Ao longo desta semana que remata hoxe houbo toda unha xeira de novas que me teñen chamado a atención. Foron varias:
- As relacionadas coa guerra de Ucraína e as diferentes interaccións propagandísticas patrocinadas polos organismos da Unión Europea baixo o auspicio e as instrucións de Washington e da OTAN.
- As acusacións das organizacións de pescadores de conivencia entre o Comisario de Pesca Europeo e as industrias enerxéticas de cara a favorecer a instalación progresiva de produción de enerxía eléctrica e de extracción de gas e petróleo nas augas territoriais dos países europeos.
- As queixas e acusacións dos armadores galegos e das organizacións ecoloxistas da Galiza pola instalación de parques de enerxía eólica en augas territoriais do noso país, nomeadamente frontes ás costas de Baiona e nas costas do Ortegal, en caladoiros tradicionais de pesca da flota de baixura e media altura galaica e que ameaza con levar ao traste a supervivencia de mariñeiros, pequenos e medianos armadores e de multitude de especies que teñen o seu hábitat no medio mariño; todo iso por mor dos efectos provocados polos "muíños de vento" que só van beneficiar ás multinacionais da enerxía e á gran burguesía española e internacional, que como se sabe non reinviste o excedente nin no país nin no Estado, senón en paraísos fiscais onde van ter un tratamento fiscal beneficioso.
- E todo isto dos eólicos mariños adobado coa repentina conversión de Alfonso Rueda ao ecoloxismo e a defensa do medio mariño; todo iso despois de estar defendendo a permanencia de ENCE cheirando e contaminando na ría de Pontevedra.
- Igualmente, e falando de paraísos fiscais e alta burguesía española, outra nova foi a do traslado de domicilio de Ferrovial para os Paises Baixos; segundo o seu presidente, un deses abundantes "patriotas" de España (e gran beneficiado pola concesión de obra pública española, onde o Estado se comprometía a cargar cos seus fracasos empresariais facéndose cargo e recompensándoo economicamente as súas expectativas erradas) "por falta de seguridade xurídica", cousa que se cre el e os seus canciños que apañan as migallas que el bota baixo da mesa.
A nova da semana.
Pero para min, a nova máis destacable da semana hai que atribuíla ao Tribunal de Orde Público franquista, o famoso TOP... Perdón! Non sei en que estaría eu pensando. O tribunal ao que me quería referir é, tamén, un tribunal de excepción como os que se solen crear nos estados ditatoriais para castigar a liberdade de expresión e as máis elementais liberdades democráticas. Pero non é o TOP, é a Audiencia Nacional, tribunal sucesor do TOP franquista e único tribunal de excepción que pervive, con outro nome, no Estado Español e que forma parte das peculiares formas que a nosa moi imperfecta e matizada democracia exhibe nas súas leis e na súa gobernanza.
Esta nova, destacada o pasado día 1 de marzo pola Cadena SER, principalmente, e outros noticiarios en papel ou audiovisuais en lugares destacados das súas edicións (agás por aqueles que forman parte do lixo mediático que asola á meirande parte das empresas xornalísticas do Estado Español) estaba referida ao conchabeo entre o Presidente da Audiencia Nacional e o que foi número 2 do Ministerio de Interior, dirixido por Fernández, baixo o goberno presidido por Mariano Rajoy do Partido Popular. Coa particularidade de que ese número dous está procesado, xunto co que foi seu xefe inmediato, por corrupción no caso do intento de roubo dos papeis de Luís Bárcenas e non sei cantas cousas máis. E para el pídense non sei cantos anos de cadea.
Outra das cousas que me chamou a atención foi o silencio das diferentes organizacións de xuíces diante de semellante caso. O que é notoriamente diferente de cando un xornalista accede a contar casos e denunciar procesos presuntamente irregulares levados a cabo por diferentes membros da maxistratura (por exemplo, o inexplicable non procesamento coma investigada de dona María Dolores de Cospedal no mesmo caso polo que se piden penas de cadea para Fernández e o seu número dous). Nin sequera Xuíces para a Democracia dixo ren. E por suposto xa nin falamos do Consello Xeral do Poder Xudicial, ao que se supón que debería proceder a investigar o fondo do asunto e adoitar as medidas disciplinarias contra o presidente da Audiencia Nacional ás que houbera lugar. Pero claro, tampouco se pode esperar moito dun organismo que conta cun alto número de membros "caducados", que incumpren a lei de prazos de anovamento dos cargos que ilegal e ilexitimamente seguen a ocupar.
Obsérvase tamén que se cumpre a "profecía" que Coisidó, senador do Partido Popular, dixo hai algún tempo sobre o control do poder xudicial por parte dese partido. Fican máis que claros, unha vez máis, o favorecemento que os membros dos altos tribunais fan nas súas apreciacións cara ao partido sucesor do franquismo.
Como tamén ficou clara a conivencia dos altos cargos de Interior e policiais coas políticas franquistas practicadas polo Partido Popular, chegando a constituír incluso unha especie de policía política con métodos moi achegados aos practicados pola indesexable policía política franquista.
En fin: país! Se non fora porque os prexuizos poden ser maiores que os beneficios, destruílo e volver a construílo de novo dun xeito máis xusto, igualitario, democrático e sen estamentos mimados valería a pena. Ou non, vai ti a saber.
