Amosando publicacións coa etiqueta Extrema dereita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Extrema dereita. Amosar todas as publicacións

18 novembro 2024

Partido Popular, poltronas e "superglú"

 

         Que ninguén se leve a engado. Cando falo de "superglú" non me estou a referir a esa banda musical ferrolana de nome "Super-Glú", senón ao nome con o cal se coñece de forma popular a ese pegamento instantáneo, de múltiples marcas, cuxo composto básico é o Cianocrilato que ten fama de actuar rápido e con forza.

 


        E que ten que ver iso co Partido Popular e coas poltronas? Pois moi doado; e logo o entenderedes, porque diso se trata, de engancharse ás poltronas coma se en elo fórase a vida.

        As persoas que lemos a prensa ou escoitamos as novas sabemos que, desde hai moitos anos cara aquí, desde o Partido Popular levan pedindo dimisións a destro e sinistro, "a tutiplén", como parte da súa "política de Estado" (vaiase señor González, Zapatero, Mónica Oltra, Sánchez, Fiscal do Estado, Presidente do Tribunal Constitucional, Irene Montero, Alberto Garzón, ministros e ministras dos diferentes ramos,etc.).

        Eu coido que todo isto ten que ver coa súa incapacidade para acadar unha maioría que lle permita acadar o Goberno do Estado e facer as falcatruadas e destrución dos servizos públicos que está a facer alí onde goberna; ou incorrer en neglixencias como as que protagonizou neste mes de novembro na Comunidade Valenciana, as que cometeu en Madrid nas residencias de maiores durante a pandemia do COVID ou as que protagonizaron na Galiza durante a crise do Prestige ou coa progresiva aniquilación do idioma galego desde que Alberto Núñez Feijóo acadou a Presidencia da Xunta de Galiza. Unhas con numerosas vítimas mortais e outras, afortunadamente, sen consecuencias mortais directas.

        En ningunha das cuestións delituosas que afectaron a cargos públicos do Partido Popular ou en cuestións de nefasta xestión e neglixencia houbo dimisións, destitucións ou expulsións do partido ata que non se demostraron xudicialmente as cuestións delitivas. E, por suposto, no caso de claras xestións nefastas e/ou neglixentes, incluso as que determinaron numerosos casos de falecementos derivados desas xestións, non houbo nin un só cargo do Partido Popular que dimitira, fora destituído ou expulsado. Como exemplo a xestión das residencias de maiores de Madrid durante a pandemia, con 7291 falecidos derivados da neglixente xestión; ou os mortos da recente DINA de Valencia que se poderían evitar (polo menos en gran parte) se a Generalitat Valenciana fixera o seu traballo. Pero non, aí seguen repartindo culpas e tentando de sacar toda a caspa levan enriba Isabel D. Ayuso, os seus consejeros, e Mazón e os seus consellers. Engánchanse ás poltronas como leóns ás súas presas, tal cal parece que cando se lle move a banqueta séntanse, enchen o asento da poltrona de superglú e pousan o cu nela para evitar que ninguén os remova, por moi mal que o teñan feito.

        Ista forma de actuar contrasta coas súas maneiras públicas de actuar e dicir cara a outras persoas. Porque cando a alguén que non é do seu gusto algún xuíz ou xuíza (que non practica o "lawfare", por suposto) ábrelle dilixencias penais, aínda que estas sexan abertas en base a recortes de xornais presentados por organizacións fascistas ou ultrarrelixiosas, pronto están a esixir a súa dimisión.

