Amosando publicacións coa etiqueta Denuncias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Denuncias. Amosar todas as publicacións

02 abril 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (residencias de maiores, ocultación de mortos e de doentes e hipócritas cómplices) (2)

Estamos a coñecer nestes últimos días que as residencias de maiores están a sofrir unha incidencia moi elevada dos contaxios por coronavirus, que afecta tanto ás persoas residentes como ás traballadoras; aínda que con maior incidencia e gravidade entre as primeiras. Non sei o que pasa no resto do Estado, pero si o que se le que está a pasar nas residencias de Madrid e nas residencias de Galiza; todas elas con graves problemas para os seus residentes e para o persoal que está ao seu coidado. E todas elas responsabilidade de consellerías baixo gobernos do Partido Popular.
O problema non é o territorio, o problema é o Partido Popular.
A “chispa” saltou cando familiares de residentes en distintos establecementos da Comunidade de Madrid denunciaron aos medios o escurantismo das direccións de moitas desas residencias, que non só non informaban do estado dos seus parentes residentes, senón que (nalgúns casos) non deixaban que foran visitados. A cousa quedou, momentaneamente, aí: nas crónicas aparecidas en escasos medios de información; nin as autoridades policiais ou xudiciais, nin as autoridades políticas da Comunidade de Madrid tomaron cartas no asunto a pesares de ter a información pública todos oos visos de veracidade (eran informacións proporcionadas por medios que, pola conta que lles ten, contrastan todo este tipo de novas). Aclarar que, como non podía ser doutra forma a CC.AA. de Madrid está presidida por unha muller de claro impronta franquista, pertencente ao Partido Popular, e o seu goberno procede dun acordo entre ese partido e Ciudadanos, co apoio do partido nazi-fascista Vox. Sinalar, tamén, que aínda non declarado o estado de alarma si había indicacións das autoridades sanitarias estatais e autonómicas para adoitar todas as precaucións e coidados posibles diante do avance dos contaxios polo Coronavirus COVID-19, detectado xa nos últimos días da semana que vai desde o 9 ata o 15 de marzo e con especial incidencia na Comunidade de Madrid.
Cousas similares están a suceder na Galiza, onde máis do 77% das prazas residencias están xestionadas por empresas privadas mimadas polas administracións da Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijóo. Non se sabe de denuncias de anciás aparecidos mortos nas súas habitacións das residencias, pero si do escurantismo das empresas xa denunciado desde hai moito tempo polos familiares de persoas residentes nas mesmas.
Como xa veremos, o alicerce dos graves problemas que asolan aos residentes dos centros de maiores de Galiza e Madrid e ás súas familias non é O COVID-19 en si mesmo; quizás si sexa o problema máis grave dos moitos que sofren. Os problemas están a ser denunciados, polo menos na Galiza (e supoño que outro tanto en Madrid e no resto das comunidades onde eses indesexables gobernan), desde que o Partido Popular decidiu que as residencias eran un bo nicho de negocio xerador de múltiples beneficios e que, por tanto, habería que privatizar as súas instalacións: se os edificios eran públicos, poñelos ao dispor das empresas; se eran acometidas novas construcións residenciais pola administración, cedérllelos en xestión aos voitres; e, en ambos casos, concertar un número escaso de prazas. Regalámosche as instalacións e mercámosche parte delas. Iso si, manter un mínimo de prazas en centros de titularidade pública ou concertadas para disimular; sobre todo aquelas que puideran supoñer un maior nivel de gasto para esas empresas, que para iso están os amigos.
É dicir, a alicerce do problema, aquí e en Madrid é o Partido Popular. Como rezaba o título dun excelente artigo publicado na revista electrónica CTXT-Contexto y Acción o pasado día 29 de marzo, que levaba por título “Aparcamiento de Ancianos, S.A.”, neso se convirten as residencias de maiores dos territorios xestionados polo partido de Núñez Feijóo, Isabel Díaz Ayuso e Pablo Casado.
Mortos e presos nas habitacións. Desprezo ás familias.
