O pasado
xoves 17 de agosto na cidade de Barcelona tivo lugar un feito que levou por
diante vidas, que produciu numerosas persoas feridas. E que, queiramos ou non,
vai deixar pegada psicolóxica nas mentes doutras moitas; tanto se estaban
presentes nas Ramblas no intre no que a furgoneta entrou a matar, como senón;
incluso naquelas persoas que non teñen fixada a súa residencia na preciosa e
moderna cidade catalá cuxos veciños foron vítimas non só de terroristas, senón que
o son, tamén, de especuladores inmobiliarios sen escrúpulos. Pero isto último é
outro cantar; así que imos ao que imos.
Segundo
contan os diferentes corpos de policía que entenden do caso, o mesmo grupo de
individuos foron os que ese mesmo día pola noite quebraron a tranquilidade de
Ripoll, vila de Catalunya na que os desalmados tiñan a súa residencia, as súas familias e moitas das súas amizades.
Como se pode chegar a ese nivel de dexeneración da persoa? Pois parece ser que
no nome dun deus, no nome de Alá, un fato de mozos novos, irreflexivos e coa
mente deformada por un imán musulmán
(que ven sendo o equivalente musulmán do “cura”
católico, o “pastor” protestante ou o
“rabino” xudeu) que ao que parece
consideraba a todo aquel que non profesara a súa relixión como alguén “infiel” condenable, incluso a morrer a mans dos convencidos. Todo elo no
nome de Alá. Un pouco como a Santa Inquisición católica dos séculos XV a XVII,
martelo executante e castigador de herexes.
Aclarar que
non é a miña intención identificar o feito de profesar a relixión musulmá con
practicar a violencia ou dedicarse a liquidar a toda canta persoa non comulgue
coas mesmas crenzas; nin que as persoas de crenzas musulmáns non poidan ser
obxectivo dun grupo de desalmados integristas relixiosos; de feito a maioría
dos mortos ou secuestrados no nome de Alá o foron en países onde a inmensa
maioría ou unha parte importante da poboación é crente e practicante da
relixión do Islam (Nixeria, Sudán, Siria, Paquistán, Iraq, ... por poñer algún
exemplo).
O exercicio da barbarie no nome dun deus.
Mais a
violencia exercida no nome do deus “Alá” non é exclusiva dos integristas
islámicos. A historia da humanidade ensínanos que a inmensa maioría das
barbaridades cometidas polas distintas civilizacións utilizaron como bandeira a
relixión, o sometemento dos infieis, os herexes ou calquera outra denominación
aplicada a aquelas sociedades ou persoas que non profesaban as mesmas crenzas
(non necesariamente relixiosas) que quen promovía as accións violentas. Esa violencia
“relixiosa” case sempre foi utilizada
no nome de relixións monoteístas e as máis das veces con ánimo de obter
beneficios de carácter económico; e, amais, no nome de relixións que teñen
entre os seus principios básicos declaracións contra a violencia, contra o
matar e, en xeral, contra o maltrato a outras persoas, que deben ser consideradas
coma semellantes, coma irmás.
Imos citar
unhas poucas desas barbaridades cometidas no nome dalgunha relixión. Aí temos
as Cruzadas, cunha guerra de rapina da nobreza europea contra os países
musulmás xustificada no nome do deus cristián; podemos citar, tamén, a
conquista por motivos comerciais e de enriquecemento da Península Ibérica e
territorios situados no mar Mediterráneo polos árabes, xustificada no nome de
Alá; igualmente, a invasión e conquista de América polos reinos europeos
despois de 1492, invasións animadas pola necesidade de fondos das monarquías absolutistas
española, portuguesa e italiana e que foron realizadas poñendo por diante o
nome do deus cristián. Realizáronse, tamén utilizando a relixión coma parte da escusa,
barbaridades de tal calibre como o golpe de Estado de Franco contra a Segunda
República Española e os asasinatos que seguiron ao citado golpe; asasinatos en
cuxa planificación e realización participou un elevadísimo número de imáns
católicos e que foron bendicidos pola xerarquía eclesiástica con total frialdade
e naturalidade, como se formaran parte da relixión que dicían representar. A
liquidación da democracia e dos dereitos democráticos no nome de Alá en Iran,
Arabia Saudí e Catar ou, recentemente, en Turquía. O ataque ás torres xemelgas
e outros obxectivos situados nos Estados Unidos; igualmente, o ataque
terrorista múltiple realizado en Madrid o 11-M ou os realizados en distintas
cidades europeas, de Iraq, de Afganistán ou de Sudán no nome de Alá. Ou a introdución
de seitas evanxélicas, financiadas pola CIA, con alto poder económico para a
súa expansión, en América Latina na época de auxe dos relixiosos católicos con inquedanzas
sociais.
En todas
elas, dende a Idade Media ata hoxe, os motivos reais desas accións perpetradas
no nome dun deus e que xeraron morte, miseria, pobreza de moitos e
enriquecemento duns poucos, que practicadas por asasinos sen escrúpulos (nobres
cruzados, xeques ou caudillos do Islam, asasinos e mercenarios contratados
polos promotores, falanxistas, gardas cívicos, xoves sen formación ou
procedentes da marxinalidade social e, mesmo, curas), non tiveron como motivo
real a imposición ou a defensa dunha determinada relixión, senón que as
motivacións foron económicas ou políticas, como xa teño dito anteriormente.