        Hoxe seguen igual

        Ocorridos os efectos negativos da Depresión Illada en Niveis Altos da Atmosfera (DINA), con un alto nivel de destrución en bens materiais e, o que é peor, un altísimo número de falecidos que se podían ter evitado se o Presidente da Generalitat Valenciana e o seu Consell actuaran de forma dilixente diante dos avisos de AEMET e da Confederación Hidrográfica, coma fixeron outras institucións (Universidade de Valencia, concellos e outros organismos que decidiron suspender toda actividade pública). Pero non; optaron por ser neglixentes como se ten demostrado nos días posteriores. E por máis que se esforzan Mazón e os seus conselleiros, así coma Feijóo e o resto da cúpula do Partido Popular en desviar a responsabilidade do desastre, a secuencia dos feitos, das neglixencias e do desinterese nin sequera o negan os medios máis afíns á dereita populera.         

        E, unha vez que falla o tema AEMET e o tema Confederación Hidrográfica, pola inconsistencia das desculpas e novelas televisadas do señor Mazón e os seus protectores instalados en Madrid, dirixen os tiros cara á ministra Teresa Rivera, titular de Transición Ecolóxica e candidata a Comisaria de Transición Limpa, Xusta e Competitiva na Comisión Europea.

        Eu teño que confesar que esa señora, Teresa Rivera, non é santa da miña devoción. Non podo máis que pensar que unha señora que apoia a construción de grandes parques eólicos mariños nos caladoiros onde a flota de pesca artesanal e de media altura máis importante de Europa realiza o seu traballo, con todas as consecuencias negativas que vai ter tanto para os pescadores, os mariñeiros e os consumidores e consumidoras (com xa teñen avisado os pescadores portugueses vítimas dun parque dese tipo), non está realmente a defender intereses medioambientais, senón outros que nada teñen que ver coa ecoloxía.

        En todo caso, non ten moito sentido o balbordo que na Unión Europea está a montar a ultradereita do Partido Popular, arrastrando consigo, da man do ultradereitista alemán Manfred Weber, presidente do Partido Popular Europeo, ao resto do grupo popular no parlamento da Unión Europea. Un balbordo que o único que pretende é enturbar o debate e desviar as claras responsabilidades políticas (e posiblemente penais) do desastre valenciano.

        E menos sentido algún ten a proposta feita polo señor Weber de non impedir o acceso de Teresa Ribera ao posto de Comisaria da UE se hai un compromiso pola súa parte de dimitir do cargo no caso de ser imputada xudicialmente polo desastre valenciano. Acaso Manfred Weber non está informado de que no Estado Español un xuíz ou xuíza pode imputar a calquera por unha denuncia baseada en novas non contrastadas de xornais aínda que despois resulten ser falsas? (caso da esposa de Pedro Sánchez) Ou que pode ser imputada porque unha persoa fai acusacións non contrastables e que resultan ser falsas? (caso da "niñera" de Pablo Iglesias e Irene Montero, por exemplo) Non sabe, ese señor, que hai organizacións de corte fascista que están cada dous por tres nos xulgados presentando querelas criminais contra persoas e organizacións democráticas e de esquerda con resultado de imputacións que despois de longo tempo son sobresidas?

        Como para aceptar tal cousa. Habería cola de fascistas diante dos xulgados a presentar denuncias; e, posiblemente, cos resultados que todos presupoñemos.

        En fin, o que ten que ocorrer é que a Generalitat Valenciana dimita en bloque, co seu President Mazón á cabeza como máximo responsable e corresponsables do desastre. E que a cidadanía valenciana se aproveite no que poida do rego de millóns de euros que van sementar os peperos (non todos mais si os de sempre), pero que non deixen que recollan os votos. Que sigan a esixir as dimisións e a pedir responsabilidade. Que non fagan o que moitos e moitas galegas fixeron, de forma vergoñenta, despois do desastre do Prestige (e o sinto se a alguén lle doe e molesta que se diga, pero foi así; a min, galego, dóeme o que fixeron e o digo). Que non se deixen comprar.

05 xuño 2023

Ultradereita e eleccións. As municipais do 28 de maio

        Os resultados das eleccións municipais e autonómicas do pasado 28 de maio celebradas a nivel estatal tiveron coma consecuencia que moitos dos gobernos (autonómicos e municipais, incluído deputacións) compartidos por forzas de esquerda cos socialdemócratas do PSOE por mor do resultado das urnas van ir para gobernos neofranquistas (Partido Popular) ou van ter a posibilidade de seren gobernados por coalicións deses neofranquistas con forzas de nítido carácter nazi-fascista como é VOX.

