno novo Napoleón francés, que nega na práctica os resultados electorais de Francia ao negarse a nomear como xefe de gabinete a un membro da coalición gañadora das eleccións e con maioría na Asemblea Nacional Francesa, e que vai apoiar o mandato do seu novo primeiro ministro na organización fascista de Marie Lepen.

          Se só tivera en conta exposto no parágrafo anterior decantaríame sen dúbida algunha por quedarme coa versión do Goberno venezolano. Pero hai algún fleco que me ten desconcertado: a posición de Lula e de Petro, presidentes electos de Brasil e Colombia, que piden a Maduro que mostre publicamente as actas e que, de momento, non se pronunciaron sobre o recoñecemento dos resultados electorais. Podería mencionar a Boric, presidente de Chile, pero este estase a amosar como un peón da dereita transnacional e polo tanto non me ten credibilidade algunha.

          Se as cousas seguen así, dende logo que acreditarei a versión de Maduro, por moito que este home non sexa da miña devoción (desde aquilo do paxaro que lle falaba).


[i]     Deixo dúas ligazóns para que cada quen se quede co que máis lle satisfaga: 1) https://es.wikipedia.org/wiki/Hugo_Ch%C3%A1vez ; 2) https://www.cidob.org/lider-politico/hugo-chavez-frias ; Simplemente dicir que o da Wikipedia introduce numerosos xuízos de valor que parecen realizados desde a oposición ao “chavismo”.

 

[ii]    O Centro Carter é unha organización teoricamente non gobernamental, creada polo ex-presidente dos EUA Jimmy Carter e a súa dona Rosalin Carter, coa finalidade teórica de garantir que os procesos electorais realizados nos países de Latinoamérica fanse de forma limpa. Curiosamente, cando os resultados electorais dun determinado país non son acordes aos intereses económicos ou xeoestratéxicos dos EUA aqueles son postos en cuestión por esta “organización non gobernamental”, como así aconteceu en repetidas ocasións en Venezuela cando as vitorias do chavismo, contrastadas e validadas por outros observadores internacionais (da Unión Europea-UE-, incluídos), certificaron a legalidade e limpeza dos procesos electorais. Entre estes últimos, están todas as convocatorias electorais ou referendais realizadas en Venezuela desde 1998 ata as dúas últimas convocatorias (2018 e 2024) nas que todos os observadores internacionais agás os da UE e o mencionado Centro Carter non as respaldaron e asumiron ao pe da letra as críticas lanzadas polos gobernantes dos EUA.

 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...