Amosando publicacións coa etiqueta Civiles. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Civiles. Amosar todas as publicacións

07 outubro 2024

Por que non se matan entre eles?

 

            No transcurso das intervencións militares habidas nos distintos países do mundo por exércitos doutro país estranxeiro puidemos ver como as principais vítimas deses ataques son civís non combatentes, principalmente aquelas persoas que menos capacidade teñen de refuxiarse das balas ou das bombas dos países que os agriden. E esas vítimas principais adoitan ser as crianzas, as mulleres e as persoas anciás.

A violación por parte dos exércitos do Carto Convenio da Convención de Xenebra, que prohibe a agresión á poboación civil e convirte estas agresións en crimes de guerra, ten carácter xeneralizado nas intervención das milicias en terceiros países. Isto converte aos mandatarios que ordenan esas agresións –seguindo a letra do mencionado convenio- en criminais de guerra.

A Convención de Xenebra.

Lembrar que a chamada Convención de Xenebra, que consta de catro convenios, naceu despois da Segunda Guerra Mundial por mor das atrocidades cometidas ou ordenadas polos distintos exércitos e autoridades civís ao longo das dúas grandes guerras mundiais. Transcribo literalmente dende a Wikipedia o relativo ás poboacións civís contido no Carto Convenio de Xenebra e que se quería evitar con posterioridade á súa redacción:

Para os castigos colectivos, os redactores dos Convenios de Xenebra tiñan presentes os asasinatos de represalia da Primeira e da Segunda Guerra Mundial. Na Primeira Guerra Mundial, os alemáns executaron aldeáns belgas en represalia masiva pola actividade dos Movementos de Resistencia durante a Violación de Bélxica. Na Segunda Guerra Mundial, os nazis levaron a cabo unha forma de castigo colectivo para reprimir a resistencia. Pobos, cidades ou distritos enteiros eran responsables de calquera actividade de resistencia que alí tivese lugar. Tamén se dirixiu unha preocupación adicional cara aos bombardeos atómicos estadounidenses de Hiroshima e Nagasaki, que, á súa vez, causaron morte e enfermidades a millóns de civís xaponeses, así como aos seus descendentes [sic]. Para evitar estas situacións, os convenios reiteran o principio de responsabilidade individual. Un comentario do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICV) sobre as Convencións sinalou que nun conflito as partes recorren a miúdo a ‘métodos de intimidación para asustar á poboación’ coa esperanza de evitar actos hostís, pero tales prácticas ‘atacan por igual a culpables e inocentes, isto é contrario a todos os principios baseados na humanidade e na xustiza’.”

Agresións contra a poboación civil.

Sen ánimo de ser exhaustivos, imos facer un breve recorrido polas agresións á poboación civil cometidas e ordenadas e dirixidas por militares e/ou gobernantes civís. 

Para non irmos máis atrás imos empezar pola chamada guerra dos Balcáns, acontecida entre os anos 1991 e 2001, que acabou coa descomposición de Iugoslavia en numerosos países e na que se cometeron numerosos crimes de guerra contra a poboación civil, moitos deles xa xulgados e condenados os considerados culpables dos mesmos e outros aínda pendentes de xuízo ou, simplemente, ocultos en función dos intereses dos distintos países implicados no estalido ou no desenvolvemento do conflito.

Segundo o Carto Convenio da Convención de Xenebra mencionado con anterioridade podemos considerar como unha vulneración do dereito internacional e da citada convención o bombardeo de Belgrado pola OTAN no ano 1999 sen o permiso (necesario) da ONU, onde houbo numerosas vítimas civís. Culpables: mandos militares e civís da OTAN e gobernantes dos diferentes países que conforman esa organización militar, entre os que está o Estado Español.

Outra agresión significativa contra a poboación civil é a cometida polos Estados Unidos de América (EUA) no bombardeo e a ocupación de Iraq na chamada Segunda Guerra do Golfo. Unha violación contra a poboación civil seguida doutras moitas ao longo de toda a invasión e posterior ocupación de Iraq polos EUA e os seus aliados. Non cabe dúbida de que podemos cualificar coma criminais de guerra a todos os gobernantes dos EUA e a todos os xefes militares que durante a duración do conflito deron as ordes de cometer tales crimes, así coma aos oficiais e soldados que os cometeron. Temos que recordar aquí ao cámara español Couso que foi vítima dun deses numerosos crimes cometidos polos EUA e os seus aliados. A día de hoxe todos eses crimes están sen xulgar e os seus responsábeis sen castigo. En troques, están xulgados e condenados algúns dos que, desde dentro das organizacións criminais armadas e regulares  responsábeis das agresións ou desde outros foros civiles, denunciaron violacións de dereitos humanos denunciaron eses crimes contra a humanidade, como o soldado Maining do exército dos EUA ou Julian Assange de WikiLeaks.

