Amosando publicacións coa etiqueta Ciudadanos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciudadanos. Amosar todas as publicacións

29 xaneiro 2021

O fascismo madrileño contra a liberdade das mulleres


           Aconteceu en Madrid. A xunta de distrito do barrio madrileño de Ciudad Lineal, a iniciativa de membros de Vox, partido de ideoloxía nazi-fascista, decidiu borrar un mural homenaxe ás mulleres realizado coa colaboración cidadanía-artistas na parede dun polideportivo sito nesa barrio. 

            O citado mural era unha homenaxe á muller; nel estaban representadas mulleres de profesións, países e ideoloxías variopintas cuxas actividades tiveron coma resultado avances no recoñecemento da muller coma suxeito activo e creador. Este recoñecemento ao labor das persoas alí retratadas traduciuse socialmente en avances na consideración social das mulleres e nunha dimunución da infravaloración que a sociedade machista ten de vello cara ao sexo feminino. Mulleres tan significativas para o avance social, a liberdade, a cultura, a non discriminación racial, a ciencia,... como Angela Davis, Rigoberta Menchú, Nina Simone, Frida Kalho, Rosa Parks e outras moitas mulleres.

            Só pode entenderse a decisión de borrar o citado mural polo odio que aos propositores de semellante gilipolléz teñen pola emancipación das mulleres, de que estas deixen de ser consideradas unicamente como obxectos e o racismo e xenofobia que destilan contra a poboación que ten a pel de cor distinta ao branco (moitas das mulleres representadas a teñen). Son os mesmos que se manifestan contra os migrantes subsaharianos, ou contra os que profesan relixións de culto islámico (que non son os mesmos que falsifican o islamismo para exercer a violencia contra quen non pensa coma eles e impoñer as súas costumes -igual que outros falsifican o cristianismo para defender os seus privilexios e os da clase social coa que se xuntan-), os que estenden falsidades sobre a pandemia, os que promoven manifestacións contra os migrantes que chegan a terra española en condicións fisicas e mentais deplorables, despois de inxentes esforzos e sacrificios, pensando en chegar a unha Europa ideal que non existe.

                Pero non son só eses indecentes, tamén hai outros que lle dan polo pau e que son os que teñen a potestade de borrar ou non unha obra de arte dos espazos públicos. Son aqueles que se xuntaron cos de Vox para poder acadar postos de gobernación en Madrid (concello e comunidade autónoma); son os neofranquistas do Partido Popular dirixidos por unha señora que non se molesta en esconder para nada a súa ideoloxía de extrema dereita e un señor cativo e con gafas pertencente a unha seita relixiosa ultraconservadora católica. Os mesmos que atentan contra a memoria histórica e mandan destruír ou retirar recordatorios ás víctimas dos asasinatos franquistas, dos asasinatos dos fascismo que eles sen disimulo defenden. Claro que se eses dous personaxes e os dos seus gobernos son o máis representativo que o Partido Popular ten en Madrid, como serán os demais... Certo é que a historia política de acoso do Partido Popular á muller e á liberdade sexual é coñecida: oposición inicial ao divorcio, oposición inicial ao aborto e recortes posteriores á lei, oposición ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo,... Iso si, non sei o aborto, pero foron membros dese partido dos primeiros en usar tanto a lei do divorcio como a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Non só fachas, tamén hipócritas.

                Outros son os membros de Ciudadanos que co-gobernan co PP tanto na C.A. madrileña coma no concello de Madrid, coas mesmas responsabilidades e actitudes indcentes na defensa das mulleres e das víctimas do franquismo. O Aguado e a Villacís. Que personaxes! Ao primeiro da pena escoitalo falar; un día di unha cousa e ao día seguinte a contraria para cambiar o discurso un pouco máis tarde e volver dicir o contrario pouco tempo despois; é un home incrible. A señora Villacís, á parte das cuestións de estar social (coma se é "pija" ou non), coido que ten unha importante contradición: quer actuar coma unha persoa de ideoloxía demócrata, pero a pouco que se descoida a súa lingua traicióaa e sáelle a súa vea ideolóxica de dereita rancia. Eu supoño que estes "descoloques" son un rasgo común á maioría dos membros dese partido; e coido que ven determinado porque moitos dos que se meteron aí o fixeron porque non foron quen de trepar nas estruturas do Partido Popular ou do PSOE; e claro, pasa o que pasa; non se aclaran. Mais, seguen a ser a alianza preferida de Pedro Sánchez para gobernar; así que no desesperen que ao mellor e cunha pouca de sorte pillan cacho.

