Amosando publicacións coa etiqueta Capitalismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Capitalismo. Amosar todas as publicacións

10 setembro 2023

Investidura, poderes económicos e lixo mediático

         "Puigdemont va a sodomizar a todos los españoles en la Gran Vía con permiso de los socialistas". Así foi o meu espertar o día de hoxe: esta frase escoitada nunha emisora radiofónica e pronunciada por un, sen dúbida algunha, imbécil fascista. E o caso é que a culpa de ter escoitado tal cousa foi miña; e a causa foi unha mala operación co dial do aparato que fixo que, a iso das nove menos vinte da mañá, en lugar de saír a emisora que adoito escoitar acotío saírame ES-Radio, unha emisora da extrema dereita liderada por Jiménez Losantos e unha das preferidas dos fascistas hispanos.

        Pero así está o patio. En lugar da citada emisora podería ser calquera outro dos instrumentos mediáticos ou do integrismo relixioso que o capitalismo peninsular ten posto ao servizo da dereita fascio-franquista do Partido Popular ou do nazi-fascismo que representa Vox e os colectivos, seitas e organizacións ultracatólicas que o amparan.

O pánico do capital aos avances sociais e á perda de privilexios.

        E pasa que esa dereita indesexable ten un pánico atroz a que o goberno do Estado non caia nas súas mans, que sexa un goberno liderado polo PSOE coa presencia tibia de SUMAR e apoiado na súa investidura por forzas socialdemócratas nacionalistas e forzas nacionalistas de dereitas o que teña o encargo de formar o Goberno do Estado.

        O partido de Sánchez non sería un problema en se mesmo; despois de todo é un partido do sistema, un partido que aposta pola economía como condicionante de todo o demais e cunha orientación claramente liberal, lonxe de calquera vía socialdemócrata ou mesmo keynesiana e redistributiva da riqueza; un partido partidario das privatizacións dos servizos públicos, como xa ten máis que demostrado (desde a chamada "transición") ao longo dos períodos de goberno nos que lexislou apoiándose nas maiorías parlamentarias do seu partido con Felipe González e Rodríguez Zapatero. Períodos nos que se privatizaron numerosas empresas e servizos públicos, onde se entregaron os servizos de atención á dependencia a empresas privadas, onde se abriu a vía á privatización subvencionada do ensino público ao través da LODE, onde se modificou a Constitución para que fora prioritario devolver a débeda pública á atención das necesidades sociais do país, onde se entregaron de forma incondicional inxentes cantidades de fondos públicos aos bancos para o seu rescate sen a obriga e a esixencia expresa da súa devolución, etc., etc.  Podería ser o partido de Margaret Thacher ingleses ou o Partido Popular, pero non; foi a maioría parlamentaria e os gobernos do PSOE. O seus sucesores do Partido Popular (Aznar de Felipe González e Rajoy de Zapatero) non fixeron máis que afondar no camiño xa marcado desde o PSOE.

    Logo, o problema -se non é o PSOE- serán as forzas que poden condicionar a ese potencial goberno presidido por Pedro Sánchez. Non cabe dúbida de que as medidas que supuxeron maiores avances na redistribución das rendas e outras máis progresistas adoitadas polo anterior goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos (UP) foron forzadas por Podemos e por Esquerda Unida dentro do goberno; e aprobadas co apoio dos votos parlamentarios de BNG, ERC, Compromís, CUP, Junts per Cat, PNV, ... sen cuxos apoios non poderían saír adiante

        Certo que tamén nese período se produciron retrocesos no eido das liberdades potenciados desde o PSOE como a reforma do código penal, con artigos destinados a criminalizar a protesta social, e a contrarreforma negativa da chamada "Lei do só o si é si", así como a incumprida promesa electoral de derrogación da Lei Mordaza. E no eido da economía, debemos reprochar ao Goberno PSOE-UP a privatización da xestión dos fondos de pensións públicas,  o empobrecemento da inmensa maioría futuros pensionistas e algúns aspectos da reforma laboral (por algo dixo o líder da CEOE ao PP: "a reforma laboral non se toca").

