Hai unha especie de suxeitos
que pululan polas escalas administrativas do Estado aos que os
círculos económicos denominan coma "tecos". Levan
xestionando a economía española desde aqueles tempos nos que o
ditador Franco declarou aberto (inaugurou, vamos, que ese home
inauguraba todo, desde pantanos ata piscinas) o que denominou Plan
de Estabilización, que non era outra cousa que poñer España
aos ditados económicos das multinacionais estranxeiras para que
estas puideran estabelecerse ás súas anchas pola xeografía
española e puideran aproveitarse e explotar, tamén ás súas
anchas, unha forza de traballo con escasas perspectivas de ocupación
laboral naquel intre. Todo elo en arás a lograr un blanqueo
internacional da ditadura fascista. Aquelas perspectivas supoñían
unha condena para os traballadores e traballadoras do Estado Español
a deixarse explotar na emigración ao amparo dos distintos Plans
Marshall estabelecidos en diferentes países da Europa ao amparo dos
acordos entre o réxime franquista e os aliados europeos e
americanos, especialmente Francia e Alemania, destinos preferentes e
forzados da man de obra española.
Non hai que dicir que estes
plans do goberno fascista español foron secundados e aprobados polos
mesmos gobernos que ao remate da II Guerra Mundial traizoaron aos
antifascistas españois negándose a invadir o territorio dominado
polos asasinos franquistas. Os mesmos gobernos que traizoaron, coa
actuación dos seus servizos secretos, á resistencia antifascista e
que entregaron atados de pes e mans á Garda Civil e ao exército
franquistas a aqueles homes e a aquelas mulleres que con diferentes
formas de actuar estaban dispostos a dar remate ao réxime terrorista
de Xeneral Franco.
Foi por aqueles tempos
cando Eisenhower, daquela presidente dos Estados Unidos e imbécil
como case todos os presidentes dese país, veu a Madrid para dar o
respaldo definitivo e internacional ao réxime dos asasinos, cando
nas escolas nos repartiron litros e litros de leite (preparados con
leite en po, moitos deles feitos con pos caducados ou en mal estado
procedentes dos excedentes do exército americano) e cando, por riba,
nos levaban desde as escolas ás salas de proxección a ver brodios
como "Raza" ou a outra fascistada da que xa non me lembro o
seu título, coa única finalidade de empaparnos e contaminarnos coa
ideoloxía fascista. Por desgracia para eles e sorte para o país, a
contaminación non se estendeu tanto como eles pretendían. Aínda
que si impregnou os comportamentos económicos e sociais dos
empresarios españois (non podemos esquecer que nas alicerces da
maioría das empresas que hoxe forman o IBEX-35 está a corrupción,
os asasinatos e a explotación realizada manu
militari baixo o franquismo) que no básico
aínda hoxe persisten, como se demostra nos diferentes procesos por
corrupción nos que está inmerso o Partido Popular.
Este ambiente creado polo
franquismo económico deu os seus froitos, creou escola. Moitos xoves
de clases acomodadas (franquistas case todos, hai que sinalar) que se
incorporaron aos estudos de economía nas diferentes universidades
españolas, aspiraban a facelo como os xestores do Plan de
Estabilización franquista. Posteriormente, na seguinte xeración (e
xa non todos e todas fillos e fillas das clases acomodadas) esas
aspiracións de moitos estudantes de economía, incluso da miña
promoción e seguintes, moitos deles forxados na loita antifascista e
con ansias de liberdade, seguiron a mesma orientación. Teño
que confesar que eu mesmo sentinme tentado en facer algún MBA nunha
escola de negocios ao rematar a carreira; afortunadamente non o
puiden facer, non tiña os cartos que se necesitaban nin vivía nunha
cidade na que non tivera que pagar hospedaxe; daquela deume pena,
máis vistas as cousas con perspectiva e atendendo ao que maiormente
saíu deses sitios pronto alegreime de non ser economicamente
podente.
Pois ben, de forma persoal
ou ao través da deformación ideolóxica recibida nesas escolas
especiais, moitas desas persoas convertéronse en administradores e
administradoras dos intereses do gran capital. Uns fixérono
incorporándose ao sistema financeiro ou ás grandes empresas
herdeiras do franquismo económico e político; outros fixérono
mediante a súa incorporación vía oposicións a corpos técnicos ou
xurídicos do Estado. Entre eles están os famosos "tecos",
os Técnicos Comerciales y Económistas do Estado, que na práctica a
min paréceme que non son máis que xestores dos intereses do gran
capital que operan desde o interior das instancias estatais.
