Amosando publicacións coa etiqueta Crimes contra a Humanidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Crimes contra a Humanidade. Amosar todas as publicacións

27 setembro 2025

50 anos desde o asasinato de cinco loitadores antifranquistas

 

Mañana, cuando yo muera, no me vengais a llorar. Nunca estaré bajo tierra, soy viento de libertad

(Ernesto Che Guevara)

Epitafio de Juan Paredes Manot (Txiki)

Cambiemos todo para que todo siga igual

Este ano 2025, o 27 de setembro, cumpriranse os 50 anos dos últimos asasinatos patrocinados polo conxunto das principais institucións fascistas de represión do réxime criminal do Xeneral Franco. E digo “polo conxunto” porque neles estiveron implicados exército, xudicatura, policía, Garda Civil, ministros do réxime e o propio xeneral asasino. Hai que sinalar, para quen non o saiba, que o ditador, con bastante antelación á declaración da súa morte clínica, estaba xa moi enfermo; e que morrería apenas dous meses despois de cometer os referidos asasinatos, xa podre e cheo de tubos cos que manter artificialmente o seu corazón latindo; eses asasinatos foron cometidos en “estado de espera” dos seus herdeiros políticos e dos que realmente gobernaban o Estado Español para ver que facían para manter o réxime franquista sen Franco de forma que puidera ser aceptado polas democracias europeas e, sobre todo, polos países que formaban o que daquela recibía o nome de Mercado Común Europeo (antecedente da actual Unión Europea). Ese lobby empresarial franquista estaba formado fundamentalmente por banqueiros e grandes empresarios, principais beneficiarios do réxime, que se lucraron coa súa corrupción e que hoxe -baixo outras denominacións comerciais- seguen a liderar as grandes empresas construtoras, enerxéticas, de servizos diversos e bancos españois (todas elas presentes no IBEX-35). Para que vos fagades unha idea das pretensións dos políticos e empresarios franquistas, daquela, facendo referencia aos desexos dos partidarios do criminal golpista, foi moi usada a famosa frase de Tomasi de Lampedusa, na súa novela o Gatopardo, cuxo personaxe principal, un nobre siciliano que ao ver como se derrubaba a súa vida de abusos e privilexios dicía que “se queremos que todo siga como está, é preciso que todo cambie”.

Os asasinados

Os cinco antifranquistas asasinados foron Juan Paredes Manot (Txiki), Ángel Otaeguí, José Humberto Baena, José Luís Sánchez Bravo y Ramón García Sanz; os dous primeiros pertencentes a ETApolítico-militar (ETAp-m) e os outros tres ao FRAP (FrenteRevolucionario Antifascista y Patriota).

Os que tivestes a sorte de non sufrir aquela época de represión e asasinatos fascistas, realizados ou impulsados polo propio réxime do xeneral Franco, cando vexades na Wikipedia (se é que o facedes) o que eran ETA p-m e FRAP, diranvos que eran organizacións terroristas, analizando baixo o prisma actual (sería como dicir que o Fronte Sandinista era unha organización terrorista cando combatía en Nicaragua contra a ditadura de Somoza e o seus apoios da CIA dos EUA). Non vos asustedes nin vos levedes a engado; para ese réxime franquista case todo o que a el se opoñía era “terrorista”, como así o plasmou mediante Decreto-Lei do goberno de Arias Navarro e Fraga Iribarne, que entrou en vigor o mes de agosto de 1975, anterior aos cinco asasinatos, coa finalidade de conter as esperadas protestas cidadás contra as execucións e reivindicando liberdades democráticas e o fin da ditadura. E, efectivamente, ambas organizacións preconizaban a loita armada e atentaban con bombas contra obxectivos vinculados ao réxime, que consideraban como as mellores formas de facer fronte ao réxime ilexítimo e ditatorial franquista; consideraban que os aparatos armados do franquismo (exército, Policía Armada -hoxe Policía Nacional- e Garda Civil) eran institucións que a ditadura utilizaba contra calquera posibilidade de avance democrático. Certo é que, tamén, desde o réxime franquista se consideraba que estaban a manter unha guerra contra todo tipo de organización que se opoñía ao franquismo (de aí que se xulgara en tribunais militares aos opositores cando mediaban armas de por medio). Estas actividades armadas contra o réxime de Franco (que duraron ata a legalización dos partidos políticos e a implantación do actual réxime de liberdades) non eran compartidas pola maioría das organizacións democráticas e antifascistas (desde posicións de dereita ou desde posicións de esquerda), que se ben normalmente non as condenaban, tampouco as aprobaban e as consideraban como nada pertinentes, por considerar que substituían o que debería ser unha acción de masas protagonizada pola cidadanía polo terrorismo individual que podía xerar dúbidas entre unha gran maioría da poboación que demandaba un réxime democrático baseado na democracia representativa e de liberdades democráticas, onde ningunha persoa fora perseguida e encarcerada por ter e manifestar as súas ideas.

A cinco persoas ás que aquí pretendo homenaxear foron asasinadas por pensar diferente e actuar en liberdade contra un estado policial que reprimía as súas ideas; cinco persoas que guerrearon con armas contra quen lles tiña declarado a guerra armada e co obxectivo de acadar unha sociedade máis xusta e democrática.

