Un
día coma hoxe, 17 de agosto, do ano 1936 os militares e gardas civís franquistas, os seus
compinches da Falange, e os oportunistas do momento asasinaron a Alexandre
Bóveda despois dun “xuizo” farsa con xuíces indesexables. Un día antes tocáralle o turno de ser asasinado, despois de ser sacado da cadea na
que estaba preso á espera de “xuizo” e “paseado” (pola mesma caste de criminais
ao servizo do xeneral Franco), ao
meu avó José.
Un e outro non pensaban da mesma maneira; Bóveda era
un galeguista que participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galiza de
1936 e membro do Partido Galeguista, un partido nacionalista de dereitas. O meu
avó era anarquista, membro da Sociedade Agraria do Porriño, e posiblemente non
lle daba unha importancia prioritaria á consecución dun estatuto de autonomía para Galiza.
O único que ambos tiñas en común era o seu respecto pola legalidade vixente,
pola modernidade do Estado e da sociedade iniciada coa Segunda República, por defender o
dereito ao voto das mulleres, por amosar as súas preferencias pola Fronte
Popular e por defender todo aquilo que significaba liberdade e igualdade para toda
a cidadanía, sen distinción de procedencia social, raza ou xénero.
Por desgraza, e por desexo
expreso dos militares golpistas e asasinos comandados por Franco, non foron os
únicos asasinados fora da fronte de guerra. Foron centos de miles de persoas as
que foron sacadas dos seus domicilios, perseguidas polo monte, sacadas das
cadeas na que estaban presas e indefensas,... e asasinadas e torturadas vil e salvaxemente por eses covardes. De moitas
desas persoas, máis de 140.000 segundo unhas fontes e máis de 150.000 segundo
outras, aínda hoxe non se teñen atopado os seus cadáveres. Fito real que forma
parte desa tan cacarexada “marca España” con que a dereita española se gaba
pero que tenta de esconder; e que fai do Reino de España o segundo país do
mundo con meirande número de desaparecidos causados por xenocidio (o primeiro é
a Camboia dos xémeres roxos).
Manifesto de militares “retirados” (e
claramente fascistas).
E nisto, unha serie de militares
xubilados publican, no pasado mes de xullo, unha "declaración de respecto e desagravio" ao xefe militar dos asasinos, o xeneral Franco. Iso si, convenientemente aupados e voceados por organizacións
fascistas, como á que eles parecen pertencer, e pola caverna mediática formada
polos xa coñecidos La Razón, Ok-Diario, El Español e outros medios defensores
das ideas máis rancias e de extrema dereita que circulan polo reino.
O problemático é que nos falan de
Franco como “un militar exemplar”; e para
ter unha demostración recomendan a lectura “sosegada
e obxectiva” da súa folla de servizos. Eu imaxino que a folla de servizos
do xeneral asasino será un historial militar fabricado ad hoc para elevar ao máis alto ao pequeno militar de espírito
triste e voz afrautada. Seguro que esa folla
de servizos non fala para nada de que vulnerou a legalidade vixente, con
premeditación e aleivosía, con armas para acadar os fins e con resultado de
centos de miles de mortes, cousa que calquera código penal cualificaría coma
asasinato. Seguro que esa folla tampouco fala das ordes de asasinar a todos os
seus compañeiros de armas que se amosaron fieis ao cumprimento das leis vixentes.
Sabendo o que sabemos do exército español durante a ditadura franquista e anos
inmediatamente posteriores, podemos esperar calquera relato sobre o “personaxiño”
cuxo parecido coa realidade sexa pura coincidencia. E non sei se hoxe nas
follas militares aínda perdurarán eses contos chinos que nos queren facer crer os
da UME sobre os militares golpistas do ano 1936. Non me estrañaría.
Tampouco falará esa folla de servizos dos acordos
acadados con outros militares para asumir a dirección única do golpe de estado
contra a democracia e das ordes para non deixar con vida en terra conquistada a
ninguén que non mostrara o seu apoio aos asasinos (segundo as coñecidas e
taxativas ordes do xeneral golpista Mola).