        Non foi a campaña desas forzas políticas da ultradereita a que propiciou eses resultados electorais (dos que a maioría da Galiza fica excluída, afortunadamente). Foi, sobre todo, a intensa campaña realizada polos medios de comunicación (maioritariamente dirixidos e controlados por xentes neofranquistas e da dereita neofascista) con mensaxes tendenciosos, falsos ou nitidamente propagandísticos, o factor fundamental dos resultados electorais acontecidos

        Numerosos bulos, mentiras, novas sen contrastar que despois resultaron ser falsas e non foron aclaradas, información tendenciosa de calado importante e definitorio foron espallados amplamente por eses mercenarios da información dos que falo; non só nos espazos claramente informativos, senón, tamén, nos magacíns matinais e vespertinos dirixidos por famosos personaxes da televisión. Aínda que na campaña electoral agudizáronse ese tipo de comportamentos mediáticos, foi xa - e sobre todo- desde a posta en escena da lei de violencia de xénero e do inicio da lei de vivenda cando eses ataques enrudecéronse; en teoría para poñer na diana a Irene Montero e aos restantes ministros de Podemos, pero no fondo a intención era acurralar e derribar ao goberno liderado polo PSOE. E imaxino que estas actuacións tiñan a compracencia e impulso da moitas persoas e personaxes ligados directa ou indirectamente ao PSOE.

Á dereita máis ultramontana, e non só aos seus representantes do Partido Popular, Vox e Junts per Catalunya, non lle gusta estar apartada do poder das institucións; é tan insaciable e criminal que non lle chega só con exercer o poder real. E para acadalo usa todos os medios dos que dispón; e estou seguro de que se o lixo mediático lles falla recorrerán a calquera outro; desde o law fare ou a calquera outro como sacar os tanques golpistas á rúa, como xa teñen feito aquí e noutros moitos países do mundo.

        E non é que eu teña unha especial predilección por Podemos, Unidas Podemos ou calquera outra forza política ou coalición dese ton. Nin tampouco, por suposto, dun partido como é o PSOE que me provoca unha inmensa desconfianza que se gañou a pulso. 

        Pero é que a dereita política do Estado Español prodúceme náuseas e urticaria. Non ten remedio; son herdeiros políticos e ideolóxicos do franquismo e son incapaces de deixar atrás esa etapa. E, está demostrado, o único que saben facer é endebedar as institucións públicas, deixando enormes débedas no Estado, concellos e comunidades autónomas e dotarse de leis represivas e policías políticas para defender os seus intereses. E non é porque gasten moito en servizos sociais públicos para a cidadanía; sábese que gastan unha morea de cartos en armas e outra morea en custos e sobrecustos en obra pública; incluso sábese que establecen contratos coas construtoras polos que se as súas obras privatizadas non lle dan as ganancias esperadas o Estado corre cos gastos e faise cargo do negocio ruinoso. Sábese, tamén, que son incapaces de premer á banca para que adapte as súas políticas de negocio ás posibilidades reais de familias e pequena empresa, cousa que contrasta coas facilidades de facerse cargo dos pasivos dos grandes bancos (acordémonos do rescate bancario liderado por M.Rajoy, co compromiso de devolución dos fondos e coa posterior condonación desa débeda; ou do famoso banco malo, a Sareb, que apouchou con todo o lixo inmobiliario da banca contra o tesouro público). E, amais, hai, nesa banda, quen vende as vivendas de titularidade pública a fondos voitre a prezos moi baixos, prexudicando gravemente aos moradores das mesmas.