Contra esas persoas arremeteu o réxime fascista con toda a forza, botándolle enriba todas as institucións xudiciais e policiais represivas das que dispoñía o franquismo coa finalidade de eliminalos fisicamente a calquera prezo e, ao mesmo tempo, tentar de branquear diante do mundo a súa actuación criminal. O seu fin estaba decidido incluso antes de que os pallasos uniformados empezaran o seu número nas pistas do circo dos consellos de guerra.

A día de hoxe aínda quedan moitas dúbidas sobre a autoría real dos feitos atribuídos ás persoas xulgadas e condenadas a morte naqueles procesos farsa, dos que os cinco aquí homenaxeados foron asasinados (moitos coas únicas probas produto de confesións arrancadas mediante salvaxes torturas nas comisarías e cuarteis da Garda Civil durante os interrogatorios). Por exemplo, a irmá de Humberto Baena a día de hoxe mantén que moitos dos feitos que pesaron na condena do seu irmá non foron realizados por el, que foron inventados ou fabricados pola propia policía (o cal nada estraño sería).

Xa naquel fatídico ano 1975, tres anos despois dos asasinatos cometidos pola policía franquista en Ferrol durante a folga dos estaleiros e da represión emprendida en Vigo contra as traballadoras e traballadores dos estaleiros, ocorrera o amplo dispositivo represivo contra a UPG e o asasinato, tamén en Ferrol, de Moncho Reboiras en agosto dese ano. Eran o principio das últimas rabexadas do réxime sanguinario e criminal do xeneral Franco; rabexadas que continuaron ata a morte do ditador e ata o ano 1977, onde numerosos demócratas foron asasinados a mans da policía franquista, da Garda Civil ou de bandas fascistas que contaban con protección e amparo dos corpos policiais ao servizo do réxime.

 

Os aparatos xudiciais e policiais do réxime franquista

Os asasinatos do 27 de setembro de 1975 foron precedidos de todo un proceso destinado a sementar un terror aínda máis intenso do que ata aquela tiña desenvolvido o réxime do criminal Franco, coa finalidade de parar as crecentes mobilizacións populares en demanda de liberdades democráticas. Este proceso foi desenvolvido polo conxunto das institucións de represión armadas e civís franquistas, a saber:

a) Brigada Político Social (BPS): sección da policía franquista especializada na persecución, tortura e mesmo asasinatos encubertos das persoas opositoras ao réxime, era policía política do réxime;

b) Policía Armada[i], era a policía do réxime do ditador; era a que , en compañía da BPS, se encargaba de perseguir nas cidades e grandes núcleos urbanos as manifestacións públicas contra o réxime nas rúas, sen escatimar en medios para a detención ou paralización das protestas (incluídos disparos de bala); era a época na que se dicía que os españois voaban, porque a pesares de haber feridos ou mortos de bala en moitas das mobilizacións polas liberdades o réxime e a prensa franquista contaban que a Policía tivera que disparar ao ar para disolver as mobilizacións.

c) A Garda Civil tiña as mesmas funcións no medio rural que a Policía Armada nos núcleos urbanos, e amais o seu Servizo de Información cumpría as mesmas funcións e facía as mesmas barbaridades que a BPS facía nos núcleos urbanos; eran famosos os seus controis no País Vasco realizados en curvas de escasa visibilidade para dar o alto e disparar se os coches non paraban.

d) O Tribunal de Orden Público (TOP)[ii]. Era a sección da xudicatura encargada de xulgar aos detidos políticos; era un niño de xuíces e fiscais fascistas, e o paso dos detidos políticos polas súas salas era un mero trámite para envialos a cadea con condenas de cárcere. Alí non se admitía practicamente ningún tipo de proba exculpatoria contra as persoas xulgadas (nin evidencias de tortura para arrancar confesións, nin testemuñas favorables, nin calquera outra evidencia favorable ao reo) agás que a persoa procesara fora o “garavanzo negro” procedente de poderosas familias pertencentes ao réxime, que algunha había. O que dicía a policía ía a misa fora ou non fora certo, coma hoxe coa lei mordaza na maioría dos xulgados, e as condenas estaban decididas antes de comezar as farsas dos xuízos.

e) Os tribunais militares amais de xulgar os seus propios asuntos internos (que traían consigo os arrestos e penas a soldados, pedras, piscinas ou fiestras) e, tamén, reprimir aos militares da Unión Militar Democrática (UMD) que preconizaban a necesidade de que o exército se pronunciara en favor da democracia. Nos tribunais militares eran xulgados, tamén, os civís acusados de terrorismo; isto é, a toda persoa que se manifestara en contra do réxime (que era, invariablemente, acusada de comunista, o fora ou non) por mor do Decreto-Ley 10/1975, de 26 de agosto, sobre prevención del terrorismo, antes citado. Polo tanto “merecedores” dun consello de guerra, isto é: de ser sometidos a farsas teatrais onde os militares fascistas que os conformaban gozaban repartindo condenas e penas de morte contra as persoas demócratas. No caso que nos ocupa, as penas foron a morrer fusilados diante dun pelotón de execución.