        Non cabe dúbida de que Pedro Sánchez e o seu partido van tentar de salvar calquera "tentación" de reformas progresistas no social e no económico; e que para iso van apoiarse en forzas de dereitas coma o PNV ou Junts per Cat, que teñen unha aversión natural e ideolóxica polos trocos sociais redistributivos e forman parte das familias económicas do ultraliberalismo, e procurar manter a raia ao partido de Yolanda Díaz (que xa non é a esquerda estatal de Julio Anguita) que posiblemente, ao non estar condicionada por unha socialdemocracia de esquerda coma Podemos, vai resultar máis maleable que no goberno precedente.

        De todas formas, é preferible un goberno deste tipo a un goberno do PSOE en solitario ou un goberno do Partido Popular apoiado por Vox. Isto último significaría un aumento da ofensiva contra as liberdades, contra a educación, contra a sanidade pública, contra os servizos públicos de carácter social e un aumento da represión contra as clases máis desfavorecidas, como xa se está a ver naqueles concellos ou comunidades autónomas onde está a gobernar o Partido Popular co apoio de ou con Vox; e, tamén, naqueloutras nas que o Partido Popular goberna en solitario, sen necesidade de acudir a Vox, onde se está a escorar dunha forma indisimulada cara a políticas segregadoras, favorecedoras dunha maior desigualdade social ao través dos tributos sobre os que teñen competencias e con continuadas agresións á liberdade de creación artística e de expresión cultural. Pero claro, dun partido fascio-franquista como é o Partido Popular e dun partido coma Vox nada bo se pode esperar para as maiorías sociais e para as liberdades democráticas

O "teatriño" da investidura.

        A cousa non está clara. A dereita segue coa súa estratexia de declarar coma un fraude á maioría do corpo electoral atribuíndose para se mesma o dereito dunha minoría parlamentaria a gobernar (PP, Vox, UPN, e Coalición Canaria). Seguen a pensar que o Estado Español é a súa finca privativa ("la calle es mía" dicía Manuel Fraga, franquista contumaz e fundador do Partido Popular).

        O lixo mediático controlado polo capital é un eco, ás veces aumentado, das falsas e demagóxicas argumentacións do Partido Popular e dos seus dirixentes. Tertulianos, columnistas, editorialistas, redactores, etc. destes medios están envorcados nunha campaña financiada polos seus accionistas maioritarios contra calquera goberno que poida supoñer progreso, liberdade e mingua das desigualdades no Estado Español. Ás veces, incluso, a súa cegueira e falta de profesionalidade e de respecto pola obxectividade informativa fai que algún deles meta a pata de forma flagrante, publique o que non debe e ás poucas horas elimine dos seus chats ou do seu xornal a publicación. Iso si, sen pedir desculpas ou rectificar a desinformación por el publicada. Por desgraza, neste Estado Español a maioría dos medios que se supoñen de información están nas mans dun capital manipulador que non dubida en mentir e manipular a información coa finalidade de acadar os seus propósitos aínda a costa de enganar deliberadamente aos seus lectores e aos seus subscritores.

        Pero no só é o lixo mediático, son tamén os que posibilitaron desde a cúpula do PSOE a privatización e o crecemento da desigualdade social en España os que se deixan a pel nos medios contra a posibilidade de que unha maioría parlamentaria condicione un potencial goberno sen maioría pesoera presidido por Pedro Sánchez. Os impresentables Felipe González e Alfonso Guerra seguen a ser cómplices (e xa levan anos) da dereita máis rancia do Estado; e agora, tamén, uníuse Virgilio Zapatero . E non podemos esquecernos dos aínda politicamente activos Lambán ou García Page, constantes versos soltos dentro do PSOE.

Cal será a solución legal para a formación dun novo goberno?

        Está máis que claro que, agás un xiro inesperado e suicida na dereita ultraliberal catalá de Junts per Cat, a proposta feita polo Rei de España para a investidura coma Presidente do Goberno non vai saír cara adiante. Que Núñez Feijóo vaise quedar coas ganas de ser Presidente do Goberno do Estado parece máis que claro, cousa que xa era nítida cando Felipe VI encargoulle a formación do goberno.

        A outra alternativa é que, unha vez rexeitado Feijóo pola maioría parlamentaria, o Rei de España encargue a Pedro Sánchez a formación de goberno. Este aspecto, de momento, tampouco está claro que poida saír para adiante. Neste intre, o PSOE só conta cos votos seguros dos deputados de Sumar e os seus propios; non é difícil que poida contar co voto do deputado do BNG, agás sorpresas por un ou por outro lado, pero serían importantes acordos con ERC e Junts per Cat para que estes se pronuncien favorablemente. E a cousa non é doada; por un lado as presións ás que o PSOE está sometido tanto interior coma exteriormente; e por outro lado, a alta volatilidade que de seguido está a demostrar a dereita nacionalista catalá.

