Esta entrada vai irse escribindo
pouco a pouco e día tras día, mentres se conforma o novo goberno do
Estado presidido por Sánchez e saído dun acordo con Unidas Podemos
(UP). Hoxe é venres, día 10 de xaneiro de 2020, e parece que xa se
empeza a confirmar aquelo que en dúas entradas xa bastante antigas
eu comentaba (1):
“O PSOE non é de fiar”.
E neste caso refírome ao
cumprimento do denominado acordo entre os impulsores do novo goberno.
Por unha parte, alguén ten filtrado aos medios, antes de que o
Presidente do Goberno fixera os nomeamentos, os nomes das persoas que
por parte de UP ían ter carteiras ministeriais e cales ían ser os
altos cargos vinculados a esas carteiras. A meirande parte da fauna
mediática coincide en sinalar como responsable das mesmas fontes
procedentes de UP, mais ninguén o asegura de forma rotunda, agás
aquela vinculada ao propagandismo franco-fascista. Ten senso que iso
sexa así, mais non podemos descartar que esa suposta “infidelidade”
teña a súa orixe en fontes internas da outra parte do acordo. Non
sería nada estraño que houbera quen tratara de seguir a súa xeira
de intentos de desprestixio do partido de Pablo Iglesias (e non falo
necesariamente dos sectores ultra-felipistas do PSOE) e de xustificar
o inxustificable; por exemplo o acontecido no día seguinte. Por
outra parte, Pablo Iglesias, nunha entrevista realizada no programa
El Intermedio e emitida cando xa o antedito era público, negouse a
dar nomes dos ministrables e cargos gobernamentais por UP, atribuíndo
a o Presidente do Goberno esa competencia. E logo, quen foi? (tamén
pode ser que a alguén nomeado se lle fixera o cu gaseosa diante da
certeza de ocupar un ministerio e botara as campás a repicar, o cal
sería triste e diría moi pouco desa persoa). O caso é que a
filtración ocorreu.
Trileros versus
inexperiencia.
Parece que o acordo de goberno, na
parte non escrita, contemplaba que o novo goberno do Estado presidido
por Sánchez contaría con tres vicepresidencias unha das cales
recaería no líder de Podemos, doutra sería titular a señora Nadia
Calviño e unha terceira que non se sabía a ciencia certa en quen ía
recaer. Cal non sería a sorpresa dos medios de información e,
incriblemente tamén, dos dirixentes de Unidas Podemos cando desde
Moncloa se anuncia unha carta vicepresidencia. Fica claro que as
persoas que negociaron por Unidas Podemos non amarraron ben os
acordos, que sufriron a súa inexperiencia diante dunhas persoas con
moita experiencia no ámbito político que desexaban ter as mans o
máis libres posibles para facer o que estimaran oportuno no futuro
sen que puideran ser acusadas de rachar acordos.
A interpretación maioritaria da
fauna mediática (desde a extremista da dereita ata a máis proclive
ao goberno), aparte de valoracións doutra índole máis ideolóxica,
era que esa cuarta vicepresidencia non pretende máis eclipsar a
presencia de Pablo Iglesias dentro do goberno xa que a capacidade
mostrada por este nas súas relacións públicas podería facer que a
visibilidade da parte pesoera do goberno ficara eclipsada,
sobre todo a dun Pedro Sánchez cuxas habilidades mediáticas está
demostrado que deixan bastante que desexar e que con certa
frecuencia mete a pata nas súas aparicións públicas. Amais,
crúzanse as competencias da nova vicepresidencia de Transición Ecolóxica cunha parte da vicepresidencia atribuída a Iglesias (a da
axenda 2030 e cambio climático). Algunhas fontes, desde dentro do
PSOE, xustifican esta porcallada política (porque é unha verdadeira
porcallada, digan o que digan) con que a creación de ministerios e
organización do goberno é competencia do Presidente e que non
estaba contemplada no pacto; cousa que ninguén nega, pero que estou
seguro que retorce case ata afogar o acordo acadado polas partes.
Cousas básicas e comúns no PSOE, que non só o fai nos acordos con
outros senón tamén nos propósitos públicos electorais, cousas ás que
eu, desde logo e con todo o calo que levo acumulado, non me dou
acostumado; estas cousas non fan máis que afianzar a miña
desconfianza no partido felipista español e provocarme náuseas;
tantas como as que me provocan Vox, o Partido Popular ou a dereita
catalá.
Engaiolados nun
goberno.
A primeira xogada, a filtración dos
cargos e ministerios de UP, parece (e digo parece) que foi bastante
mal acollida por sectores do PSOE e achegados a el; pero os reproches
non pasaron máis que de insinuacións. O mesmo ocorreu co
retorcemento do acordo polo PSOE ao crear unha nova vicepresidencia
que, aínda sen alporizarse en público, tampouco sentou moi ben en
Unidas Podemos pero mantivéronse calados.
