Amosando publicacións coa etiqueta Partido Socialista de Portugal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Partido Socialista de Portugal. Amosar todas as publicacións

19 marzo 2024

Por que a dereita e a extrema dereita gañan as eleccións portuguesas?

 

        O pasado domingo, día 10 de marzo tiveron lugar eleccións xerais no veciño país. A dereita política venceu nos comicios ás forzas da esquerda. Nin Bloco de Esquerda (BE), nin Partido Comunista Portugues (PCP), nin Partido Socialista portugués(PS) foron quen de superar as porcentaxes de votos acadados pola dereita da coalición Aliança Democrática (AD), o partido fascista Chega e outros partidos ou coalicións de orientación dereitista. Pero se pode preocupar que AD+ se fixera coa maioría dos deputados na cámara portuguesa, o realmente preocupante é o ascenso do fascismo de Chega, que conseguiu triplicar os seus resultados. Vexamos os resultados electorais segundo se presentaban no xornal portugués Público:

Evolución do voto en Portugal

        Os resultados en escanos parlamentarios habidos en Portugal, e as maiorías de goberno formadas en cada unha das lexislaturas poden darnos algunha pista sobre a razón do cambio total de voto desde a teórica esquerda cara á dereita representada pola Aliança Democratica (PSD, CDS-PP e PPM) e a extrema dereita do Chega. 


Lexislatura 2015-2022

        Na lexislatura resultante dos comicios realizados no ano 2015, cun Portugal fundido pola crise económica mundial provocada polo gran capital desde 2008, e pese aos 102 escanos acadados polo CDS-Partido Popular e os 5 do Partido Socialdemocrata (PSD), a dereita non foi quen de formar goberno.

        Foi o Partido Socialista, cos apoios do Bloco de Esquerda (BE) e da Coaligaçao Democrática Unitaria (CDU) formada polo PCP e Partido Ecologista-Os Verdes, que puido formar goberno ao sumar entre as tres forzas un total de 122 deputados. Aínda que o Partido Comunista e o Bloco de Esquerdas non formaban parte do goberno, se coñeceu a esa alianza de facto como o Governo da Gerigonça, que naceu dun pacto de lexislatura entre PSP, DCU e BE.

        Cun punto de partida moi negativo tanto no económico coma no social, o "Governo da Gerigonça" contribuiu a que a sociedade portuguesa, sobre todo as clases máis desfavorecidas, camiñara nunha senda de avance social con a diminución das grandes diferencias que a crise e as políticas do PSD provocaran. E, insisto, políticas de esquerda propiciadas pola forza do Bloco de Esquerda e da Coaligaçao Democrática Unitaria non pola vontade do Partido Socialista portugués.

        Nin sequera a aparición da pandemia mundial xerada polo COVID-19 freou os avances sociais que desde o lexislativo portugués se promulgaron coa forza do BE, CDU e PS, que xuntos conseguiron e que, co empuxe decisivo de BE e CDU, se centraron en procurar un maior benestar para as clases populares, impedindo medidas que puideran afondar aínda máis as diferencias entre a poboación do país.

        A pesares de ser moitas das medidas lexislativas de carácter social forzadas polo peso definitorio que na Assembleia da República (o parlamento portugués) e na Gerigonça tiñan o Bloco de Esquerda e a Coaligaçao Democrática Unitaria, os méritos desas políticas populares foron atribuídos pola poboación ao Partido Socialista, como se puido ver nos resultados electorais do ano 2022, no que este último partido acadou a maioría absoluta no parlamento con 120 escanos.

Lexislatura 2022 - 2024

        Como adoita acontecer cando os partidos ou coalicións da dereita ou os partidos socialdemócratas obteñen maioría absolutas nos órganos lexislativos dos diferentes países da Europa, a maioría absoluta acadada no ano 2022 polo Partido Socialista de Portugal propiciou o inicio da contraofensiva liberal no país veciño. E, de paso (como tamén adoita acontecer), puxéronlle a alfombra vermella á dereita para o proceso electoral do ano 2024. 

