Quen debe lexislar nun país democrático, o Poder Lexislativo (Parlamento) ou o Poder Xudicial (Tribunal Supremo, Audiencia Nacional, Audiencias Provinciais, Fiscalías,...).?
O Estado Español constitucionalmente se autodenomina coma unha Monarquía parlamentaria, é dicir, a aprobación da lexislación corresponde ás cámaras parlamentarias. Pero xa desde a propia transición parece que cando á dereita non lle van ben as leis aprobadas por quen debe facelo (o Poder Lexislativo), están os xuíces e xuízas do Tribunal Supremo, de determinadas salas de audiencias provinciais e de determinados xulgados non para aplicalas, senón para modificalas por vía de resolucións, de sentencias ou da "liberdade de interpretación", prescindindo, se así é preciso, das exposición de motivos nas que se fundamentan todas as leis.
Curiosamente esta liberdade de interpretación e soberanía xudicial da interpretación das leis vai sempre no beneficio electoral ou político da dereita, da ultradereita fascista e/ou dos poderes económicos ou daqueles que negan a existencia da violencia de xénero e da igualdade da muller. E se non chega a sala correspondente do Tribunal Supremo (TS) para obter o desexado, recórrese á convocar un pleno como xa ten ocorrido coa sala do económico en relación á aplicación das resolucións dos tribunais da Unión Europea sobre a legalidade de certos cobros bancarios asociados ás hipotecas e á determinación do ámbito temporal da súa devolución aos afectados que a Sala do Económico do TS tiña determinado que fora desde sempre. Como era o desexo “mal menor” das entidades bancarias o tempo fixado foi menor.
Non é que eses xuíces ou maxistrados incumpran a lei, senón que (polo xeral aínda que con excepcións[i]) fan unha interpretación moi peculiar da mesma. O que parece dar toda a credibilidade a aquelas verbas expresadas no ano 2018 polo senador do Partido Popular, Ignacio Cosidó, de que “controlaremos la Sala Segunda del Supremo desde atrás”; palabras expresadas no contexto do acordo entre o seu partido e o PSOE para os nomeamentos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), cuxa composición segue a manterse coas mesmas persoas na actualidade (agás unha que renunciou hai uns meses) ao negarse o Partido Popular, baixo numerosas escusas, cada cal máis peregrina, a proceder á súa renovación (quizá pola conta que lle ten por mor dos innumerábeis casos que corrupción que teñen abertos, ou susceptibles de abrirse, cargos públicos da súa formación).
Pero aínda máis. En numerosas ocasións ao TS non lle queda máis remedio que intervir nas actuacións dalgúns xuíces ou xuízas para indicarlles que o procedemento que están a seguir non é o adecuado. Pasa, por exemplo, cando un maxistrado instrúe un caso de forma prospectiva para imputar a alguén; é dicir, a partires dun suposto inexistente pero que manteñen “que pode existir” no que ten incorrido a persoa investigada (sen probas nin indicios certos de que iso teña ocorrido; ás veces, incluso, sustentados en trolas comprobadas como tales e publicadas en certos xornais). É dicir, “se a profecía non se cumpre, poremos todos os medios para facer que se cumpra ou que pareza que é así”.
Ataque á liberdade de expresión e procedementos prospectivos ou baseados en fuck-news.
Durante o goberno de Mariano Rajoy as altas instancias xudiciais ditaron numerosas sentencias condenatorias, moitas con anos de cadea, contra numerosas persoas opostas publicamente ou moi críticas co labor do goberno do Partido Popular en relación cos perentorios problemas da vivenda, salariais, alimentarios, etc. que asolaban á pequena burguesía e, sobre todo, ás clases populares do Estado; e tamén se viron afectadas persoas críticas coa monarquía borbónica. Sindicalistas, rapeiros, teatreiros, twiteiros, xornalistas,... foron vítimas de resolucións ou sentencias xudiciais que atacaban a liña de flotación dun dos compoñentes básicos dun réxime democrático: a liberdade de expresión. Afortunadamente, os tribunais europeos –nada sospeitosos de esquerdismo ou progresía- puxéronlle coto aos xuíces e xuízas españolas declarando ilegais a maioría das súas sentencias deste tipo.
