O que se ensina dos empresarios nos institutos.
Nestes días de confinamento e coronavirus, nos que están saíndo a
relucir a natureza real das persoas e dos colectivos, véñenme á
cabeza os meus tempos aínda recentes de ensinante da materia de
Economía da Empresa no segundo curso do Bacharelato; cando nos
libros de texto da materia e nun dos seus primeiros temas
enunciábanse as “funcións da empresa”. En xeral, todos os
manuais da materia coincidían, á parte doutras funcións máis
prosaicas, en dúas das funcións: a de “asignar rendas aos
factores de produción (entre as que se incluían os salarios
pagados aos seus empregados)” e a función social, entre as que se
encontraba a de “crear riqueza para a sociedade” ao través
dos impostos e do reparto das rendas entre os seus traballadores e
traballadoras entre outras barbaridades que os autores lle asignaban
á empresa. Estaba claro que todos eses libros de texto bebían de
fontes máis gordas, creadas por economistas hoolingans da
empresa e, desde logo, propagandistas das posicións ideolóxicas e
propagandistas da economía ultraliberal. Amais, estes autores cando
estaba claro para calquera observador, incluso non moi agudo, da
realidade que iso era unha sarta de falsidades inventáronse aquilo
da ética empresarial e da responsabilidade social da
empresa (RSE), cortinas para tratar de tapar todo o lixo e a
miseria social que a maior parte das empresas distribúen e un
conxunto de contos integrables nas memorias anuais das grandes
empresas nos que calquera parecido coa realidade é pura
coincidencia. Por desgraza, e aínda non crendo e facendo constar o
meu desacordo con o contido desas premisas propagandísticas (e, en
xeral, de todo o contido relacionado coa empresa e a sociedade que se
debía impartir nesa materia), non me quedaba outra que dicirlle ao
alumnado que deberían aprender esa barbaridade e recitalo cal se
foran loros porque esa cuestión era un clásico nas proba de acceso
á universidade; e xa se sabe que o segundo curso de bacharelato, por
desgraza para a sociedade, máis que un curso de formación é un
curso de preparación para un exame onde se debe repetir certas
cousas coma se de facer o loro se tratara e non vale iso de ser
orixinal (non aparece nas “plantillas” de corrección). Como di
un amigo meu: unha puta academia.
O empresariado real.
A realidade é outra. O empresariado usa aos traballadores e ás
traballadoras ata onde lle son útiles para maximizar o seu beneficio
(nisto de maximizar o beneficio si tiñan razón os manuais de
economía) e cando as cousas non pintan ben desfanse deles coma se
foran un pano de usar e tirar. Iso ocorre, incluso, aínda que
saiban que ese baixón de actividade vai ser ou pode ser transitorio.
Se quedaran co factor traballo (iso: factor traballo; coma se foran
cousas e non persoas, que queda ben e moi técnico) e asumiran os
seus custos o seu beneficio aínda que o houbera sería menor, polo
tanto “mellor aparcalo e que sexa o Estado quen lle dea unha
paga de mantemento; e cando se lle remate o subsidio de desemprego
pois alá el ou ela, que busque traballo onde non o hai ou senón que
roube (pero non a min, claro)”. Se puideran, moito empresariado
tería sempre aos seus asalariados contratados só de luns a venres e
despedidos para a fin de semana; xa o fan cos contratados por
substitucións, tanto empresas como administracións públicas
xestionadas polo Partido Popular. Porque xa se sabe que os
asalariados e as súas familias só xantan cinco días á semana. Son
así, chámanse empresarios.
En relación á función social pola súa contribución tributaria xa
sabemos que neste país os únicos que declaran a totalidade dos seus
ingresos son aqueles cuxa totalidade dos seus ingresos están
suxeitos a nómina; que
hai moitos patriotas empresarios traballan “en negro”, que
tributan o menos que poden ben directamente, ao través do fraude ou
utilizando a elusión fiscal. E que as máis das fortunas localizadas
en paraísos fiscais son propiedade de empresarios, moitos deles
recoñecidos empresarios patriotas españois.