        No Estado Español sabémolo ben. Temos exemplos abondo coas actuacións do PSOE durante o segundo mandato de Felipe González e co segundo mandato de Rodríguez Zapatero nos que o viraxe cara á dereita ultraliberal dos seus gobernos foi descarada e salvaxe, afondando nas privatizacións dos servizos públicos e facendo cada vez máis difícil as condicións de vida da clase traballadora e da pequena burguesía coa finalidade de contentar e servir aos intereses da oligarquía hispana e internacional.

        Liberados xa da necesidade de contar cos votos dos partidos progresistas para o gobernar, o Partido Socialista portugués iniciou unha gobernanza dirixida a contentar ás burguesías europeas e portuguesas establecendo prexudiciais medidas lexislativas para as clases populares. Comezaron, como marca o "catecismo" ultraliberal, cargándose os servizos públicos e propiciando as privatizacións nos servizos básicos que igualan ás persoas con independencia da súa procedencia de clase, como son a educación e a sanidade. Privatizacións e recortes na sanidade pública e no ensino público. Permisividade na planificación urbanística especulativa das cidades, creando un grave problema de acceso á vivenda para o conxunto da cidadanía, sobre todo para aquelas persoas de rendas medias e baixas ás que lle resulta practicamente imposible acceder ao alugueiro; e xa non digamos mercar unha vivenda en propiedade. Esta problemática non só se da en cidades coma Lisboa ou Porto con grande acceso do turismo internacional, senón no conxunto do Estado Portugués. A isto temos que sumarlle as políticas de contención salarial, tanto nos servizos públicos como nas actividades económicas privadas, amosando unha submisión total ás políticas ultraliberais ditadas desde o Banco Central Europeo e desde unha Comisión Europea (como xa fixera Rodríguez Zapatero no Estado Español) que supedita, esta última, o benestar e as condicións de vida dos europeos á estratexia militarista e imperialista dos Estados Unidos de América.

        Evidentemente o problema da vivenda é máis agudo en cidades coma Porto ou Lisboa, onde a xentrificación permitida polo goberno do Partido Socialista expulsou a moitos cidadáns da súa contorna de vida cotiá por mor do aumento dos prezos do alugueiro derivados da profusión de vivendas turísticas nacidas ao amparo da especulación do chan e da vivenda.

        No Estado Español, o goberno presidido por Pedro Sánchez non tivo máis remedio que adoitar certas medidas de carácter progresista pola presión exercida pola esquerda, tanto desde o propio goberno ao través da coalición entre Esquerda Unida e Podemos (sobre todo deste último) e das forzas parlamentarias progresistas que contribuíron a facilitar a súa formación de goberno. Non é que fixeran marabillas, pero algo fixeron sobre todo no ámbito da vivenda e da igualdade salarial e de dereitos entre homes e mulleres, así como o da diversidade e da identidade de xénero. Todo, hai que dicilo: coas caras longas dos dirixentes do PSOE. Fitos importantes, xunto coa tipificación dos ERTES, e do remedo de referir a suba das pensións a un índice que pretenden pasar polo Indice de Prezos ao Consumo (IPC) inventado para a ocasión para contentar aos tirios e aos troianos do entorno gobernamental.

Xa que logo...

        ...Hai que achacar a caída do PS portugués á corrupción que aconteceu na contorna da presidencia e que propiciou a dimisión do primeiro ministro e a convocatoria anticipada de eleccións? Eu coido que non, que o ascenso da ultradereita de Chega e mantemento da dereita coligada en AD foi o froito das políticas ultraliberais adoitadas polo Partido Socialista (PS) portugués ao amparo da súa maioría absoluta.

        É a triste e repetida historia dos autodenominados partidos socialistas en Europa (Grecia, Italia, Estado Español, Francia,...), que engalanan aos seus países coa alfombra vermella pola que a dereita vai entrar triunfante a rematar a faena iniciada por eles; faena que en ocasións remata coa desaparición do partido "socialista" de turno. O problema é que se presentan como partidos da esquerda cando na realidade non son máis que, como as dereitas clásicas e as fascistas, servidores dos intereses da oligarquía internacional; e neste labor de engado teñen a importante colaboración dos medios de prensa, radio e televisión que, maioritariamente, son propiedade da burguesía e/ou dos fondos de investimento beneficiados polas políticas ultraliberais.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...