Nos últimos tempos, e desde o inicio da era dos gobernos de coalición, primeiro o de PSOE con Unidas-Podemos e agora a coalición PSOE-Sumar, está de moda abrir procedementos xudiciais baseados en denuncias formuladas por coñecidas organizacións nazis ou fascistas (Manos Limpias, os Hazte Oir de El Yunque, Abogados Cristianos e outras polo estilo) fundamentadas en base a fuck-news (novas comprobadas como falsas) que implican sen fundamento nin probas a persoas dos gobernos ou achegadas a persoas con cargos públicos gobernamentais. E hai xuíces, xuízas ou fiscais que abren procedementos contra as persoas mencionadas nesas fuck-news contrastadas coma falsas. E hai algún aínda van máis alá e que, comprobada e demostrada reiterativamente a falsidade dos fundamentos da acusación, manteñen procedementos abertos “por se acaso aparece algo...”.
De actuacións xudiciais como as mencionadas máis arriba temos numerosos exemplos no Estado Español. A persecución de Pablo Iglesias e Irene Montero (os de Podemos) por un xulgado de Madrid; o caso de Mónica Oltra por delitos cometidos pola súa ex-parella; agora aparece o caso da esposa (non me lembro do seu nome) de Pedro Sánchez; están as condenas impostas a moitos dos procesados polo caso dos ERE de Andalucía que foron anuladas ou rebaixadas polo Tribunal Constitucional; temos, tamén, a apertura de dilixenciaspenais contra un concelleiro de Esquerda Unida en Sevilla que foi absolto despoisde oito anos e que ten causadonumerosos prexuízos ao acusado (curiosamente, xa é casualidade, estes dous últimos iniciados pola mesma xuíza). Recentemente, onte, coñeceuse a resolución da Audiencia Nacional declarando ilícito e arquivando o procedemento que mantiña aberto o xuíz García Castellón por terrorismo contra persoas do process catalá polo caso Sunami Democrático de Catalunya, que afectaba a persoas que poderían ser beneficiarias da lei de amnistía recentemente aprobada polo Parlamento do Estado... E os que non coñeceremos porque as persoas afectadas por resolucións ou sentencias xudiciais inxustas non son coñecidas do gran público e, polo tanto, os seus casos non aparecen nos xornais ao non ser considerados de interese informativo!
En case todos os casos, as persoas imputadas deixaron os seus cargos políticos mentres non se probara a súa inocencia; e polo tanto os proxectos que tiñan en perspectiva para mellorar a vida da xente menos favorecida socialmente deixaron de realizarse, cos prexuízos derivados tanto para os encausados como para os potenciais beneficiarios das súas actividades públicas.
Outras actuacións xudiciais destacan por todo o contrario. Recentemente vemos de coñecer a absolución do elemento fascista que estivo acosando constantemente, diante do seu fogar, e atentando contra a privacidade de Irene Montero e Pablo Iglesias, con insultos constantes e ameazas durante moitísimo tempo, mentres os acosados desenvolvían tarefas públicas de responsabilidade. Igualmente é coñecida a recente absolución do señor homófobo que no metro de Barcelona, diante dun vixiante de seguridade en posición estatua de sal, insultou gravemente e ameazou (tal e como se pode observar nun vídeo feito público) a unha persoa transexual simplemente por ser como era, sen respecto algún e cunha actitude totalmente discriminatoria e de odio cara ás persoas transexuais. E posiblemente moitos máis que agora mesmo non me lembro pero que claramente se inscriben na ideoloxía de ultradereita.
E o órgano do Estado que debería manter a raia aos xuíces, xuízas e fiscais que se sobrepasan coas súas actuacións ou que claramente rozan ou incorren na prevaricación con actuacións como as descritas máis arriba non actúa. Incluso nos casos de membros do poder xudicial que desobedecen ordes ou instruccións do Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional.