As execucións. Os voluntarios

Unha vez pasados polos distintos números do triste e cruel circo de represión franquista, despois de sufrir innumerábeis vexacións e sádicas torturas, despois das humillacións que tiveron que sufrir as súas familias por parte das distintas instancias de represión do franquismo, Txiki, Otaegui, Baena, Sánchez Bravo e García Sanz foron executados por fusilamento; uns en Burgos, outros en Barcelona e outros en Madrid.

A pesares das multitudinarias mobilizacións que houbo en toda Europa e no Estado Español contra o perfeccionamento dos crimes do 27 de setembro e contra o réxime fascista; a pesares de que todo o proceso que desembocou nos asasinatos foi cualificado, e demostrado, de fora unha farsa sen garantía algunha para os procesados; a pesares, incluso, da petición do Papa católico de suspender as execucións, aos dirixentes franquistas e ao criminal Franco non lles tremeu a man, e este último asinou as súas derradeiras penas de morte, os seus últimos crimes contra a humanidade.

Os asasinatos, levados a cabo en instalacións militares, foron realizados por distintos pelotóns de fusilamento formados por gardas civís, militares e policías. Todos eles voluntarios para cometer perfeccionar os últimos asasinatos do réxime cometidos baixo o mandato do criminal Franco, todos eles amosáronse como dignos servidores do fascismo e igual de criminais que os xefes das súas respectivas cuadrillas e dos manda-máis do réxime.

A Lei de Amnistía do 1977

Todas as persoas integrantes dos diferentes aparatos de represión e morte franquistas (civís e militares) non só non foron xulgados por todos os crimes cometidos ou inducidos por eles, senón que pasaron a formar parte dos distintos corpos militares, xudiciais e policiais despois da chamada reforma política e da aprobación da Constitución de 1978. Todo cambiou para que todo seguira igual; o franquismo ocupouse, antes das primeiras eleccións a Cortes Constituíntes, de promulgar unha Lei de Amnistía que exoneraba de toda culpa a todas esas persoas do réxime que cometeron crimes contra a humanidade, ben fora desde a xudicatura, a policía, o exército ou a Garda Civil.

Certo que tamén se beneficiaron da amnistía aquelas persoas que estaban encarceradas por reclamar publicamente liberdades democráticas, pero que nas súas filas non tiñan ningún asasino nin torturador, senón que estaban encarceradas polo mero feito de pedir liberdades de expresión, de manifestación, de asociación, de sindicación, legalización dos partidos políticos, dereito ao voto libre, etc. É dicir, o que na rúa ou nas casas pedían as mobilizacións populares e a cidadanía demócrata do Estado Español, non a amnistía asinada por Adolfo Suárez e don Juan Carlos de Borbón que foi feita, fundamentalmente, para salvar de ser procesada e condenada toda esa porcallada fascista; e para seguir contando con eles nos distintos aparatos do Estado xurdidos ou mantidos cos reforma política.

Moitos xuíces e fiscais pasaron a formar parte da Audiencia Nacional e dos altos tribunais do Estado. Moitos deles, xoves naquel entón, foron ascendendo na xerarquía e ocupando importantes cargos no Tribunal Supremo, Consello do Poder Xudicial, Fiscalía do Estado, o que tivo como resultado o aparato xudicial do que hoxe goza a rancia dereita española. O seu apego e defensa do fascismo quedou demostrado cando o xuíz Baltasar Garzón quixo investigar os crimes do franquismo e os seus autores e cómplices, que tivo como consecuencia unha condena e inhabilitación do xuíz, utilizando como escusa para a condena outro caso do seu xulgado, unha investigación do terrorismo utilizando escoitas aos avogados dos procesados (algo que era ilegal pero que, ao parecer, non era o único que o facía e, amais, a súa xeneralizada existencia era vox populi nos ámbitos da xudicatura).

Dos militares podemos dicir outro tanto. Moitos mantiveron a súa alta xerarquía ou foron ascendendo na xerarquía militar ata chegar a altos postos de mando; de aí a implicación de unha moi importante cantidade de altos mandos nos distintos intentos de golpe de Estado. Outros foron colocándose en organismos internacionais como a OTAN, pero sen renunciar ás súas sinais de identidade fascistas. Os daquela máis novos, entre os que posiblemente están os criminais voluntarios para fusilar dos que antes falamos, irían situándose na escala impulsados pola alta xerarquía do exército franquista.

Da policía e Garda Civil ben claro quedou coas investigacións das tramas das cloacas do Estado a implicación de antigos membros da Brigada Político Social e dos Servizos de Información. Xentes culpables de crimes contra a humanidade, como Billy el Niño ou o famoso comisario Villarejo, ascenderon e ocuparon postos chave no aparato da Policía Nacional. Posiblemente non foron os únicos; tamén foron beneficiarios de bo trato por parte da xerarquía policial de ambos corpos outros membros da BPS ou do servizo de información da Garda Civil franquista culpables de prácticas de tortura. Igualmente, non é improbable que moitos dos asasinos voluntarios do 27 de setembro foran beneficiados e impulsados a ascender dentro dos seus respectivos corpos represivos.

