Amosando publicacións coa etiqueta Transporte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Transporte. Amosar todas as publicacións

05 xaneiro 2024

Ola Sr. Rueda.Transporte de balde para maiores na Galiza (?)


As persoas maiores de 65 anos residentes na Galiza temos, desde o día 1º de xaneiro de 2024, o transporte gratuíto nas liñas de autobuses interurbanos, nas liñas regulares de transporte da Ría de Vigo e no tren de ancho métrico da área do Ferrol.

Ou polo menos iso foi o que me contou don Alfonso Rueda (Presidente da Xunta de Galiza, presidente, tamén, do Partido Popular de Galicia e personaxe pontevedrés coñecido polas súas ideas extremas de dereita) nunha carta datada no 23 de novembro de 2023 e que chegou á miña caixa de correo o 29 de decembro pasado. Tamén comentábame o Sr. Rueda, nesa mesma epístola, que podería atopar máis información na web www.bus.gal.

Vello: vaite á internet e busca

Moitos contos. Ou iso foi o que a min me pareceu. A carta nada dicía de como era o asunto co cal o Sr. Rueda pretendía mercar a miña vontade; unha carta que pola súa redacción podería levar a equívocos sobre da realidade das verdadeiras ventaxas do alí anunciado. Un conto o de que ese día na web indicada na carta podería buscar máis información; fun buscar e o certo é que non existía ningunha información sobre ese transporte gratuíto para as persoas maiores de 65 anos. Moita amabilidade e moito boato para ocultar que o que pretendía o presidente do PP de Galicia era mercar a miña vontade e que lle votara nas eleccións de febreiro. Vai fodido!

Como pensa o Sr. Rueda que as persoas maiores van poñerse a ver usando a internet como funcionaría iso que el anunciaba? Acaso non sabe que a meirande parte das persoas maiores de 65 anos da Galiza non están familiarizados coa internet? “Seguro que teñen algún familiar ou coñecido que o manexa”, dirá este xenio das desculpas inverosímiles. Que quer, perpetuar aínda máis a dependencia dese colectivo? E non sabe tamén que unha parte importante das persoas maiores de 65 anos da Galiza viven no medio rural? Un medio despoboado de xoves que se foron debido ao abandono no que as autoridades teñen sumido o rural; e, por riba, cunhas conexións a Internet altamente deficientes; e caras para unhas pensións públicas que son as segundas máis baixas do Estado.

Mentiría Rueda, tamén, cando insinuaba en declaracións públicas reflexadas en múltiples medios de comunicación a principios do mes de decembro pasado que non estaba pensada a data das eleccións galegas? Eu coido que si, que as tiña xa pensadas, de aí esa carta datada no 23 de novembro pasado. Ou será certo que foi o Frijolito quen lle ordenou convocar as eleccións para febreiro, como din os outros? Tampouco me estrañaría tendo en conta a forte personalidade política que decote o ten amosado o noso actual Presidente da Xunta de Galiza. Este vai polo camiño do seu antecesor nos cargos: mentireiro e cínico.

O segundo conto (este escondido e non expreso) é que a carta agachaba, por omisión, o procedemento para ter ese servizo de transporte de balde.

Pero con isto de ir ao internet, do que si da mostra esa carta é do "alto respecto que a Xunta de Galiza e o seu Presidente teñen polas persoas maiores" (é por dicir algo, non porque eu o pense) . E falo da referencia a que se queren información que vaian á páxina web indicada. Seguiremos un pouco co sarcasmo: como sabemos polos medios, e eles tamén deben saber, as persoas maiores levamos anos pelexando porque todos os servizos que se refiran a nós sexan informatizados para que poidamos solicitalos ou resolvelos pola vía telemática só e exclusivamente. Sabedores de que todas as persoas maiores de 65 anos somos uns cracks no manexo da informática e dos procesos telemáticos, que nos encanta acceder aos caixeiros automáticos para todo o relacionado cos procesos bancarios e de carga de moedeiros. Iso é anticiparse aos desexos das persoas maiores, Sr. Rueda, e o resto son contos. Así, con un par.

Menos mal que a carta non foi datada nin chegou o 28 de decembro, senón tal cal pareceríase ao que é: unha inocentada dirixida a un dos sectores da poboación galega máis indefensos do noso país.

Como é na realidade iso do transporte de balde para persoas maiores de 65 anos?

Como na web indicada polo Presidente Que Non Se Decata De Nada non había sobre o transporte dos vellos (e a día de hoxe, 4 de xaneiro de 2024, segue sen haber), pois mandei un correo electrónico, ecrito en galego, a un enderezo indicado na propia web para pedir información. Moi amablemente e nun perfecto español me contestaron esa mesma tarde. Aí vai a resposta textual recibida sobre o procedemento de facerse beneficiario/a da gratuidade electoral, onde vou resaltar o máis significativo:

A tarxeta de transporte público “Tiene que acudir a una oficina de Abanca con el DNI y solicitarla, tiene un coste de gestión de 2 € y se recarga en los cajeros de Abanca con un mínimo de 10 € o múltiplos. Es importante introducir el importe exacto a recargar, ya que el cajero no hace devolución del cambio.

Si usted ya tiene la tarjeta de transporte público no tiene que solicitar otra, es válida la tarjeta que ya tiene de ABanca.

Usted pagara los  billetes del autobús  con la tarjeta, por lo que es necesario que tenga saldo en ella, pero este dinero se le devolverá, los primeros reembolsos serán a partir del 5 y del 20 de febrero.