        Outra das habilidades desta dereita ultrafranquista ou ultramontana é que, pese a endebedar tanto ao erario público, van destruíndo a marchas forzadas a sanidade pública e establecen convenios ruinosos para as administracións públicas ou desvían a centros privados actuacións que poderían perfectamente acometerse nas instalacións públicas con un custe menor se houbera contratado persoal sanitario necesarios. Un exemplo de convenio ruinoso para a sociedade é o convenio establecido pola Xunta de Galicia dirixida por Núñez Feijóo para a construción do Hospital Universitario Alvaro Cunqueiro en Vigo, que non só non mellorou a atención hospitalaria e de medicina especializada aos habitantes da área metropolitana viguesa; máis ben empeorou a situación con menos camas públicas que as que había na estrutura hospitalaria que lle precedía. Pero amais, esta construción é un saco sen fondo para os orzamentos anuais da Comunidade Autónoma de Galiza pola débeda que xera xa en orixe; e non contamos os custos que por diversos motivos ten que asumir a Consellería de Sanidade en favor da empresa adxudicataria da citada obra. Outro dos beneficiados deste despropósito hospitalario que é o Álvaro Cunqueiro é a construción dun aparcadoiro subterráneo privatizado e que só reporta beneficios á empresa que o explota, carecendo ese hospital dun aparcadoiro público de titularidade da Xunta de Galicia (só hai un pequeno aparcadoiro realizado polo concello de Vigo, de uso público e gratuíto pero que non chaga para abordar o volume de prazas que se necesitan).

        Se na calidade das obras públicas non se nota; se tampouco se ven actuacións públicas en instalacións e reparacións ou melloras dos servizos; se conxelan as pensións e non suben os salarios do emprego público (agás xuíces, fiscais, policías, militares de alto rango e os seus propios soldos); sabemos que compran armas, que fan contratos como os sinalados que so favorecen ás empresas dos que realmente mandan, que son incapaces de pegar unha puñada na mesa e dicirlle aos bancos que devolvan o rescate,... Logo, onde carallo meten os cartos que recadan e os que piden para engordar a débeda das administracións que gobernan? Eu non quero pensar mal, pero non penso nada ben.

        E aínda así hai xente que lles vota! Pois que se morran de fame, que teñan que pagar mediciña privada e se non poden que se morran, que non lles suban as pensións nin os salarios e que non poidan chegar a fin de mes; que se protestan lle boten aos cans mercenarios e lles apliquen a lei mordaza e as outras leis de criminalización dos movementos sociais recentemente aprobadas polo actual goberno PSOE-UnidasPodemos.

        O malo é que tamén nos toca a quen non votamos nin tragamos a esa dereita que na actualidade tenlle encargado ao sen-personalidade Núñez Feijóo (do que falaremos en profundidade noutro momento) poñer a cara no seu nome e seguir ao pe da letra as súas instrucións, que é o único para o que serve.

        Xa me desafoguei. Abur.


 