        A última alternativa que contempla a lexislación, no caso de que non saia adiante a investidura de Pedro Sánchez, é a repetición das eleccións. Esta é a opción preferida pola dereita fascio-franquista e pola nazi-fascista; e tamén a preferida polo gran capital español. Igualmente, é a menos desexable desde o punto de vista da salvagarda das liberdades democráticas e do avance social. A razón? Pois a posibilidade de que se poida instaurar unha maioría de goberno da extrema dereita que representan Partido Popular, Vox e os seus satélites de Coalición Canaria e Unión del Pueblo Navarro; ou a posibilidade de volta a un bipartidismo abafante como o que temos sufrido desde a transición e ata a irrupción de forzas que realmente cren e practican a democracia no Parlamento Español.

        E por moito que haxa persoas non lles guste escoitalo, na actualidade, coa actual lexislación, o acadar maiorías realmente progresistas no Poder Lexislativo Estatal é a única posibilidade, entre outras moitas que definirían un Estado democrático e social, de:

  • Acadar unha diminución das desigualdades sociais, de acadar un ensino democrático que non segregue ao alumnado por sexo ou renda; 
  • De acadar unha sanidade pública universal e de xestión pública que se basee na prevención e non na curación e que non estea ao servizo das contas de resultados de grupos empresariais de saúde ou de aseguradoras;
  • De ter servizos de atención ás persoas maiores onde estas sexan tratadas coma persoas e non coma obxectos ao servizo de grupos económicos ou fondos de investimento e se lles neguen os mínimos coidados básicos; onde non ocorra o que aconteceu en numerosas residencias de maiores durante a pandemia do COVID, que se lles negou asistencia sanitaria a numerosos maiores que provocou miles de falecementos;
  • De acadar maiores cotas de soberanía para os territorios das nacións e das rexións que conforman o Estado Español, con respecto ás súas culturas, dereitos e idiomas propios. E onde algunhas delas deixen de ser unhas simples fornecedoras de primeiras materias que xeran riqueza fora dos seus territorios ou lugares a onde se levan exclusivamente industrias que esnaquizan o medio ambiente e as vidas dos seus habitantes;
  • De acadar un sistema tributario progresivo, onde contribúan máis os que máis teñen (e, polo tanto, que máis se aproveitan do país) e que non recaia o groso da recadación tributaria sobre a clase traballadora e a pequena burguesía.
  • De acadar a creación de bancos públicos que realicen políticas non usurarias como as que estamos a sufrir na actualidade por parte do oligopolio bancario.
        Veremos o que pasa.

         

16 abril 2023

Un saúdo solidario e cómplice coa clase traballadora francesa

    

     O presidente francés, Enmanuel Macrón, fiel servidor dos intereses da dereita máis ultraliberal francesa e mundial, pretende modificar vía decreto presidencial a lei de pensións francesa de cara a aumentar a idade de xubilación ata os 64 anos. Esta actitude foi interpretada por toda a poboación francesa e polos sindicatos de clase franceses como unha agresión contra os dereitos da clase obreira, provocando numerosas e fortes mobilizacións contra o citado intento da oligarquía de empobrecer á clase obreira.

    Esta agresión foi presentada na maioría dos medios de desinformación españois (radio, TV, prensa escrita e prensa dixital) como "disturbios" ou "vandalismo" cuxos protagonistas e "chicos-chicas malos-as" eran os que pretendían defender os seus dereitos, deixando libres de responsabilidades (para estes medios) os verdadeiros culpables da situación creada: aqueles que pretendían aumentar, pola porta de atrás e prescindindo de todo o que se poidera asimilar coma democracia, a idade de xubilación.

        O clamor en Francia foi, como dixen antes, masivo. E a participación da poboación francesa nas mobilizacións convocadas por diferentes organización foi acorde coa maioritaria opinión.

O clásico oportunismo hipócrita da dereita máis fascista.

