Amosando publicacións coa etiqueta Machismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Machismo. Amosar todas as publicacións

07 febreiro 2023

Só SI é SI (aínda que non lles guste)

        A actualidade política do Estado nestas últimas semanas estase a centrar sobre a lei de liberdade sexual aprobada recentemente polo Goberno do Estado máis coñecida como “Lei do Si é Si) e a reforma que nestes días está a propoñer o PSOE da mesma. Proxecto de lei de reforma que o partido que dirixe Pedro Sánchez presentou no día de onte no Congreso dos Deputados.

        A teórica razón da presentación desta modificación de lei ven supostamente determinada pola “masiva rebaixa” de penas a persoas condenadas por exercer a violencia contra as mulleres derivadas da aplicación da chamada “Lei do Si é Si” que, dito sexa de paso e vistas as cifras achegadas por algún medio de comunicación, non é cantidade tan grande como a que a dereita política e a selva mediática apegada a ela pretenden facer ver.

Que foi o que motivou a cascada de rebaixas nas penas aos criminais machistas?.

        Evidentemente é triste que persoas condenadas pola violencia exercida contra as mulleres vexan rebaixadas as súas penas pola aplicación dunha lei que está claramente orientada a combater a violencia machista sexa cal sexa o ámbito no que esta se produza. A meirande parte das solicitudes de redución de pena por aplicación da “Lei do Si é Si” foron rexeitadas polos maxistrados e maxistradas que decidiron sobre a súa aplicación e hai territorios onde non foi reducida ningunha das penas impostas ao abeiro da antiga lei. Xa que logo, preguntámonos: Cales foron as motivacións que provocaron as rebaixas no trinta e pico por centro das condenas por crimes machistas? Puideron ser moitas e de diversa índole e non imos aquí a pronunciarnos sobor dunha ou doutra causa; polo menos, de momento.

        A día 3 de febreiro dos presentes podemos ver os datos das “masivas” reducións de condena e territorios nos que se producirón, segundo o publicado no programa Hoy por hoy da Cadena SER, PREMENDO AQUÍ (ou escoitar un resume en audio premendo esta LIGAZÓN).

As reducións das penas.

        A min resultoume curioso que as primeiras resolucións de redución de penas coñecidas e aireadas na prensa producíranse en instancias xudiciais da Comunidade de Madrid. Pero máis curioso me resultou que case simultaneamente, cando aínda case non era de dominio público a existencia de ditas resolucións, saltaran á palestra mediática recoñecidos personaxes da ultradereita do Partido Popular e coñecidos propagandistas xornalísticos da dereita e ultradereita cargando contra a “Lei do Si é Si” e, por suposto e coma non podía ser doutro xeito, contra a parte máis progresista do goberno central.

        De seguido, toda a dereita en tromba sae ao escenario afondando nunhas críticas á citada lei baseadas soamente na redución de penas, esquecendo todo o demais que de positivo contén a citada disposición. Desde Núñez Feijóo ate Abascal, pasando por García-Page e Lambán, toda a dereita e extrema dereita, todo o machismo central e periférico político e xornalístico (incluso aquelas que se parapetan na súa condición de muller para negar o seu real machismo), sae furibunda a criticar unha lei na que nunca creron e que sempre combateron.

        É o mesmo machismo, a mesma orientación política e os mesmos personaxes que se opoñen, claman e arman grandes escándalos acusando de pretensión de adoutrinamento cando desde instancias educativas oficiais ou nos propios centros educativos se pretenden introducir nos curriculos educativos dirixidos ás ensinanzas básicas e medias asuntos relativos á convivencia, á igualdade ou á educación sexual. Os mesmos suxeitos que non se opoñen, ou apoian, a segregación por sexo nas escolas ou o adoutrinamento relixioso nas escolas financiadas con fondos públicos.

        Do mesmo modo que a dereita antes citada, tamén comezan a saír en tromba, e comezan a coñecerse, resolucións de reducións de condena favorecedoras para criminais machistas pronunciadas por distintos xulgados en distintos territorios do Estado.

Que hai detrás do cuestionamento da “Lei do Sí é Sí”?

        Se deixamos de lado o cuestionamento derivado das posicións político-ideolóxicas e nos limitamos aos aspectos xurídicos da mesma, debemos fixarnos en dúas cousas: o número de condenas rebaixadas en relación ás penas impostas con amparo na antiga lei, así como nos territorios nos que esas condenas sufriron rebaixas, e nas posicións de xuristas de recoñecido prestixio sobre os efectos indesexados da lei.