E sabemos, tamén, que son moitos os bancos españois que
traballan en paraísos fiscais, ben directamente ou ben ao través
doutros establecementos do grupo situados en países estranxeiros
(BBVA, Banco de Santander, Banco Sabadell,...); e loxicamente non
o fan por deporte, senón porque os seus clientes máis importantes o
demandan (e quizás tamén os seus propietarios ou directivos),
clientes como a familia Borbón que vai polo mundo alardeando de
patriotas españois pero que esquilman ao seu país todo o que poden.
En fin, o Estado é coñecedor destes historias pero non as para,
nin castiga aos seus autores, e tampouco pon os medios para que iso
non ocorra, co cal convértese en cómplice. E o Estado non é
un ente abstracto; son as persoas que forman parte dos gobernos,
os secretarios de Estado, os altos cargos das administracións,...
que están informados non só dos defraudadores que saen publicamente
nos xornais e que tamén quedan impunes senón tamén doutros moitos
que non saen nos “papeis”.
Empresariado e COVID-19.
Cando a explosión da expansión do coronavirus foise instalando no
Estado Español, o goberno de Pedro Sánchez decretou o estado de
alarma con efectos dos día 14 de marzo e por quince días. Este
supuxo, por unha parte o confinamento domiciliario da cidadanía
(agás aquela que debía cumprir coa súa actividade produtiva), e
pola outra o peche dunha serie de actividades non consideradas
básicas para o funcionamento económico, social e produtivo do país;
evidentemente, entre estas actividades se encontraban aquelas que se
presupoñía que eran focos de concentración de persoas e, polo
tanto, de transmisión do COVID-19; pecharon restaurantes (agás os
que proporcionan servizo a domicilio) e bares, pecharon comercios de
roupa, establecementos de espectáculos, comercios de trebellos
domésticos, etc, etc.
Pero permitíronse que abriran empresas nas que se concentran
multitude de traballadores e traballadoras; onde as distancias que
teñen que manter entre esas persoas dentro da cadea produtiva en
numerosas ocasións é inferior ao metro e, polo tanto, focos de
expansión da enfermidade tanto dentro como fora da empresa.
Sábese que amais do desacordo dos sindicatos e da satisfacción
do empresariado con esa limitación de actividades a paralizar, o
que demostra a escasa conciencia social dos patróns neste
país (e supoño que nos outros, coa diferencia de que noutros están
máis controlados e menos mimados polo Estado). Tamén dentro do
equipo gobernamental parece ser que había desacordo entre as
tendencias máis liberaloides (representadas fundamentalmente pola
Ministra de Economía e a Ministra de Facenda) e as máis sociais do
mesmo.
Isto dábase nunha situación de escaseza no mercado de elementos
de protección debido a unha escaseza de oferta e un alza tan
importante e instantánea da súa demanda, por unha banda; e a falta
de estrutura industrial para producilos e a dependencia das
importacións para a súa obtención, pola outra; todo elo nun
contexto internacional de competencia entre empresas por xunto e
entre estados para facerse con eles no único mercado, o chinés,
onde parecía haber capacidade de produción deses elementos. E
iso sen contar cos empresarios españois desaprehensivos e
delincuentes sociais que ocultaron as súas existencias deses
equipamentos coa clara finalidade de poder especular con elas nun
mercado preocupado pola seguridade persoal.
Máis esas medidas iniciais do goberno do Estado, aínda que
necesarias, foron incompletas; sobre todo no ámbito da protección
dos traballadores e traballadoras.
Moitos empresarios que a vían vir xa procederan a despedir
masivamente (ao través de EREs ou finalización de contratos) aos
seus asalariados. Catro días maís tarde da declaración do
Estado de alarma, o 17 de marzo, foi cando o goberno regulou a figura
dos Expedientes de Regulamentación Temporal de Emprego (ERTE) e
a obriga de adaptación da xornada para as familias no que ambos
membros da parella exerceran a súa actividade nalgunha das que se
mantiñan. Nese tempo, os empresarios xa fixeran estragos cos seus
cadros de persoal; moitos
deles prevendo o que ía pasar e sabendo que a súa actividade no
sector servizos dependería do turismo e da presenza nas rúas da
cidadanía. A lexislación de protección dos traballadores
chegou tarde. Non así a de protección dos empresarios que tiñan
que cesar na súa actividade, por moi mornas que esta foran.