Final

Foron moitas as persoas asasinadas e reprimidas salvaxemente durante o franquismo. E foron moitos os asasinos e represores que despois da chamada “transición” permaneceron impunes e, incluso, ocuparon postos de responsabilidade no Estado post-franquista. Tamén ministros de Franco con responsabilidades directa ou indirecta sobre asasinatos ou membros do aparato do chamado Movimiento Nacional franquista.

Por que foi iso posible? Pois moi simple: porque a transición desde o franquismo ao réxime actual non foi unha transición democrática, foi un lavado de cara para que os privilexiados de entón seguiran a manter o seu poder e privilexios. Lavado de cara que contou coa colaboración de dirixentes políticos que traizoaron as arelas democráticas dun pobo, negándose a mobilizalo e pactando co fascismo a cambio dunhas migallas de beneficio persoal. Todas as persoas que vivimos aquel momento sabemos de quen estou a falar.



[i] Hoxe recibe o nome de Policía Nacional.

 

[ii] O órgano que sucede ao TOP no sistema xudicial español é a Audiencia Nacional (AN). Como o TOP, a AN é un tribunal de excepción que xulga, dentro das súas competencias, diversas actividades, desprazando as causas xudiciais dos xulgados naturais que corresponderían ás persoas xulgadas, como ocorren en calquera democracia contrastada. Coma facía o seu antecesor TOP, instrúe causas como as do procés catalá para aquelas persoas acusadas e que non están aforadas; tamén os chamados “delitos contra a Coroa” (por exemplo, cando xulgaban a un twitero/a ou a un/ha usuario/a de facebook de publicar ou compartir un post que non gustaba aos monárquicos era a AN que os xulgaba, negando á persoa encausada o dereito ao seu/súa xuíz/xuiza natural), crime organizado,etc. Eu, a idea que teño é que é un tribunal fundamentalmente político, aínda que pretendan lavarlle a cara.

25 decembro 2023

A S A S I N O S ! !

          O título deste artigo, como non podía ser doutra forma nos tempos que corren, está referido ao goberno, ao exército, á policía e aos diferentes servizos secretos israelís. E sen establecer diferenciacións entre cargos ou xerarquías. Todos os que participan nas labores de xenocidio do pobo palestino, directa ou indirectamente, son xenocidas, sen exclusións; aínda que uns teñan maior responsabilidade que outros.

        Asasinatos de crianzas indefensas, de médicos cando están realizando o seu labor nos hospitais, de doentes (infantes incluídos) e persoal sanitario. Bombardeos de escolas e campos de refuxiados nos que crianzas, mulleres, anciáns e civís non combatentes resultan asasinados por milleiros. Templos relixiosos que deberían servir coma refuxio tampouco son seguros; os criminais do exército de Israel non se paran e tamén os atacan, bombardean e ametrallan a quen está neles. 

        Francotiradores israelís disparan contra nenos e nenas indefensas, contra persoas desarmadas e, incluso, contra os seus propios compatriotas desarmados e nus que foran capturados coma reféns polos membros de Hamas. 


        Ordenan á poboación civil gazatí que se despracen de certos lugares para outros que din van a atacar; mais despois non se cortan un pelo en atacar e bombardear as columnas de civís que se están a desprazar cara a onde os israelís din que deben ir.

         Tamén asasinan xornalistas. Ben, non a todos; aos que son cómplices informativos do seu goberno, do seu exército, da súa policía e, polo tanto, dos seus crimes, mímanos e danlle parabéns.

        Tampouco deixan que entre axuda humanitaria con comida, auga, combustibles e medicamentos, así coma outras cousas de primeira necesidade para a poboación civil.  E isto está a provocar unha das maiores situacións de fame negra da nosa época, así como a extensión de enfermidades que estaban case erradicadas en Palestina. Igualmente moitas desas crianzas e civís, vítimas das actividades dos criminais israelís e que poderían ser salvados con uns recursos médicos mínimos, están a morrer por falta deses medios para coidalos; ou están a ser intervidos ciruxicamente ao vivo, por falla de anestesia. 

 

 A que está a Corte Penal Internacional?

        Son, o exército israelí, os seu goberno e os seus mandos militares ao completo unha banda de criminais de guerra que xa deberían ter unha orde de busca e captura da Corte Penal Internacional (CPI) por crimes de lesa humanidade e coma criminais de guerra. Estes da CPI que tanta presa se deron en ditar unha orde de busca e captura por crimes de lesa humanidade contra Putin polo de Ucraína (con razón), parece que se resisten a facer o mesmo co goberno de Israel e co exército sionista. Din que están a investigar, pero máis ben parece que están buscando xustificacións para exculpar a Netanyahu, ao seu goberno e ao seu exército do craro xenocidio que están a cometer co pobo palestino. Porque xa existen denuncias desde novembro para pedir que o fiscal da citada corte abra o procedemento e desde a CPI din que abriron investigacións en outubro. Indecente, pese ás múltiples denuncias; a última este mesmo mes presentada por Reporteiros Sen Fronteiras.