Como
sinalei antes, as relixións non predican tales cousas; normalmente, as bases nas
que se asentan as diferentes relixións son pacíficas e integradoras. Logo, pregúntome
eu: son as crenzas relixiosas as que xeran a violencia ou son as organizacións
relixiosas as que alentan e facilitan que se produzan episodios violentos no
nome das relixións que din representar coa finalidade de servir aos seus
propios intereses ou como cómplices e colaboradores cos intereses de terceiros?
É evidente que a intervención das organizacións relixiosas non adoita a mesma
forma ao longo dos séculos. Así como tampouco as motivacións aducidas para
cometer barbaridades no seu nome contra a humanidade foron as mesmas. Tampouco
o número de participantes relixiosos e alentadores nas distintas accións
criminais foi sempre o da totalidade da xerarquía da organización relixiosa
comprometida.
É máis, hai
máis que fundadas sospeitas de que moita da violencia exercida nos últimos
tempos por elementos que actúan no nome do Islam foi ou é impulsada por
axencias de información occidentais (fundamentalmente esa banda de asasinos
internacionais baixo a dirección dos EE.UU. que é a CIA) para acadar obxectivos
políticos. Artigos aparecidos nos diarios dixitais Público, La Marea ou Sermos Galiza, asinados cadanseus por Nazanin
Armanian, Antonio Maestre e Xabier P. Igrexas, respectivamente, apuntan nesa
dirección (poremos os títulos e as ligazóns ao remate deste artigo). Tamén
parece máis que probado que a maior parte das persoas recrutadas para formar
parte desa especie de milicias fanáticas basean as súas accións e actuacións criminais
convencidos “por motivos relixiosos”
impulsados por clérigos extremistas, posiblemente moitos deles a soldo de quen
financia as operacións de terror.
É o fanatismo relixioso actual patrimonio exclusivo da relixión islámica?
Contra o
que parece querer que se entenda, e tal como a historia nos demostra, o
fanatismo baseado na relixión non é exclusivo dunha soa relixión. Nas grandes organizacións relixiosas
monoteístas, tanto cristiás coma musulmás, existen correntes extremistas
perfectamente organizadas cuxos membros en calquera momento poden ser
utilizados por intereses alleos ao propio sentimento relixioso para realizar
actos de carácter violento.
Non é
descoñecido que dentro relixión xudaica existen fanáticos ultraortodoxos
perfectamente organizados e que conviven dentro desa organización confesional.
E que son tolerados pola xerarquía da igrexa xudía como parte integrante da
mesma. Estes integristas son a punta de lanza que o estado israelí utiliza coa
finalidade de ocupar e colonizar terras palestinas, recoñecidas como tales
polas leis internacionais, incluso matando ou calquera outra barbaridade que
xustifican no nome da “recuperación da terra
prometida”; cousa que, evidentemente, nada ten que ver con relixión
algunha, aínda que sexa aderezada con roupas que non se corresponden con ela.
O mesmo
pasa dentro da confesión católica, na que existen correntes extremistas e
fanáticas perfectamente organizadas e con poder económico; correntes que captan
a nenos e nenas dende moi xoves e que os adestran ideoloxicamente en
comportamentos que nada teñen que ver coa doutrina da fe cristiá que din
profesar (incitar ao xaxún, ofrecer dor a Xesús, ser soldados de Xesús, etc., como teñen afirmado
algúns pais afectados e que tiveron o valor de denuncialo publicamente e diante
das xerarquías da confesión). Non é moi difícil supoñer que as persoas formadas
nese ambiente e “principios” acaban sendo moi submisas, nada críticas e
obedientes; e que son pasto fácil para quen os queira lanzar por vías que nada
teñen que ver coas relixións, facendo de forza de choque do extremismo bárbaro
baixo a escusa de defensa de calquera escuro interese. Nos anos oitenta
potenciouse polo Estado un organismo para o estudo das seitas, coa finalidade
de determinar as que tiñan carácter destrutivo; unha destas correntes, o Opus Dei, que se sitúa dentro da Igrexa
Católica, con moito poder e financiamento por parte de persoas ligadas ao gran capital, estivo a piques de ser considerada coma unha seita destrutiva, mais precisamente ese
gran poder que moitos dos seus membros ou protectores teñen impediron que
recibira tal cualificación. Podemos mencionar, tamén, aos chamados Legionarios de Cristo ou aos denominados
Quicos, por falar doutras seitas con
grande actividade e influencia. Pero, do mesmo xeito que a xerarquía xudía fai
cos ultra-ortodoxos xudeus, tamén son tolerados e protexidos pola xerarquía da
Igrexa Católica xunto con outras correntes extremistas católicas, pese ás
bonitas palabras que pronuncia con frecuencia o seu actual xefe, o Papa
Francisco, e que nada teñen que ver coa realidade práctica da confesión que
lidera.
Do Islam xa
non nos estendemos, pero aí están o wahabismo e o salafismo, protexidos e
utilizados polos réximes saudís e catarís, amais de polos servizos secretos dos
USA. E os chiitas de Irán, comprometidos coa causa contra a liberdades
democráticas e a liberdade de crenzas, con brigadas relixiosas armadas para
impoñer pola forza as súas crenzas e con grande poder.
------------------------------------------------------------
Ligazóns aos artigos citados no
texto:
- Nazanin Armanian: El asesor de seguridad del presidente Jimmy Carter: ¡Yo creé el terrorismo yihadista y no me arrepiento!.
- Antonio Maestre: El dinero del wahabismo de Arabia Saudí y Catar en España (1). Arabia Saudí, el huevo dorado de la serpiente (2) . Qatar, el fundamentalismo glam (3)
- Xabier P. Igrexas: Estado Islámico: o califato patrocinado polo imperialismo.