        Incluso a extrema dereita nazi-fascista fíxose un oco nese proceso de protesta, supostamente asumindo a oposición a este aumento na idade de xubilación, cando na realidade defende as arelas da grande burguesía nacionalista francesa que son as de despoxar á clase obreira de calquera dereito que se opoña ao liberalismo salvaxe. A Fronte Nacional francesa de Le Pen, o partido máis coñecido da extrema dereita nazi-fascista, e outras forzas desa caste apuntáronse a esta suposta oposición; non esquezamos que son este tipo de organizacións nazi-fascistas ás que a oligarquía nacionalista francesa lles atribúe a misión de ser a súa reserva para defender con toda a violencia que estimen oportuna, incluso acudindo ao xenocidio, os seus intereses no caso de que a dereita clásica non cumpra as súas expectativas (coma ocorreu nos anos trinta do século pasado con Hitler, Mussolini e Franco en Alemaña, Italia e España, respectivamente).

A social-democracia desaparecida.

       O outro extremo do posicionamento político é a practica desaparición do escenario político do Partido Socialista Francés (PSF), a socialdemocracia francesa correlixionaria do PSOE español, na oposición ao decretazo de Macrón. Só o resto das forzas da esquerda e anarquistas estiveron dando a cara pola clase obreira francesa (e recibindo as ostias da maioría dos medios de desinformación europeos). Non me estraña nada esta ausencia do PSF, sobre todo se temos en conta que os seus veciños do PSOE acaban de potenciar e aprobar unha lei de pensións que mantén a idade de xubilación aos 70 anos, como xa lexislara no ano 2011 o PSOE de Rodríguez Zapatero, lei que hoxe actualiza o Ministro Escrivá (ex-director dos "homes de negro" da oligarquía europea no AIREF para vixiar o cumprimento das medidas antiobreiras) aprobando unha lei de pensións feita á medida das necesidades da clase dominante da Europa coa complicidade dos dous sindicatos maioritarios españois e que vai prexudicar, e non só na idade de xubilación, as futuras persoas pensionistas do Estado Español. E, hai que dicilo tamén, coa complicidade dos membros, ministros e ministras de Unidas-Podemos.

        Quizás sexa esta recorrente actuación  da socialdemocracia ultraliberal europea que representan, entre outros, PSOE e PSF e á que os medios de desinformación presentan de xeito continuado coma "esquerda" pero que de forma clara serven, coas súas políticas que empobrecen ás clases traballadoras, aos intereses da burguesía internacional, un dos principais motivos polas que as clases sociais máis empobrecidas se están a sentir enganadas e se están a decantar cara aos placebos e e cebos que de fora enganosa lles presenta extrema dereita. E non esquezamos que foi a actuación das socialdemocracias europeas unha das principais causas do ascenso do fascismo e do nazismo na Europa dos anos trinta do século pasado.

                Igualmente, non podemos deixar de dicir que a pesar de queixarse continuamente de ser vítimas de críticas “inxustas”, son unha maioría dos e das "informadoras" as que están a sacudirse a súa caspa das ombreiras ou a desinformar terxiversando ou retorcendo a realidade dunha forma descarada. Estou a falar dos medios de desinformación e dos e das xornalistas que -aínda en desacordo- se acomodan cal camaleóns aos desexos dos seus empresarios, os e as que teñen parte importante na culpa do ascenso do fascismo en Europa.

Loa da clase obreira francesa.

        Ese é o camiño. Hai que mobilizarse. Hai que rematar con este capitalismo salvaxe e ultraliberal que non fai outra cousa que empobrecer máis e máis ás clases economicamente máis desfavorecidas. Hai tamén que tentar de anular os cantos de serea do fascismo en toda Europa e no mundo e iso só se pode facer con intervención cultural nos barrios e nas vilas, fuxindo de simples consignas de fácil apropiación por parte dos políticos  e activistas da extrema dereita. A clase obreira francesa está na vía correcta. Todo iso pese aos sempre presentes mercenarios do capital constituídos en policía, igual que noutros estados diferentes do francés, cuxos membros son sometidos a un lavado permanente de cerebro por parte do seus mandos normalmente de ideoloxía fascista. E todo isto hai que facelo antes de que sexa tarde.

         Viva a clase obreira francesa!