08 febreiro 2019

10-F: Extrema dereita, borregos, ovellas e pallasos tristes


Ás xentes da extrema dereita española parece gustarlle o mes de febreiro para atacar as conquistas democráticas acadadas con moito traballo pola cidadanía. Xa o fixeron utilizando aos elementos máis fascistas do exército sucesor de Paquito El Terrible y sus Oficiales Guaracheros un 23-F; e parece que volven, esta vez con toda a dereita xunta e sen fisuras, a tentar un golpe de man (esperemos que incruento non só no seu desenvolvemento, senón tamén nos seus resultados) contra a democracia; e o que é peor, contra as ansias de recuperación dos espazos democráticos secuestrados á cidadanía polos últimos gobernos do Estado sustentados polas maiorías parlamentarias da extrema dereita do Partido Popular.
Cando aínda non está case nada recuperado, porque parece que por parte do goberno actual do PSOE tampouco hai moitas ganas facelo, os partidos da extrema dereita convocan para o próximo domingo, 10 de febreiro, unha concentración na praza madrileña de Colón. E digo da extrema dereita porque, como xa teño explicado máis dunha vez, ás persoas e ás organizacións eu adoito cualificalas non polo que din, senón polo que fan. Por iso igualo a Ciudadanos, Partido Popular e Vox como partícipes da mesma ideoloxía.
Non cabe dúbida de que a praza de Colón vai estar repleta de nazi-fascistas e toda caste de xentes de extrema dereita chegadas de todas as partes do Estado, a maior parte chegadas a Madrid en autobuses fretados polos convocantes e os seus apoios financeiros. Mesmo hai quen, como o Presidente da Xunta de Galicia, ven expresamente desde terras americanas para asistir ao citado acto de exaltación fascista. O que non se sabe se neste último caso pagará el o seu transporte ou teremos que pagárllelo a cidadanía da Galiza. Ou si se sabe.
En teoría, esa presencia da "nova mesta" polas rúas madrileñas é para protestar por non se sabe moi ben que relacionado con Cataluña; de feito pregúntasllo a calquera dos que participan, incluído os dirixentes convocantes, e cada un diche unha cousa distinta sobre as motivacións. No único que coinciden é en dicir que “polo bien de España”, un manido e fedorento argumento utilizado por todos os golpistas do mundo cada vez que atacan a democracia dos seus países; iso si, trocando o nome do país e poñendo o correspondente.
Eu comprendo que anden tan desesperados. Acabóuselle o chupeteo vario e diverso. Unha morea de cargos públicos de alto nivel pertencentes ao Partido Popular acusados de diversas fechorías para enriquecerse (agora xustifican que xa os botaron) e para lucro dese partido; organizacións de extrema dereita que se quedan sen chupes diversos naquelas comunidades e concellos nos que xa non goberna o Partido de Casado; o lider de Vox que ficou sen as “mamandurrias” madrileñas que lle proporcionaban FAES e Esperanza Aguirre e agora ten que buscarse a vida, e non vaia a ser que despois de toda unha vida teña que poñerse a traballar; ...e supoño que os outros que faltan tamén queren meter o cazo.
Acabo de ler hai pouco que xa se unen á convocatoria cousas tan variopintas como Hogar Social, Falange Española, España 2000,..., é dicir, todo o lixo nazi-fascista que pulula polo Estado Español vai estar en Madrid .
Imaxino que unha vez en Colón, que o petarán, haberá un palco onde se xuntarán os lideres do Partido Popular, Vox e Ciudadanos para lanzar arengas fascistas contra a democracia, contra as mulleres e contra todo aquelo que cheire a liberdade e igualdade. O que si fica máis que claro (por se alguén non o entendía) é que o entendemento entre Ciudadanos e Vox en Andalucía non foi algo ocasional e provocado polo Partido Popular, senón que foi algo buscado polas tres forzas que agora incluso lle dan responsabilidades ao partido nazi-fascista en temas relativos á recuperación da memoria histórica en Andalucía.
En fin, e resumindo: o próximo domingo a Mesta, esta vez disfrazada e fora de temporada, ocupará unha pequena parte de Madrid. Esta vez os ovelleiros montarán unha especie de cercado virtual na Praza de Colón onde xuntarán a todas as ovellas e a todos os borregos, con algún carneiro e algún lagarto de incógnito no medio,  e instalaranlle un palco desde onde os pallasos tristes tentarán que as ovellas non se aburran, os borregos non choren e os carneiros e os lagartos non se desmadren.
Mentres, outros estaremos en Santiago de Compostela intentando defender a sanidade pública galega dos continuados ataques aos que a someten aqueles extremistas de dereita liderados polo que ven das américas expresamente para participar no acto fascista.

