Amosando publicacións coa etiqueta Citas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Citas. Amosar todas as publicacións

03 maio 2023

A propósito da sanidade pública galega. Incompetentes, imbéciles, senvergoñas ou inútiles ?

          

          Os acontecementos de ficción que vou relatar de seguido, e que ocorréronlle a Remigio do Outeiro, poderían ter ocorrido por conta de calquera centro de saúde da Galiza. A culpa tívoa o famoso sistema XIDE (xestión integral de demanda en equipo) adoitado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza á hora de solicitar nos mostradores dos citados establecementos sanitarios, ou por medio de chamada telefónica, cita para unha consulta co médico ou coa médica de familia.

         A grandes trazos, este sistema consiste en que o doente, no intre de solicitar cita debe dicirlle ao persoal non sanitario que recolle as citas cal é o motivo da consulta que solicita; o doente debe (se quer) dicirlle o que lle pasa; o persoal non sanitario mete nun equipo informático o que o doente di e ese equipo determina a urxencia da cita e quen debe atender ao doente.

         Aínda que a escusa para implantar o citado sistema XIDE é o de axilizar a atención médica as persoas doentes, no fondo non é máis que un intento de aforro do persoal médico necesario para facer a avaliación inicial da doenzas ou necesidades do paciente (que é o que normalmente fai un médico ou médica decente cando lle aparece un doente pola súa consulta). Este pretendido aforro de tempo, cuxa responsabilidade se pretende cargar sobre o persoal dos servizos xerais, sobre o propio doente  e sobre un algoritmo (que saben tanto de medicina coma min) o peso de facer unha diagnose previa dos males da persoa solicitante dunha consulta para establecer unha prioridade e dar cita é unha verdadeira tomadura de cabelo á paciente. Amais dese aforro de persoal médico, imaxino que o que realmente a Consellería de Sanidade e seu persoal de confianza pretende é que os doentes se vaian a unha consulta privada, que o obxectivo básico que parece pretender a actual política sanitaria do Partido Popular.

Quen é Remigio do Outeiro ?

        Remigio é un home de escasa formación; un pouco bruto, fanfarrón, hortera, machista, solteiro e putero, pero que se rende á lei do máis forte e treme servil diante dos poderosos. Certo é que no lugar onde naceu adoecía dos mínimos servizos públicos básicos para que puidera cultivar desde neno  a súa personalidade. Foron as dificultades dos seus proxenitores para crialo no seu fogar familiar, debido á falla de servizos públicos de todo tipo no concello rural no que vivían, e a súa ansia de que o seu fillo estudara e se convertera un home educado que lle permitira ter unha vida mellor que á que eles puideron ter as que determinaron a decisión de mandar a Remigio a estudar á capital da provincia, interno nun colexio de pago.

        Pero as cousas non saíron coma eles, pai e nai de Remigio, pretendían. Para desgusto deles, o fillo xuntouse con malas compañías, abandonou os estudos e dedicouse a unha mala vida que fixo del o que hoxe é e teño descrito con anterioridade; en resume: un home sen vida, incapaz de conservar un traballo, sen futuro certo... Un desastre de persoa e con graves problemas de saúde.

        Acabou Remigio, unha vez finados os seus pais, refuxiando a súa mala vida na casa familiar da aldea na que naceu pero, iso si, sen abandonar as súas malas costumes e personalidade, que exhibía un día si e outro tamén pola vila cabeceira de comarca.

A vergoña de Remigio do Outeiro.

        Un bo día, Remigio foi unha das múltiples vítimas do sistema XIDE establecido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. A súa necesidade de consulta veu determinada pola súa vida de putero-abusador das vítimas da trata de brancas, ás que esixía atención negándose a usar os medios necesarios para prever a contaxios por ambas partes de enfermidades de transmisión sexual.

        Chegou todo preocupado ao centro de saúde da vila, ao mostrador onde daban as citas, e púxose na numerosa cola que case chegaba á porta do centro. Chegada a súa vez díxolle á moza que atendía que quería unha cita para o seu médico. A moza das citas, seguindo o protocolo XIDE establecido, preguntoulle que era o que tiña, cales eran os síntomas polos que quería consulta. Remigio mirou arredor de si, empezou a poñerse colorado e, pese á súa prepotente e chulesca personalidade, a súa cara empezou a mostrar expresións de temor e desconcerto. Non deixaba de ver cara a un e outro lado e cavilar: "Que van pensar e dicir de min?",  "Como lle digo a esta muller o que me pasa ?"... Canto máis pensaba na forma de describir os seus síntomas e dicirllos a aquela muller, maior era a súa sensación de desconcerto e de ridículo, cousa que era contraditoria coa súa personalidade cotiá. 