 O Estado de Israel ten cómplices no seu labor xenocida

         Por desgraza para a poboación palestina hai unha parte importante do mundo (non polo seu número senón polo seu poder) para os que as persoas non importan; a esa parte o único que lles importa son os beneficios da venda de armas, os beneficios das vendas de hidrocarburos, os beneficios que produce as especulación con todo tipo de materias primas. Esa parte do mundo está formada polos membros do Grupo Bilderberg e polos que en Davos conspiran contra os intereses da maioría da poboación, os grandes financeiros e os seus criados nos distintos países que están instalados nos gobernos.

        E non podemos máis que concluír que aqueles monicreques dos distintos gobernos do mundo, que como única frase cando se fala da ilegalidade que está a cometer Israel teñen na súa boca a de "Israel ten dereito a defenderse" desque comezou a ultima fase do xenocidio do terrorismo de estado sionista contra Palestina, son tan asasinos coma os propios sionistas responsables directos dos crimes de lesa humanidade. Os mesmos que nunca levantan unha soa voz contra os crimes de guerra e o xenocidio que o goberno de Netanyahu, o seu exército e os seus servizos secretos están a cometer contra o pobo palestino; e xa non so na Faixa de Gaza, senón que este comportamento xenocida está a xeneralizarse tamén en Cisxordania e Xerusalén Leste; e neste último territorio coa activa colaboración da policía de Israel que ampara todo tipo de actividades dos colonos sionistas, ocupación de propiedades dos palestinos, expulsión dos seus fogares e ataques armados contra cidadáns israelís de orixe palestino. E son os gobernantes civís e militares dos Estados Unidos de América (EUA), así coma moitos dirixentes políticos da Unión Europea que non son máis que monicreques da oligarquía e dos EUA os que teñen esta condición.

        E despois, hai moitos outros gobernos timoratos, que pese a pedir altos ao fogo, de mostrarse contrarios aos ataques contra a poboación civil, de demandar que se deixe pasar axuda humanitaria cara a Gaza e outras moitas cousas que son de xustiza, esquécense de denunciar o que pasa en Cisxordania ou en Xerusalén Leste. E, sobre todo, non son quen de rachar relacións diplomáticas do Estado criminal e nazi de Israel, que sería o que realmente deberían facer. Neste caso está o goberno español, ao que desde aquí pídolle de rache dunha vez coas relación con Israel; e que os ianquis, os nazis  e os fascio-franquistas españois digan o que lles dea a gana.

Israel non é un Estado democrático

        A pesares do que publicamente teño escoitado a moitas contertulias e a moitos contertulios en distintos espazos radiofónicos e televisivos, Israel non é unha democracia. Porque unha democracia non discrimina con disposicións legais a unha parte da súa poboación, nin establece relixións oficiais para o Estado, nin discrimina os seus cidadáns pola cor da súa pel. É mais que coñecido que os palestinos que residen e son cidadáns israelís non teñen os mesmos dereitos que os que non teñen esa orixe; e que quen profesa unha relixión distinta do xudaismo tampouco ten os mesmos dereitos nin o mesmo trato por parte das autoridades israelís. Incluso aqueles xudeos que teñen a pel máis escura debido á súa procedencia xeográfica están discriminados nesa sociedade que ten prácticas profundamente racistas e amparadas (na práctica) polo Estado sionista.


02 novembro 2023

Non cabe dúbida: Israel é un Estado xenocida (e II)

(Esta é a segunda parte deste artigo, que me vin obrigado a partir en dous por mor de que a súa letura poiderase facer demasiado longa).

    O suposto “dereito a defenderse” do estado de Israel.

        Hamas realizou unha incursión armada no territorio israelí o pasado 7 de outubro; nesta acción numerosos civís foron asasinados e mortos numerosos soldados do exército sionista, así como outras numerosas persoas (entre elas crianzas) foron secuestradas pola organización islámica confesional e integrista.

        Como sabemos, esta incursión tivo como consecuencia toda unha xeira de bombardeos indiscriminados da Faixa de Gaza por parte de Israel, con centos de civís mortos e numerosos feridos naquela primeira xeira de bombardeos realizada despois do 7 de outubro, así como un elevado número de edificios destruídos (moitos deles educativos, de culto, hospitais e campos de refuxiados). Estes bombardeos sobre a poboación palestina de Gaza seguen a darse a día de hoxe; e, se cadra, con máis saña e crueldade que os dos primeiros días. Hai que sinalar aquí que os palestinos civís vítimas dos bombardeos sionistas sobre Gaza xa sumaban moitos miles de persoas (sen discriminación de idade, sexo ou condición profesional) e centos os edificios destruídos. Mortos e edificacións destruídas que hai que sumar aos milleiros xa xerados polos bombardeos efectuados en Gaza antes desa data. Outra cousa que hai que dicir é que non todos os palestinos son membros de Hamas (de igual forma que non todos os israelís ou crentes xudeos son sionistas e criminais). Toda esta labor destrutiva, da que foron vítimas tamén voluntarios non palestinos que prestaban os seus labores en organizacións de carácter humanitario, era engalanada coas máis peregrinas escusas e as máis evidentes mentiras xeradas polas autoridades civís e militares israelís.