01 outubro 2018

Toni Cantó, de cando @s borreg@s sentíronse ameazad@s polas vacas e outras lerias

          Esta entrada ven a conto dunha proposición realizada no Congreso dos Deputados polo parlamentario valenciano Toni Cantó, pertencente ao partido político Ciudadanos. Esa proposición facía referencia a retirar á esixencia, para o funcionariado das administracións públicas, de coñecer as linguas das comunidades autónomas que teñen linguas propias ás que puideran ser destinados ou ás que puideran acceder por concurso ou oposición. É dicir, que as empregadás públicas e empregados públicos destinados neses territorios non tiveran a esixencia de poder entender ás persoas que na súa terra queren facer a vida na súa lingua nai (cousa á que teñen dereito e que na actualidade en moitos casos se lles nega -polo menos en Galicia-, moitas veces con malos modos e quebrando a lei, en numerosos organismos públicos); ou entender a outras persoas que teñen dificultades para expresarse en castelán (pola idade, polo baixo nivel académico,...) pero que dominan a linguaxe oral da súa terra que falaron desde que eran pequenas, e que moitas veces no afán de falar en español trocan completamente o significado do que queren dicir ou fan inentilixible aquelo que falan, co conseguinte prexuicio que iso pode xerarlles [1]. Todo isto plantexábanno desde Ciudadanos, ao través de Toni Cantó, como forma de garantir unha suposta igualdade nos procesos selectivos. Como se a función pública fora un dereito só atribuible a quen a desempeña e non un dereito, sobre todo, da cidadanía que recibe atención de quen exerce esa función pública.

Mentiras como parte da propaganda.