        Por fin, Remigio do Outeiro, cun fío de voz case imperceptible ao ouvido humano, decidiuse a falar. O dialogo que mantivo coa moza das citas foi o seguinte:

        - Moza das citas: "Non entendo o que di. Por favor, fale máis alto. Que é o que ten?"

        - Remigio: "É que me da vergonza. Non podo dicirllo ao médico cando este me consulte?"

        - Moza das citas: "A máquina pídeme un motivo de consulta para xestionar a cita. Pero se vostede non quer dicilo está no seu dereito. Mais se fora urxente, esta máquina se non pode saber o que ten igual ponlle a cita para moi tarde. Como saberá a tardanza dunha cita na Atención Primaria está en máis de sete días, dependendo do centro de saúde; neste, a espera media é de 10 días para as consultas telefónicas e de 15 para as presenciais".

        - Remigio, volvendo a ver para todos os lados dixo con voz clara e potente: "Mire... A semana pasada fun de putas; e xa sabe..." (Diante da mirada de asombro e desconcerto da moza das citas, Remigio concretou) "Pícame todo por aí abaixo, non paro de mexar e ás veces doéme. Non sei se terei ladillas, purgacións ou algo peor..."

         Volveu ver Remixio para o seu arredor. Todas as miradas fixábanse nel; e toda a cola estaba pendente da súa conversa coa moza das citas médicas. Sorrisiñas por aquí, rumor por alá, cachondeiño vario e diverso... Toda cola sabía dos males do Remigio do Outeiro. Alimento de rexoubeiras para todo o ano.

        Por fin, a nosa vítima do XIDE, despoxado de toda a súa confidencialidade e privacidade que debe ter un paciente das súas doenzas, rendeuse -como se corresponde cunha persoa da personalidade de Remigio- diante da agresión practicada contra a súa privacidade pola Consellería de Sanidade. Foi privado do trato confidencial que establece a relación médico-doente precisamente por ter que contarlle a doenza a unha persoa que non ten esa obriga de confidencialidade; e, por riba, diante dun numeroso grupo de persoas asistentes ao seu relato. Amais, da publicidade coa que se pode esperar por ter que contar as súas intimidades nun lugar cheo de público, como é unha cola do mostrador de citas dun centro de saúde.

        Quen lle di a Remigio que a moza das citas non vai ir co "cachondeiño" aos seu colegas e ás súas colegas? Que non vai ir contando por toda a vila e ás súas amizades o que aconteceu no mostrador? E vai a ocultar o seu nome? E, claro, iso estenderase por toda a vila e comarca. E as persoas da cola? Se xa no centro de saúde as caras de riso e os comentarios eran os que eran, o cousa vai ir estendéndose pola vila e comarca ao través de rexoubas e de "radio macuto".

        Onde quedou a confidencialidade dos doentes?

        A fin da privacidade do doentes. Nun artigo de propaganda do sistema XIDE editado pola Consellería de Sanidade na súa páxina web di unha alto cargo dese niño de incompetentes respecto da sanidade pública que "os pacientes aceptan máis do 90% das propostas de cita".  Como non vai ser así? Ou aceptan a cita que lle da a máquina ou quédanse sen ela; o persoal de citas non pode facer outra cousa que a que lle mandan os seus xefes. Unha vez aceptada a cita que lle proporcionan, os doentes poden adoitar dúas vías se consideran que a tardanza é excesiva: presentarse no servizo de urxencias para que lle digan o que ten ou tirar de carteira e ir a unha consulta privada. En todo caso, sinalar que a mostraxe sobre a que tiran esas conclusións desde o punto de vista estatístico non é nada representativo da poboación total da Galiza, que son as potenciais vítimas do sistema XIDE.

        Conclusión: outro despropósito máis da Xunta de Galicia rexida polo Partido Popular. Despropósito que busca de forma activa e constante a privatización do sistema público de saúde vía desprestixio da xestión pública do sistema sanitario. Como están a facer en Madrid, fixeron no País Valenciano, están a facer en Andalucía e noutras comunidades autónomas xestionadas por eles. En fin, unha tropa de privatizadores que non merece nin a auga que beben.

        Será o próximo paso destes impresentables ceder as nosas historias clínicas a compañías aseguradoras e a empresas de contratación de persoal? Son capaces diso e de moito máis.

        Dan noxo. Ou, en castelán como a eles lles gusta: DAN ASCO! Vostedes dirán se os cualifican de incompetentes, de imbéciles, de senvergoñas ou, simplemente, de inútiles.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...