                A reacción dos veciños, diante de semellante agresión ao seu barrio de Ciudad Lineal e ás mulleres, plantáronse e dixéronlle ao Concello dirixido polo do Opus que non ían permitir que borraran o mural. Os xornais internacionais fixéronse eco, tamén, de semellante despropósito fascista, machista e xenófobo. Resultado: a Villacís e os seus recolleron velas e, de rebote, aos neofranquistas do Partido Popular non lles quedou máis remedio que facer o mesmo. Polo tanto O MURAL DE HOMENAXE Á MULLER QUÉDASE. E aos nazi-fascistas, que lles dean.

             

16 agosto 2019

Deus daos, eles xúntanse


Di un refrán popular que “deus dáos e eles xúntanse”. Efectivamente parece que a sabidoría popular cúmprese no campo da política, como estamos a ver en Andalucía, Madrid, Navarra, Castela e León...; mesmo na Galiza é de recente rexistro a marca de Galicia Suma polo Partido Popular, forma de remedo da Navarra Suma baixo a que o partido franquista e o partido escorado á extrema dereita que rula baixo a marca Ciudadanos (e supoño que con elementos do partido nazi-fascista) presentáronse ás eleccións autonómicas en Navarra.
E digo que eles xúntanse porque estamos a ver que, tanto en Andalucía, como en Madrid e en numerosos concellos do Estado onde o coñecido como trifachito (Partido Popular, Vox e Ciudadanos) teñen chegado a acordos para investir alcaldes e presidentes de comunidade autónoma, os e as escollidas rematan por asumir publicamente os aspectos do programa mais perniciosos e retrógrados de Vox; chegando, incluso algunha delas a facer unha defensa férrea da cabeza máis visible do partido nazi-fascista, como ten feito a actual presidenta da Comunidade de Madrid e membro do partido franquista.
Todos eles asumen a negación da violencia machista, ben sexa na práctica ou facendo pública o seu apoio á teoría nazi-fascista da “violencia doméstica”, chegando a criticar as dotacións orzamentarias aprobadas para facer fronte á violencia de xénero; equiparan o feminismo a unha especie de loita das mulleres contra dos homes, deixando á vista a súa cultura de negación da igualdade de dereitos entre persoas e unha concepción da muller como elemento estético-decorativo e de múltiples usos a capricho dos homes, incluído o dereito a maltratalas sen consecuencias. Rematarán, incluso, partido franquista de partido riverista por asumir a prohibición ou a limitación do dereito ao aborto aínda que só sexa por salvagardar os seus intereses políticos? (lembremos que Pablo Casado, líder do partido franquista, xa ten xogado con derrogar a lei de prazos e que no triste período de goberno de Mariano Rajoy modificouse a lei para que as menores non puideran decidir un aborto sen o coñecemento e a aprobación dos seus pais ou titores).
Outras das súas fazañas favoritas é a de cancelar actos culturais e artísticos protagonizados por grupos ou persoas que sexan susceptibles de os criticar ou que non se encadren nos seus posicionamentos políticos ou sociais. Así teñen cancelado concertos, con argumentos peregrinos e collidos polos cabelos e de clara orientación e argumentación fascista, do grupo musical Def con Dos en máis dun concello no que estaba programada a súa actuación; chegando a ter que pagar ao artista cancelado e aos o aos artistas substitutos. Outra, esta en Madrid, a suspensión dun concerto de Luís Pastor e o seu fillo; neste caso non se molestaron nin en dar explicación, só escusas por parte de membros do partido laranxa escorado á extrema dereita; parece como se a historia do Pastor pai molestara aos membros do partido franquista que controlan a xunta de distrito do barrio no que o concerto íase celebrar (aínda que moito me temo que as ordes viñeron de “arriba”). Temos que lembrar que en España se teñen suspendido multitude de exposicións e obras teatrais, descolgado multitude de cadros, ...e outras manifestacións de carácter cultural por mor de presións de orixe no partido franquista ou en lugares nos que eles tiñan a capacidade de facelo. Seguramente cousas coma estas haberá por todos os lugares onde o trifachito goberna, xuntos ou por separado; porque parece que fica máis que claro que a diversidade de opinións e o que a xente se exprese con liberdade non vai con eles. Así lexislaron a lei mordaza ou reformaron o Código Penal establecendo sancións económicas ou penas de cadea para aquelas persoas que protestan para defender os seus dereitos contra os abusos do capital ou as disposicións gobernamentais, ou que chaman ás cousas polo seu nome e poñen cualificativos a persoas indesexables; ou que amosan alegría ou burla por situacións sufridas por personaxes que contribuíron a facer da vida da maioría dos seus coetáneos un inferno fascista e ditatorial. Odian a liberdade de expresión ...para os demais.