        En relación co primeiro aspecto, deixo a elección da persoa lectora o traballo de facelo ou non (en base aos datos fornecidos máis arriba ou os que ela poida acadar de fontes solventes).

        En relación co segundo, dicir que numerosos xuristas de recoñecido prestixio no ámbito español e internacional (a modo de exemplo cito aos señores Martín-Pallín e Pérez Royo) manteñen que unha correcta aplicación da "Lei do Si é Si" non necesariamente ten que traducirse nunha redución de condena; é máis, suxiren que non tería por que producirse redución algunha. E teño que confesar, tamén, que entre xuristas de recoñecido prestixio non teño a ben considerar á actual Ministra de Xustiza; sobre todo despois de ter escoitado a entrevista que hoxe fíxolle Ángels Barceló no programa Hoy por Hoy da Cadena SER (cuxo audio podes escoitar nesta LIGAZÓN-1) onde ao meu modo de ver se mostra a pouca consistencia e as continuadas contradicións que a Ministra amosa -para desesperacións dos tertulianos posteriores, que non sabían por onde saír para salvala, dito sexa de paso-.

        Eu, persoalmente, teño que dicir que as rebaixas das penas primitivamente impostas foron realizadas conforme ás leis vixentes no Estado; que cada maxistrado, maxistrada, xuíza ou xuíz que estimou que reos de crimes machistas deberían ser beneficiarios de redución de penas actuou dentro da flexibilidade de interpretación que a lei lles permite na hora da súa aplicación, cos seus propios criterios e cos seus propios obxectivos, non necesariamente de apoio ás posicións da dereita fascista e da extrema dereita, nin no afán de actuar en clave de ideoloxía machista. Isto aínda que obxectivamente produciran ese efecto. Certo é, tamén, que a maioría das peticións de redución de condena foron rexeitadas e as penas non sufriron modificación algunha (como mantiñan os prestixiosos xuristas antes mencionados) e, polo tanto tampouco foron obxecto de publicidade pola ultradereita mediática nin pola utradereita dereita e o fascismo políticos (Partido Popular, Vox, Ciudadanos e personaxes vindos a menos que se resisten a desaparecer do panorama político).

Eleccións á vista.

        No día de onte o PSOE presentou no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modificar a denominada “Lei do Si é Si”. Fundamentalmente, segundo din os propoñentes, a súa base está no aumento das penas dos criminais machistas. Mais a realidade parece ser outra: que o seu contido vai desvirtuar o tema do consentimento para volver á lei anterior e que supoñía un verdadeiro abuso xudicial ás vítimas de violencia de xénero nos seus diversos aspectos, como que ficou patente no xuízo da tristemente famosa manda do San Fermín e noutros outros moitos xuízos onde en lugar de xulgar aos agresores parecía que as xulgadas eran as vítimas.

        É significativa a fronte común formada polo PSOE co Partido Popular nestes aspectos contra o outro socio de goberno, e o anunciado apoio do segundo á modificación da “Lei do Si é Si”; e aínda máis significativa se temos en conta a proximidade de numerosos procesos electorais que dalgunha forma poden crebar a actual tendencia ao bipartidismo desexado polos mencionados partidos.

        Significativo tamén que moitos dos grupos e partidos políticos que serven de apoio ao actual goberno central se teñan manifestado xa contra a reforma que pretende o PSOE de modificar o consentimento matizando o mesmo e deixando aberta á interpretación xudicial a existencia ou non de violencia no abuso.

        No intre de escribir estas liñas descoñezo o texto literal da proposición de lei; só as palabras da Ministra de Xustiza, as de Patxi López, as da Ministra Portavoz e as críticas que desde Podemos, Esquerra Republicana e Bildu se refiren á proposición pesoera.

        Á parte da parte da precampaña electoral, eu non sei se amais o alimento desta polémica ven determinada pola necesidade de esconder as continuadas últimas “cagadas” do PSOE e do Goberno como son a baixada de pantalóns diante do réxime do sátrapa marroquino, a nova puñalada trapeira ao pobo sahariano e o incremento da supeditación dos intereses do Estado Español á soberanía dos USA e da OTAN no que respecta a inxusta e cruel guerra de Ucraína, a impresentable posición do PSOE diante da lei trans e, tamén, a súa posición ultraliberal cara á regulación da vivenda.

