Amosando publicacións coa etiqueta congreso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta congreso. Amosar todas as publicacións

22 novembro 2018

Fascistas, golpistas, esgarros, mentiras, censura e cintas de vídeo no Congreso dos Deputados

Menudo balbordo o de onte, 21 de novembro de 2018, no Congreso dos Deputados. Foi nova de portada en todos os medios de “información”; emisoras de radio, televisión, xornais dixitais e, hoxe, xornais impresos fixéronse eco do acontecido cando o deputado de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Gabriel Rufián, contestou con ton despectivo a unha intervención insultante (chamoulle, entre outras lindezas, “golpistas” aos nacionalistas cataláns) do “Riverita”, aplicándolle a este o cualificativo, tamén entre outras lindezas, de “fascista” (permítaseme que denomine así ao presidente e voceiro de Ciudadanos Albert Rivera, ao cal non sei se lle gustará; pero a min dáme o mesmo).
E nisto falou Borrel.
Sen saber por onde andaba, pois parece tal que oíu campás sen saber a que tocaban, saíu o Borrel a pedirlle á Presidenta do Congreso que fixera retirar a verba “racista”, verba que ninguén tiña pronunciado. Parece que Borrel ou ben necesita un sonotone, ou ben estaba alí por estar sen atender moito ao que no hemiciclo se falaba. Rufián, que non cala, e ás veces as súas boas intencións fan que se convirta nun bocas, alporizouse contra o Borrel aplicándolle a el tamén o cualificativo de hooligan, e non sei se tamén o de fascista, por estar moi implicado nesa organización civil de tendencia ultranacionalista española chamada Sociedad Civil Catalana, xunto con toda a caterva fascista, os extremo- dereitistas de C's e do Partido Popular, por unha man chea de xenófobos e por todos aqueles dirixentes sociais ou políticos (incluso peruanos ou franceses de acollida, como Vargas Llosa -fracasado aspirante á presidencia de Perú- ou Manuel Valls -fracasado aspirante á presidencia francesa) que se distinguen por negar o dereito dos pobos a decidir o seu destino e a utilizar e poñer en valor aqueles elementos propios da súa cultura que os fai efectivamente diferentes daqueles outros territorios cos que conxuntamente forman un Estado; e algúns outros personaxes, tamén integrantes e primeiras figuras desa Sociedade Civil Catalana, como o Riverita, a Arrimadas ou o do PP de Cataluña, que se empeñan en negar o acceso a ese Estado de persoas que proveñen doutros continentes ou doutros países e que veñen á España en busca de medios para poder sobrevivir das guerras ou das miserias aos que os someten os chamados países desenvolvidos, entre eles os da Unión Europea que lles rouban as súas materias primas a cambio de nada ou lle venden armas a outros países para que os masacren. Quizás fora iso o que acendeu as alarmas de Borrel cando coidou escoitar a non expresada verba “racista”; non o sei.
E, por malos, ficades censurados (vos e quen pretenda coñecervos no futuro).
Á fin dos rifi-rafes cruzados, dona Ana Pastor, despois de advertir tres veces ao deputado de ERC, expulsouno da sala de sesións e mandou retirar do diario de sesións as verbas “fascista” e “golpista” previa filípica ao conxunto dos deputados aos que ameazou con retirar dos diarios das sesións toda esa caste de verbas; no sei se só as dúas mencionadas ou todas as que estean considerados como de mala educación; nin tampouco se vai ser da agora en diante ou vai ter efectos retroactivos (se é así, vai a haber algún que interviña moito e que vai desaparecer das actas. Ou non, Rafa?).
Vaia desde aquí o meu desacordo coa decisión de Ana Pastor; iso falsifica o ambiente real que se vive en cada momento socio-político no ámbito parlamentario e no conxunto do país; e aínda que os que hoxe vivimos non esperemos nada bo de moitos dos políticos que teñen un escano no Congreso dos Deputados ou do Senado, as futuras xeracións deben poder adiviñar e facerse unha idea o máis obxectiva posible tanto das actitudes coma dos discursos e intervencións varias habidas nas cámaras parlamentarias; así como do ambiente no que se desenvolveron os debates. Imaxinen vostedes que estiveran censuradas as intervencións de Felipe González antes do 1982, de Fernando Sagaseta, de Aznar, ou de Labordeta; imaxinen igualmente que desapareceran todos os insultos (moitos deles gravísimos) recibidos desde as bancadas do Partido Popular por deputados como Labordeta, Alfonso Guerra, Sagaseta, Julio Anguita ou outros moitos. Como permitir que a historia se esqueza daquel “que se jodan” pronunciado por unha deputada do Partido Popular valenciano dirixido a un colectivo social desfavorecido como son os parados? Permitilo sería un secuestro e unha falsificación da información e da historia. Ao mellor, tendo en conta da procedencia da maioría dos insultos que se pronuncian nesa cámara dos deputados (polo menos desde que se constituíron as cortes post-franquistas) proceden das bancadas da extrema dereita, podemos entender a decisión da Presidenta do Congreso pertencente ao Grupo Popular coma un intento de salvar a impresentabilidade daqueles deputados e deputadas dese grupo cuxo único nivel de argumentación e intervención parlamentaria baséase nos insultos, apupos, aplausos e asubiamentos.
