Amosando publicacións coa etiqueta Cirurxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cirurxía. Amosar todas as publicacións

19 xaneiro 2023

A sanidade pública galega ten un cancro que se debe extirpar


         Se alguén nos preguntara cal coidamos que é a enfermidade máis grave que pode padecer unha persoa, probablemente contestariamos que un cancro. E se preguntaramos cal coida esa persoa que sería o remedio para acadar a curación (se é que aínda a ten) case con toda seguridade diríanos que con unha medicación agresiva ou coa súa extirpación.

        Mais que ocorre cando quen adoece desa grave enfermidade non é unha persoa, senón o sistema sanitario ao que esa persoa ten que acudir no caso de ter algunha doenza? Evidentemente, o primeiro que se tería que facer é furgar no doente para ver cal é e cales son as causas da enfermidade que padece. De seguido haberá que determinar cal é a orixe do mal para determinar os remedios cos que combatelo e mellorar a ese sistema sanitario.

        E o sistema sanitario público galego na actualidade ten síntomas que nos din que está a padecer unha grave enfermidade; unha grave enfermidade que hai que tratar con remedios drásticos que muden a súa saúde.

        Podemos citar algúns dos síntomas que o sistema público de saúde galego está a amosar:

👉 Interminábeis listas de espera na atención especializada (incluso para enfermidades de carácter grave que requiren unha atención e revisións frecuentes)  e “axustes” burocráticos tendentes a ocultar o estado real das listas de espera;

        👉 Falla de persoal médico e de enfermería;

👉 Unha espera maior de cinco días para obter cita na atención primaria (por moito que os imbéciles que contestan ás reclamacións, cómplices dos virus e bacterias causantes do mal, botan pelotas fora ou que o Conselleiro diga que a espera media é inferior a tres días). 

👉 Unha atención primaria totalmente desmantelada; 

👉 Unhas urxencias, tanto na atención primaria como na hospitalaria, desbordadas pola falta de profesionais para atendelas; 

👉 Un sistema de contratación de persoal médico baseado na extensión de contratos-lixo que non satisfán a ninguén e que provocan que ese persoal se vaia da Galiza en busca de mellores condicións de traballo; 

👉 Algunha contratación de persoal médico que non pode acceder aos rexistros sanitarios dos doentes que atende nin estender receitas do sistema público;

👉 E moitísimos outros máis que farían a lista interminable e que van incrementándose día a día sen que os que deberían  por fin a todas estas eivas da sanidade pública afronten o problema con eficiencia e eficacia en lugar de dedicarse a botar pelotas fora e a culpar a terceiros dos males que eles, con competencias exclusivas na sanidade, se mostran incapaces de resolver. Ou, simplemente, non queren resolvelos.

        Fraga, Núñez Feijóo e Alfonso Rueda como máximos responsables. Pilar Farjas, Rocío Mosquera, Almuíña e agora García Comesaña como os seus escudeiros no desmantelamento do sistema sanitario público de Galicia. Todos eles membros ou lapas do Partido Popular que fixeron todo o posible por desmontar unha sanidade pública baseada na prevención e na calidade asistencial. Uns elementos que, como os seus correlixionarios noutras comunidades autónomas, adicáronse a fornecer negocio ás entidades privadas de saúde e ás compañías aseguradoras da saúde (1). Todo iso descoidando a peto a calidade asistencial pública. 

            A entrega ao beneficio privado que eses virus e bacterias do Partido Popular fixeron da sanidade pública, tanto no aspecto asistencial como nas infraestruturas e tanto na Galiza como en outros territorios, están a dar cabo da sanidade pública. Unha grave enfermidade, o Partido Popular, que está a rematar co sistema sanitario público e que necesita dunha intervención contundente porque se non se fai así será a maioría da poboación a que feneza por imposibilidade de recibir unha asistencia sanitaria en condicións. Ou eles ou a maioría da poboación.

        O Partido Popular e os seus aliados, tamén da extrema dereita, son un cancro que precisa dunha intervención cirúrxica, que se debe extirpar. E non só da sanidade.

NOTAS.- 

(1) Debemos sinalar que os procesos de privatización dos sistemas sanitarios públicos naquelas comunidades autónomas que teñen competencias exclusivas sobre a sanidade non son monopolio do Partido Popular. O mesmo pasa en Catalunya, onde a dereita de Convergencia i Unió (agora Junts per Catalunya) destrozou a sanidade pública. Tamén, naquelas comunidades nas que gobernou ou goberna o PSOE en solitario existe un nivel moi acusado de degradación da sanidade pública, do que son beneficiarias as compañías médicas e hospitalarias privadas; quizás o exemplo máis significativo sexa o de Andalucía, no que o PSOE estivo gobernando practicamente desde a primeira Junta de Andalucía ata hai escasamente sete anos, onde o goberno protofascista PP-Vox recolleu a alternativa cunha sanidade pública xa diminuída.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...