22 maio 2020

O particular virus do PSOE: os "tecos"

Hai unha especie de suxeitos que pululan polas escalas administrativas do Estado aos que os círculos económicos denominan coma "tecos". Levan xestionando a economía española desde aqueles tempos nos que o ditador Franco declarou aberto (inaugurou, vamos, que ese home inauguraba todo, desde pantanos ata piscinas) o que denominou Plan de Estabilización, que non era outra cousa que poñer España aos ditados económicos das multinacionais estranxeiras para que estas puideran estabelecerse ás súas anchas pola xeografía española e puideran aproveitarse e explotar, tamén ás súas anchas, unha forza de traballo con escasas perspectivas de ocupación laboral naquel intre. Todo elo en arás a lograr un blanqueo internacional da ditadura fascista. Aquelas perspectivas supoñían unha condena para os traballadores e traballadoras do Estado Español a deixarse explotar na emigración ao amparo dos distintos Plans Marshall estabelecidos en diferentes países da Europa ao amparo dos acordos entre o réxime franquista e os aliados europeos e americanos, especialmente Francia e Alemania, destinos preferentes e forzados da man de obra española.
Non hai que dicir que estes plans do goberno fascista español foron secundados e aprobados polos mesmos gobernos que ao remate da II Guerra Mundial traizoaron aos antifascistas españois negándose a invadir o territorio dominado polos asasinos franquistas. Os mesmos gobernos que traizoaron, coa actuación dos seus servizos secretos, á resistencia antifascista e que entregaron atados de pes e mans á Garda Civil e ao exército franquistas a aqueles homes e a aquelas mulleres que con diferentes formas de actuar estaban dispostos a dar remate ao réxime terrorista de Xeneral Franco.
 Foi por aqueles tempos cando Eisenhower, daquela presidente dos Estados Unidos e imbécil como case todos os presidentes dese país, veu a Madrid para dar o respaldo definitivo e internacional ao réxime dos asasinos, cando nas escolas nos repartiron litros e litros de leite (preparados con leite en po, moitos deles feitos con pos caducados ou en mal estado procedentes dos excedentes do exército americano) e cando, por riba, nos levaban desde as escolas ás salas de proxección a ver brodios como "Raza" ou a outra fascistada da que xa non me lembro o seu título, coa única finalidade de empaparnos e contaminarnos coa ideoloxía fascista. Por desgracia para eles e sorte para o país, a contaminación non se estendeu tanto como eles pretendían. Aínda que si impregnou os comportamentos económicos e sociais dos empresarios españois (non podemos esquecer que nas alicerces da maioría das empresas que hoxe forman o IBEX-35 está a corrupción, os asasinatos e a explotación realizada manu militari baixo o franquismo) que no básico aínda hoxe persisten, como se demostra nos diferentes procesos por corrupción nos que está inmerso o Partido Popular. 
Este ambiente creado polo franquismo económico deu os seus froitos, creou escola. Moitos xoves de clases acomodadas (franquistas case todos, hai que sinalar) que se incorporaron aos estudos de economía nas diferentes universidades españolas, aspiraban a facelo como os xestores do Plan de Estabilización franquista. Posteriormente, na seguinte xeración (e xa non todos e todas fillos e fillas das clases acomodadas) esas aspiracións de moitos estudantes de economía, incluso da miña promoción e seguintes, moitos deles forxados na loita antifascista e con ansias de liberdade,  seguiron a mesma orientación. Teño que confesar que eu mesmo sentinme tentado en facer algún MBA nunha escola de negocios ao rematar a carreira; afortunadamente non o puiden facer, non tiña os cartos que se necesitaban nin vivía nunha cidade na que non tivera que pagar hospedaxe; daquela deume pena, máis vistas as cousas con perspectiva e atendendo ao que maiormente saíu deses sitios pronto alegreime de non ser economicamente podente.
Pois ben, de forma persoal ou ao través da deformación ideolóxica recibida nesas escolas especiais, moitas desas persoas convertéronse en administradores e administradoras dos intereses do gran capital. Uns fixérono incorporándose ao sistema financeiro ou ás grandes empresas herdeiras do franquismo económico e político; outros fixérono mediante a súa incorporación vía oposicións a corpos técnicos ou xurídicos do Estado. Entre eles están os famosos "tecos", os Técnicos Comerciales y Económistas do Estado, que na práctica a min paréceme que non son máis que xestores dos intereses do gran capital que operan desde o interior das instancias estatais.