Pero o máis curioso de todo é que din
facer a declaración amparándose no seu dereito á liberdade de expresión; un
dereito que o suxeito que eles defenden negou reiteradamente ao conxunto da
cidadanía do Reino de España, un dereito que os asasinos golpistas segaron de raíz
ao non respectar as decisións tomadas pola maioría da cidadanía española nas
urnas. Uns militares golpistas que estaban ás ordes e ao servizo dos grandes
terratenentes andaluces, manchegos e estremeños e dos grandes empresarios e financeiros como
os March; dunha banda de asasinos impresentábeis que, posteriormente, aliáronse
e colaboraron nos xenocidios hitlerianos
e musolinianos. Uns militares que instauraron un réxime á sombra do que
afloraron e medraron os empresarios máis impresentables e máis salvaxes que hai
neste país, que o fixeron a costa de sangre dos traballadores e dos labregos e con
base en múltiples abusos; todo elo amparado na forza armada do réxime do “ilustre”
xeneral Franco. Uns militares que lideraron un réxime onde a corrupción e a
corruptela tamén servía para que eles se lucraran e medraran nas súas riquezas
persoais e familiares.
E chámame a atención que tamén se senten
amparados polas Reais Ordenanzas das
Forzas Armadas. Eu non sei se iso é exacto, mais se é así urxe trocar unha ordenanzas
que permiten glorificar a quen vulnera as leis e asasina por sistema a toda
persoa que non se mostre submiso ás súas ordes e ideas.
Curiosamente entre toda esa caterva de
militares franquistas están algúns dos que ate hai pouco tempo foron altos
mandos do exército. Un deles o tenente xeral que sancionou ao extenente Segura
por denunciar (con probas) irregularidades habidas no seo do exército e outro
dos asinantes foi axudante do emérito Rei Juan Carlos.
Seguramente, tamén, a totalidade
dos impresentábeis que firmaron semellante panfleto amosáronse totalmente de
acordo coa detención e condena no post-franquismo dos membros da Unión Militar
Democrática (UMD), dos que non respectaron nin a súa liberdade de expresión nin
a súa folla de servizos militar. E seguramente algún dos asinantes do libelo
franquista aínda pediría maiores condenas, cando non a morte.
Non sei como xente desa caste puido
pertencer despois do ano 1978 ao exército dun país supostamente democrático. Nin tampouco como non
foi limpado o ese exército de personaxes coma eses, dos que seguramente subsisten
moitos no seu seo. Seguramente estes elementos asinantes do “desagravio” terían
un gran alegrón en febreiro de 1981 cando un fato de militares e gardas civís
tentaron de rematar coa nacente democracia española; golpe que se trunfara
xustificarían da mesma forma que xustifican o proceder de Franco. Pero non sei
se foi o famoso “pacto do capó” quen
os exculpou ou se estiveron calados ata ver cara a onde derivaban as augas do
golpe “tejeriano” e mirar cal era a árbore que mellor sombra daba. Pero a valentía non parece que fora o seu forte.
En todo caso, o que si podemos dicir é que eses
ex-militares son fascistas. E que a súa pertenza ás forzas armadas foi tolerada
(potenciada polos altos mandos?) no exército dun país da Unión Europea. E que
cando a democracia española tivo o seu maior pico de forza e os elementos
fascistoides do exército estaban desorientados, con posterioridade ao fracaso
do golpe do 23-F (ou houbo máis de un?) e coa primeira vitoria electoral do
PSOE no ano 1982, no houbo quen se puxera a poñer a cada deles onde debería
estar: fora das forzas da defensa.
En fin, volvo a preguntarme: son civilizados os militares dos países civilizados?
P.S.: 18 de agosto de 2018, un días despois.
Pois parece que si; que hai xente civilizada de profesión militar. Pero que tarda en reaccionar. (Achego unha ligazón a unha nova do eldiario.es de hoxe).
Compre lela con atención, porque dedúcese dela que aínda existe xerifaltía franquista e que esta aínda segue aleccionando aos futuros militares (e gardacivís, claro). É preciso depurar.
P.S.: 18 de agosto de 2018, un días despois.
Pois parece que si; que hai xente civilizada de profesión militar. Pero que tarda en reaccionar. (Achego unha ligazón a unha nova do eldiario.es de hoxe).
Compre lela con atención, porque dedúcese dela que aínda existe xerifaltía franquista e que esta aínda segue aleccionando aos futuros militares (e gardacivís, claro). É preciso depurar.