Xa van varios días desde que a Depresión Illada en Niveis Altos da Atmosfera (DINA) arrasou unha parte importante do Pais Valençiá, Castela-A Mancha e algunha localidade andaluza. Días no que a destrución, a impotencia cidadá, e a incompetencia ou neglixencia das autoridades xuntáronse coa xustificada indignación, coa explosión rabiosa, de parte da poboación.
Tamén os bulos sobre a orixe da catástrofe e sobre as súas consecuencias fixeron a súa aparición e foron distribuídos desde os espazos de coñecidos "xornalistas", "influencers" e "políticos" de clara tendencia nazi-fascista asentados en Youtube, programas de algunha canle convencional de TV, canles de Telegram e xornais dixitais de clara tendencia ultradereitista coma Libertad Digital ou Ok-Diario, coa participación, nalgún caso, de xeneralotes retirados e coñecidos pola súa adscrición fascista e a súa adoración polo criminal Franco.
E non só son os bulos, senón a presencia de fascistas organizados nas zonas do desastre para tentar de capitalizar a razoable indignación dos residentes e achegalos a asumir as súas mentiras. Isto púidose ver con claridade o pasado domingo no que eses criminais sociais que son os fascistas tentaron dirixir a ira da cidadanía indignada cara aos gobernantes civís. Incluso unha sobriña do rei Borbón, esa tal Victoria Federica, apuntouse o domingo a esta última modalidade de ataque fascista aos gobernantes civís desde a súa conta nunha rede social.
A min non me cabe dúbida de que moitos dos efectos xerados pola potencia inusitada da DINA puideran ser evitados se as persoas responsables de administrar as alertas e dar ordes de actuación á cidadanía e aos órganos e institucións de seguridade pública pola situación de emerxencia que estaba anunciada con días de antelación cumpriran coa súa obriga. Quizás non se houberan evitado moitos dos danos materiais que se produciron, pero si estou convencido que o desastre de vidas humanas houbera sido moitísimo menor que o que esa incompetencia atroz demostrada xerou.
As responsabilidades
Esa falta de cordura dos responsables de protexer á poboación civil valenciana, despois dos múltiples avisos por parte da AEMET da que íalles caer por riba foi un dos principais causantes dos numerosos mortos e de numerosas perdas materiais que, de actuar de forma responsable, se puideran haber evitado.
Os gobernantes da Generalitat valenciana sabía o que estaba por vir máis, non se sabe por que motivo (ou si podemos imaxinalos), trocaron dilixencia por mortos. A Universidade de Valencia, facendo gala da súa autonomía e da racionalidade do seu goberno, suspendeu todas as actividades decretando o peche, facendo caso das repetidas advertencias de meteorólogos e das confederacións hidráulicas. Por que o Goberno de Mazón non fixo o propio?
- Por que, sendo consciente da existencia dunha alerta vermella, non tomou as medidas axeitadas e só deu a voz de alarma xeral cando o desastre xa estaba comezado e xa nin tempo había para parar as augas e os torrentes?
- Por que se negou a decretar o nivel máis alto de alerta e a solicitar axudas do goberno central cando a situación xa era do máis catastrófica que se recorda neste Estado? Porque saber sabía que o goberno central non pode enviar e efectivos humanos e materiais de forma unilateral no grao de alerta que tiña determinado.
- Por que cando calquera persoa minimamente desperta (excluímos aquí ás persoas lelas que se deixan guiar pola merda mediática de Alvise, Quiles, youtubers imbéciles e outros do estilo) ten claro de quen é a principal responsabilidade o Sr. Mazón troca o seu discurso e se dedica a tentar que a responsabilidade rebote cara ao goberno central?
Bulos, agresións e interpretacións fascistas
O fascismo e o nazismo (se é que hai diferencias) non paran. Desde distintos medios dos xa coñecidos Vito Quiles, Alvise, o de Desokupa, blogueros e youtubers varios, presentadores de espazos televisivos en canles convencionais, redes sociais de diferentes grupos nazis (algún deles recen legalizado, por certo) ou xornais dixitais como Libertad Digital ou Ok-Diario os bulos sobre os diferentes temas arredor do desastre se desataron xa desde que o público tivo coñecemento da dimensión da traxedia.