        Diante das críticas e das fortes mobilizacións cidadáns que se deron en distintos países de todo o planeta en solidariedade con Palestina, numerosos responsables políticos de distintos estados de Europa e América invocaron o suposto “dereito de Israel a defenderse”, descargando así de calquera responsabilidade na continuidade do xenocidio palestino ao goberno de Israel e ao exercito sionista (incluso nos EUA houbo manifestacións públicas de membros do máis ortodoxo da confesión xudaica  contra a agresión de Israel contra Gaza). Diante destas xentes hipócritas e desvergonzadas cabe facerse unha serie de preguntas e algunha consideración

  • Como é iso posible cando o país que invade as terras palestinas é Israel? Quen ten dereito a defenderse, o invadido ou o invasor?
  • Como é posible que sexa Israel quen ten dereito a defenderse se é este quen bombardea á unha poboación civil que está noutro país?  
  • Se non é a poboación civil palestina quen invade, senón que é esa a poboación que está a ser invadida invadida, como é posible que toda esa tropa de xerifaltes de diversos países e diversos organismos internacionais afirmen que quen ten dereito a agredir ("defenderse" din eles) á poboación civil palestina é Israel? 
  • Como é posible que a estas alturas aínda non se teña emitido unha orde de detención contra do goberno e dos membros do exército israelí por parte do Tribunal Penal Internacional (TPI)?
  • Por non remitirme máis atrás no tempo e considerar só ao máis próximo recordar un feito: cando empezaron os bombardeos de Rusia sobre a poboación civil ucraína e a invasión de parte do territorio desta última, ben que se apuraron os mesmos que agora fan a vista gorda diante dos crimes de Israel a aducir o xusto dereito de Ucraína a defenderse; e a tardanza do TPI en ditar orde de detención contra Putin foi mínima.
  • A que ven ese troco na valoración de feitos similares cando a vítima dos crimes de guerra e contra a humanidade é un pobo que nin sequera ten un exército regular que o defenda?

        Suponse que o dereito á defensa de calquera país dáse cando algún outro país ou colectivo armado invade o seu territorio e o invadido se defende cos medios dos que dispon; sempre sen invadir as fronteiras doutro país soberano, agás declare a guerra ao país invasor conforme á lexislación internacional. Neste caso non hai país invasor de Israel por Palestina; Hamas é unha organización armada integrista islámica de carácter relixioso que non forma parte do Estado Palestino, un  estado laico e que non pode  invadir militarmente ningún outro país simplemente porque non ten exército. E, por riba, cando Hamas foi conformada co financiamento do Estado de Israel.

    Os defensores do xenocidio impulsado por Netanyahu e os gobernantes de Israel.

        Hai que mencionar como defensores do xenocidio palestino en primeiro lugar aos principais impulsores de crimes contra a humanidade, realizados ben directamente ou ben ao través de axencias e organizacións gobernamentais ou paramilitares controladas por eles: os Estados Unidos de América (EUA).  Joe Biden foi o primeiro mandatario xa non en invocar ese suposto dereito a defenderse de Israel atacando obxectivos e poboación civil en Palestina, senón apoiando o que Israel estaba a facer: accións xenocidas contra o pobo palestino e a apropiación ilegal do territorio de Palestina como parte dese proceso xenocida. Non expresado desta forma tan crúa, pero si no fondo das súas verbas. Incluíndo a petición ao seu Congreso e Senado de máis armas para o exército sionista (non esquezamos que Palestina non é só a Faixa de Gaza, senón que tamén Xerusalén Este e Cisxordania forman parte dese país; e que eses territorios están sendo saqueados, usurpados e os seus habitantes expulsados das súas terras e fogares polo sionismo israelí, amais de bombardeados polo exército sionista).


         Outra das persoas que se significaron e puxeron a súa persistencia en apoiar as agresións de Israel a Palestina foi a señora Ursula Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, usurpando funcións que non lle corresponden (xa que lle pertencen a Josep Borrel); esta señora sobrepasouse nas súas competencias cunhas súas declaracións de apoio ao sionismo -con fotografía incluída- que chocaban de fronte coa posición da Unión Europea. Foi o primeiro cargo internacional, se mal non me lembro, en desprazarse a Israel para apoiar e fotografarse co criminal de guerra Netanyahu.
 
        Tendo en conta as súas posicións pretéritas, propias dun monicreque manexado desde os EUA, ao longo da guerra ruso-ucraniana nada estraño ten a súa decidida aposta por impulsar a política norteamericana para Palestina. Impresentable.

        Despois están os que eu denominaría coma violadores das liberdades democráticas. Refírome a aqueles que nos seus países prohibiron as manifestacións de solidariedade co pobo de Palestina. Falo do canciller alemán Olaf Scholz, do presidente francés Enmanuel Macron e o primeiro ministro do Reino Unido Rishi Sunak. (Afortunadamente, o Consello de Estado francés reprendeu ao goberno de Macron pola súa violación das liberdades democráticas).