Xa estamos no luns 13 de xaneiro e
ministros e ministras xa xuraron ou prometeron o seu cargo. Será un Consello de
Ministros totalmente controlado polo PSOE, cheo de xentes de
sentimento capitalista e ultraliberal polos catro costados, que van actuar de muro
de contención das potenciais políticas progresistas e que van
baleirar de contidos as potenciais intencións dos ministrables
atribuídos a Unidas Podemos. Quen vai cortar o bacallau será o
“Trío Liberal a Tope” desde os seus Ministerios de Economía, de
Seguridade Social – Migracións – Inclusión, e o de Facenda.
A derrogación ou modificación
progresista das reformas laborais do Partido Popular e do PSOE, que
se supón se pretende impulsar desde o Ministerio de Traballo, vai ser
bloqueada en parte polo liberal titular do Ministerio de Seguridade
Social, Migracións e Inclusión, aspectos esenciais en calquera reforma laboral.
Igualmente, este último ministerio vai deixar en auga de borrallas
as aspiracións dos actuais e dos futuros pensionistas; vai condenar
á pobreza extrema a todas aquelas persoas que están inmersas nun
mercado laboral viciado, inmoral e inxusto nacido das dúas últimas
reformas laborais. Se ben parece que si van derrogar a reforma das
pensións de 2013, para nada se fala da de 2011 que fala da
necesidade de establecer un “factor de sustentabilidade” e do
aumento da idade de xubilación ata os 67 anos; en troque si falan
(os ultraliberais) do alongamento da idade laboral e de considerar
toda a vida laboral a efectos de cálculo da pensión; unha
verdadeira desvergonza partindo dun partido que se autodefine coma
progresista.
Ao Ministerio de Universidades se
lle secuestra unha das partes máis importantes de calquera
universidade, a parcela da investigación. Crease un Ministerio de
Ciencia que vai ser controlado desde o PSOE. O de Universidades vai
quedar ás expensas das decisións orzamentarias de Ministerio de
Facenda e dos acordos aos que poida chegar cos da Ciencia, un
controlado por persoa que durante a súa vida pública na Xunta de
Andalucía caracterizouse pola falla de apoio orzamentario ás areas
sociais de goberno, o outro por achegados ao PSOE. Dos fondos dotados
por Facenda tamén dependen Igualdade e Consumo, que igualmente poden
ficar baleiros de contido por canto as súas accións políticas van
estar estreitamente vinculadas ás dotacións orzamentarias.
E xa temos falado da
Vicepresidencias de Iglesias e de Transición Ecolóxica e os seus
potenciais cruces no eido do medio ambiente.
Total, que a min dáme que en Unidas
Podemos deixáronse tomar o pelo polo PSOE. Supoño que estas inconcrecións veñen determinadas polas
ansias de tocar goberno e a curta experienciade na negociación política de uns , por unha parte, e a experiencia dos outros en colocar
motos sen rodas como solucións óptimas de mobilidade veloz pola
outra. Moitos anos, desde o ano 1976, estafando politicamente ao
persoal.
E que saída lle queda a Unidas
Podemos? Pois simplemente achantar co que hai. Se decide rachar o
pacto, sairalle o PSOE dicindo que tanto querer para nada facer; e iso
sen contar co custe electoral que para a coalición da esquerda
socialdemócrata puidera ter. Se fican no goberno van facer o labor
duns gregarios aos que só se lles vai lembrar porque non foron quen
de levar a bo termo ningunha das súas propostas electorais máis
coñecidas. Como mantiña alguén de dentro de Podemos, mais lles
valía ter apoiado a investidura de Sánchez e manterse como unha
oposición correctora pola esquerda, sen entrar de comparsas nun
goberno para branquear a un partido que non é nin sequera
socialdemócrata.
Cumprirá o goberno
do PSOE os demais pactos asinados?
Imaxino que uns si, outros non en
boa medida e outros tentará de esquivalos.
Os que teña acadado co PNV e con
ERC, se queren seguir no goberno non terán máis remedio que
cumprilos. O pactado son cuestións concretas, non xenéricas como o
foron as máis importantes das acadadas con Unidas Podemos, e non
lles fica outra que cumprilas. Amais tanto PNV como ERC coñecen
perfectamente como se move a súa parella de baile.
O pacto acadado co BNG tamén é
concreto nas obrigas comprometidas polo partido felipista; e o
deputado do nacionalismo galego xa deixou moi claro que o seu apoio
era de investidura non de lexislatura; e que a continuidade do mesmo
ía depender do cumprimentos dos acordos acadados. Sinalar que a
experiencia do BNG na confección de pactos é moi ampla, non son
novatos recen chegados á política. E non esquezamos, tampouco, que
xa tiveron ocasión de lidar co PSOE durante a transición e, tamén,
tivérono como aliado de goberno na Xunta de Galicia o que lles
proporciona un coñecemento moi valioso das posibles mañas trapalleiras coas
que os outros pretendan xogar.
Respecto aos demais pactos non podo
falar, porque os descoñezo. En todo caso, de ser un asinante de
algún deles, eu estaría coa mosca detrás da orella.
A ver que pasa.