Existen numerosas denuncias sindicais advirten de múltiples
irregularidades cometidas polas empresas no despedimento dos seus
traballadores e traballadoras coa escusa do COVID-19. É evidente
que ese patente desinterese pola saúde dos traballadores e
traballadoras, así como de que estes por mor de ter que ir á
fábrica poidan manter a cadea de contaxio fora dela, nos indioca que
o empresariado deste país, na súa maior parte, está composto por
persoas socialmente indesexables ás que só lle importa a súa
conta de resultados e os beneficios que poida ter; outras
consideracións como a saúde dos seus asalariados ou a miseria que
coas súas medidas poida xerar nas familias daqueles tráenos ao
pairo. O que quer é acumular; incluso nas épocas nas que
debería compartir.
Porque non estou a falar do pequeno empresariado ou do traballo
autónomo (a estes últimos dedicarémos un apartado especial, porque
a este colectivo hai que botarlle de comer á parte). Estou
a falar do gran empresariado, do que fala pola boca do Presidente da
CEOE ou da CEPYME, que para nada son pequenos empresarios por moito
que algunha sigla ou as leis fiscais de clasificación das empresas o
signifiquen.
Coa ampliación do Estado de alarma e a subseguinte suspensión de
todas as actividades realmente non esenciais, esta vez si coa
promulgación de medidas de defensa dos traballadores e traballadoras
á par, deu unha mostra máis fiel do que é o empresariado español
e do que son os seus aliados mediáticos (ABC, El País, La Voz de
Galicia, Faro de Vigo, El Español, Cadena SER,...) e supostos
equipos de estudos económicos que pululan polo país (equipos de
estudos bancarios, equipos de estudos de universidades privadas,
FEDEA,...).
A primeira reacción do empresariado, anunciada polos voceiros de
CEOE e CEPYME, foi opoñerse ás de ampliación das actividades
suspendidas, pese a que esa ampliación só ía ata o mércores da
chamada semana santa, o que mostra a natureza rancia e insolidaria
da maioría do empresariado deste país.
Podemos resumir a actitude do gran empresariado e dos seus
voceiros mediáticos coma un grande cabreo, moitas veces disfrazado
de estudo concienciudo, por ser forzado a parar a actividade e a
manter aos seus empregados, empregadas e persoas coas que estes se
relacionan fora da empresa a salvo de contaxios; e, por riba,
salvando os postos de traballo e sen perda de dereitos laborais. E
iso pese a que as horas perdidas deben recuperalas ao longo do ano.
Iso da obriga de manter vixentes os contratos laborais, de non poder
desfacerse polo tempo que quixeran dos seus traballadores e
traballadoras, sobre todo daqueles e daquelas con máis antigüidade
na empresa aos que non van poder substituír por outras persoas
contratadas en precariedade e con baixos salarios... Iso non vai con
eles. Amais, iso das “vacas fracas” só é para os outros, non
para eles.
Empresariado “benefactor”.
Outra das “lindezas” desta situación “coronavírica” é o
rexurdir do “empresariado benefactor e altruista”.
Curiosamente son as grandes empresas. Son das que maiormente teñen
aos seus traballadores e traballadoras con unha situación laboral
máis precaria; as que teñen deslocalizada a súa produción en
terceiros países con man de obra escrava podendo ter creado tecido
produtivo no seu país; aqueles empresarios aos que non lles tremeu a
man para deixar na ruína e colgadas por créditos e préstamos a
multitude de traballadoras agrupadas en cooperativas porque xa non
lles servían para acrecentar aínda máis a súa riqueza; aquelas
empresas ás que non lle treme a man para cortarlle a luz ou o gas a
persoas e familias con escasos recursos económicos; ou aqueloutras
que promoven e promoveron o desafiuzamento de familias enteiras dos
seus fogares. Queren, estas empresas e este empresariado,
mostrarse agora á sociedade como grandes benfeitoras da sociedade
diante da situación de pandemia que estamos a vivir. Coa posta ao
dispor dos gobernos (sobre todo dos que están de man) do sistema
loxístico por parte dalgún importante empresario que ten
deslocalizada parte da produción en china, ou coa doazón de
máscaras de protección e respiradores e outras cousas necesarias
nestes duros momentos. Empresas téxtiles, compañías eléctricas,
comercializadoras ou produtoras de gas e petróleo, bancos..., e non
sei cantas máis.