        Baixo diferentes escusas, ou mesmo sen ningunha, estes tres personaxes cercearon nos seus países un dos principios básicos da democracia, violaron o dereito á libre expresión, que inclúe o dereito a expresarse publicamente, individualmente ou en grupo, e de forma pacífica sobre calquera aspecto que a cidadanía considere pertinente. 

        Incluso houbo un, Rishi Sunak, que penalizou a exhibición de bandeiras palestinas e induciu aos informativos da cadea estatal a confundir á poboación para que manipularan as informacións e presentaran as manifestacións de apoio a Palestina como actos de apoio a Hamas. Claro que esa persoa, pese a ser de orixe migrante hindú, ten unha vea fascista e xenófoba que cada vez que fala de certos temas sáelle a relucir. É unha persoa que pretende crear campos de concentración flotantes para as persoas migrantes que buscan no Reino Unido unha vida mellor, incluso negándolle o dereito de solicitar asilo; é un racista xenófobo que decreta a deportación automática dos migrantes que entren no Reino Unido sen papeis, meténdoos en avións e levándoos forzosamente a países onde a vida non ten valor algún, coma Ruanda co que Sunak chegou a un acordo para tal fin. Afortunadamente os tribunais paráronlle os pes.

Os antes nomeados quizá sexan os máis destacados defensores do Estado de Israel na Europa e América, mais por desgraza non son os únicos xerifaltes políticos de Europa e América que, por omisión da condena do xenocidio, aproban na práctica o xenocidio que Israel está a acometer contra o pobo de Palestina, e este comportamento xa non é de agora. Tamén no Estado Español -coma noutros países- hai xentes que non merecen os cargos e as posicións que ostentan en distintas institucións e que non reproban os labores de exterminio que o Estado de Israel están a levar a cabo contra o pobo palestino; son aqueles que, desde hai moitos anos ou recentemente, non son máis que ecos da voz do seu amo, os EUA. Maioritariamente pero non exclusivamente, tamén hai que dicilo, ligados ao partido da dereita fascio-franquista ou ao da dereita nazi-fascista.

    Moi ben por António Guterres.

        Aparte dalgún país árabe ou Iran que, fundamentalmente por interese, se pronunciaron contra os bombardeos a Gaza o único político a nivel internacional ata hai uns días que falou claramente da necesidade de cesar os bombardeos contra a poboación civil e contra instalacións humanitarias, relixiosas e civís foi Antonio Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas (ONU). Tamén sinalou a violación constante por parte de Israel do dereito internacional e da necesidade de que se recoñeza o Estado Palestino en base ás resolucións da Organización das Nacións Unidas. Tamén criticou Guterres os ataques de Hamas que trouxeron consigo numerosas vítimas civís israelís. E, igualmente, significou que "eses horribles ataques de Hamas non surxiron da nada", e as atribúe a que "o pobo palestino leva sometido a 56 anos de asfixiante ocupación".

     Como xa estamos acostumados, pola dinámica política do Estado de Israel cando é criticado pola súa política e actividades xenófobas e contrarias ao dereito internacional contra o pobo de Palestina, a reacción dos gobernantes sionistas foi o de condenar esas declaracións, pedir a dimisión de Guterres polas súas xustas palabras e retirar visados a representantes da ONU que teñen alí o seu destino ou que utilizan ese país como paso cara á Faixa de Gaza e á Cisxordania (e nada me estrañaría que os bombardeos posteriores sobre as instalacións humanitarias de UNRWA -Axencia da ONU para os refuxiados palestinos- en Gaza foran premeditados). 

        Tampouco me estrañaría que esa banda de criminais sionistas me puxera a min (un simple cidadán crítico, partidario do respecto aos dereitos humanos, das liberdades democráticas e dunhas sociedades igualitarias) no seu punto de vista no caso de que leran as miñas opinións en favor da liberdade e contra toda clase de xenofobia e de xenocidio.

Por se hai quen me toma o número cambiado.

        Teño que aclarar aquí que non son "antisemita", termo que con frecuencia se toma como anti-israelí. Se temos que falar de antisemitas, temos que falar tamén dos sionistas dado que o pobo palestino é un dos moitos pobos semitas, xunto cos árabes, asirios, fenicios, arameos e os hebreos.

        Tampouco condeno as accións que leva a cabo Hamas. Iso si, teño que confesar que non me gusta nada, como nada me gustan os integristas relixiosos que pretenden crear estados confesionais ou que utilizan as instancias estatais (como os creacionistas alí onde gobernan) para negar a liberdade de culto opoñerse ao coñecemento e negar os avances científicos. O que si fago é criticar aquelas accións dese grupo integrista relixioso cando teñen coma consecuencia directa a morte ou calquera desgraza que aconteza sobre a poboación civil (por exemplo, a do 7 de novembro pasado). Pero que faga isto non quer dicir que condene incondicionalmente a Hamas, como non condenei no seu momento aos guerrilleiros do Frente Sandinista que combatían a ditadura sanguinaria de Somoza en Nicaragua ou aos guerrilleiros do Vietcong que combatían a invasión do seu país polo exército imperialista e criminal dos EUA.