           Pero ese intento de impedir que a cidadanía non puidera ser atendida na súa lingua nai sempre que así o demandara non foi o máis grave da intervención do mal político e peor actor que é Toni Cantó. O peor foron as mentiras dese señorito sobre a suposta desaparición do idioma español nas comunidades con lingua propia, entre elas Galicia, e a imposibilidade dos español-falantes de comunicarse neses territorios “por ter desaparecido neles o español”.
    Esa eterna mentira que os partidos e grupos dominados pola extrema dereita como Ciudadanos, Vox ou o Partido Popular están espallando na súa propaganda cara ao resto do Estado sobre o que supostamente está a pasar coa lingua castelá en Cataluña, no País Vasco ou Galiza, pero cuxo parecido coa realidade é pura coincidencia.
    Quen viaxa polo mundo adiante sabe perfectamente que cando vai a Cataluña e fala castelán non ten ningunha dificultade para facer a súa vida nese idioma; sabe que cando chega a un establecemento e quen o atende diríxese a ela en catalán basta con indicar con educación e corrección que non entende esa lingua para que con exquisita corrección sexa atendida en español. E o mesmo no resto do Reino de España. O problema xurde cando nos reciben no seu idioma natural e nós damos unha mala contestación por nos falar en catalán, euskara ou galego. Porque hai moita persoa maleducada ou facha que fai iso; que vai a Portugal e pretende que lle falen en español ou que vai a Inglaterra e non se explica como se dirixen a ela nesa idioma. Iso sí, como posiblemente fai Toni Cantó, Ines Arrimadas, Riverita ou outros fascio-cuentistas da lingua, non dubidan en introducir na linguaxe cotiá falada na súa España de palabros como “sponsor”, “cooking”, “ir de shoping”, ... ou outras do estilo que parece que visten moito pero con frecuencia amosan o apaletamento idiomático de quen as usa.
        Pero se grave é facer unha afirmación gratuíta dese tipo, afirmación que só lles sirve para pescar votos no mundo facha, dicilo da Galiza sobrepasa con moito calquera nivel de realidade. Galiza, onde a extrema dereita do Partido Popular de Galicia desde o goberno galego, coa ferviente e interesada colaboración de xornais escritos como La Voz de Galicia ou o Faro de Vigo, ten reducido o uso da lingua galega case a un nivel marxinal nos medios urbanos e falada cada vez menos no medio rural. Os gobernos de Núñez Feijóo teñen procurado, desde a chegada deste personaxe á Presidencia da Xunta de Galicia, de que o uso do galego fora diminuíndo en todos os campos e administracións [2], sobre todo no ensino onde a utilización da língua redúcese a un número ínfimo de materias, impídese en moitas ou poténciase a súa non utilización en outras nas que si pódese ou debería ser usada (con dicir que son numerosos os colexios autodenominados trilingües nos que imparten a materia de “Coñecemento do Medio” en inglés...); e, polo que me contan antigos colegas, nas poucas nas que si é obrigado o uso da lingua galega, parece como si a inspección non actuara para controlar a súa non utilización, sobre todo en colexios privados. Con estas políticas activas de socavamento da lingua propia estase mesmo a quebrar, ao meu entender, a Lei de Normalización Lingüística aprobada coa maioría parlamentaria durante un período de goberno de Fraga Iribarne; e, por suposto, québrase ampliamente a Carta Europea das Linguas Minorizadas. Ata tal punto que hai conselleiros da Xunta de Galicia que teñen a pouca vergoña de facer, incluso na Galiza, as súas intervencións oficiais en castelán.
Partido Popular: en Galicia unha cousa, no Congreso  dos Deputados a contraria.
         Ben sabemos, por ser numerosos os exemplos (a bote pronto lémbrome do rescate e da carestía das peaxes da AP-9, das obras do AVE, da peaxe de Redondela, da organización sanitariada Galiza, etc.), que os membros do Partido Popular din unha cousa en Galicia e no seu Parlamento e logo a contraria no Congreso dos Deputados ou trocan a música dependendo de quen goberne.
         Isto tamén aconteceu coa proposición de lei de Ciudadanos defendida por Toni Cantó, na que todos os deputados do Partido Popular polas catro provincias galegas votaron favorablemente (xunto aos demais deputados da extrema dereita) á citada proposta, é dicir, a que a cidadanía de Galicia non tivera garantido o dereito a ser atendida na súa lingua propia en calquera organismo público sito na súa comunidade. Eses deputados e deputadas foron: Marta González, Juan Juncal, Miguel Lorenzo, Tristana Moraleja, Joaquín García Díez, Jaime de Olano, Celso Delgado, Ana Belén Vázquez, Miguel Viso, Tomás Fole, Pilar Rojo e Ana Pastor, esta última Presidenta da cámara baixa.
      Parece que o deputado Cantante (perdón) ...Cantó días máis tarde, despois de ter coñecemento das numerosas críticas e máis que se lle fixeron pediu desculpas aos galegos pola súa metedura de pata. O que non sei é se fixo o mesmo cos cataláns e cos vascos, aínda que penso que non, que non llo permitiría o Riverita e a Arrimadas aínda que quixera. En todo caso, tiña que pensalo antes de facer esas impresentábeis afirmacións.

              De borreg@s e de vacas.

