PARTE 2: PALESTINA, VÍTIMA DUN NOVO HOLOCAUSTO
Outros corresponsables do holocausto palestino
Son vergonzosos, desde o primeiro momento, as actuacións e os posicionamentos das institucións da Unión Europea e da maioría dos gobernos dos países da Europa.
Hai países onde desde un primeiro momento se perseguiron policialmente e xudicialmente as manifestacións e expresións de apoio a Palestina e de condena do asalto e posterior inicio do xenocidio de Gaza. Alemaña, Francia, Inglaterra, Hungría,... enviaron, desde o inicio, aos seus policías a reprimir duramente as manifestacións contra o xenocidio de Gaza, especialmente Alemaña, Inglaterra e Hungría (este último país gobernado por Orban, un suxeito na órbita fascista de Donald Trump e defensor dun Netanyahu, ao que tampouco entregou ao TPI na súa visita a Hungría realizada non hai moito tempo). Outros países “delegaron” a súa capacidade de actuación na Unión Europea e na súa Presidenta Ursula von der Leyen, lavándose as mans.
No momento actual, a situación non ten cambiado moito en países clave da Europa como Alemaña e Inglaterra, onde se sigue a perseguir con saña ás persoas que se manifestan publicamente en contra do xenocidio cometido por Israel en Gaza ou, simplemente, por lucir unha kufiya pola rúa. Chega incluso Inglaterra a procesar por terrorismo a persoas implicadas nunha protesta pacífica realizada en instalacións militares contra o xenocidio (e supoño que se iso fixeron é porque o exército inglés, ou os seus servizos de intelixencia, están implicados dalgún xeito nese proceso exterminador contra o pobo palestino); pero non só quen realizou esa acción está perseguido polo “demócrata” e “laborista” Starmer; están tamén a ser vítimas de persecución os que consideran inxusta esa acusación e así o defenden publicamente. Logo, Starmer máis que un demócrata progresista parece un suxeito ultraliberal e conservador do estilo Tony Blair, con todo o que iso significa para a democracia e o Estado do benestar desde que este último foi cómplice da ilegal invasión de Iraq, levada a termo co seu consentimento e colaboración.
En Francia parece que a condena pública do terrorismo e do xenocidio sionista deixou de ser activamente perseguida; e, tamén, que hai movemento en favor de recoñecer a Palestina como país. E amaga Macron con querer adoitar medidas contra Israel por mor do xenocidio.
Na España, nun primeiro intre os gobernantes falaban do suposto “dereito de Israel a defenderse” en referencia á desmedida resposta do Estado israelí polo ataque de Hamas ás posicións do exército sionista en territorio palestino roubado e achegado á Faixa de Gaza, con algúns soldados e colonos sionistas mortos e con secuestros de persoas de variada condición. Posteriormente, e á medida que o xenocidio ía tomando corpo, criticouse o volume da resposta de Israel ao ataque de Hamas de outubro do 2023, mais tardouse moitísimo en condenar o xenocidio como tal e en levar ás institucións europeas mornas propostas coa finalidade de deter o exterminio do pobo palestino. Pero barcos con armas e cargamentos diversos con destino a Israel seguen a facer escala nos portos españois sen que ninguén tome medidas contra iso, segundo informan diversas ONG totalmente fiables. O máis forte foi que nos últimos tempos manifestou o goberno español, ao través do ministro Albares, foi a súa "opinión" de que o equipo ciclista de Israel debería retirarse da Vuelta a España; e iso, supoño que o fai tarde, mal e posiblemente á rastro, porque está a ver que son moitos os ibéricos que saen ás rúas ao paso da Vuelta para esixir a retirada da propaganda sionista, o equipo ciclista Israel-Premier Tech, das estradas ibéricas.
Inglaterra parece que tamén amaga (ou farolea) con recoñecer Palestina, pero mentres tanto segue a reprimir, deter e procesar por terrorismo nalgúns casos a quen se manifesta en contra do xenocidio e condena publicamente ao Estado de Israel por crimes contra a humanidade.
Italia, outro país influínte dentro de Europa, mentres a súa poboación se manifesta en contra dos crimes e do xenocidio cometido polo sionismo sobre o pobo palestino, onde ata os adestradores de fútbol se unen para pedir a expulsión de Israel das competicións europeas e mundiais e onde hai movementos nos portos para impedir o tráfico de armas cara a Israel, o seu goberno da fascista Meloni non deixa oportunidade de gabar a Netanyahu e ao seu goberno; e, por suposto, sen condenar o xenocidio que acontece ao ollos do mundo grazas ao xornalistas que en Gaza resisten.
Outros países europeos, de menor influencia no artellamento da política europea, tamén están a tomar medidas de recoñecemento de Palestina como país e de condena pública do xenocidio cometido en Gaza polo Estado nazi-sionista de Israel.