Tampouco lles gusta a memoria histórica que quer honrar ás persoas represaliadas ou asasinadas e torturadas durante o réxime criminal de Franco. Normal, son franquistas; son o partido franquista por excelencia, o Partido Popular, que nunca foi quen de condenar ao réxime de Franco; son Vox, que non só non condenan, senón que vitorean ao réxime ditatorial de Franco e a todos os asasinos e cómplices criminais que o apoiaron desde o primeiro do seu golpe de Estado ata o último alento do ditador. E Ciudadanos ...sigue, consiste e faise cómplice. Non lles gusta que se poidan desenterrar os restos de todas as persoas asasinadas polos secuaces militares, civís e relixiosos de Franco, baixo cuxa ditadura asasináronse máis miles de persoas que en calquera outra habida no mundo coñecido (incluídas a de Pol-Pot en Camboia, a dos xenerais en Arxentina ou a de Pinochet en Chile); non lles gusta que os historiadores e investigadores se acheguen moitos dos arquivos militares e civís que garden datos sobre sobre a época da “paz dos cemiterios”. Durante os gobernos de Mariano Rajoy destinaron orzamento nulo á Lei da Memoria Histórica; agora, en Andalucía igualmente a baleiran de contido e de financiamento. Sempre se opuxeron a que os pobos recuperaran aqueles bens adquiridos polo ditador roubándollos ao pobo, como o Pazo de Meirás, casa de Cornide ou as esculturas procedentes do Pórtico da Gloria e propiedade do Concello de Santiago (agora os peperos galaicos, coa presión popular, víronse na obriga de virar a súa posición respecto á recuperación de Meirás, aínda que supoño que de mala gana; en todo caso, os peperos galaicos xa nos teñen afeitos que aquí din unha cousa e cando chegan a Madrid cambian o disco e din a contraria).
Outra das cousas que os une é o nepotismo, un dos males do franquismo e do posfranquismo, sobre todo nuns territorios máis que en outros. Pregúntenlle vostedes na Galiza a calquera paisano que ocorre cando un concello ou unha deputación provincial convoca unha praza de carácter fixo ou eventual; a observación común cando se lle di que pode presentarse ou informar a alguén para que se opte a ela será a de que “xa está dada”; pois iso, e ninguén se atreve nin fai denuncialos (agás algún sindicato, pero ten que denunciar o afectado para que vala) porque é un vicio que está tan imbuído na sociedade que xa case é connatural a ela; e o mesmo ocorrerá no resto do Estado. Pero parece que os do trifachito son máis descarados, polo menos en Andalucía. Aí temos o caso da irmá do presidente Moreno que accedeu por concurso á dirección dun centro dependente da Junta de Andalucía pese a ser a terceira en puntuación, sobre todo con moita diferencia sobre a primeira; pois nada, que os xerifaltes andaluces buscáronse escusas e usaron mentiras para desprestixiar á persoa que en xustiza gañou o concurso e xustificar o ascenso ás alturas do parente presidencial. Non só son nepotistas (que é unha forma máis de corrupción, señores e señoras de Ciudadanos), senón que por riba o fan mal e de forma chapuceira amosando a súa prepotencia fascista.
Outra das cousas nas que parecen coincidir son os coñecidos como “chiringuitos”. Hai que recoñecer que, agás Esperanza Aguirre que eu saiba, no partido franquista ninguén critica os chiringuitos e os soldos polo morro. Vox e Ciudadanos fan unha e outra declaración en contra deles e da súa existencia. Oh! mira ti que o máximo dirixente do partido nazi-fascista pasouse a vida vivindo dos chiringuitos que lles facilitou o seu partido; o ultimo unha mamandurria creada pola insigne Esperanza para facilitarlle a vida nun sitio no que aínda hoxe non se sabe cal era a súa función. E os de Ciudadanos na procesión dos caladiños, que ao fin e ao cabo tamén a eles caeralle algún choio.
Como vemos non hai diferenzas. Son iguais e rematarán (cando cheguen a acordos do reparto do botín) por estar no mesmo partido. O que non se pode é permitir que gobernen e nos devolvan ao plistoceno político deste país. Eu, desde logo, que non estou disposto a volver á época na que nacín, a época da paz dos cemiterios. Antes tírome ao monte ou emigro.