        Si que me declaro en contra do expansionismo sionista. Porque o sionismo consiste niso: instalarse nunha terra que non é da súa propiedade e expulsar dela con violencia aos que alí residen desde hai séculos simplemente polo mero feito de que a súa relixión expansionista atribúelles dereitos que para nada teñen; e fano sen respectar as liberdades, as propiedades, os dereitos doutros pobos semitas a estar asentados na terra que tamén é deles. Por iso me declaro antisionista, non antisemita nin antihebreo.

        E iso, a instauración dun estado relixioso integrista e excluínte, é algo que teñen en común Hamas e o sionismo expansionista que neste intre practica o actual Estado de Israel. Pretenden establecer estados confesionais, de pensamento único onde toda aquela persoa que non comparta os seus pensamentos sexa considerada coma inimiga. Unha aspiración de todas, sen exclusións, as organizacións integristas relixiosas monoteístas: crear estados confesionais de pensamento único relixiosos (sexa a Tora, o Islam ou o Cristianismo). E xa sabemos o que isto trae consigo: opresión da muller, incultura, negación da ciencia, falta de liberdades democráticas, violación continuada dos dereitos humanos, defensa dos máis ricos (incluíndo aos popes relixiosos), creación de pobreza e represión contra a cidadanía que se rebele contra esa situación, etc. Xa ocorreu con Hipatia de Alexandría e segue a ocorrir na actualidade (e se temos que facer caso desa novela chamada Biblia, xa desde os tempos do xoven Xesucristo). Exemplos deste tipo de réximes integristas relixiosos témolos na actualidade e nun pasado non moi lexano: o Irán dos ayatolás, Omán, Emiratos Árabes, Arabia Saudita, Qatar, o Estado Nacional-Católico franquista e outros moitos que para desgraza da humanidade aínda pululan polo mundo.

     E os cidadáns hebreos de Israel?

       Estou convencido (e espero non equivocarme) de que no Estado de Israel a maioría da súa poboación está en desacordo coas agresións que o seu goberno, o seu exército, os seus servizos secretos e os colonos integristas sionistas levan a cabo contra a poboación civil palestina; convencido de que a maioría da poboación israelí está en desacordo cos bombardeos indiscriminados que o exército sionista realiza contra a Faixa de Gaza, contra os campamentos de refuxiados e contra as poboacións de Cisxordania; e que a esa maioría de israelís non lles gusta nada ver como os integristas sionistas e os seus soldados maltratan e/ou expulsan aos palestinos das súas propiedades en Xerusalén e disparan fogo mortífero contra as crianzas ou civís indefensos. Tamén coido que esa poboación que hoxe parece que non se deixa ver (ou da que as axencias internacionais de noticias non informan, que é outra posibilidade) debe unirse e mobilizarse contra o goberno sionista da extrema dereita que preside Netanyahu e esixir a destitución e a expulsión dos mandos militares que planifican e executan as accións de xenocidio contra o pobo de palestina; e igualmente a depuración no seu exército de todos os elementos indesexables que nel están integrados. Así como esixir o recoñecemento do Estado Palestino, a devolución as terras ocupadas ilegalmente polos seus colonos e militares e resarcir á poboación palestina que foi expulsada ilegalmente dos seus fogares e da súa terra desde a creación do Estado de Israel. Tamén, por suposto, converter ao seu exército nun exército ao servizo da democracia. Porque nelo vailles, tamén, as súas liberdades. Un pouco iluso, non? Quizá, pero esperanzado.

    ...E seguen asasinando. E os seus cómplices americanos e europeos aplaudindo.

        No intre de dar fin a este artigo a barbarie sionista segue a caer sobre a poboación civil da Faixa de Gaza, sobre a poboación civil da Cisxordania e tamén persisten as agresións aos cidadáns palestinos residentes en Xerusalén e no territorio israelí. Non respectan nada; nin hospitais, nin campamentos de refuxiados, nin organizacións humanitarias e sanitarias. Violan unha e outra vez as resolucións ONU e a Convención de Xenebra. E, de momento, o TPI segue a calar e os Estados Unidos e os seus ecos da vella e agora triste Europa tentar acalar a súa complicidade no xenocidio palestino pedindo "unha pausa humanitaria" nos bombardeos contra a poboación civil. Como di unha viñeta da tira de Bernardo Vergara (da que máis arriba se reproduce un fragmento) será "para que morran sans e co estómago cheo". Porque eses sen-vergoñas cómplices do sionismo non piden o alto ao fogo total; hai que concluír, logo, en que están de acordo con que se bombardee á poboación de Palestina e que os que queden se vaian ao exilio como xa fixeron moitos no pasado; e que, por fin, o sionismo organizado usurpe para si en exclusiva o territorio palestino.

        Probablemente, e por desgraza, teremos que seguir falando deste tema moito tempo, así como saír á rúa a mostrar a nosa solidariedade co pobo palestino. E imaxino que cada día que pase a manipulación informativa por parte das axencias de noticias e o lixo mediático que non se opón firmemente ao xenocidio que está a acometer o Estado de Israel contra o pobo palestino será maior; e que tentarán que comunguemos coas rodas de muíño que os poderes fácticos dos EUA e o sionismo lles sirvan ás axencias de noticias e ao lixo mediático en doses diarias.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...