Uns creadores de bulos, os outros como transmisores dos mesmos sen contrastar as informacións; pero todos a tratar de contribuír a aumentar a crispación e a tentar de desprestixiar a gobernabilidade civil do Estado e das institucións. Poñemos ligazóns a dous medios de orientación totalmente contrapostos nos que se describen os bulos lanzados pola extrema dereita durante estes duros días. No xornal La Razón e no xornal dixital eldiario.es. Hoxe escoitei na radio outro bulo do que non ouvira falar: que as inundacións eran parte dun plan para desfacerse da actual poboación e substituíla por migrantes. Ridículo, non? E tamén escoitei algún aínda máis incrible: que Abascal colleu a pa e que estivera levantando lama nunha das vilas afectadas.
Quedou patente toda esta trama organizada e incitadora da violencia no acoso ás autoridades civís ocorrida no pasado domingo na localidade de Paiporta da que segundo medios serios de información estaban os infantes de Vox (Revuelta), Desokupa, Democracia Nacional, España 2000 e outros grupellos nazi-fascistas polo estilo. A min chamoume a atención aquel "niñato" cun tupe repeinadiño e limpo coma unha patena que saiu na TV dirixíndose ao rei Felipe para criticar á autoridade civil; e resulta que o elemento ía cunha roupa propia dun grupo nazi.
"Só o pobo salva ao pobo"
Aqueles que tentaron de que Antonio Machado fora silenciado, os que teñen antepasados que o perseguiron ata no exilio e que se alegraron da súa morte, os partidarios e apoloxistas dos que o silenciaron queren apropiarse da súa frase de que "so o pobo salva ao pobo", coma se eles representaran ao pobo! Porque eles representan todo aquilo que Machado condenaba e non quería, eles son os defensores dos privilexios, os defensores da explotación, os señoritos, os defensores dos grandes terratenentes e das ditaduras. E Antonio Machado sobre o pobo dicía:
"En España lo mejor es el pueblo. Siempre ha sido lo mismo. En los trances duros, los señoritos invocan la patria y la venden; el pueblo no la nombra siquiera, pero la compra con su sangre y la salva"
E si, é certo. Miles de voluntarios se achegaron ás zonas afectadas pola DINA, sen invocar a patrias que salvar; simplemente a tentar de axudar de xuntar as súas mans coas dos veciños. De contribuír a mellorar a situación, sen máis interese que a de colaborar.
O mesmo que aconteceu na nosa Galiza cando os incompetentes que negaban a catástrofe tamén se negaron a afrontar de forma eficaz a crise do Prestige que tinguiu de negro as nosas costas. Pois si, chegaron miles de voluntarios de todas as procedencias, co único propósito de axudar a facer o que os incompetentes negaban. Curiosamente incompetentes da mesma familia política que os incompetentes valencianos que se negaron a recoñecer a evidencia ata as oito da tarde do maldito día.
Se Machado vivira hoxe, serían estes voluntarios aos que se referiría coma pobo. E condenaría a aqueles salvapatrias que tratan de xerar desconfianza, desconcerto, violentos e partidarios dunha ditadura que a maior parte deles non sufriron nin coñeceron.
Para rematar
É máis que evidente que hai que determinar todas as responsabilidades políticas e destituír ás persoas responsables. Igualmente, determinar se hai responsabilidades penais e perseguir aos presuntos delincuentes.
Se a Generalitat valenciana non afronta as súas obrigas, o Estado debe facer valer a súa autoridade e utilizar as leis que lle permitan intervir en favor do auxilio á poboación civil.
E cando hai unha alerta dese tipo, o que hai que facer é suspender automaticamente todo tipo de actividade, forzar a suspensión por medios coactivos se é necesario, e dicirlle aos patróns recalcitrantes que se vaian tomar vento fresco. E, por suposto, mobilizar todos os equipos de emerxencias que se considere necesario, sen esperar a que o pimpín de quenda teña a ben pedir permiso aos señoritos para actuar.
