Amosando publicacións coa etiqueta Illa de San Simón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Illa de San Simón. Amosar todas as publicacións

11 xuño 2025

SAN SIMÓN, A MEMORIA QUE PRETENDEN SECUESTRAR

 

 

        Lemos con moito desgusto e rabia que a Xunta de Galicia permitiu a celebración na illa de San Simón (concello de Redondela) dun dos días do festival lúdico-festivo +QBachata, de tres días de duración. Este "festival" propoñía para os "usuarios VIP e con Golden Pass" a asistencia á illa vestidos con estética pirata. 

        Que falta de respecto para as persoas que estiveron alí presas do fascismo franquista! E, tamén, para os familiares delas aínda vivos; moitos dos cales non saben onde poden estar os restos mortais dos seus familiares asasinados polo réxime do xeneral Franco.

        Non chegaba co festival Sinsal, celebrado anualmente nese lugar, e cos cursos da máis variada temática (non histórica) que nas instalacións de San Simón se celebran, que agora hai un incremento dos actos lúdico-festivos nun lugar no que a Xunta de Galicia, do Partido Popular, nunca tivo unha triste iniciativa de honrar aos presos antifranquistas que alí perderon a súa vida ou que, desde alí, foron embarcados para despois ser asasinados polos criminais da Falange Española ou da Guardia Civil e tirados en calquera cuneta ou enterrados en calquera lugar descoñecido.

        Pero que se pode esperar do Partido Popular? Dende logo que nada bo. E menos no ámbito da recuperación da memoria histórica e do coñecemento público da historia real do acontecido neste país (e no resto do Estado) baixo o xugo do franquismo. Algúns destes ocultadores da historia teñen, incluso, a desvergoña de negar a existencia de mortes na illa de San Simón. Si, o deputado do Partido Popular José Luís Ferro Iglesias, no Parlamento Galego, tivo a cara dura de dicir que "non tiñan constancia" de que na illa de San Simón tivéranse producido mortes, cousa máis que demostrada por diversos historiadores que si as houbo; mortes causadas polo asasinato a sangue fría, executadas polos gardiáns ou polos falanxistas na propia prisión, e mortes derivadas das enfermidades dos presos por mor das condicións insalubres nas que as persoas presas estaban (nos barcos fondeados ou nos barracóns), mortes intencionadamente non atendidas que non poden ser cualificadas doutra forma que de asasinatos.

        E non é que a min me desguste especialmente que en San Simón se fagan actos lúdicos. O que si me molesta e me indigna é que a Xunta de Galicia, que o Partido Popular, unicamente programe ou permita actos lúdicos que nada teñan que ver coa defensa da democracia, ou que non contribúan a rescatar a memoria nin a historia real deste país. E teño claro que o fan porque non queren que nin as novas xeracións nin as xeracións desinformadas saiban que o réxime do xeneral Franco foi un réxime de asasinos; e que moitos dos pro-homes dese réxime criminal foron os alicerces da creación do Partido Popular. E, no fondo, porque a meirande parte das persoas dirixentes do Partido Popular, e a maioría dos seus militantes, son consecuentemente franquistas; fascistas, por tanto, aos que a cultura, a historia e a liberdade real lles molesta.

        E a súa falla de crenza na liberdade e da crenza na necesidade de respecto dos dereitos humanos o amosan día a día; de forma maís ou menos sibilina, pero día a día. Aí está o intento da Consellería de Educación de limitar a liberdade de expresión nos centros de ensino (agás nos concertados e privados) baixo a escusa do non ideoloxismo; paquete no que supoño incluirán o ensino da historia real do franquismo que pon en evidencia a historia oficial que transmitiron a Enciclopedia Álvarez, os fasciculos de Ricardo de La Cierva ou outras publicacións máis actuais, de "rojos" arrepentidos conversos ao fascismo que pululan por editoriais, organizacións e emisoras de radio achegando a versión oficial dos fundadores (e os continuadores) do Partido Popular sobre o franquismo.

        Para rematar, propóñovos unha ligazón a un video editado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica de 1936 e realizado nun acto organizado polas asociacións de memoria na illa de San Simón.

 


         


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...