Non
remato por entendelo; e, a medida que o tempo vai pasando, o entendo
menos. E refírome á actitude adoptada polo PSOE, e Pedro Sánchez
como actor -ou comediante- principal, no camiño de tentar de formar
goberno e así non ter que convocar eleccións no mes de setembro.
Non entendo que tendo os prazos tan curtos e axustados teña a
ousadía de “coller vacacións” e adiar os contactos con quen
coida que pode apoiar a súa investidura ata o mes de setembro; e,
por riba de todo, os contactos coa forza política da que depende
fundamentalmente a posibilidade de que se forme goberno.
Porque
o que parece claro (e todo pese ás mareiras que hai dentro do
Partido Popular e nunha pequena parte de Ciudadanos) é que tanto o
partido franquista como o partido que está a virar progresivamente
cara á extrema dereita (C's) van votar negativamente á investidura
de Pedro Sánchez coma Presidente do Goberno do Estado. E o partido
nazi-fascista claramente vai votar en contra. O resto das forzas
presentes no Congreso dos Deputados non se sabe moi ben o que van
facer; supoño que dependerá do comportamento do PSOE. Mais non
esquezamos a presencia na cámara de forzas situadas moi á dereita
ideolóxica, como son Coalición Canaria ou Partido Democrático de
Catalunya (PDCat) ou a marca branca do partido franquista en Navarra,
aos que molestaría -e, polo tanto, non apoiarían- un acordo medio
socialdemócrata entre PSOE e Unidas Podemos (UP). E non esquezamos
que tamén está a dereita nacionalista vasca, o PNV, que aínda que
máis proclive a aceptar medidas cunha certa progresividade social
tampouco é para botar foguetes.
Tampouco
a simple abstención do partido do “caudillo” Rivera, tan
solicitada polo PSOE e tan negada por C's, serviría para investir a
Pedro Sánchez coma Presidente porque é case seguro que o resto do
arco parlamentario (agás Coalición Canaria e o Partido Regionalista
de Cantabria) votara en contra da citada investidura, incluso aquelas
que apoiaron a moción de censura de Sánchez, tendo en conta a
progresiva e continuada viraxe cara á extrema dereita de Rivera.
Cal
é a solución para formar goberno?
Logo,
cal é a solución? Todo parece indicar que as cabezas pensantes do
PSOE siguen a reclamar un goberno do PSOE con carta branca e apoiado
polas mesmas forzas que posibilitaron o ascenso á Presidencia do seu
secretario xeral; a outra posibilidade que seguen sen descartar
parece ser a de que, de repente, Partido Popular e Ciudadanos se
impregnen na crenza da existencia dos paxaros preñados e opten por
absterse. Non cabe dúbida de que, obxectivamente, esta sería unha
opción “interesante” para o Partido Popular desde o punto de
vista de poder acadar acordos básicos co PSOE de cara a volver a
afianzar o bipartidismo que ambos partidos pretenderon establecer ao
longo da evolución da reforma do franquismo cara á esta democracia
capada que padecemos. Cousa que ao PSOE tampouco lle iría mal.
Amais, no esencial para eles, tampouco son tan diferentes PSOE e
partido franquista; teñen múltiples coincidencias en cuestións
básicas como a privatización sanitaria, mercado de traballo,
sistemas de pensións, privatización da educación e dos servizos
sociais, sistema tributario, defensa e relacións internacionais,
política de interior e orden público...
Claro
que: como xustificaría o PSOE diante das súas bases (tanto a
militancia como a electoral) un “pacto de facto” coa dereita
franquista ? Porque na noite electoral, coñecedores dos resultados e
de que o goberno en solitario do PSOE non era posible, os partidarios
de Sánchez presentes diante da súa se central dixeron claramente
que “con Rivera no” e dáse por suposto que menos co Partido
Popular, co cal o único que quedaba para poder optar a formar
goberno era un acordo coa esquerda e, dentro da esquerda, só
fundamentado nun acordo con Unidas Podemos. E, supoño, que os alí
presentes nesa noite electoral non eran simples simpatizantes do
PSOE, senón militantes do partido ou das súas xuventudes. Ata agora
vese claro o desprezo que a cúpula do partido felipista ten amosado
por eles.
Pacto
á portuguesa.
