Doutra volta ALTRI, ou Greenfiber, se quen le o prefire. Por que doutra volta? Pois moi sinxelo: porque doutra volta numerosos galegos e numerosas galegas acudiron a Compostela para manifestar na rúa o seu rexeitamento á instalación da macrocelulosa ALTRI en Palas de Rei. Xa me pronunciei desde estás páxinas no pasado 13 de xuño baixo o título de ALTRI NON! E non me queda outra, por amor ao país, que volver facelo.
Xa foran miles as persoas que no pasado 30 de xuño, acudiran a Santiago para arrodear San Caetano e amosar a súa oposición ao proxecto que con tanto ardor e insistencia defenden o Partido Popular e a Xunta de Galiza. Alguén dixo que Alfonso Rueda, Presidente da Xunta, e as súas conselleiras de medio ambiente e de industria parecían máis comerciais de ALTRI que defensores da economía e dos intereses dos galegos e galegas. A verdade é que parece como se se lles fora a vida nelo; actitude que da que pensar. E non é que vaia afirmar aquí que todos eses e todas esas que con tanto ardor guerreiro defenden a instalación da macrocelulosa van tirar lucro persoal da instalación de ALTRI; non se me ocorre, non teño probas que apoien tal cousa nin quero pensalo. Mais non podo evitar que me veñan á cabeza os numerosos casos de membros do Partido Popular de Madrid e da Rexión de Valencia, moitos deles e delas altos cargos dos gobernos autonómicos e/ou municipais, condenados por corrupción.
E tampouco me resulta fácil de dixerir que cando os recursos e alegacións das veciñanzas contra a instalación de proxectos industriais que lles prexudican se presentan nos prazos marcados polas leis, a Xunta de Galiza, do Partido Popular, facendo un uso filibusteiro da súa maioría parlamentaria, recorta ao mínimo os prazos para presentalas ou se inventa figuras como as contempladas na chamada “lei de depredación” ou a de “industrias estratéxicas” para quebrar a vontade dos opositores. E isto é o que Alfonso Rueda, os seus conselleiros e os parlamentarios do Partido Popular no Parlamento de Galicia están a facer.
15 de decembro de 2024: 100.000 persoas contra a instalación de ALTRI.
Pois preto de 100.000 galegos e galegas, ou máis, encargáronse de reiterarlle este pasado domingo 15 de decembro, tanto aos responsables da pasteira como aos que desde a Xunta e outras estancias políticas defenden os intereses de ALTRI, que os galegos e as galegas non queremos que nos instalen na nosa terra un monstro que remate con miles de postos de traballo directos e miles de postos de traballo indirectos, unha empresa que contribúa a empobrecer o parque forestal da Galiza potenciando e invadindo con eucalipto o pouco monte galego que deica agora, nas provincias de Lugo e Ourense, estábase a salvar de ser invadido por eucalipto ou piñeiro (un bosque, o galego, xa de por si empobrecido pola orientación que Partido Popular e empresas coma ENCE e FINSA teñen implantado nos montes galegos). E tampouco queremos que se envelene o noso ar nin o río Ulla, que non só ten numerosas utilidades sociais alí por onde flúe (entre outros, manter unha flora e unha fauna diversas, usos agrarios para o regadío, usos de fornecemento de auga para o consumo doméstico, etc.), utilidades que segundo diversos estudos artigos presentados por biólogos de recoñecido prestixio sobre os efectos que ALTRI tería sobre o río Ulla serían moi prexudiciais non só para o conxunto da poboación por onde pasa o curso do río, senón que amais tería un impacto negativo para o marisqueo e a pesca artesanal da Ría de Arousa, onde o Ulla ten a súa desembocadura.
Quen non quer ALTRI no seu país?
O primeiro que temos que contestar é quen non quere que ALTRI se instale nas súas terras. E a primeira contestación a esta pregunta que se me ocorre é dicir que as autoridades portuguesas non a queren no seu país, nin como pasteira, nin como “fabricante de fibras téxtiles”. Tanto pola contaminación e empobrecemento que produciría como polo exterminio da biodiversidade dos bosques portugueses que suporía incrementar a masa forestal con especies pirófitas coma o eucalipto; bosques xa de si depauperados e empobrecidos polo tipo de arboredo (eucaliptos e piñeiro, fundamentalmente) que demandan a propia ALTRI portuguesa, Navigator, CELBI e outras menores.