23 xullo 2019

Despois da Primeira Sesión da Investidura

Nota inicial.- 
                  Esta entrada estaba prevista para ser dividida en dúas partes, a primeira e a segunda sesión do primeiro intento de investidura de Pedro Sánchez como Presidente do Goberno, nos sucesivos día 22 e 23 de xullo de 2019. Houbo un troco na periodificación (decidido hoxe 23 de xullo) polo cal fica nun só artigo; a razón é que non houbo cambios significativos que puideran botar por terra o relatado no primeiro día. Por iso vai ir datada cada unha das partes das entradas.

Luns, 22 de xullo de 2019.

    A falta de que remate a intervención do voceiro do partido nazi-fascista no Congreso dos Deputados, coido que xa podemos tirar algunhas conclusións en vista do acontecido na sesión de hoxe, primeira das dúas que dan lugar a votación das que vai constar o proceso para investir, ou non, a Pedro Sánchez como Presidente do Goberno do Estado (levántome e apago a radio porque xa me está cargando esa verborrea fascista que se está a gastar Abascal). Seguimos.

     A primeira, aínda que non a máis importante, das conclusión que persoalmente tiro da sesión de hoxe fai referencia a Alberto Rivera, o “Riverita” como lle chamo eu no meu foro interno. Confeso que sentín desazado na súa intervención, un desazo que foi incrementándose progresivamente a medida que avanzaba. Un desazo que viña marcado pola lembranza. Eu xa case non me acordaba del, pero esas construcións verbais, os cualificativos, as formas de expoñer as ideas,... fixeron que me lembrara das intervencións de Blas Piñar, xefe da organización fascista Fuerza Nueva, defensora do franquismo, no Congreso dos Deputados nas primeiras lexislaturas do pos-franquismo. Mirade que xa nin sequera me lembraba de semellante suxeito impresentable, do famoso notario fascista, pois ben conseguiu o Riverita traermo á memoria. Fica máis que claro que Ciudadanos tírase ao monte e, que mentres siga a existir, apúntase á extrema dereita; que aquel “Podemos de derecha” do que falaba o banqueiro do Banco de Sabadell xa non é tal; como tamén supoño que aos que o impulsaron e financiaron xa non lles sirve; o Partido Popular volveu ao rego, o PSOE sigue a ser “felipista” e, para caso de apuro, xa teñen ao partido nazi-fascista Vox co que facerlle chantaxe ao partido de Pablo Casado pola dereita.

