02 xullo 2024

Migrantes. Denigrados, vendidos e sen dereitos

 

Desde hai bastante tempo estamos a asistir a un debate social intenso sobre o fenómeno migratorio. Non é un debate que se dea só no Estado Español e na Europa e que condicione de forma importante o comportamento do corpo electoral; tamén é un debate importante e condicionante nos Estados Unidos de América.

Diversas posicións arredor da migración

Nos diferentes países estanse a dar diversas posicións sobre o tratamento a dar a o asunto migratorio (maiormente fálase do “problema da migración”; eu négome a cualificalo de “problema” porque considero que o problema real son aquelas persoas que cualifican a migración coma un “problema” dos países receptores de persoas migrantes.

A grandes trazos, e tendo en conta que dentro de cada unha pode haber matices diferenciados, poderiamos describir as diversas posicións existentes sobre a migración como as seguintes:

1ª) Por unha parte están os postulados aberrantes que está a utilizar a extrema dereita e o fascismo contra os fluxos migratorios de persoas con un alto nivel de pobreza procedentes de países do terceiro mundo cara a Europa ou cara aos países “ricos” de América (ricos en termos de PIB, que non en termos de IDH-Índice de Desenvolvemento Humano). Temos que aclarar que para xustificar os seus postulados o fascismo está a recorrer de forma continuada á expansión de todo tipo de mentiras arredor das actividades dos migrantes (que si violacións, que si ocupacións, que si quitan traballo, etc.), trolas que fican desmentidas se acudimos ás memorias xudiciais e policiais. Mais non só é a extrema dereita a que usa estes mecanismos troleiros para denigrar as migrantes, tamén hai forzas de “dereita civilizada” (o de civilizada é un dicir e unha contradición), como pode ser o Partido Popular no Estado Español ou os partidos Republicano e Demócrata nos EUA. Ou ese partido europeista, que di Felipe González, o partido fascista de Meloni, ao que só lle falta dar ordes á súa mariña de que afunda as embarcacións de migrantes que entren en territorio de Italia.

2ª) Por outra parte, están aqueles que observan o fenómeno migratorio dun xeito utilitarista e cousificando ás persoas migrantes coma suxeitos útiles para resolver os problemas do crecemento vexetativo e os desequilibrios das pirámides de poboación ao que se están enfrontando os países máis desenvolvidos e que están a suxerir problemas tanto no mantemento dos sistemas de pensións como nos do desenvolvemento produtivo daquelas actividades que os propios empresarios non deslocalizan cara a países corruptos e con baixos salarios.

3ª) Unha mestura das dúas visións anteriores é unha intermedia: a que, aínda recoñecendo a regañadentes as situacións que levan ás persoas migrantes a adoitar marcharse dos seus países (sen afondar nas causas polas que eses países chegan a esas situacións, non vaia ser...), néganlle o pan e a sal, néganlle refuxio e incluso pagan a países terceiros con sistemas corruptos para que sirvan de barreiras de contención ou de campos de concentración para que esas persoas non cheguen a penetrar polas súas fronteiras. E non lle doen prendas. Estes suxeitos na Europa dirixen e gobernan moitos países que empobreceron, tanto desde os seus estados como desde as súas empresas, aos países de onde proceden a meirande parte dos migrantes que veñen cara a Europa. Francia, Alemaña, Holanda, Italia, Inglaterra, Bélxica,... esquecen que foron os seus exércitos e as súas empresas quen saqueou as riquezas naturais de África deixando ás poboacións deses países na máis extrema pobreza e miseria. E que unha vez renunciado a mantelas coma colonia, deixaron a eses países nas mans de gobernos monicreques, corruptos, e ao servizo da antiga colonia e as súas empresas para seguir co saqueo. E agora non queren que esas persoas ás que espremeron ben espremidas, que non teñen onde caer mortas, veñan cara a onde poden acadar un futuro, incluso poñendo en risco as súas vidas e as das súas crianzas. Igualmente os Estados Unidos de América, que despois de saquear a gusto Latino América agora se nega a asumir a chegada de migrantes procedentes daqueles países aos que espremeu e nos que impuxo pola forza de golpes de Estado gobernos de monicreques corruptos e asasinos; e onde derrocou gobernos lexítimos para poñer no seu lugar outros que foran dóciles cans ao servizo dos seus intereses.

4ª) Por último, están as persoas que asumen coma propia a situación das persoas migrantes e que defenden o dereito de todas as persoas a ter unha vida digna sen razóns de fronteiras e, polo tanto, o dereito á libre circulación das persoas entre os diversos países do mundo. Posiblemente tamén coincidimos en condenar as políticas migratorias de todos os países da Unión Europea e dos países da América do Norte.

Non sei se me que da algunha sen mencionar (posiblemente); pero coido que os trazos que máis arriba describo tenden a agrupar os grandes grupos de opinión.

 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...