Fascistas e golpistas.
Fascistas” e “golpistas” foron as dúas motas de po que logo convertéronse en lodo. Que teñen esas verbas que non teñan outras tanto o máis inapropiadas e insultantes pronunciadas no mesmo foro noutras ocasións?
Sen meterme en connotacións de clase, fascistas é un cualificativo ideolóxico que ten que ver con aquelas persoas ou colectivos que admiran e demandan rexímes políticos de carácter autoritario, liderados por unha persoa que actúa coma ditador, onde os representantes políticos non son escollidos polos cidadáns (que pasan a converterse en súbditos), onde os distintos cargos técnicos  e políticos do Estado non teñen nada que ver co mérito e capacidade das persoas, senón co poder económico, social ou coas amizades que poidan ter as persoas que os desenvolvan. Rexímes baseados na corrupción xeneralizada en favor dos máis podentes, onde os que teñen a tixola polo mango rouban obxectos e propiedades valiosas a quen non comunga con eles ou non ten modo ou azos para facerlle fronte, ás veces incluso roban a aqueles que comungan con eles. Rexímes onde a forza e a existencia de persecucións policiais ás persoas que discrepan co réxime político son pan de todos os días, incluso pasando pola eliminación física ou encarceramento dos que pensan de forma diferente.
Ás veces eses rexímes están tinguidos dunha especie de verniz que pretende darlle un carácter social (como o franquismo, o fascismo musoliniano ou o nazismo alemán) pero no fondo o único que lles importa a quen os impulsa é enriquecerse e, dende o seu servizo aos grandes capitais oligárquicos, aproveitarse do seu poder de coacción policial e económica. Outras veces, hai rexímes fascistas aos que de todo o exposto só lles fallan os transfondos ideolóxicos; nin sequera tratan de disimular o que son e o que queren; serían os casos das múltiples ditaduras latinoamericanas (Pinochet, Videla, Somoza, etc.).
Maiormente, esas ditaduras fascistas instáuranse ao través de golpes de Estado, ben desde movementos militares contrarios aos gobernos existentes (o fascismo franquista ou o de Pinochet, por poñer dous exemplos), ben desde as propias institucións recortando de forma consecutiva as liberdades democráticas, como por exemplo o réxime nazi de Adolfo Hitler.
O cualificativo de “golpista” está referido a aqueles que desexan trocar un réxime político de forma brusca e apoiándose na violencia. A historia demostra, ata o momento, que a violencia deses golpes é unha violencia apoiada nas armas seguidos de múltiples asasinatos e xuízos-farsa; e, normalmente, coa participación dos exércitos regulares dos propios países nos que se teñen dado golpes de Estado. Así ocorreu en todos os ata agora mencionados, onde a participación activa dos exércitos liderados por altos oficias faltantes á súa honra e aos seus xuramentos de lealdade ás leis, deu lugar a réximes fascistas con todas as características sinaladas nos parágrafos anteriores. O Chile de Pinochet, a España de Franco, a Arxentina de Videla, a Nicaragua de Somoza, a Italia de Musolini, a Francia de Petain,...; golpes todos co obxectivo de rematar coas liberdades democráticas e que tiveron coma consecuencia o asasinato de milleiros de persoas e de milleiros de desaparecidos entre aquelas persoas significadas pola defensa das liberdades ou simplemente en desacordo co réxime resultante.

Igualmente, foron golpistas os que en febreiro de 1981 alzáronse en armas, tomando o Congreso dos Deputados, as rúas de Valencia con tanques; e non se sabe cantas barbaridades máis e cantos personaxes máis houbo implicados, ocultos baixo aquel famoso "pacto do capó" que privou á sociedade dun obxectivo coñecemento do que pasara. É evidente que iso foi rebelión, sedición e golpismo; e que Pardo Zancada, Tejero, Muñecas e Milans del Bosch, os seus protagonistas máis coñecidos, son sediciosos, rebeldes e golpistas.