        Outra das cousas que quedou máis que medianamente clara é que o aspirante Pedro Sánchez non quere gobernar en coalición con Unidas-Podemos. Fartouse de pedir a Partido Popular e a Ciudadanos que se abstiveran e o deixaran gobernar sen ter que adquirir compromisos coa coalición dos partidos de Pablo Iglesias e Garzón e de ter que traballar pola abstención ou o voto positivo de nacionalistas vascos e cataláns (os únicos nacionalistas representados na cámara baixa). Amosouse que o acordo entre PSOE e Unidas-Podemos está máis que verde, réplicas e contrarréplicas entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias deixaron moi claro que aquel non quer saber nada do segundo e o que representa. Posiblemente as presións exercidas desde distintos ámbitos económicos, institucionais e mediáticos cara a Pedro Sánchez están a condicionar que non se poida chegar a un acordo entre os grupos progresistas, como ten sucedido hai uns anos cando o PSOE asinou un acordo de dereitas e ultraliberal con Ciudadanos, segundo recoñeceu a Jordi Évole o secretario xeral do PSOE. O partido de Felipe González ten claro os intereses que quere representar con preferencia, os que leva representando desde a metade da primeira presidencia de Felipe González, os da oligarquía financeira e o das portas xiratorias. Xa no pasado, na etapa de Rodríguez Zapatero ao fronte do PSOE e o Goberno, tiveron o agradecemento do banqueiro don Pantuflo e agora, posiblemente, terán o de dona Chinela como mostra de recoñecemento ás súas políticas ...e o que poida caer se a cousa non lle sae; quizá por iso Pedro Sánchez amosou tanta altanería e prepotencia diante das xustas reclamacións de lealdade demandadas polo líder de Unidas-Podemos.

         Outra cousa clara: o Partido Popular sigue a ser quen representa a dereita; é a el a quen se dirixiu Sánchez na súa intervención para pactar trocos constitucionais que poidan afianzar o lixo do bipartidismo coa finalidade de evitar que os partidos maioritarios véxanse obrigados a pactar gobernos e programas con outras forzas representativas da cidadanía. Casado o tivo claro; largou unha colección de tópicos da dereita que non chegan a nada; iso si, reafirmouse en que o seu voto á investidura será negativo.

         Tal e como van as cousas, parece moi plausible, agás que as presións dos intereses económicos e institucionais acaben por dobregar a Ciudadanos ou/e ao Partido Popular, que Pedro Sánchez teña que convocar novas eleccións, que renuncie a un goberno con tinguiduras progresistas (non digo de esquerdas porque o PSOE non é iso, e Podemos tampouco). Agás que Unidas-Podemos decida pese a todo apoiar a investidura sen compromisos de goberno. Sinceramente, eu na tesitura de U-P mandaría ao PSOE ao carallo, aínda a costa de que a dereita puidera saír triunfante nunhas novas eleccións; total o que vai facer o PSOE se goberna en solitario é aplicar políticas de dereita apoiándose en Partido Popular e nos restos de Ciudadanos.

        Por último, para non alongar e pese a que me vai custar dicilo, recoñecer que o mellor político que pasou hoxe pola tribuna do Congreso dos Deputados foi Pablo Iglesias. Mil voltas deulle a todos e cada un dos oradores dos demais grupos. Mil voltas a Pedro Sánchez, e dez mil voltas a todos os demais.

Martes, 23 de xullo de 2019.

         Confeso que hoxe non puiden escoitar en directo todas as intervencións, réplicas e contrarréplicas que se fixeron no Congreso dos Deputados, na segunda sesión para a investidura do Presidente do Goberno ao que aspira o secretario xeral do PSOE e actual presidente en funcións Sr. Sánchez Castejón. Isto significa que as referencias están recollidas do publicado en diferentes xornais dixitais relatores do acontecido no día de hoxe na cámara dos deputados.

              Polo que din os xornais referidos o máis salientable da sesión de hoxe foron as intervencións dos voceiros do Partido Nacionalista Vasco (PNV) e de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). O do resto das opcións políticas, integradas todas elas no grupo mixto, parece que non se ten saído do esperado.