Un
goberno á portuguesa? É dicir: un goberno do PSOE apoiado en
acordos parciais con distintas forzas políticas pero que deixe as
responsabilidades de goberno unicamente no primeiro? Aclarar que o
goberno do PS de Portugal (PSP), por razóns da relación entre as
forzas á esquerda do PSP, está sustentado por dous acordos
distintos: un entre o Bloco de Esquerda e o PSP e outro entre o
Partido Comunista de Portugal e o PSP. Tamén sinalar que as
orientacións de goberno do PSP se saltaron os acordos en asuntos tan
esenciais como a privatización sanitaria, os dereitos salariais dos
empregados públicos ou o sistema bancario portugués, o que produciu
importantes friccións, case de ruptura, entre as forzas políticas
do pacto. Non é de estrañar que diante da experiencia dos nosos
veciños Unidas Podemos desexe ter presenza no goberno para garantir
que os posibles acordos se cumpran, e que queira estar en áreas que
garantan un maior grado de xustiza social.
Pero
non só está a experiencia portuguesa. Está a propia experiencia do
acordo subscrito entre o Gobierno de España e o Grupo Parlamentario
de Unidas Podemos baixo o título de “Acuerdo de Presupuestos
Generales del Estado para 2019” no que se introducían numerosos
propósitos para realizar a curto prazo, así como outros a medio e
longo prazos de contidos tendentes a acadar un estado cunha mellor
distribución das rendas e máis social. Podíase adiviñar no citado
acordo as intencións dos asinantes de tentar de prolongar máis ala
do ano 2019 a colaboración de goberno en aras dun Estado máis xusto
e respectuoso coas persoas e cos pobos que o conforman. No citado
acordo falábase de cousas tan importantes para a maioría da
poboación como o dereito a unha sanidade universal e da protección
da sanidade pública contra as privatizacións, como da política de
vivenda e alugueiro, falábase de derrogar o máis lesivo da reforma
laboral, falábase do sistema público de pensións, da derrogación
da lei mordaza e da progresividade da fiscalidade e da obriga de
pagar impostos por todas as sociedades mercantís, de controlar as
SOCIMIS e as SICAV.
Certo
que os orzamentos non chegaron a ser aprobados. Tamén certo que o
Goberno de España incumpriu o seu compromiso na regulamentación dos
alugueiros e noutros moitos aspectos do acordado. Tamén que utilizou
a non aprobación dos orzamentos para convocar eleccións e ir
facéndose propaganda electoral en base a ir decretando leis de
carácter social (positivas socialmente aínda que insuficientes). A
cousa non lle saíu todo o ben que esperaban: non acadaron a maioría
suficiente que lles permitira gobernar en solitario con apoios
puntuais.
Pero iso non ficou aí; desde as eleccións e ata hoxe desmárcanse
unha a outra vez das políticas sociais progresistas e de todo o,
aínda que limitado, positivo que podía ter o acordo asinado entre
Goberno e Unidas Podemos.
Queren
goberno de verdade ou queren novas eleccións?
Vista
a experiencia, como se fiar do PSOE ? É claro que non é de
fiar, que segue na mesma tesitura da época “OTAN de entrada non”.
Que non é sequera un partido de orientación socialdemócrata, senón
un partido social-liberal que non aspira a transformar a sociedade
cara a unha máis xusta.
E
máis se temos en conta as que eu considero nauseabundas declaracións
de dona Carmen Calvo no día de onte e as de vergoñentas
declaracións
de Ábalos publicadas no día de hoxe no diario El País.
Se
o que o PSOE quer son novas eleccións, que o valoren ben. Pode
volver a pasarlle o que nas últimas: que non lle saian as contas
pese á cociña do CIS e que se repitan os resultados electorais. Ou,
o que é peor, que a gobernabilidade do Estado caia nas mans do
“trifachito”, o que implicaría (como estamos a ver que ocorre
onde está a gobernar) un importante retroceso da sociedade en todos os
aspectos.
Que queren apurar as cousas, presentar agora un programa de
compromiso (Que fixeron todo este tempo atrás? Non tiñan xa un
medio avanzado con UP?) para tentar de acadar “a última hora”
como di Ábalos un apoio forzado por UP, PNV, Esquerra
Republicana,... Pese a que o PCE (Esquerda Unida, vamos) volve ás
súas compracencias co PSOE me temo que a súa influencia non vai ser
quen de convencer á outra parte da súa coalición. Que a única
solución vai ser un goberno de coalición real, con participación
no goberno e no fundamental de todas as forzas que asinen o citado
pacto.