Amosando publicacións coa etiqueta Médicos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Médicos. Amosar todas as publicacións

02 decembro 2019

Dan noxo! Hai que botar a eses botarates.

Antonte en Verín os veciños e veciñas da comarca de Monterrei, acompañados por outros moitos cidadáns de doutras comarcas afectadas por procesos de recortes sanitarios, manifestáronse contra o peche do servizo de paritorio e pediatría no Hospital de Verín.
En realidade o peche dos servizos mencionados foi a gota que colmou o vaso. Porque non foi máis que un paso máis, dos moitos dados pola Xunta de Galicia que preside o incríbel (incriblemente inutil, claro) Alberto Núñez Feijóo amparado polo partido franquista Partido Popular, en aras a desmantelar o sistema sanitario público na Galicia.
Supresión de servizos e camas no Hospital Comarcal Valdeorras; supresión do número de camas públicas hospitalarias, supresión de médicos de familia, de pediatría, persoal auxiliar e de enfermería no conxunto dos centros de saúde e hospitais públicos da comarca viguesa; intentos de vender como ampliacións de servizos a apertura de novos centros presuntamente avanzados que na realidade non supoñen nin o aumento de servizos de saúde esenciais, nin de especialidades que supoñan un aumento sobre o que xa hai nos centros de saúde, como está a ocorrer en Cangas do Morrazo, no que se ofrece un CIS novo con peche do centro de saúde actual no que a única innovación vai ser a apertura de servizo de radiografía de tarde (nen sequera pola noite en urxencias). O mesmo pasa na provincia da Coruña, xa pasou en Lugo e segue a pasar na capital ourensá.
Mentres, a desviación de servizos cara aos servizos privados de saúde segue a ser continuada. En Vigo un moi importante número de beneficiarios de servizo de saúde teñen as súas consultas de especializada e os servizos hospitalarios nas mans dun hospital privado, POVISA. Dadas as importantes listas de espera que hai na sanidade pública por falta de profesionais (non porque non os haxa, senón porque simplemente non os contratan ou non os contratan en condicións) moitas das intervencións cirúrxicas son enviadas a clínicas privadas, procedendo dese modo, e de facto, á privatización dun servizo de atención sanitaria que debería ser de carácter público. Outra das forma que ten a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade de potenciar o uso dos sistemas sanitarios privados é cultivando o desprestixio da sanidade pública; isto é consecuencia de toda a política de recortes, tanto de servizos como de persoal, que teñen como consecuencia que unha gran parte da poboación desconfíe das bondades da sanidade pública por falta de atención ou por tardanza en facilitar esa atención. Isto maniféstase no aumento progresivo das afiliacións a compañías de seguros médicos privados e que en moitos casos os e as doentes acoden a especialistas privados debido á tardanza na que no sistema público (mal xestionado polos incompetentes do Partido Popular) lle conceden as citas, incluso as declaradas preferentes ou urxentes. Así danse casos de consultas de enfermidades graves cuxa espera supera os dous meses ou máis. E tamén o crecemento de numerosas clínicas privadas en vilas de tamaño grande.
As protestas súmanse unhas tras das outras. Non só son os e as verineses, os valdeorreses e valdeorresas, os cidadáns da Mariña lucense e todas as persoas do medio rural que ven como continuamente e de seguido se recortan os seus servizos sanitarios públicos. Tamén son os vigueses e supoño que os cidadáns do resto do territorio de Galicia.
E cando digo que supoño é porque a información sobre os conflitos xerados pola mala xestión dos servizos públicos que dependen da Xunta de Galicia apenas aflora nos xornais galegos e, por suposto, tampouco nese mecanismo de propaganda ao servizo do Partido Popular no que teñen convertido á televisión pública galega. Ao mellor informan nas páxinas locais dalgún xornal, ou de xornais de carácter provincial, do que xa alí todo o mundo coñece e que non poden silenciar. Outras veces nin iso. E no resto das edicións doutras comarcas ou provincias distintas daquelas na que discorre a protesta, nin mentala.
Os xornais de Galicia, agás coa excepción dos que unicamente se publican unicamente en edición dixital, non informan de forma obxectiva do que ocorre no noso país. Os dous xornais publicados en papel con maior difusión de Galicia perecen servir aos intereses partidistas do Partido Popular e non aos intereses informativos do conxunto dos cidadán. Mesmo a algún destes medios en papel se lle pode confundir coma se fora o voceiro oficial do citado partido político, tanto polas súas ocultacións como polo seu contido en temas que poden resultar conflitivos para as aspiracións políticas do Partido Popular. Ocultación de mobilizacións cidadáns de carácter diverso, impedimento de acceso ás páxinas de opinión de organizacións políticas e de carácter cidadán (plataformas sanitarias, asociacións de veciños, sindicatos,...) que poidan contradicir ou denunciar as posicións oficias da Xunta de Galicia e do Partido Popular. Parecen máis un medio de desinformación e manipulativo que medios de información do que realmente ocorre no país e do que pensa a sociedade que o vertebra.
O mesmo pasa nas emisoras radiofónicas de carácter local: moito folklore e pouca información e diversidade de opinións sobre temas que poidan desgustar ao partido que goberna a Xunta de Galicia. Ás veces, e nalgunha e illada cadea de emisoras, podemos escoitar diversidade de opinións e información sobre o que ocorre no país; iso si, nos boletíns de carácter estatal e, ao mellor, nos de algunha emisora local que depende da central desa cadea de emisoras. No resto, mellor chapar; e xa non digamos nada da cadea pública galega... porque iso é de traca.
En fin, apodrecen todo o público por onde pasan. E non digo que o fagan mal, que non é iso. Estou seguro de que o que fan, o desmantelar o servizo público de saúde e o resto dos servizos públicos, o realizan coa eficiencia por eles buscada. O que pasa é que non queren que os servizos públicos sexan de calidade; o que queren é beneficiar ás empresas privadas de saúde, de ensino e de coidados. Por iso hai que botalos. E canto antes, mellor.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...