Mais ningún país europeo, a pesar de ter a soberanía para poder facelo racha relacións diplomáticas e comerciais con Israel, nin establece condicionamentos á entrada dos produtos dese país nos seus territorios; e os que están integrados na Unión Europea poñen como escusa a pretendida “unidade de acción conxunta”, dilatando o tempo e prolongando o sufrimento da poboación palestina. Iso si, todos concentran a súa atención hipócrita na Faixa de Gaza, por ser á que a cidadanía presta máis atención e a que máis se menciona nos medios de comunicación, pero se esquecen totalmente de que Cisxordania está sufrindo un proceso de invasión en colonización por parte do Estado e dos colonos sionista de Israel apoiada na violencia armada colona e do exército e policía sionistas, similar á sufrida pola poboación palestina residente no Xerusalén Leste; e de que a cidadanía de orixe árabe, sexa ou non palestina (incluso quen é cidadá israelí), é vítima dunha represión e discriminación social e política dentro dese país, apoiada polo goberno israelí. Esquécense de que o mundo está asistindo ao nacemento dun novo estado hitleriano, o Estado sionista de Israel, no corazón do Oriente Medio, un estado que posúe unha grande cantidade de armamento sofisticado e de gran capacidade destrutora, mesmo armamento nuclear.
A todos eles, en maior ou menor grado, podemos consideralos como corresponsables pasivos do xenocidio.
A posición da Unión Europea
Pese a que individualmente algúns dos países da Unión Europea (UE) teñen dado pequenos pasos e tamén téñense definido sobre a situación de Gaza e a actuación de Israel nese territorio (por exemplo, a ameaza –hai que tomala así mentres non se concrete- de recoñecer ao Estado Palestino anunciada por Francia, España e Inglaterra, ou a diminución da intensidade represiva sobre as manifestacións cidadáns de apoio á causa palestina e a condena do xenocidio –Francia- ou das declaracións feitas por algún Estado da Europa de que vai rachar as relacións comerciais con Israel e impedir o paso polo seu territorio de transportes de armas cara ao Estado de Israel e do comercio das mesmas con Israel –Slovenia-), mais son xestos illados que non se enmarcan dentro dunha política global europea tendente a impedir, polo menos, a continuación do xenocidio palestino por parte do Estado sionista. É mais, os estados da UE que manifestan diante da súa cidadanía a súa desconformidade e a súa condena polo que está a suceder na Faixa de Gaza escúdanse na súa pertenza a esa comunidade para evitar tomar medidas máis duras contra o Estado xenocida de Israel.
Respecto á actuación da Unión Europea en si mesma, dos seus órganos de goberno e dirección, vemos que desde o primeiro momento da invasión de Gaza polo exército nazi-sionista a Presidencia da Comisión Europea tense mostrado cóbado con cóbado coa actuación de Netanyahu acudindo á rimbombante consigna creada polo propagandismo conxunto dos EUA e o sionismo de “Israel ten dereito a defenderse”, coma si a poboación civil palestina tivera responsabilidade das accións e actividades realizadas por Hamas. Non podemos esquecer, xa avanzado o xenocidio, aquelas fotografías de Ursula von der Leyen coa cara chea de felicidade á beira do criminal Netanyahu en Tel-Aviv. Daquela, e vista a envergadura de xenocidio que ía tomando a invasión de Palestina polo exército israelí en Gaza, só o Comisario de Exteriores da Unión Europea, Borrel, foi quen de dicir que o que estaba a facer Israel estaba en contra do dereito internacional, que era unha barbaridade, pero (se mal non me lembro) mentres durou o seu mandato nunca escoitei saír da súa boca a verba “xenocidio”, cousa que na actualidade si di. E, por suposto, todos os demais comisarios a velas vir.
Situación que hai uns días seguía a ser a mesma: mentres por un lado pedía contundencia, condenaba os bombardeos de Rusia contra a poboación civil da Ucraína (o cal paréceme perfecto), e propoñía que a UE fornecera de armamento ao réxime ucraíno, polo outro poñía todas as dificultades para que a Unión Europea tomara medidas contra o xenocidio emprendido por Israel contra o pobo de Palestina, cando este último ten un altísimo número de vítimas dos bombardeos e do bloqueo de subministracións médicas e alimentarias se o comparamos co número de vítimas civís e a situación de emerxencia humanitaria que está a sufrir o pobo da Ucraína. E sen rubor, recentemente, nos Estados Unidos de América, a fotografarse xunto dous dos principais responsables do holocausto palestino: Donald Trump e Benjamin Netanyahu, primeiro ministro de Israel e reclamado pola Corte Penal Internacional (TPI ou CPI) coma responsable de crimes contra a humanidade.
