17 xullo 2024

O xenocidio segue en Palestina

O sistemático xenocidio do pobo palestino por parte do Estado de Israel segue de forma persistente e continuada, estendéndose a todos os territorios que a legalidade internacional atribúe aos palestinos. E a Unión Europea (UE) e outros estados que pese a non formar parte da UE si están no continente non se pronuncian de forma efectiva contra ese xenocidio; incluso a presidenta da Comisión Europea non retiran o que foi seu apoio (con foto e todo) ao criminal Netanyahu; moitos países que fornecen armas ao estado xenocida seguen fornecéndollas, aínda que coa boca pequena e de esguello digan condenar esa labor criminal e xenocida do Exército e do Estado de Israel. E non digamos xa do meirande estado criminal do mundo na idade moderna e actual, que apoia incondicionalmente o xenocidio do pobo palestino polo Estado de Israel fornecéndolle a maioría das bombas e das armas coas que ese xenocidio se leva a termo.

O proceso de eliminación da poboación palestina e do xerme do Estado Palestino, que de forma máis intensa e criminal se empezou despois do día 7 de outubro de 2023, segue neste intre. Pero, aínda que os medios de información controlados polas axencias internacionais de noticias fálannos só da destrución da Faixa de Gaza e dos seus habitantes, o certo é que esa intensidade homicida e criminal está a incrementarse tamén na Cisxordania e no Xerusalén Leste.

Os bombardeos contra os cidadáns gazatís seguen; coa máis que evidente intención de facer desaparecer da faz da terra ás persoas palestinas. Indican á poboación de Gaza que se dirixan a “zonas seguras” para evitar os efectos dos bombardeos, pero cando a poboación palestina se agrupa nesas zonas indicadas polo exército xenocida de Israel son masacrados coas bombas fornecidas por diferentes países de Europa e polos Estados Unidos de América (EUA). Bombardéanse campos de refuxiados, hospitais e escolas. Asasínase a membros de organizacións humanitarias. E a escusa é a de sempre: aí estaba un “importante membro de Hamas”.

E pese a saber que unha e outra vez a repetida escusa sionista é unha grande mentira, os medios de noticias internacionais espallan a escusa sen poñer en solfa a veracidade da mesma. Porque as novas sobre Gaza que as axencias de noticias e os grandes medios fornecen están baseadas na súa inmensa maioría por medios afíns e acríticos co labor xenocida do Estado de Israel. Porque o exército sionista e o goberno de Netanyaju non permiten medios de prensa independentes na faixa e as poucas novas con tinguidura de veracidade proceden de xornalistas que resisten e están ilocalizados polas bandas sionistas uniformadas e os seus servizos de información, ou de cidadáns que aínda conservan o seu teléfono móbil e remiten imaxes ao través de axencias ou xornalistas independentes.

Xenocidio non so en Gaza

Pero non só Gaza. Como xa teño indicado máis arriba, a Faixa de Gaza non é a única vítima do xenocidio contra Palestina. Tamén ese xenocidio se ten intensificado na Cisxordania e no Xerusalén Leste. Os derrubamento de fogares de familias palestinas por parte do exército de Israel, as ocupacións de propiedades de familias palestinas por parte de colonos sionistas protexidos -ou incluso dirixidos- pola policía e polo exército sionistas, o asasinato de cidadáns palestinos polo mero feito de selo ou baixo a escusa de ser membros de Hamas e o posterior derribo das súas vivendas ou dos edificios nos que viven baixo a escusa de que os seus moradores estiveron a encubrir á persoa asasinada. Estas situacións son o día a día da poboación palestina que vive en Cisxordania ou en Xerusalén Leste. E, falando de vivendas derrubadas polo exército sionista, estas pronto son ocupadas por colonos sionistas.

Lémbranse vostedes cando naqueles filmes do Oeste clásicos de Hollywood, producidos por estudos propiedade de persoas de orixe e relixión xudía, nos que os soldados e oficiais do exército dos Estados Unidos (os “casacas azuis”) expulsaban aos indios americanos das súas terras e estas eran ocupadas de seguido por colonos de orixe anglosaxón? Pois no actual Israel e nos territorios asignados a Palestina pasa o mesmo; tamén se encarnizan cos palestinos, violan ás súas mulleres, asasinan ás súas crianzas... E isto fano tanto os soldados rasos coma os oficiais e suboficiais do exército israelí, faino tamén a súa policía e os colonos que queren apropiarse d que non é seu; e non só iso, senón que polo que se ven nas súas propias redes sociais, tamén desfrutan e vanglórianse de facelo así. E os altos oficiais do exército sionista e os seus dirixentes políticos sionistas non só non recriminan eses comportamentos, senón que os consenten e aplauden. Uns verdadeiros criminais xenófobos e xenocidas.

E todo isto non se pode consentir. Hai que bloquear economicamente ao Estado Sionista de Israel, hai que boicotear os produtos procedentes das súas compañías, hai que esixir e forzar aos gobernantes dos nosos países a rachar todo tipo de relacións co Estado de Israel e seguir a mobilizarse na rúa para condenar o xenocidio do pobo palestino.

Ah! E, unha vez máis teño que aclarar que non son antisemita. Simplemente, son antisionista. E o goberno de Netanyahu, o seu exército, a súa policía e a meirande parte dos seus colonos son sionistas xenocidas e xenófobos.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...