A pasada semana, a cousa nas residencias de maiores madrileñas empezou a sobrepasar o límite do tolerable cando o exército deu conta da aparición nun establecemento residencial de mortos non declarados nas habitacións e de persoas residentes pechadas e illadas nas súas habitacións pouco menos que “ a la vaiche boa”. Ou doutra na que, agás unhas poucas monxas que ficaron alí, o resto fuxira abandonando aos residentes “a la buena de Dios” (quizá iso de deixalos na man do seu xefe virtual veu determinado pola súa profesión e dependencia xerárquica). Este non foi o único problema, foi nesa semana na que se empezaron a coñecer multitude de casos de contaxiados polo coronavirus no conxunto das residencias de Madrid, mortes de anciáns incluídas, e os grandes problemas dos seus familiares para coñecer o que acontecía cos seus parentes, chagando a saber que estaban mortos sen ter con antelación novas de que estaban a padecer a enfermidade por negalo o centro residencial ou por simple desleixo de non comunicalo ás familias. Outros episodios narran o intento, antes de ser coñecida a propagación do virus, de moitos deses centros residenciais de tentar que as familias sacaran ao seus familiares e os levaran para as súas casas baixo a súa responsabilidade.
Aquí, na Galiza, a lebre saltou a finais da semana pasada, cando traballadores e traballadoras deses centros residenciais denunciaron publicamente a existencia de casos de infectadas polo COVID-19 nunha residencia de Compostela xestionada por DomusVi; seguiron, posteriormente, numerosos casos nunha residencia en Celanova e, mais tarde, na de Barreiro en Vigo e na de Aldán en Cangas. Estas dúas últimas tamén xestionadas por DomusVi, empresa multinacional cuxos maiores accionistas son un adiñeirado francés e un fondo de investimento cuxos únicos intereses radican en acadar o maior beneficio posible. Esta semana xa se anunciaron un alto número de mortes entre os infectados. E apareceron “novos” casos (ou xa existentes pero sen declarar, non se sabe) en residencias da Fundación San Rosendo, emporio do cura ladrón Benigno Moure na provincia de Ourense.
Tamén na Galiza os familiares das persoas residentes quéixanse desde hai moito tempo tanto da falla de transparencia das direccións dos centros como da falta de coidados e persoal existentes nos mesmos.
Estes problemas, sobre todo o dos mortos ocultos, provocaron que o conselleiro madrileño responsable do ramo criticara ás direccións dos centros residenciais (maiormente privados) pola irresponsabilidade e falla de profesionalidade. A resposta da señora Ayuso, presidenta da CC.AA. de Madrid, foi destituílo da súa responsabilidade e poñer a competencia residencia nas mans do conselleiro pepeiro de sanidade. Hai que sinalar que a barbaridade dos centros residenciais madrileños ten unha responsabilidade clara: primeiro o Partido Popular, que foi quen estivo dirixindo a políticas sobre as residencias de maiores desde hai moitos anos que goberna en Madrid e que foi quen puxo eses establecementos (de propiedade pública ou privada) xestionadas por empresas pertencentes a fondos de investimento ás que o único que parecía importarlle era a súa conta de resultados; despois, a responsabilidade do conselleiro cesado desas función, de Ciudadanos, por seguir coa política dos seus predecesores. Por suposto que a decisión de Ayuso tivo consecuencias: o acrecentamento do escurantismo sobre o alcance do COVID-19 neses centros e que a día de hoxe a Comunidade de Madrid non especifique, dos infectados ou mortos a consecuencia do coronavirus, proceden ou están en establecementos residenciais de maiores.
Aquí na Galiza, non dimite ninguén nin hai destitucións, pese á incompetencia sobradamente demostrada pola responsable da Consellería de Política Social, encargada do ramo. E é que tal parece que a connivencia, permisividade e complicidade do Partido Popular coas empresas que xestionan as prazas dos centros residenciais de maiores é total. E certamente, eu estou convencido de que esa é a súa política. Certo é que en Madrid a retirada de competencias sobre residencias de maiores ao señor de Ciudadanos non foi debida á súa incompetencia, senón que ese home puxera en cuestión a política que sobre o tema estaba a seguir o Partido Popular. E as mortes de residentes maiores supoñen case o 25% dos falecementos por coronavirus na Galiza.
Persoal escaso e mal pagado.