        Xa veremos, no caso de que a modificación de lei sexa aprobada, se volvemos a ver xuízas impresentables que pregunten á vítima de abusos sexuais se “pecharon ben as pernas” ou a xuíces que culpabilicen ás vítimas por saír á rúa pola noite ou levar "vestimenta provocativa” e cousas polo estilo ou que, incluso, manteñan que se notaba no video que a vítima de agresión disfrutaba.

        O que si é seguro é que a aprobación da mesma non vai supoñer que non poidan seguir dándose rebaixas de penas, porque os xa condenados con sentenza firme poden ser beneficiados por maxistrados, maxistradas, xuízas e xuíces que rebaixen as súas penas por crimes machistas en aplicación da “Lei do Si é Si” segundo a súa interpretación.

        E que só os condenados pola nova lei, se é que sae adiante, van ser condenados ou absoltos con base ás circunstancias, a interpretación da lei que fagan os xulgadores e as penas que nela se contemplen.


 

04 marzo 2019

Vivan as mulleres!



Por que “vivan”? Vexamos: a) Vivan: terceira persoa do plural presente de subxuntivo do verbo vivir; b) Vivan: Exaltación de alegría, de entusiasmo, referido a máis dun suxeito ou obxecto.
Podería interpretarse que, dada a situación pola que nos últimos tempos están a pasar as mulleres por mor da violencia machista, como a primeira acepción das sinaladas. Non é que eu non desexe a vida para as mulleres, que non é así (como tampouco lle desexo a morte a ningún ser humano); pero, neste caso, non é así; senón que é unha expresión de alegría dirixida ao colectivo de mulleres polo seu firme propósito de liberarse das cadeas coa que a ideoloxía patriarcal pretende mantelas escravizadas e amordazadas.

Unhas cadeas patriarcais que, despois do éxito mundial da folga de mulleres do oito de marzo do pasado ano, os ideólogos do patriarcado e as súas expresións políticas están a tratar de manter firmes e ben firmes. Se ben o ano pasado partidos coma o Partido Popular ou Ciudadanos, defensores a morte dos principios básicos da sociedade patriarcal, non se puxeron frontalmente en contra a mobilización feminista, incluso falando do tema coma se fora unha “ocorrencia simpática”, este ano o seu discurso xa ten trocado de lugar e ten un denominador común: a condena da folga en si mesma, como corresponde ás expresións políticas dos intereses dos grandes empresarios e dos banqueiros, e unha defensa do papel que tradicionalmente as sociedades machistas atribúen ás mulleres, de subordinadas aos intereses e aos desexos dos varóns e, por ende e sobre todo, do mercado. 

Pero non son unicamente o Partido Popular e Ciudadanos os que están a amosar as súas facianas máis machistas e patriarcais. A estes temos que lles xuntar os partidos nazi-fascistas coma Vox cuxa concepción da muller vai moito máis alá das funcións que lles atribúen as distintas relixións monoteístas (que, dito sexa de paso e sen pararme máis, queren que as mulleres permanezan ancoradas na súa situación de escravas domésticas e de reprodutoras de nenos e nenas, sen dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo). Estes nazi-fascistas, de forma indirecta, sen especificar claramente (por se as leis) e coas súas retro-reivindicacións explícitas, inclúen entre o papel que atribúen ás mulleres o de vítimas dos malos tratos machistas, o papel de obxecto de desfrute sexual en beneficio exclusivo dos varóns e a negación do dereito a manifestar as propias orientacións sexuais. Ben, na realidade, temos que aseverar que estes neonazis non só son machistas empedernidos contra a muller en todos os seus peores aspectos, senón que son homófobos declarados (aínda que moitos deles e delas na súa privacidade manteñan hábitos incompatíbeis con aquelo que predican, como corresponde ao fascismo dito sexa de paso) e inimigos de todo aquilo que poida suxerir LGTBI, incluíndo a posibilidade de que persoas do mesmo sexo poidan, se así o queren, institucionalizar legalmente a súa situación de parella mediante o matrimonio ou a súa inclusión nos rexistros civís coma parella de feito; e non falemos xa da posibilidade de adoitar ...porque aí si que saltarían chispas.
 

