Amosando publicacións coa etiqueta Plutocracia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Plutocracia. Amosar todas as publicacións

25 agosto 2019

Os criados políticos dos maiores destrutores da humanidade e do planeta reúnense en Biarritz baixo a etiqueta de “G-7”


Criados da oligarquía.

A fronte occidental dos políticos servidores dos maiores depredadores mundiais, procedentes de Francia, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Canadá e Xapón, reúnense esta fin de semana en Biarritz. Á súa vez, estes políticos son os maiores exponentes da clase política dos seus respectivos países. Só faltan representantes de China e de Rusia para que a colección dos principais políticos que representan os intereses dos anti-sistema ecolóxico e humano estiveran case ao completo. Pero nesta ocasión aparentemente só está representada a oligarquía económica e financeira que domina todos os ámbitos da sociedade occidental.
Eles, a oligarquía, son os que marcan o paso e as directrices do que os políticos alí reunidos deben facer para protexer o seu exclusivo micro-sistema de intereses económicos, aínda a costa do sufrimento dos millóns de seres humanos que residen nos países aos que din representar e aos pobos (sobre todo os dos países do terceiro mundo) aos que someten a todo tipo de vexacións e guerras con tal de espoliar as materias primas e as terras de cultivo cuxo produto debería favorecer principalmente aos países dos que se extraen.  Unhas veces fano directamente ao  traveso dos seus chiringuitos militares, como fixo a OTAN en Libia; outras veces directamente como fixeron os EE.UU. en Irak; e outras veces creando tramas militares gobernamentais corruptas que en lugar de favorecer os intereses e satisfacer as necesidades dos seus paisanos póñense aos servizos de gobernos ou multinacionais estranxeiras[1].  Imaxino que o que están a facer en Biarritz é coordinar os intereses das oligarquías nacionais e internacionais e distribuír entre os asistentes o quen, o como, o onde e o cando se vai realizar o traballo sucio por conta da clase financeira internacional e das grandes multinacionais en contra dos intereses dos traballadores e, en xeral, da humanidade. Cicais entre o como e o onde (como e que tipo de goberno lle interesa á oligarquia mundial que se forme no Estado Español) se explique a invitación recibida por Pedro Sánchez para asistir ao cumio, e non a súa colaboración coa impermeabilización da fronteira galo-española.
Alí están personaxes tan esperpénticos e, á súa vez, fascistas perigosos como Donald Trump ou Boris Johnson. Ou políticos tan pouco fiables como Enmanuel Macron ou o canciller canadiano, que coa boca din unha cousa e coa man de asinar leis, ordes e decretos fan a contraria. Tamén está chanceler alemá, a preferida da alta burguesía europea e mundial, e o representante nipón do que por estes lares pouco se sabe pero que fica claro cales son os intereses prioritarios aos que sirve.
“Anti-Sistema” ou defensores da racionalidade e da humanidade?
Pero nos medios de comunicación convencional e sistémicos (a inmensa maioría dos mundiais e, tamén, dos españois), controlados polo capital, os anti-sistema son os demais non a oligarquía mundial, son os que pretenden defender á maioría da poboación mundial dos abusos da oligarquía e dos seus representantes políticos que buscan converter o mundo nun sistema plutocrático.
Este lixo mediático válese dos escasos e infrecuentes elementos indesexables, que dicindo pelexar pola defensa do planeta ou das poboacións, utilizan a violencia individual, inconsecuente, e obxectivamente reaccionaria para xustificar “que loitan”. Ás veces queiman un ou dous colectores do lixo ou algún automóbil aparcado, rachan algún escaparate ou esnaquizan algún caixeiro automático. Sen esquecer que moitos destes provocadores máis activos adoitan ser elementos a soldo ou mesmo membros dos distintos servizos de anacletos ou policiais do propio país ou de países estranxeiros interesados no desprestixio dos movementos que reivindican un mundo máis xusto e ao servizo das humanidade.
Estas actuacións individualistas e sen sentido crean malestar na poboación que observa como moitas veces bens particulares, adquiridos con moito esforzo, de persoas nada cómplices das barrabasadas da oligarquía e os seus servidores políticos son destruídos por eses elementos incontrolados. Estes sucesos, magnificados convenientemente polas axencias de noticias e polos mass-media sistémicos cualificando de anti-sistema e violentos, sen distinción, aos defensores das persoas, levan ao conxunto da poboación a xustificar accións policiais violentas contra o conxunto do movemento alternativo.
Se a miña memoria non me engana (cousa que pola idade pode empezar a pasar) nunca ningún ferido grave ou morto, pese ao que probablemente desexarían os anacletos e os seus empregados infiltrados,  teñen provocado as actuacións dos que colectivamente ou organizan contra-cumios en defensa da humanidade nas marchas contra a oligarquía e os seus representantes. Non así as actuacións das forzas policiais ao servizo dos estados (e en consecuencia dos intereses das oligarquías) que teñen provocado, amais de feridos de diferente consideración e, que eu me lembre, algún morto nun contra-cumio realizada nalgunha cidade de Italia cuxo nome non me lembra.
Non podemos nin debemos permitir estes abusos. Outro mundo é posible.
En fin, este tipo de actuacións, as dos criados da oligarquía e as dos anacletos do mundo, non se poden permitir. Van en contra dos dereitos naturais das persoas, incluso daqueles enunciados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos por organismos internacionais e referendados por moitos dos países que a día de hoxe atentan gravemente contra deles. Tanto na práctica das intervencións policiais e dos propios servizos de anacletos que ordenan realizar eses criados da oligarquía, como nas leis que moitos deses criados da oligarquía financeira promulgan e aproban nos seus respectivos países. Para exemplo o Estado Español, no que aínda están vixentes leis que atentan directamente contra principios contidos na Declaración Universal dos Dereitos  Humanos; en concreto a chamada Lei Mordaza, a última reforma do Código Penal e a última reforma laboral, todas elas aprobadas durante os gobernos de Mariano Rajoy (Partido Popular) e que despois de todo o tempo que leva gobernando Pedro Sánchez (PSOE) aínda seguen vixentes. E este último xa ten manifestado que non pretende derrogalas, senón simplemente reformalas (supoño que só nos aspectos que máis cantan).
Por iso, estes representantes (non só os españois) dos intereses da oligarquía mundial non serven, hai que botalos. Como ? Polas boas e politicamente? Non o sei; non sei se é posible. O que si sei é que outro mundo é posible, e que eles e os seus amos non teñen cabida nel.


[1] E cando eses sátrapas corruptos non cumpren co esixido, cámbianos por outros, xa sexa creando unha trama corrupta alternativa que dea un golpe de Estado ou directamente como fixeron en Libia para desfacerse do sátrapa Gadafi ; outra forma que teñen de facer as cousas, se non son quen de conseguilo de forma inmediata, é crear e proveer de armas a un bando contrario para que se maten entre si; aínda que sexa a costa de secuestrar e criar nenos-soldado, violar e matar nenas e mulleres ou asasinar a colectividades enteiras. O que lles importa a esa xentuza da oligarquía mundial son o coltan, o petróleo, as producións de soia e outros cereais e as demais materias primas susceptibles de proporcionar beneficios; e, amais, manter nas rexións unha reserva de man de obra escrava da que botar man en caso de necesidade.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...