Golpe de Estado foi, tamén, o movemento dos militares portugueses do 25 de abril de 1974. Pero a diferencia dos golpes militares antes referidos, liderados pola extrema dereita e apoiados polos partidos da dereita, o golpe portugués foi un golpe incruento e destinado a restituír as liberdades democráticas no veciño país. Os únicos perseguidos como consecuencia dese movemento das forzas armadas de Portugal foron aqueles policías políticos da PIDE que tiñan no seu haber crimes perpetrados contra cidadáns polo simple feito de disentir do réxime salazarista.
Evidentemente, toda a comedia xerada arredor do denominado “proçés” catalá pola dereita e a esquerda nacionalistas lexitimamente partidarias da independencia de Cataluña non foi un golpe de Estado. Non houbo violencia, non houbo armas, non houbo corpos armados que a apoiaran. En suma, non houbo nada que suxira a existencia nin dun golpe de Estado nin dun conato de tal. O único que houbo foi un desexo, expresado de forma institucional, de que ese país se independizara dos Estado Español; todo elo á vista de que quen dirixe o Estado non permite que o pobo catalá poida expresar libremente e nas urnas a súa opinión sobre o particular. Nin golpe de Estado, nin rebelión, nin sedición por moito que o digan maxistrados do tribunal supremo español, fiscais do Estado, avogados do Estado, avogados de Vox, Riberita e Arrimadas de C's ou o Pablo Casado e o campeón de lanzamento de sos de aceitunas do Partido Popular.
Máis arriba telo falado dos golpes militares cruentos que trouxeran consigo a corrupción e os milleiros de asasinatos de opositores; todos eles tiveron o apoio das organizacións políticas dereitistas, agás poucas excepcións, dos respectivos Estados. A historia nolo conta así; os partidos democrata-cristianos ou liberais maioritariamente apoiaron os golpes de Estado da Italia de Musolini, do Chile de Pinochet ou da Arxentina de Videla, por poñer os máis coñecidos; a CEDA de Gil Robles apoiou o golpe de Estado de Franco contra a Segunda República, ao igual que a Falange Española que amais prestou a súa ideoloxía para o réxime franquista nos primeiros anos da súa existencia.
Non cabe dúbida de que aqueles, persoas ou organizacións, que son partidarios ou non condenan eses golpes de Estado que rematan en rexímes autoritarios poden ser tildados sen lugar a equívocos como fascistas. E isto é curioso, porque os que se negan a condenar publicamente as atrocidades e o golpismo de Franco son os mesmos que cualifican de golpistas aos membros de ERC e do partido da dereita nacionalista de Cataluña. Igualmente, moitos dos que hoxe tachan de "golpistas" aos independentistas cataláns, son os mesmos que tratan con reverencia aos golpistas do 23-F, cualificándoos de "teniente coronel", "general", "coronel", ... minusvalorando a gravidade da súa actuación pasada, devolvéndolle un rango militar que xa non teñen e tratándoos cun respecto que non merecen. Logo, realmente, no panorama político actual do Estado Español quen son os golpistas ou que alentan aos golpistas?
O galapo contra Borrel.
Outro dos escándalos acontecidos no pleno do Congreso que deu lugar a esta entrada no blogue foi o suposto esgarro propinado por un deputado de ERC contra Borrel.
Conta Borrel que, cando os deputados e deputadas de ERC abandonaron o hemiciclo en protesta pola expulsión do seu compañeiro Gabriel Rufián, un deles ao pasar pola súa fronte esgarrou contra el. O acusado e os seus compañeiros négano.
Onte pola tarde, no programa de debate da Sexta Mais Vale Tarde, puxeron de forma repetida, a distintas velocidades e con imaxes tomadas desde distintos ángulos do momento no que se deu a suposta agresión. E a verdade que non se aprecia que tivera lugar o feito relatado polo Ministro de Asuntos Exteriores; todo indica que Borrel mentiu, que neste caso se comportou coma un perfecto mentireiro, que contou un conto.
Pero é máis. Cales pensades que serían as reaccións dunha persoa no momento de recibir un esgarrazo no propio corpo? Eu lémbrome de cando era pequeno, de cando algún compañeiro xogando ou no recreo das escola me galapaba; lembro que o primeiro que facía era poñer cara de asco e levarme a manga do que tivera posto ao sitio onde me impactara a guarrada para limparme; e, se non tiña manga, un pano. E o mesmo outros compañeiros. Eran reaccións instintivas. Reaccións que a Borrel non se lle viron en ningún momento.
Pero non só é apreciación miña, senón xeneralizada segundo o escoitado hoxe en diferentes emisoras de radio.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...