            Tanto ERC como PNV coincidiron en poñer de manifesto a pouca vontade amosada polo candidato a adquirir compromisos para poder presentar un goberno con visos de estabilidade; ambos esixiron a Sánchez que se deixe das prepotencias e arrogancias, que a correlación de forzas que o PSOE ten non da para iso nin para moito menos. Coinciden ambos en pedirlle, esixirlle, ao candidato do PSOE que pacte dunha vez con Podemos un goberno, que para recibir hai que estar disposto a dar. Concretamente, un partido de dereita como é o PNV urxiu a Sánchez a acadar un pacto con Podemos e que se deixe de ser cautivo do IBEX-35. Do mesmo modo, ERC mostrouse disposta a cambiar o seu voto previsto de abstención por un voto positivo no caso de que PSOE e Podemos chegaran a un acordo de goberno. De feito optaron por absterse nesta primeira votación.

             Pero para iso, para que haxa un goberno equilibrado PSOE-UPodemos os primeiros teñen que deixar de render pleitesía e vasalaxe á oligarquía financeira; polo menos en moitas das áreas nas que hoxe parecen plegarse plenamente aos seus desexos (por poñer uns cantos exemplos: relacións laborais, pensións, ensino, privatización da saúde e dos recursos de dependencia, política de vivenda,...).

             Como dixen onte, nalgun caso a "chulería política" está de máis. E, tamén, está de máis tomar por tontos e totas a unhas persoas que pese á súa xuventude e pouco tempo de experiencia política están a demostrar ser moito mellores persoas e políticos que os soberbios e as soberbias que van "sobrados/as" ensinando a súa veteranía no arte de ocupar poltronas. Non se pode pretender que unha forza política entre nun goberno en calidade de "florero", sen competencias reais para xestionar áreas de forma eficaz. E da a impresión, polo que se puido escoitar nos debate de onte e nas declaracións realizadas nos días de onte e hoxe, que esa é a función que PSOE pretendía reservar a Unidas-Podemos no potencial goberno "de coalición". Sánchez, Calvo, Lastra, etc: baixade da burra e aclararvos se pactades ou seguides fieles ao felipismo servidor da oligarquía.

            Unidas-Podemos está a ter moita paciencia. Incluso no día de hoxe trocou o seu voto negativo por unha abstención como mostra de boa disposición a negociar e vontade. Vos, pesoeros, pensades que porque tiveran renunciado a que Iglesias estivera no goberno van renunciar a todo o demais? Eu xa vos tería mandado ao carallo, como dixen onte. E votaría non; porque (como tamén indiquei onte) non estaría disposto a que acadarades acordos venenosos con Partido Popular e o que quede de Ciudadanos sobre aspectos tan serios como o dereito dos traballadores e traballadoras a ter unha vida e un traballo decentes, remunerados en conformidade cos tempos, con dereito a percibir pensións públicas decentes, a que quen máis se beneficia do sistema contribúa máis a el, a que se doten fondos e medios contra a violencia de xénero, a que a educación sexa realmente pública e quen queira ir á privada que a pague,... e outras moitas cousas que fagan máis doada a vida das clases menos pudintes. E sabendo que sodes como sodes, que non sodes de fiar como xa tendes demostrado en numerosas ocasións, ou pasades polo aro ou votaría en contra da investidura de Sánchez.

