Amosando publicacións coa etiqueta Corte Penal Internacional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Corte Penal Internacional. Amosar todas as publicacións

25 decembro 2023

A S A S I N O S ! !

          O título deste artigo, como non podía ser doutra forma nos tempos que corren, está referido ao goberno, ao exército, á policía e aos diferentes servizos secretos israelís. E sen establecer diferenciacións entre cargos ou xerarquías. Todos os que participan nas labores de xenocidio do pobo palestino, directa ou indirectamente, son xenocidas, sen exclusións; aínda que uns teñan maior responsabilidade que outros.

        Asasinatos de crianzas indefensas, de médicos cando están realizando o seu labor nos hospitais, de doentes (infantes incluídos) e persoal sanitario. Bombardeos de escolas e campos de refuxiados nos que crianzas, mulleres, anciáns e civís non combatentes resultan asasinados por milleiros. Templos relixiosos que deberían servir coma refuxio tampouco son seguros; os criminais do exército de Israel non se paran e tamén os atacan, bombardean e ametrallan a quen está neles. 

        Francotiradores israelís disparan contra nenos e nenas indefensas, contra persoas desarmadas e, incluso, contra os seus propios compatriotas desarmados e nus que foran capturados coma reféns polos membros de Hamas. 


        Ordenan á poboación civil gazatí que se despracen de certos lugares para outros que din van a atacar; mais despois non se cortan un pelo en atacar e bombardear as columnas de civís que se están a desprazar cara a onde os israelís din que deben ir.

         Tamén asasinan xornalistas. Ben, non a todos; aos que son cómplices informativos do seu goberno, do seu exército, da súa policía e, polo tanto, dos seus crimes, mímanos e danlle parabéns.

        Tampouco deixan que entre axuda humanitaria con comida, auga, combustibles e medicamentos, así coma outras cousas de primeira necesidade para a poboación civil.  E isto está a provocar unha das maiores situacións de fame negra da nosa época, así como a extensión de enfermidades que estaban case erradicadas en Palestina. Igualmente moitas desas crianzas e civís, vítimas das actividades dos criminais israelís e que poderían ser salvados con uns recursos médicos mínimos, están a morrer por falta deses medios para coidalos; ou están a ser intervidos ciruxicamente ao vivo, por falla de anestesia. 

 

 A que está a Corte Penal Internacional?

        Son, o exército israelí, os seu goberno e os seus mandos militares ao completo unha banda de criminais de guerra que xa deberían ter unha orde de busca e captura da Corte Penal Internacional (CPI) por crimes de lesa humanidade e coma criminais de guerra. Estes da CPI que tanta presa se deron en ditar unha orde de busca e captura por crimes de lesa humanidade contra Putin polo de Ucraína (con razón), parece que se resisten a facer o mesmo co goberno de Israel e co exército sionista. Din que están a investigar, pero máis ben parece que están buscando xustificacións para exculpar a Netanyahu, ao seu goberno e ao seu exército do craro xenocidio que están a cometer co pobo palestino. Porque xa existen denuncias desde novembro para pedir que o fiscal da citada corte abra o procedemento e desde a CPI din que abriron investigacións en outubro. Indecente, pese ás múltiples denuncias; a última este mesmo mes presentada por Reporteiros Sen Fronteiras.

 O Estado de Israel ten cómplices no seu labor xenocida

         Por desgraza para a poboación palestina hai unha parte importante do mundo (non polo seu número senón polo seu poder) para os que as persoas non importan; a esa parte o único que lles importa son os beneficios da venda de armas, os beneficios das vendas de hidrocarburos, os beneficios que produce as especulación con todo tipo de materias primas. Esa parte do mundo está formada polos membros do Grupo Bilderberg e polos que en Davos conspiran contra os intereses da maioría da poboación, os grandes financeiros e os seus criados nos distintos países que están instalados nos gobernos.

        E non podemos máis que concluír que aqueles monicreques dos distintos gobernos do mundo, que como única frase cando se fala da ilegalidade que está a cometer Israel teñen na súa boca a de "Israel ten dereito a defenderse" desque comezou a ultima fase do xenocidio do terrorismo de estado sionista contra Palestina, son tan asasinos coma os propios sionistas responsables directos dos crimes de lesa humanidade. Os mesmos que nunca levantan unha soa voz contra os crimes de guerra e o xenocidio que o goberno de Netanyahu, o seu exército e os seus servizos secretos están a cometer contra o pobo palestino; e xa non so na Faixa de Gaza, senón que este comportamento xenocida está a xeneralizarse tamén en Cisxordania e Xerusalén Leste; e neste último territorio coa activa colaboración da policía de Israel que ampara todo tipo de actividades dos colonos sionistas, ocupación de propiedades dos palestinos, expulsión dos seus fogares e ataques armados contra cidadáns israelís de orixe palestino. E son os gobernantes civís e militares dos Estados Unidos de América (EUA), así coma moitos dirixentes políticos da Unión Europea que non son máis que monicreques da oligarquía e dos EUA os que teñen esta condición.

        E despois, hai moitos outros gobernos timoratos, que pese a pedir altos ao fogo, de mostrarse contrarios aos ataques contra a poboación civil, de demandar que se deixe pasar axuda humanitaria cara a Gaza e outras moitas cousas que son de xustiza, esquécense de denunciar o que pasa en Cisxordania ou en Xerusalén Leste. E, sobre todo, non son quen de rachar relacións diplomáticas do Estado criminal e nazi de Israel, que sería o que realmente deberían facer. Neste caso está o goberno español, ao que desde aquí pídolle de rache dunha vez coas relación con Israel; e que os ianquis, os nazis  e os fascio-franquistas españois digan o que lles dea a gana.

Israel non é un Estado democrático

        A pesares do que publicamente teño escoitado a moitas contertulias e a moitos contertulios en distintos espazos radiofónicos e televisivos, Israel non é unha democracia. Porque unha democracia non discrimina con disposicións legais a unha parte da súa poboación, nin establece relixións oficiais para o Estado, nin discrimina os seus cidadáns pola cor da súa pel. É mais que coñecido que os palestinos que residen e son cidadáns israelís non teñen os mesmos dereitos que os que non teñen esa orixe; e que quen profesa unha relixión distinta do xudaismo tampouco ten os mesmos dereitos nin o mesmo trato por parte das autoridades israelís. Incluso aqueles xudeos que teñen a pel máis escura debido á súa procedencia xeográfica están discriminados nesa sociedade que ten prácticas profundamente racistas e amparadas (na práctica) polo Estado sionista.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...