Onte, tres de marzo, mentres milleiros de mulleres e homes so botaban á rúa convocadas polas organizacións feministas (na Galiza por Galegas8M, en Lugo, baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista”) para rebelarse contra a súa opresión, coma un primeiro paso para a esperemos exitosa folga do próximo 8 de marzo, os tres partidos da dereita extrema en diferentes graos (Partido Popular, Ciudadanos e Vox) participaban en diferentes actos amosando un compoñente declaradamente machista.

Os voceiros de Vox nunha manifestación promovida por asociacións de cazadores e organizacións diversas para protestar polas limitacións á caza impulsadas desde a Xunta de Castela e León (curiosamente do PP). Alí estaban os de Vox baixo a escusa da defensa da “cultura española” de torturar animais en prazas de touros e en cacerías diversas, coma a do zorro na Galiza apoiada pola Xunta de Feijóo, sen control e sen obxectivos que vaian máis alá do pracer a costa do sufrimento dos animais. Nese acto participaban os defensores do gran negocio de armas e disfraces vinculados á caza, así como cidadáns pertencentes a vilas e pobos cun nivel cultural achegado ao terceiromundismo, cidadáns vítimas entre outras cousas da falta de interese dos gobernantes pola potenciación dun ensino de calidade, crítico, ecolóxico, non machista e ligado á cultura e non á incultura do asasinato de animais indefensos.

Noutro lado, coido que na Coruña e para os de La Coru, estaba Pablo Casado y de las JONS cun discurso netamente machista e patriarcal ao referirse á problemática da muller e ao seu papel e funcións na sociedade. Un discurso na liña do máis obtuso dos últimos anos da Sección Femenina da Falange e que parecía sacada daqueles libros deformadores do bacharelato do franquismo correspondentes á materia fascista e obrigatoria para os varóns (as mulleres cursaban a materia de Fogar) que rulaba baixo a nome de Formación del Espíritu Nacional dirixida a ensinar como manter, entre outras moitas cousas nefastas, á muller nunha situación de inferioridade, subordinación, obediencia cega e obxecto de desfrute en favor dos varóns. Iso si, Pablo Casado (y de las JONS) ía convenientemente arroupado pola candidata do PP á alcaldía da Coruña e polo actual presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, que por suposto aplaudiron as súas intervencións.

En relación a Ciudadanos unha “inspirada” Inés Arrimadas glosando un novo termo para referirse ao mantemento da situación de subordinación da muller: o do “feminismo liberal”. Parece que isto consiste en regular a prostitución e en legalizar os ventres de alugueiro. É dicir, falando en prata, legalizar os malos tratos ás mulleres vítimas do comercio sexual, o tráfico e os traficantes de persoas e o labor dos seus proxenetas. Por outra parte, legalizar o comercio do corpo da muller como criadora de fillos alleos no seu ventre, sen responsabilidade para os compradores e a potenciación das mafias que se dedican a montar nos países terceiromundistas granxas onde en lugar de pitas poñedoras, teñen mulleres criadoras de bebés alleos. É dicir, estes elementos do “feminismo liberal” predican manter a situación das mulleres coma obxectos, sobre todo das mulleres con menos recursos que son, como amosan diferentes estudos de ONGs, as principais vítimas do tráfico de persoas e da utilización mercantil das mulleres coma obxecto.

Así que si. Que vivan as mulleres e que a folga do 8M sexa masiva

          (E que os explotadores e os seus cómplices de calquera caste rematen na cadea).

12 xaneiro 2018

Os piropos. Flirteo ou machismo?



A verdade é que non tiña pensado escribir sobre este tema, pero esta mañá unha das primeiras novas que deron pola radio foi a descrición dun rosario de agresións machistas  (unha axeitada verba, “rosario”, para falar de machismo) acontecidas nas derradeiras horas ao longo e ancho da xeografía do Estado Español. E outra das novas, citada esta última case no remate do informativo, facía referencia a ese grupo de mulleres francesas que ergueron a súa voz para defender e definir como “flirteo” o que neste entorno ibérico coñecemos como “piropo”; termo que tantas controversias e bóchegas levanta na nosa sociedade e arredor do cal, agás entre os elementos máis reaccionarios e toureiros, hai un consenso sobre cualificar o piropo coma unha agresión machista e a súa defensa coma unha actitude da mesma caste. É esta identificación flirteo-piropo a que me motiva a poñer estas liñas.