Esta é unha das constantes das residencias de maiores na Galiza; tanto das públicas como, e sobre todo, das privadas. Evidentemente entre estas últimas hai diferencias, pero curiosamente son as que máis casos de coronavirus presentan neste momento aquelas nas que os ratios residentes/persoal son máis escasos. Eses sen-vergoñas que teñen uns cadros de persoal ínfimos, que non dan para atender e coidar con dignidade aos residentes; persoal ultra-explotado, con salarios de miseria e contratos precarios; un inmenso continxente de traballadores e traballadoras que, pese á súa entrega e boa vontade, por falta de suficientes mans non son quen de dar a basto para atender aos maiores como as súas familias desexarían. Traballadores e traballadoras sometidas á chantaxe de ficar sen traballo no caso de denunciaren a situación dos internos. E non só persoal xerocultor o que escasea neses establecementos de propiedade ou xestión privada, senón que tamén é escaso o persoal médico e de enfermería. Ten saído á luz nestes tristes días, que nos centros de DomusVi non hai médico nocturno, e nalgún nin enfermería nocturna, e do persoal xerocultos fican dúas persoas para atender a centos de residentes pola noite.
Non se lle oculta a ninguén que, tanto na Galiza como en Madrid, o número de traballadores e traballadoras contaxiados de coronavirus nas residencias de maiores é moi elevado. A falta de equipamentos de protección, tanto do persoal como dos doentes sans, é practicamente inexistente. As empresas no teñen dotado ao seu persoal nin aos seus residentes de medios de protección pese a presencia dun alto número de casos habidos nos establecementos e pese a estar residindo neles a poboación que ten maior risco de contaxio e de mortalidade por causa de COVD-19. Pero ese usureiros, negociantes sen escrúpulos, quéixanse de que o Goberno, non a Xunta dos seus protectores, no lles facilita medios de protección. Que fan con todos os cartos que sacan de cobrar as prazas residenciais a un importe de entre 1.800 e 2500 euros? Acaso non lles da para protexer aos seus residentes e ao seu persoal? Evidentemente, este persoal desprotexido ten as súas demandas e nos últimos tempos os seus representantessindicais teñen denunciado a súa situación, as carenciase a deficiente política da Xunta de Galicia diante da pandemia.
A falta de inspeccións e a connivencia das Administracións.
Esas residencias de maiores, pese ás continuas denuncias dos familiares das persoas residentes, rara vez reciben a visita dunha inspección en condicións por parte das administracións públicas responsábeis de velar por que eses establecementos cumpran os mínimos de persoal, instalacións e actividades que a lei esixe que teñan. Ou polo menos non o parece. E o digo eu con coñecemento de causa pois a miña nai estivo residindo nun deses establecementos hai anos; e iso que non eran os tempos duros que asolan aos residentes desde hai uns cinco anos para aquí, cando se empezou a concentrar o negocio residencial en poucas mans; e cando eses centros pasaron de ser fundamentalmente un caladoiro de votos para o Partido Popular a ser un pingüe negocio privado protexido polos gobernos autonómicos dese partido.
Residencias xestionadas por xentalla sen escrúpulos, que o único no que pensan é na ampliación dos seus beneficios económicos baseados, fundamentalmente, nos cartos recibidos das administracións públicas, administracións que coas súas ansias privatizadoras e cunha perfecta complicidade cos obxectivos deses mata-vellos deixaron o coidado dos maiores nas mans desa banda de senvergonzas que só pensan en acumular riqueza persoal, aínda a costa de maltratar a un colectivo que merece o mellor e o máis grande dos respectos. Respecto que non recibe nin de moitas desas empresas xestionadas por xentalla rastreira nin das administracións que teñen a obriga de velar polo benestar dos e das residentes. Administracións que agora tratan de agochar o alto índice de doentes con coronavirus e que seguen priorizando a súa complicidade e connivencia con esas empresas de almacenamento de vellos. E a Xunta de Galicia é claramente cómplice e connivente coa patronal das residencias de maiores, como denuncian traballadores e traballadoras de xeriátricos e como se pode ler nun amplo artigo publicado no xornal Nós Diario no día de onte; artigo titulado así “A connivencia da Xunta coa patronal das residencias”.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...