Igualmente, as empresas que amosan o seu dispor a ser xenerosas
atrasando cobros ou non cortando subministracións por falta de
pagamento (coa lei na man, remedio lles queda se quen non paga son
familias ou pequenos empresarios abafados por esta crise sanitaria e
económica aos que antes cortábanlle as subministracións sen
ningunha contemplación). Iso si, aos pequenos empresarios que
quixeren darse de baixa temporalmente e sen custos por falta de
actividade néganlle esa posibilidade, segundo teñen denunciado
algunha das persoas afectadas (polo menos algunha das máis
importantes subministradoras na Galiza). A cota de potencia é a cota
de potencia, aínda que veña con atraso; e nun negocio aberto de
atención ao público como restaurante, cafetería, bar, comercio,...
O importe desa cota pode ser cuantioso aínda que teña que manter
as súas portas pechadas por unha situación de emerxencia sanitaria.
E non é que eu estea en contra de que empresas poidan dar
facilidades a clientes ou que poidan doar materiais ao sector
público. O que si sei é que non o fan por altruísmo; que,
como mínimo, esas operacións forman parte das políticas de
promoción ao través das relacións públicas desas empresas. E,
de paso e se cadra, obter bonificacións fiscais. O que si me parece
é que o sector público non debe depender na vida corrente desas
doazóns para poder ter uns servizos públicos en condicións; pero
iso non vai coas políticas económicas de carácter liberal. Os
políticos neoliberais e liberais prefiren dotar ao exército de
xoguetiños cos que enredar a dotar aos hospitais ou aos centros de
ensino público de elementos inmobiliarios e orzamentos de
funcionamento ou de máis prazas coas que atender á poboación.
Posiblemente fora máis enriquecedor das arcas públicas, e polo
tanto para o conxunto da poboación, que todas esas empresas non
utilizaran mecanismos de elusión fiscal ou outros menos nombrables
como mecanismo para obter vantaxes fiscais. Sería moito mellor
que non facturaran desde Holanda ou desde Irlanda. Ou que non
utilizaran a contabilidade creativa para simular un beneficio menor
do real. Sería, igualmente, moito mellor para todo o país e para os
seus cidadáns que non funcionaran en réxime de oligopolio e non
pactaran prezos dos seus produtos (como xa ten demostrado e
sancionado un organismo nada sospeitoso de estar a prol dos
consumidores como é a Comisión Nacional del Mercado y la
Competencia -CNMC- coas empresas eléctricas e con determinadas
entidades bancarias). Igualmente, sería socialmente máis necesario
e mellor que mantiveran as plantas de produción no país, polo menos
as necesarias para afrontar a demanda interna. Pero non optan por
esas vías; son insaciables.
Se queremos ver un intereante video de propina sobre deslocalización na industria téxtil que ten por título Fios fora e está producido por Illa Bufarda, podemos facelo pulsando a seguinte ligazón: https://vimeo.com/193701763
O empresariado autónomo.
Xa o dicía o meu pai, que era comerciante e autónomo: “o
empresariado autónomo é unha figura que non está ben contemplada
na lexislación; se nos trata como se fóramos empresarios grandes ou
medianos e non como traballadores, que é o que realmente somos”.
E seguía: “o que eu non acabo de comprender é como toda esa
caterva de mamarrachos que son traballadores coma min -a maior parte
dos autónomos- vota á dereita, que é quen nos abrasa coas súas
medidas que só favorecen aos grandes”. De feito, e mentres non
se xubilou, o meu pai tiña, cada dous por tres, desacordos co resto
dos comerciantes autónomos da súa vila: que si el pechaba os
sábados pola tarde e o resto non quería, que si el collía
“vacacións de tarde” durante un mes de verán ao ano e os demais
non querían facelo,... Nin que o meu pai quixera obrigalos; facía o
que coidaba conveniente e punto; collía o touro polos cornos, e
aínda cun empregado asalariado tíñase por traballador non por
empresario; e o que era peor, nas eleccións votaba pola esquerda.