E se o goberno portugués non a quer, de quen botaron man os dirixentes de ALTRI? De que ía ser? Do Partido Popular na Galiza, entre coñecida polo seu amor ás empresas altamente contaminantes como pasteiras e mineiras que envelenan o chan ou as rías e os ríos da nosa terra. Aí están ENCE, Atalaya Mining, Cobre San Rafael, a mina de Lousame,... todas elas con forte oposición veciñal e con consecuencias destrutivas para o medio ambiente e as economías agrarias, pesqueiras e/ou marisqueiras. Pero aí está o capitán Rueda, e as súas escuderas-conselleiras de Medio Ambiente e de Economía, co respaldo da Consellería de Facenda e a Lei de Acompañamento aos Orzamentos Xerais de Galiza para 2025 (que reforma leis á carta e pola porta de atrás) para oporse ás veciñanzas. E, tamén, coa colaboración cacicotes locais de cada vila onde queren instalar o seu veleno; cacicotes que non dubidan en enganar e/ou intimidar e ameazar aos seus veciños para manter os favores e prebendas que cren ter ou que lles ofrecen e dan.
Quen rexeita ALTRI na Galiza?
Rematariamos antes, quizá, se dicimos se quen se ten posicionado en favor de ALTRI ata agora é o Partido Popular, o alcalde de Palas de Rei (do Partido Popular), a Xunta de Galiza (do PP), grandes empresarios de Galicia (do PP), os técnicos contratados pola propia pasteira (empregados ou externos) e unha soa das persoas que participaron no estudo do Consello Galego da Cultura sobre o proxecto de ALTRI.
A oposición á macrocelulosa está encabezada pola Plataforma Ulloa Viva, numerosas asociacións e organizacións cidadás, partidos políticos e sindicatos progresistas, organizacións e colectivos ecoloxistas de todo o país e estatais.
E a práctica totalidade dos estudos realizados por economistas, biólogos, técnicos de turismo, enxeñeiros, etc. teñen ditaminado que ese monstro que pretenden instalar en Palas de Rei é unha bomba destrutiva (non con esas verbas, pero si). Incluso todas as Facultades de Bioloxía do Sistema Universitario de Galiza pronunciouse en contra da instalación desa macrocelulosa na Galiza.
Pero a Xunta di, por boca do seu presidente e da súa Conselleira de (destrución do ?) Medio Ambiente, que os estudos que eles manexan son favorables. Non sabemos cales son. Supoño que os dos empregados da pasteira ou dos contratados por ela; e, posiblemente, daqueles cargos técnicos “de confianza” contratados a dedo en distintas consellerías da Xunta que están amarrados á poltrona con metacrilato e que din “si bwana” a todo o que lle poñan por diante.
A inmensa maioría da cidadanía máis activa desta Galiza, a que ten criterio propio e o defende, incluso diante das presións dos cargos da administración e dos caciques, a que realmente lle vale e quer ao seu país, xa se pronunciou saíndo á rúa en Santiago o pasado 15 de decembro ou aplaudindo desde a súa casa diante da imposibilidade de acudir a Compostela.
A Xunta segue erre que erre. Coma sempre dándolle as costas á cidadanía para servir aos poderosos. Mercando espazos publicitarios gratuítos nos xornais, emisoras de radio de TV aos que rega con miles de euros para que desinformen e manipulen a realidade.
Por fin, onte a Unión Europea admitiu as alegacións que a Plataforma Ulloa Viva e esta vai ser escoitada en Bruxelas. A razón está do seu lado, pero da actual Unión Europea non nos podemos fiar; non sería a primeira vez que incumpre coa súa propia normativa coa finalidade de favorecer a quen máis ten.
En todo caso, non nos podemos calar. Non podemos permitir que coa promesa difusa dunha miseria de postos de traballo (que nin cumprirán) poñan en perigo milleiros de postos de traballo directos e indirectos no sector agrícola, gandeiro, da pesca e do marisqueo. Nin que nos enchan o país de eucaliptos e contaminación, amais de destruír o río Ulla que da vida á poboación que se asenta ao longo do seu curso.
Se hai que saír á rúa de novo, sáese. E máis, tamén.