Ese órgano mantense na súa matraca de supostas agresións de caracter político ao poder xudicial por parte de quen critica ou discrepa publicamente das actuacións. Ese órgano non é nin máis nin menos que o CXPX, órgano máis que caducado constitucionalmente, que hai anos que debería estar renovado e que parece estar formado na súa maioría por persoas de ideas caducas, propias da longa noite de pedra, e de clara ideoloxía dereitosa e/ou de extrema dereita. Un órgano que de facto, ao non pronunciarse sobre delas, apoiou as concentracións de togas e puñetas, de clara intencionalidade política anti-gobernamental, acontecidas no pasado mes de novembro diante das audiencias provinciais contra unha presunta lei de amnistía da cal aínda non se coñecía nin o anteproxecto.
A elección dos órganos de control da xudicatura.
O malo é que estas actitudes do poder xudicial fan boas as opinións que manteñen que as actuacións e interpretacións das leis pola xudicatura están condicionados pola súa ideoloxía política (non necesariamente a súa afiliación) e a súa procedencia maioritaria das clases máis acomodadas e dominantes, da burguesía e da oligarquía. Así o demostra a inmensa maioría que as asociacións “conservadoras” de xuíces teñen entre os membros carreira xudicial españois.
Igualmente son as actuacións como as descritas máis arriba as que tamén dan a razón aos que defendemos que os xuíces non deben ser os que escollan aos membros que conforman o CXPX, pois farían deste órgano constitucional un órgano ao servizo dos intereses políticos da dereita e dos intereses económicos da oligarquía e da burguesía aos que esa dereita representa.
Os órganos de control dun Estado, e o Consello Xeral do Poder Xudicial o é, deben representar ás arelas da maioría da poboación; e a maioría da poboación (ou gran parte dela) exprésase nas urnas. Os órganos do Estado non son órganos corporativos como parece que algúns políticos e moitos xuíces e maxistrados parecen pretender que sexa o CXPX.
A elección dos órganos de control xudicial na Unión Europea.
Nos países da Europa non é infrecuente que xuíces, xuízas, maxistrados e altos cargos dos sistemas xudiciais procedan de clases da alta burguesía ou de clases acomodadas, igual que sucede no Estado Español. E, loxicamente, tamén terán a súa ideoloxía e intereses de clase. Pero polo que parece non están tan achegados a posicións políticas, non tan vencellados, como parecen estalo na xudicatura española.
E tampouco parece que no resto da Europa a investigación profunda dos posibles casos de corrupción por parte dun xuíz ou dunha xuíza poida condicionar o seu ascenso na carreira xudicial, cousa que si parece ocorrer no Estado Español. E estou a lembrarme o xuíz Ruz, substituto de Garzón na Audiencia Nacional, a “esperanza branca” do Partido Popular no caso Gurtel, que non cumpríu coas espectativas e ficou estancado e enviado ao xulgado de Móstoles.
Tampouco no resto de Europa son os xuíces os que escollen aos membros dos órganos de control xudicial. Nas democracias todos os órganos deben representar á maioría do sentir popular; e isto cúmprese ao pe da letra nos países democráticos europeos.
Confianza no Poder Xudicial español?
Xa que logo, como pretenden os xuíces españois que as persoas de a pe confiemos neles? Eu, persoalmente, non teño nin un ápice de confianza no aparato xudicial español. Non confío en que se algún día teño un problema por expresar as miñas opinións publicamente de forma pacífica teña máis peso a testemuña de dous membros policiais que de outras corenta testemuñas, ou que me poida pasar como aos traballadorese traballadoras de La Suíza condenados por defender o seu traballo, ou que por expresar publicamente opinións como as que aquí se expresan poidan procesarme e ditar sentencias condenatorias, ou que me poida pasar como a esa nai que por defender aos seus fillos dun maltratador teña que actuar personalmente por mor dunha inactuación do aparato xudicial e ser acusada por este de secuestro, ou sentencias como a da audiencia de Pamplona no caso da manda violadora... Confiar neles? Eu, dende logo que non.
[i] Véxase o caso do xuíz Alba no proceso aberto contra a xuíza Victoria Rosell, que foi cargo público por conta de Podemos.