Pero non só e a Presidenta da Comisión Europea mantén posicións tendentes a frear calquera proposta de condena ou de medida contra o Estado de Israel, por moi tímida e morna que aquela sexa. Tamén a súa actual Comisaria de Exteriores, Kaja Kallas, mantén unha posición similar á da súa presidenta.
Ambas, xunto cos representantes da Alemaña, Italia e Hungría, principalmente, están a dilatar a toma de decisións sobre declarar nulo o acordo asinado entre o Estado nazi-sionista de Israel e a Unión europea sobre o mantemento de relacións comerciais preferentes da UE con Israel por mor do incumprimento deste último dun dos artigos do tratado, referido á obriga do respecto dos dereitos humanos por parte do estado sionista[i].
Como podemos observar, por moito que botan pola boca para fora as medidas efectivas para tentar de parar o xenocidio, o holocausto, do pobo palestino a mans do Estado sionista de Israel non chegan. Os uns polos outros e a casa sen barrer.
Nós, a cidadanía.
A cidadanía, que estamos observando como se masacra a un pobo, debemos tomar conciencia e non quedarnos calados. Esixir dos nosos gobernos actuacións firmes contra o sionismo e non só lavados cara; esixir que se rachen as relacións diplomáticas e comerciais co Estado de Israel, e que non se permitan a escala nos nosos portos e aeroportos de ningunha mercadoría con orixe ou destino a ese país.
Igualmente, esixir que non se deixe participar en ningún certame internacional, sexa da natureza que sexa, a ningún elemento grupal ou individual dos que Israel utiliza para lavar a súa cara diante do mundo (cine, música, deporte, etc.). E que se lles expulse de toda organización mundial ou europea, como se fixo coa Federación Rusa cando se considerou que esta non respectaba os dereitos humanos e violaba a lexislación internacional; a igualdade de circunstancias, igualdade de trato.
ULTIMA HORA
Xa rematado de redactar e preparado para a súa publicación, hoxe luns día 8 dos presentes, o Presidente do Goberno Español, Pedro Sánchez, fixo unha declaración pública de que nas próximas horas sairía publicado un decreto contendo unha xeira de medidas tendentes a mermar a capacidade do Estado sionista de Israel para continuar coa senda do xenocidio contra o pobo de Palestina. Medidas incompletas, ao meu entender, pero algo é algo.
As nove medidas anunciadas, segundo publica o xornal eldiario.es, son as que seguen:
1. A aprobación urxente dun real decreto lei que consolide xuridicamente o embargo de armas a Israel.
2. A prohibición do tránsito por portos españois a todos os barcos que transporten combustibles destinados ás Forzas Armadas israelís.
3. A denegación de entrada ao espazo aéreo español a todas aquelas aeronaves de Estado que transporten material de defensa destinado a Israel.
4. A prohibición de acceder ao territorio español a todas aquelas persoas que participen de forma directa no xenocidio, a violación de dereitos humanos e os crimes de guerra na Franxa de Gaza.
5. A prohibición da importación de produtos provenientes dos asentamentos ilegais en Gaza, en Cisxordania, co obxectivo de combater estas ocupacións, de frear o desprazamento forzoso de poboación palestina e manter viva a solución dos dous Estados.
6. A limitación dos servizos consulares prestados aos cidadáns españois residentes nos asentamentos ilegais israelís á mínima asistencia legalmente obrigatoria.
7. O reforzo do noso apoio á Autoridade Palestina mediante un incremento dos nosos efectivos na misión de asistencia fronteiriza que a Unión Europea ten en Rafah e o establecemento de novos proxectos de colaboración coa Autoridade Palestina nos ámbitos de agricultura, de seguridade alimentaria e de asistencia médica.
8. A ampliación da nosa contribución, da Contribución Española a UNRWA, a Axencia de Nacións Unidas encargada da asistencia ao pobo gazatí, a uns 10 millóns de euros adicionais
9. O aumento da partida de axuda humanitaria e cooperación para Gaza para alcanzar os 150 millóns de euros o próximo ano, no ano 2026.
[i] Hai que sinalar aquí ao respecto que Israel nunca coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos; desde a súa existencia coma Estado nunca cumpriu cos dereitos das persoas detidas á tutela xudicial efectiva. O estado sionista resérvase o dereito de manter detidos polo tempo que lle dea a gana á persoas que considere sen pasalas á tutela dun xulgado; é o que eles chaman unha “detención administrativa”, figura que aplican, sobre todo, a calquera cidadá de orixe árabe sexa home, muller, crianza ou anciá; e tamén aos xornalistas que informan sobre os desmáns da súa policía, exército ou colonos sionistas en Cisxordania, en Gaza ou en Xerusalén Leste.
.jpg)
.jpg)