Mais..., que é un piropo? O dicionario da Real Academia Galega, na acepción que aquí nos interesa, defíneo coma “Palabra ou dito amable con que se gaba a alguén coa intención de agradarlle”. E a Real Academia Española de la Lengua defíneo coma “Dicho breve con que se pondera alguna cualidad de alguien, especialmente la belleza de una mujer”. A primeira acepción citada non fai referencia a ningunha característica de xénero; a segunda, sen ambaxes nin encomendas, centra os seus tiros no obxectivo ou diana principal do piropo: a muller.  Se prescindimos da perspectiva de xénero (e aínda que eu non son lingüista) podemos falar, simplemente, de louvanza ou de loa, no primeiro caso, e de alabanza ou loa, no segundo. É dicir, que a verba “piropo”, por regra xeral, si que é utilizada cunha connotación sexista, dirixida cara a unha muller; non se “gaba a alguén” nin se “pondera alguna cualidad de alguien”; fálase dunha muller. E como sabemos, pola experiencia da nosa vida de rúa, baixo a cualificación de “piropo” se inclúen verdadeiros insultos e barbaridades dirixidas sempre ás mulleres. 

E o certo é que si, que hai frases, moitas consideradas piropos, que ditas de persoa a persoa supoñen loas e ninguén, coido, as consideraría coma unha agresión se son ditas na intimidade da amizade ou da parella. Podemos considerar esas frases coma cursis, ou atrevidas, como brutas ou, incluso, coma insultantes; pero son ditas na intimidade, nun ámbito recatado; de ti a ti. O receptor da mesma pode sorrir, poñerse encarnado, responder con outra frase ou violentarse coa persoa que a emite. Pero a cousa fica na intimidade de dúas persoas. Cando esas frases son agradables, incluso insinuantes ou atrevidas, ou de louvanza, dependendo da situación concreta na que sexan ditas, podemos intuír supoñer que a persoa que as di está a flirtear con aquela á que as frases van dirixidas. 

Mais os piropos non adoitan ser emitidos na intimidade de dúas persoas, senón que adoitan ser declaracións públicas, normalmente en voz de berro e emitidas por varóns, sobre outra persoa que pasa preto do alcance da súa voz, normalmente muller, realizado con ánimos variados; desde expresar a súa admiración por algunha característica física ata facer que se sinta incómoda ou humillada. Ou simplemente para facerse o “chuli-boy” ou o galiño diante dos seus amigos ou compañeiros de xolda ou traballo. Con frecuencia, o piropo fai referencia ás características físicas da muller piropeada, ben para remarcar ou ben para denigrar aspectos relevantes do seu físico. É dicir, da muller considerada coma obxecto. 

Imaxinade que ides pola rúa tranquilamente e desde a beirarrúa alguén diríxese a vós, berrando, soltándovos un “Non me gustan os doces, pero contigo fago unha excepción, boliño!” ; ou algo tan hortera como “Se o ser guapa fora castigado coa cadea, o teu sería unha cadea perpetua”; e xa non digamos se a cousa vai do estilo de humillante (“Moza, mira o guapa que ti es e o moito que o fodes cando falas!”) ou de facer proposicións sexuais encubertas (“Nena, se lle faltan bolas ao teu árbore, xa sabes onde vir buscalas!”). Pois isto é o que lle ocorre a moitas mulleres que pasean tranquilamente polas rúas. Xa que logo, podemos dicir que os piropos son compendios de agresións machistas orais e públicas dirixidas, normalmente, contra mulleres con ánimo de intimidalas ou denigralas.

Que hai mulleres que tamén piropean aos homes? Pois si, hainas. Pero cantos casos? Amais, as poucas veces que isto ocorre sole ser cando van varias mulleres en manda e soltan barbaridades orais cara a un varón, normalmente para facelo sentir incómodo; mais, aínda que se dan, como dixen, son escasas estas situacións. Tamén hai varóns que en manda, dirixen frases esperpénticas a mulleres ou grupos de mulleres con ánimos moi variados. Pero isto nada ten que ver co piropo; este é cousa de un (normalmente varón) para outra (normalmente muller), non de grupo.

O flirteo é outra cousa; é unha cousa íntima e entre dúas persoas.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...