A min sempre me asaltou unha dúbida sobre estas persoas "tecos". Realmente saben economía e adoitan solucións persoais e distintas diante de cada problema e axustados a cada momento ou actúan por esquemas automáticos aprendidos nas escolas de negocios ou nos apuntamentos cos que pasaron as oposicións? Non o sei, é un interrogante que por máis que o penso nunca dou resolto. "Tecos" famosos son, ou foron, Fuentes Quintana, Guillermo de la Dehesa, Miguel Angel Fernández Ordoñez (MAFO), Luís de Guindos, Pedro Solbes, Luís Gámir, José Manuel Soria, Álvaro Nadal, Jordi Sevilla ou Nadia Calviño, actual vicepresidenta e ministra de Economía do Goberno de Pedro Sánchez. Moitos deles forxados ao abeiro do Plan de Estabilización de 1959 baixo o amparo dos tecnócratas Opus Dei. Como podedes ver, hai unha teórica variedade e diversidade ideolóxica entre eles; a práctica desminte tal impresión.
Unha característica común a todos eles é que as solucións que aportaron aos diferentes aspectos da economía española sempre foron axeitadas aos esquemas de comportamento dos manuais dos gurús do capitalismo, e tenderon a favorecer, en maior ou menor grado, os intereses do gran capital e dos grandes empresarios, aínda a costa dos dereitos e do empobrecemento de gran parte dos traballadores e traballadoras. E seguen, polo que vemos nos comportamentos e reaccións de Nadia Calviño e do seu equipo, como vimos antes en Solbes ou en de Guindos. Pode ser que a crudeza das solucións sexa maior nos declarados como políticos "tecos" de dereitas (para iso son e para iso os contrata o capital), pero non son moi diferentes nin as solucións que achegan, nin as consecuencias dos seus actos son moi distintas das que achegan os políticos "tecos" que se declaran de esquerda ou socialdemócratas. Outra das súas características e que, cando tocan ministerio ou posto clave, sempre se arrodean doutros "tecos" nas direccións xerais ou subdireccións xerais que teñen o mesmo patrón de actuación e que proceden de escolas económicas iguais ou similares. E dicir, solucións ao servizo do gran capital e da supervivencia, a calquera prezo, deste corrompido e corruptor sistema económico que se chama capitalismo (ou "economía de mercado", se o prefiren).
E a que ven toda esta perorata? Pois a conto do que desde onte está nos medios: o pacto entre PSOE, Podemos e Bildu para derrogar a reforma laboral do Partido Popular. Esa reforma que é un cancro para a clase obreira pero que supón un instrumento que teñen os empresarios para aplicar políticas salvaxes con tal de protexer os seus beneficios. Iso aínda que teñan reservas de sobra para facer fronte a un período de vacas fracas. Pero non, os empresarios queren seguir a desfrutar e incrementar os seus beneficios e o seu benestar persoal aínda a costa de empobrecer, precarizar, facer sufrir e facer pasar fame á clase obreira e aos pequenos e medianos empresarios (aos reais, nos aos que defende CEPYME). E, por desgraza, co que parece ás veces colaboración activa dos dous sindicatos estatais CC.OO. e UGT. que pactan continuamente contra os intereses dos traballadores e ao son do que lles marca o capital, incluso impedindo que maiorías de traballadores de comunidades autónomas onde outros sindicatos máis reivindicativos son maioritarios participen nos procesos negociadores de ámbito estatal.
En todo este balbordo, polo que parece, van saír gañando os grandes empresarios. Co decidido apoio de Nadia Calviño, apoiada polo gran capital e polos seus servidores desde dentro do PSOE e coa pusilanimidade dos sectores máis sociais do PSOE. E por riba coas bendicións de CC.OO. e UGT.
Como xa ten pasado con Solbes e Jordi Sevilla desde os ministerios, con De La Dehesa e MAFO desde as direccións xerais e/ou o Banco de España e, agora, con Calviño desde o ministerios e as direccións xerais, os "tecos" cumpren a súa función de administradores dos intereses do gran capital. Son un virus tan asentado no PSOE que ten como efecto que nunca ese partido cumpra coas súas promesas electorais de carácter máis social e redistributivo, que xa de por si son bastante tibias. O que non fai máis que afianzar a miña idea, expresada en moitas ocasións, de que o PSOE non é de fiar; está demasiado implicado na defensa do capitalismo e da burguesía como para adoitar medidas tendentes a acadar unha maior igualdade e xustiza social entre as persoas.