A min sempre me asaltou unha
dúbida sobre estas persoas "tecos". Realmente saben
economía e adoitan solucións persoais e distintas diante de cada
problema e axustados a cada momento ou actúan por esquemas
automáticos aprendidos nas escolas de negocios ou nos apuntamentos
cos que pasaron as oposicións? Non o sei, é un interrogante que por
máis que o penso nunca dou resolto. "Tecos" famosos son,
ou foron, Fuentes Quintana, Guillermo de la Dehesa, Miguel Angel
Fernández Ordoñez (MAFO), Luís de Guindos, Pedro Solbes, Luís
Gámir, José Manuel Soria, Álvaro Nadal, Jordi Sevilla ou Nadia
Calviño, actual vicepresidenta e ministra de Economía do Goberno de
Pedro Sánchez. Moitos deles forxados ao abeiro do Plan de
Estabilización de 1959 baixo o amparo dos tecnócratas Opus Dei.
Como podedes ver, hai unha teórica variedade e diversidade
ideolóxica entre eles; a práctica desminte tal impresión.
Unha característica común
a todos eles é que as solucións que aportaron aos diferentes
aspectos da economía española sempre foron axeitadas aos esquemas
de comportamento dos manuais dos gurús do capitalismo, e tenderon a
favorecer, en maior ou menor grado, os intereses do gran capital e
dos grandes empresarios, aínda a costa dos dereitos e do
empobrecemento de gran parte dos traballadores e traballadoras. E
seguen, polo que vemos nos comportamentos e reaccións de Nadia
Calviño e do seu equipo, como vimos antes en Solbes ou en de
Guindos. Pode ser que a crudeza das solucións sexa maior nos
declarados como políticos "tecos" de dereitas (para iso
son e para iso os contrata o capital), pero non son moi diferentes
nin as solucións que achegan, nin as consecuencias dos seus actos
son moi distintas das que achegan os políticos "tecos" que
se declaran de esquerda ou socialdemócratas. Outra das súas
características e que, cando tocan ministerio ou posto clave, sempre
se arrodean doutros "tecos" nas direccións xerais ou
subdireccións xerais que teñen o mesmo patrón de actuación e que
proceden de escolas económicas iguais ou similares. E dicir,
solucións ao servizo do gran capital e da supervivencia, a calquera
prezo, deste corrompido e corruptor sistema económico que se chama
capitalismo (ou "economía de mercado", se o prefiren).
E a que ven toda esta
perorata? Pois a conto do que desde onte está nos medios: o pacto
entre PSOE, Podemos e Bildu para derrogar a reforma laboral do
Partido Popular. Esa reforma que é un cancro para a clase obreira
pero que supón un instrumento que teñen os empresarios para aplicar
políticas salvaxes con tal de protexer os seus beneficios. Iso aínda
que teñan reservas de sobra para facer fronte a un período de vacas
fracas. Pero non, os empresarios queren seguir a desfrutar e
incrementar os seus beneficios e o seu benestar persoal aínda a
costa de empobrecer, precarizar, facer sufrir e facer pasar fame á
clase obreira e aos pequenos e medianos empresarios (aos reais, nos
aos que defende CEPYME). E, por desgraza, co que parece ás veces
colaboración activa dos dous sindicatos estatais CC.OO. e UGT. que
pactan continuamente contra os intereses dos traballadores e ao son
do que lles marca o capital, incluso impedindo que maiorías de
traballadores de comunidades autónomas onde outros sindicatos máis
reivindicativos son maioritarios participen nos procesos negociadores
de ámbito estatal.
En todo este balbordo, polo
que parece, van saír gañando os grandes empresarios. Co decidido
apoio de Nadia Calviño, apoiada polo gran capital e polos seus
servidores desde dentro do PSOE e coa pusilanimidade dos sectores
máis sociais do PSOE. E por riba coas bendicións de CC.OO. e UGT.
Como xa ten pasado con
Solbes e Jordi Sevilla desde os ministerios, con De La Dehesa e MAFO
desde as direccións xerais e/ou o Banco de España e, agora, con Calviño desde o
ministerios e as direccións xerais, os "tecos" cumpren a
súa función de administradores dos intereses do gran capital. Son
un virus tan asentado no PSOE que ten como efecto que nunca ese
partido cumpra coas súas promesas electorais de carácter máis
social e redistributivo, que xa de por si son bastante tibias. O que
non fai máis que afianzar a miña idea, expresada en moitas
ocasións, de que o PSOE non é de fiar; está demasiado implicado na
defensa do capitalismo e da burguesía como para adoitar medidas
tendentes a acadar unha maior igualdade e xustiza social entre as
persoas.