        A min esta campaña mintireira de Ciudadanos lémbrame aquela, outra tamén baseada nas mesmas fantasmadas, emprendida por un clube de amigotes liderados por unha señora e chamado Galicia Bilingüe (que non sei se sigue existindo) e que tivo o seu culmen no mes de febreiro do ano 2009 nunha manifestación celebrada en Compostela na que estaban, amais dos organizadores, un amplo abanico representativo da extrema dereita e da extrema dereita lingüística. Así podiamos ver nela á Ana Pastor, actual Presidenta do Congreso dos Deputados (vemos que segue igual de facha que entón), Rosa Díez, o Riverita, o actual Vicepresidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda, Ignacio López Chaves, Corina Porro, etc. É dicir personaxes coñecidos polo seu apego á extrema dereita ideolóxica.
            A idea destes suxeitos ligados ao Partido Popular e Ciudadanos ou similar era o acoso e derribo ao goberno galego que compartía PSdG-PSOE e BNG, próximas xa as eleccións autonómicas galegas. Agás Rosa Díez, todos eles seguen a estar nos cumios da política na actualidade. Hai que dicir que non estaba presente Núñez Feijóo, daquela candidato a presidir a Xunta da man do Partido Popular; supoño que non por falta de ganas senón por outros motivos confesables ou inconfesables. A señora esa cuxa grupello de amigos organizou a manifestación parece que agora anda moi próxima á extrema dereita de Vox e sigue nas súas fantasmadas; sei que agora anda a recoller sinaturas para que os topónimos galegos teñan a versión española. Que Sanxenxo, sexa Sangenjo (non San Gines, como sería de verdade); que O Carballiño sexa Carballino (non El Roblecito); supoño que pedirá Niño de la Guía para Niño da Águia, en lugar de Nido del Águila que sería a tradución correcta; e non sei si para O Porriño pide El Porrito ou para Muxía pide Múgía ou Ordeñaba, este último sería a tradución correcta. Parece que anda por aí recollendo sinaturas e que moitas persoas de fora de Galicia, supoño que maiormente fachas ou crédulos en grado sumo, están a asinar semellantes historietas. De Galicia poucas ou case ningunha; e quen asina... extrema dereita.
      A dicir dos xornais de fora de Galicia, para acadar asistencia á citada manifestación fletaron buses de casi toda Galiza e viñeron colectivos de extrema dereita lingüística desde Cataluña e País Vasco. Iso custa moitos cartos e coido que Galicia Bilingüe (ou Bífida, como lle dicían moitos daquela) non os tería, así que damos por bo que a pasta e a xente púxoa o Partido Popular, que reclutaría vai ti saber donde coma se foran borreg@s. Porque só póde denominarse desa así a quen, vivindo na Galiza, tragaba semellantes fantasmadas cuxo parecido coa realidade era pura coincidencia, igual que agora coas estupideces ditas por Toni Cantó no Congreso. Ou tiñan interese político non declarado no evento. Ou, simplemente, eran da extrema dereita política e lingüística. Eu penso que as dúas cousas.
        O que non contaban @s borreg@s era con que cando menos o esperaban íanlle a aparecer unhas vacas a disputarlle o pasto (non falo dos bocatas nin dos 20 pesos por asistente, e quiza unha visita guiada ao sepulcro do apóstolo, que non me extraña recibiran por ir). Cun sublime alarde de imaxinación houbo unha organización política cuxos membros disfrazáronse de vacas e aparecéronlle na cabeceira da manifestación contra o idioma galego antes de escomenzar a andaina. Supoño que non fai falla dicir que a presencia das vacas tivo tempo contado; que dilixentemente, e como adoita acontecer en casos coma este, apareceron as chamadas forzas da orde para deter e/ou impedir que as vacas puideran impedir que @s borreg@s seguiran o camiño marcado polos pastores.
             En fin, isto non cambia. As moscas trocan, pero a merda segue a ser a mesma.
 Notas.-
1 Agora non me lembro quen foi o autor, pero hai anos (non sei se foi un fiscal ou un xuíz) publicouse algo relacionado cos prexuizos que a falta de uso do galego na Administración de Xustiza estaba a provocar ás persoas galego falantes que tiñan que declarar en causas xudiciais, tanto no referente á forma de tradución que esas persoas facían para tentar de falar castelán como ás interpretacións realizadas por quen tiña que levantar acta desas intervencións.

2  Non sei se a posición de Núñez Feijóo contra o galego ten algo que ver con aquelo que me contaba cando eu estudaba en Compostela unha persoa, nativa dos Peares, coa que compartía piso de estudantes. O feito aconteceu nun programa de Cesta y Puntos, onde un mozo natural dos Peares, alumno dun colexio de pago ourensá, preguntado polos sons que emiten os animais en lugar de dicir “rebuzno”, posiblemente condicionado pola diglosia lingüística, dixo “orneo” ou “ornear” (agora mesmo non recordo ben) referíndose ao son emitido polos burros. Loxicamente, ao desenvolverse o programa en castelán, nos anos sesenta do pasado século, foi dada a resposta por non válida. Feijóo é dos Peares.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...