El sistema de devolución de los viajes en transporte público gestionados por la Xunta de Galicia con la tarjeta será el siguiente:

- Los viajes realizados del 1 al 15 del mes se pagarán a partir del 5 del mes siguiente, y caducan a los 2 meses (ejemplo: del 1 al 15 de enero, del 5 de febrero y caducan a partir del 5 de abril).

- Los viajes del 16 al 30/31 del mes se pagarán a partir del día 20 del mes siguiente, y caducan a los 2 meses (ejemplo: 16 al 31 de enero, a partir del 20 de febrero y caducan a partir del 20 de abril).

Para recuperar los viajes realizados, es necesario acudir a un cajero automático de Abanca, introducir la tarjeta y pulsar en la opción PAGOS PENDIENTES, donde aparecerán los importes correspondientes a las devoluciones a realizar.

Debe ACEPTAR para que se realice el depósito en la tarjeta. Cada recarga es una operación, por lo que deberás introducir y sacar la tarjeta tantas veces como sea necesario, hasta que no queden más recargas. Tienes 2 meses para solicitar estos reembolsos."

 Como se pode observar, todo un proceso para putear sen piedade ás persoas maiores; e un proceso con un único provedor de saldos e tarxetas (Abanca); e, como xa teño insinuado antes, un procedemento que significa unha total falla de respecto cara ás persoas maiores, sobre todo ás que residen no medio rural; un medio rural sen apenas oficinas bancarias onde realizar as operacións, un medio onde os transportes de bus adoitan ser malos, escasos ou inexistentes agás o taxi, que non está subvencionado.

E outro dato significativo: non se sabe se a duración desta disposición é só e exclusivamente polo ano electoral ou vaise manter de forma indefinida.

O “chocolate do loro”

É claro que esta medida non vai supoñer unha grande carga ás arcas da Comunidade Autónoma. A maioría das persoas maiores tendemos a viaxar máis ben pouco; a maioría das e dos que podemos aproveitamos como grandes as viaxes do IMSERSO coma viaxes de gran esforzo económico; o resto dos nosos desprazamentos adoitan ser para ir ao médico ou ao hospital e, raramente, para visitar a familiares que están lonxe. E, maiormente, vémonos obrigados (agás casos moi puntuais) a acudir ao coche propio ou dalgún veciño ou veciña que poida levarnos cara ao noso destino, cando non a coller un custoso taxi como teñen que facer numerosas persoas do rural. E a razón é que ou ben non hai transporte público que se axuste á nosa necesidade ou que aquel é tan deficiente e malo e cunha ruta interminable que mellor non usalo. (Iso é outra, o do oligopolio das rutas de transporte público na Galiza; pero, de momento, non é este o lugar para falalo).

Por que tanto empeño en querer mercar as nosas vontades con tan pouco esforzo?

Non é que desprecemos esa medida do transporte gratuíto. Benvido sexa para aquelas poucas persoas que se van beneficiar dela (sempre e cando non se deixen a cabeza no sistema de desembolso e reembolso das viaxes ou que saiban como utilizar un caixeiro automático). Pero iso é miseria comparado co que realmente poden facer e non fan. É o “chocolate do loro” co que tentar de mercar votos. Unha medida baseada na escaseza ou falla total de vergoña por parte de quen a impulsa e de quen a artella.

A primeira vista, Sr. Rueda

Así, de pronto e sen pensalo moito, dicirlle ao Sr. Rueda (Presidente da Xunta de Galiza) que nós, as persoas maiores, o que queremos son residencias de maiores e centros de día de titularidade pública e xestionados pola Administración Pública , con prezos asumibles polos importes das nosas pensións. Que os establecementos deste tipo que ten doado o Amancio Ortega non sexan postos nas mans de empresas que especulan coas necesidades básicas das persoas maiores e a prezos non asumibles polas nosas pensións. E iso é o vostedes, os do Partido Popular de Galicia, están a facer cos fondos públicos: vendendo aos maiores para beneficio de fondos de investimento e grupos económicos que teñen máis que demostrado durante a pandemia o mal trato que infrinxen aos seus residentes.

Gustaríanos, tamén, Sr. Rueda, que incrementara as axudas da atención no fogar para as persoas maiores, así como as dotacións para os programas de xantar na casa e outros de similares características. E que iso o fixera con recursos persoais e materiais da propia Administración Pública, sen ánimo de lucro como está a ser na actualidade por estar nas mans de empresas que o que buscan (como empresa que son) o máximo beneficio coas consecuencias que isto pode supoñer para a atención ás persoas e para o benestar das traballadoras e dos traballadores que desempeñan eses traballos.

Outra das cousas que botamos en falla son médicos, tanto nos centros da saúde coma nos consultorios rurais e nos centros de especialidades. Se tiveramos ben atendida e de forma preventiva a nosa saúde básica, con médicos de Atención Primaria suficientes, posiblemente o pouco que gastamos en transporte de bus, barco, coche propio ou taxi tampouco o teriamos que gastar para ir ao especialista ou ao hospital; nin recorrer a un veciño ou veciña que poida levarnos. E tampouco teriamos que esperar máis de 10 días para poder ter unha consulta co noso médico de familia (por moito que o seu conselleiro de sanidade diga que son menos; pero iso de minimizar os problemas reais e magnificar as estupideces parece ser unha característica dos cargos peperos).

E fin haberá máis cousas que a nós, as persoas maiores, úrxenos máis que o transporte pero sei que vostede non vai facerme caso. Que con vostede ou os seu correlixionarios no goberno de Galiza as tomaduras de pelo cara ás persoas maiores van ser constantes, como o foron des que Feijóo accedeu á Presidencia da Xunta ata hoxe (e antes con Fragachet). Por iso no próximo mes de febreiro, se a miña saúde mo permite, eu vou votar para botalo.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...