Que ninguén se leve a engado. Cando falo de "superglú" non me estou a referir a esa banda musical ferrolana de nome "Super-Glú", senón ao nome con o cal se coñece de forma popular a ese pegamento instantáneo, de múltiples marcas, cuxo composto básico é o Cianocrilato que ten fama de actuar rápido e con forza.
E que ten que ver iso co Partido Popular e coas poltronas? Pois moi doado; e logo o entenderedes, porque diso se trata, de engancharse ás poltronas coma se en elo fórase a vida.
As persoas que lemos a prensa ou escoitamos as novas sabemos que, desde hai moitos anos cara aquí, desde o Partido Popular levan pedindo dimisións a destro e sinistro, "a tutiplén", como parte da súa "política de Estado" (vaiase señor González, Zapatero, Mónica Oltra, Sánchez, Fiscal do Estado, Presidente do Tribunal Constitucional, Irene Montero, Alberto Garzón, ministros e ministras dos diferentes ramos,etc.).
Eu coido que todo isto ten que ver coa súa incapacidade para acadar unha maioría que lle permita acadar o Goberno do Estado e facer as falcatruadas e destrución dos servizos públicos que está a facer alí onde goberna; ou incorrer en neglixencias como as que protagonizou neste mes de novembro na Comunidade Valenciana, as que cometeu en Madrid nas residencias de maiores durante a pandemia do COVID ou as que protagonizaron na Galiza durante a crise do Prestige ou coa progresiva aniquilación do idioma galego desde que Alberto Núñez Feijóo acadou a Presidencia da Xunta de Galiza. Unhas con numerosas vítimas mortais e outras, afortunadamente, sen consecuencias mortais directas.
En ningunha das cuestións delituosas que afectaron a cargos públicos do Partido Popular ou en cuestións de nefasta xestión e neglixencia houbo dimisións, destitucións ou expulsións do partido ata que non se demostraron xudicialmente as cuestións delitivas. E, por suposto, no caso de claras xestións nefastas e/ou neglixentes, incluso as que determinaron numerosos casos de falecementos derivados desas xestións, non houbo nin un só cargo do Partido Popular que dimitira, fora destituído ou expulsado. Como exemplo a xestión das residencias de maiores de Madrid durante a pandemia, con 7291 falecidos derivados da neglixente xestión; ou os mortos da recente DINA de Valencia que se poderían evitar (polo menos en gran parte) se a Generalitat Valenciana fixera o seu traballo. Pero non, aí seguen repartindo culpas e tentando de sacar toda a caspa levan enriba Isabel D. Ayuso, os seus consejeros, e Mazón e os seus consellers. Engánchanse ás poltronas como leóns ás súas presas, tal cal parece que cando se lle move a banqueta séntanse, enchen o asento da poltrona de superglú e pousan o cu nela para evitar que ninguén os remova, por moi mal que o teñan feito.
Ista forma de actuar contrasta coas súas maneiras públicas de actuar e dicir cara a outras persoas. Porque cando a alguén que non é do seu gusto algún xuíz ou xuíza (que non practica o "lawfare", por suposto) ábrelle dilixencias penais, aínda que estas sexan abertas en base a recortes de xornais presentados por organizacións fascistas ou ultrarrelixiosas, pronto están a esixir a súa dimisión.
Hoxe seguen igual
Ocorridos os efectos negativos da Depresión Illada en Niveis Altos da Atmosfera (DINA), con un alto nivel de destrución en bens materiais e, o que é peor, un altísimo número de falecidos que se podían ter evitado se o Presidente da Generalitat Valenciana e o seu Consell actuaran de forma dilixente diante dos avisos de AEMET e da Confederación Hidrográfica, coma fixeron outras institucións (Universidade de Valencia, concellos e outros organismos que decidiron suspender toda actividade pública). Pero non; optaron por ser neglixentes como se ten demostrado nos días posteriores. E por máis que se esforzan Mazón e os seus conselleiros, así coma Feijóo e o resto da cúpula do Partido Popular en desviar a responsabilidade do desastre, a secuencia dos feitos, das neglixencias e do desinterese nin sequera o negan os medios máis afíns á dereita populera.
E, unha vez que falla o tema AEMET e o tema Confederación Hidrográfica, pola inconsistencia das desculpas e novelas televisadas do señor Mazón e os seus protectores instalados en Madrid, dirixen os tiros cara á ministra Teresa Rivera, titular de Transición Ecolóxica e candidata a Comisaria de Transición Limpa, Xusta e Competitiva na Comisión Europea.
Eu teño que confesar que esa señora, Teresa Rivera, non é santa da miña devoción. Non podo máis que pensar que unha señora que apoia a construción de grandes parques eólicos mariños nos caladoiros onde a flota de pesca artesanal e de media altura máis importante de Europa realiza o seu traballo, con todas as consecuencias negativas que vai ter tanto para os pescadores, os mariñeiros e os consumidores e consumidoras (com xa teñen avisado os pescadores portugueses vítimas dun parque dese tipo), non está realmente a defender intereses medioambientais, senón outros que nada teñen que ver coa ecoloxía.
En todo caso, non ten moito sentido o balbordo que na Unión Europea está a montar a ultradereita do Partido Popular, arrastrando consigo, da man do ultradereitista alemán Manfred Weber, presidente do Partido Popular Europeo, ao resto do grupo popular no parlamento da Unión Europea. Un balbordo que o único que pretende é enturbar o debate e desviar as claras responsabilidades políticas (e posiblemente penais) do desastre valenciano.
E menos sentido algún ten a proposta feita polo señor Weber de non impedir o acceso de Teresa Ribera ao posto de Comisaria da UE se hai un compromiso pola súa parte de dimitir do cargo no caso de ser imputada xudicialmente polo desastre valenciano. Acaso Manfred Weber non está informado de que no Estado Español un xuíz ou xuíza pode imputar a calquera por unha denuncia baseada en novas non contrastadas de xornais aínda que despois resulten ser falsas? (caso da esposa de Pedro Sánchez) Ou que pode ser imputada porque unha persoa fai acusacións non contrastables e que resultan ser falsas? (caso da "niñera" de Pablo Iglesias e Irene Montero, por exemplo) Non sabe, ese señor, que hai organizacións de corte fascista que están cada dous por tres nos xulgados presentando querelas criminais contra persoas e organizacións democráticas e de esquerda con resultado de imputacións que despois de longo tempo son sobresidas?
Como para aceptar tal cousa. Habería cola de fascistas diante dos xulgados a presentar denuncias; e, posiblemente, cos resultados que todos presupoñemos.
En fin, o que ten que ocorrer é que a Generalitat Valenciana dimita en bloque, co seu President Mazón á cabeza como máximo responsable e corresponsables do desastre. E que a cidadanía valenciana se aproveite no que poida do rego de millóns de euros que van sementar os peperos (non todos mais si os de sempre), pero que non deixen que recollan os votos. Que sigan a esixir as dimisións e a pedir responsabilidade. Que non fagan o que moitos e moitas galegas fixeron, de forma vergoñenta, despois do desastre do Prestige (e o sinto se a alguén lle doe e molesta que se diga, pero foi así; a min, galego, dóeme o que fixeron e o digo). Que non se deixen comprar.