30 xaneiro 2019

FILLOS DE PUTA !!


Como poderán vostedes intuír, as entradas neste blog non teñen unha regularidade temporal; tampouco están suxeitas necesariamente a datas determinadas ou a épocas estacionais. Simplemente (e atendendo sempre a cuestións que me preocupan) están suxeitas fundamentalmente a dúas cuestións: un impulso de cabreo, risa ou admiración xerado por algunha nova, reportaxe ou vivencia persoal e o grao de preguiza que me invada no intre de poñerme ao teclado. Isto ten a avantaxe, sobre todo nos últimos tempos, de que así non estou todos os momentos que teño diante da pantalla; imaxínense vostedes: xuízo dos presos políticos cataláns, golpe de Estado en Venezuela, que si o presidente de España pide a Maduro que convoque eleccións agás queira que se recoñeza como presidente ao golpista, que si non fai o mesmo cos sátapras que gobernan e asasinan ás persoas na Arabia Saudita e noutros países do mundo coma Guatemala ou Honduras, que si un xuíz condena simplemente por abusos ou deixa libre a un violador... En fin, para que seguir.

 Neste caso, o cabreo ven determinado por unha entrevista realizada por Gonzo no día de onte a unha moza, Dafne Lozano, dentro do programa El Intermedio emitido por La Sexta. Entrevista cuxa ligazón deixo aquí.

Non é que a situación que describía a muller sexa distinta da que teñen moitas outras persoas no conxunto do Estado, e  máis na nosa querida Galiza; tampouco que as penurias descritas por ela sexan alleas a multitude de fogares nun país onde as desigualdades entre as persoas son crecentes e onde o limiar da pobreza (cando non a pobreza rampante) asola a millóns e millóns de persoas.

E de aí o título desta entrada: FILLOS DE PUTA!. Porque ao longo de toda a entrevista era unha expresión recorrente que viña á miña cabeza diante de cada situación sufrida por Dafne, situacións xeradas polo modelo de sociedade na que se desenvolven as nosas vidas, situacións que quen debería poñer os medios para evitar que ninguén estivera exposta a elas non os pon (fillos de puta!), situacións que os que poden evitalas simplemente cumprindo a lei non a evitan (fillos de puta!). 

Traballos sen contrato e cunha paga irrisoria (fillos de puta!), nenos que non teñen nin sequera libros de texto cos que empezar o curso escolar ano tras ano, máis de dez anos no paro toda a familia, ter que acollerse á solidariedade da familia máis próxima para ter un teito onde vivir porque ningún estamento oficial lles facilita un lugar no que vivir e guarecerse (fillos de puta!) mentres venden vivendas de protección pública ou sociais a fondos voitre especulativos e que expulsan aos que deberan ser os seus beneficiarios (fillos de puta!), non poder atender aos nenos por ter que pasar o día buscando traballo ou traballando en ocupacións esporádicas e/ou xestionadas por persoas obtusas ou por un empresariado ladrón (fillos de puta!)  que nin pagan o que deben nin dan de alta á traballadora na seguridade social, que os nenos non poidan ir a escola no autobús nin sequera nos días desapracíbeis por non ter con que pagalo e ninguén -desde unha administración pública- lle facilita que iso non ocorra (fillos de puta!). 

Coma dixen antes, esa problemática non afecta só a Dafne e á súa familia; son millóns de persoas nesta España súa (deles, dos que provocan ou permiten que estas cousas ocorran), e na nosa (pero deles) Galiza, os que están afectados por situacións iguais ou semellantes. Pero tamén son miles os ladróns que sen miramento someten ás persoas con necesidades a esas situacións de explotación e miseria; e os que, podendo evitalo con máis control desde a administración, permiten que esas situacións ocorran. Todos uns fillos de puta. E despois a culpa é dos chavistas, que diría Feijóo.

Nota final: co de “fillos de puta” non me refiro á profesión da nai dos que provocan ou dos que permiten estas situacións, que estou seguro que si souberan como lles ía saír o neno ou nena houberan abortado; refírome ao comportamento económico e social deles, dos que provocan ou que por desleixo permiten esas situacións.

En fin, e para rematar: FILLOS DE PUTA!

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...