08 febreiro 2019

10-F: Extrema dereita, borregos, ovellas e pallasos tristes


Ás xentes da extrema dereita española parece gustarlle o mes de febreiro para atacar as conquistas democráticas acadadas con moito traballo pola cidadanía. Xa o fixeron utilizando aos elementos máis fascistas do exército sucesor de Paquito El Terrible y sus Oficiales Guaracheros un 23-F; e parece que volven, esta vez con toda a dereita xunta e sen fisuras, a tentar un golpe de man (esperemos que incruento non só no seu desenvolvemento, senón tamén nos seus resultados) contra a democracia; e o que é peor, contra as ansias de recuperación dos espazos democráticos secuestrados á cidadanía polos últimos gobernos do Estado sustentados polas maiorías parlamentarias da extrema dereita do Partido Popular.
Cando aínda non está case nada recuperado, porque parece que por parte do goberno actual do PSOE tampouco hai moitas ganas facelo, os partidos da extrema dereita convocan para o próximo domingo, 10 de febreiro, unha concentración na praza madrileña de Colón. E digo da extrema dereita porque, como xa teño explicado máis dunha vez, ás persoas e ás organizacións eu adoito cualificalas non polo que din, senón polo que fan. Por iso igualo a Ciudadanos, Partido Popular e Vox como partícipes da mesma ideoloxía.
Non cabe dúbida de que a praza de Colón vai estar repleta de nazi-fascistas e toda caste de xentes de extrema dereita chegadas de todas as partes do Estado, a maior parte chegadas a Madrid en autobuses fretados polos convocantes e os seus apoios financeiros. Mesmo hai quen, como o Presidente da Xunta de Galicia, ven expresamente desde terras americanas para asistir ao citado acto de exaltación fascista. O que non se sabe se neste último caso pagará el o seu transporte ou teremos que pagárllelo a cidadanía da Galiza. Ou si se sabe.
En teoría, esa presencia da "nova mesta" polas rúas madrileñas é para protestar por non se sabe moi ben que relacionado con Cataluña; de feito pregúntasllo a calquera dos que participan, incluído os dirixentes convocantes, e cada un diche unha cousa distinta sobre as motivacións. No único que coinciden é en dicir que “polo bien de España”, un manido e fedorento argumento utilizado por todos os golpistas do mundo cada vez que atacan a democracia dos seus países; iso si, trocando o nome do país e poñendo o correspondente.
Eu comprendo que anden tan desesperados. Acabóuselle o chupeteo vario e diverso. Unha morea de cargos públicos de alto nivel pertencentes ao Partido Popular acusados de diversas fechorías para enriquecerse (agora xustifican que xa os botaron) e para lucro dese partido; organizacións de extrema dereita que se quedan sen chupes diversos naquelas comunidades e concellos nos que xa non goberna o Partido de Casado; o lider de Vox que ficou sen as “mamandurrias” madrileñas que lle proporcionaban FAES e Esperanza Aguirre e agora ten que buscarse a vida, e non vaia a ser que despois de toda unha vida teña que poñerse a traballar; ...e supoño que os outros que faltan tamén queren meter o cazo.
Acabo de ler hai pouco que xa se unen á convocatoria cousas tan variopintas como Hogar Social, Falange Española, España 2000,..., é dicir, todo o lixo nazi-fascista que pulula polo Estado Español vai estar en Madrid .
Imaxino que unha vez en Colón, que o petarán, haberá un palco onde se xuntarán os lideres do Partido Popular, Vox e Ciudadanos para lanzar arengas fascistas contra a democracia, contra as mulleres e contra todo aquelo que cheire a liberdade e igualdade. O que si fica máis que claro (por se alguén non o entendía) é que o entendemento entre Ciudadanos e Vox en Andalucía non foi algo ocasional e provocado polo Partido Popular, senón que foi algo buscado polas tres forzas que agora incluso lle dan responsabilidades ao partido nazi-fascista en temas relativos á recuperación da memoria histórica en Andalucía.
En fin, e resumindo: o próximo domingo a Mesta, esta vez disfrazada e fora de temporada, ocupará unha pequena parte de Madrid. Esta vez os ovelleiros montarán unha especie de cercado virtual na Praza de Colón onde xuntarán a todas as ovellas e a todos os borregos, con algún carneiro e algún lagarto de incógnito no medio,  e instalaranlle un palco desde onde os pallasos tristes tentarán que as ovellas non se aburran, os borregos non choren e os carneiros e os lagartos non se desmadren.
Mentres, outros estaremos en Santiago de Compostela intentando defender a sanidade pública galega dos continuados ataques aos que a someten aqueles extremistas de dereita liderados polo que ven das américas expresamente para participar no acto fascista.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...