Intolerable para a maioría do “empresariado” autónomo da súa
vila.
E ese é o problema, que andan aos ditados da gran patronal, da
dereita franquista liberal ou da demagoxia da extrema dereita do
partido nazi-fascista. Non acaban de aprender que é esa dereita a
que abusa deles e a que os aboca aos apuros económicos polos que
pasan. Non se decatan que durante a crise de 2008 as medidas, os
recortes e as facilidades para as grandes empresas de distribución e
intermediarias promulgadas polos gobernos de Mariano Rajoy foron as
causantes do peche de numerosas pequenas empresas e pequenos
comercios; que foron moreas oos que non puideron subsistir contra os
embates das grandes empresas, que moitos tiveron que pechar as portas
ou quedar na ruína, que tiveron que ver como eran desafiuzados das
súas vivendas ou como a banca, beneficiada polo Partido Popular,
lles expropiaba todo o expropiable. E tampouco se decataron que as
confederacións de grandes empresarios, CEOE e CEPYME, non moveron un
dedo por eles; que a eses os traballadores autónomos non lles
preocupan e que só os utilizan cando eles se senten prexudicados.
E se queixan. Eu entendo que moitos dos pequenos negocios van telo
cru para subsistir e que foron moitas as horas de traballo e
sacrificios que os seus propietarios puxeron en tirar cara adiante;
entendo que as axudas previstas nos distintos decretos e leis
xurdidos durante o estado de alarma non van cubrir o nivel que
previamente tiñan os seus negocios. E menos aqueles con inicio de
actividades recente, que posiblemente non poderán nin subsistir; da
mesma forma que moitos postos de traballo tampouco poderán
subsistir, sobre todo se non hai un control intensivo por parte da
administración van ser vítimas do fraude empresarial. Sen embargo,
polo menos e aínda que non sexa desexable que cheguen a esa
situación, os traballadores e traballadoras autónomas van ter algo
que durante os anos de gobernos da dereita e do pesoerismo
liberaloide non tiveron: un seguro de desemprego. Limitado, pero
un seguro.
Quéixanse estes días de que teñen que facer as declaracións de
marzo. Normal que as teñan que facer. Non foi ata finais de marzo
cando se viron obrigados a pechar os seus negocios. Por que van ter
que ser eximidos de contribuír ata esa data das súas obrigas
fiscais? De todas formas estableceuse unha moratoria bastante longa
para que cumpran con esa obriga. Que se queixan das cotas de
autónomos, que cotizan máis que un traballador asalariado? Normal;
cotizan pola empresa e por se mesmos como traballadores. Igual que
antes, con Felipe González, Aznar, Zapatero e Mariano Rajoy; pero
agora cubertos con seguro de desemprego. Que deberían tributar polos
resultados reais do seu negocio e non por indicios? Certo, non é o
mesmo un bar que factura 150 euros diarios que un que factura 2.300,
aínda que teñan a mesma superficie e o mesmo número de mesas. E
iso debería estar arranxado. Por que non falan co seu asesor fiscal
e, en lugar de acollerse a unha estimación obxectiva, non empezan a
tributar por estimación directa? Claro que ao asesor élle máis
cómodo facer os mesmos papeis todos os meses, pero pode haber casos
nos que ao empresario poida saírlle mellor trocar a modalidade de
tributación aínda que para elo teña que ter máis coidado dos
papeis; pero para iso paga a un asesor.
En fin, aos autónomos (polo menos á meirande parte) que lles dean.
Que seguen votando á dereita e querendo ser empresarios cando na
realidade son traballadores?. Pois que lles dean a eses descastados.
E se a alguén parécelle mal, dicir que so expresei o que penso. E
que me baseo en informacións xornalísticas, radiofónicas,
sindicais, na miña formación e na miña experiencia da vida. Se
molesta, pois iso.