Outros dos numerosos crimes de guerra que incorren na violación da Convención de Xenebra son os cometidos por Siria e Turquía contra a poboación do Kurdistán, tanto nas propias guerras que eses países manteñen na actualidade contra os movementos de liberación kurdos como na máis recente coñecida na que a milicia armada kurda combateu contra o integrismo islámico do ISIS establecido nas súas terras durante a guerra de Siria contra o movemento integrista (curiosamente apoiado pola CIA dos EUA) que quería derrocar a Bashar Al-Assad e establecer un estado islámico en Siria.

Os bombardeos de Rusia sobre Kiev para perfeccionar a invasión  ou de Ucraína sobre o Donbass coa finalidade de conquistar unha parte da Europa baixo soberanía rusa. Pero fundamentalmente quen sufre as consecuencias é a poboación civil non combatente. E súfrea de multiples e variadas formas: directamente polo efecto das bombas ou dos disparos do invasor/defensor, pola fame e a miseria que esas guerras armadas por xentalla indecente e cobizosa e os seus lambecús crean, polas enfermidades derivadas da escaseza de medicamentos e recursos que as guerras crean, pola explotación á que se ven sometidos por parte desa casta de voitres que sempre aparecen nas situacións de necesidade e miseria para aproveitarse das necesidades da poboación,...; ou mesmo pola obriga á que son sometidos numerosos civís a incorporarse aos exércitos baixo múltiples presións e ameazas para defender historias que obxectivamente non lle interesan nin lle van trocar a vida por moito que lles falen con verbas como “patria”, “valor”, “fronteiras”, etc. que so serven aos intereses duns poucos.

Pero as agresións contra a poboación civil máis dolorosas e cruentas habidas nos últimos tempos son as levadas a cabo polo exército de Israel contra a poboación Palestina na faixa de Gaza. O próximo 9 de outubro cumprirase un ano desde que o exercito israelí empezou a masacre de Gaza. En teoría este ataque fíxose para evitar que Hamas volvera a realizar unha ofensiva como a que o 7 de outubro de 2023 tivo coma vítimas decenas de mortos civís e, sobre todo, militares nos territorios palestinos ocupados por Israel próximos a Gaza, onde Hamas tomou centos de reféns, moitos dos cales aínda seguen no seu poder; o raro é que o Mossad non soubera que ese ataque da guerrilla integrista islámica palestina íase producir; e hai moitas razóns para crer que esa acción foi consentida coa finalidade non de protexer a Netanyahu, senón de propiciar o que a día de hoxe Israel está a facer en Palestina en todos os territorios que a ONU considera coma palestinos. A día de onte, segundo podemos ler nos xornais, o balance de vítimas civís xeradas polo xenocidio que exército, servizos secretos e gobernantes israelís están a cometer en Palestina cifrábanse en 41.802 persoas mortas e 96.844 persoas feridas, a inmensa maioría civís non combatentes, moitos deles crianzas, vellos e mulleres. Esta violación do Dereito Internacional e da Convención de Xenebra lévase a cabo mediante bombardeos indiscriminados sobre construcións civís, hospitais, escolas, campos de refuxiados, establecementos de organizacións humanitarias...; os soldados do exército de Israel disparan sobre criaturas indefensas, non respectan ás persoas mortas movéndoas de sitio, vexando os seus cadáveres e tentando ocultalos baixo os escombros dos edificios por eles derrubados non se sabe moi ben con que finalidade. Téñense novas de violacións sistemáticas de mulleres palestinas por parte de membros do exército de Israel; violacións aprobadas tácita e expresamente polos seus mandos intermedios e altos mandos. Eliminación física de xornalistas que pretenden informar ao mundo das atrocidades que o exército sionista está a cometer en toda Palestina, mais sobre todo en Gaza, e prohibicións da entrada de novos xornalistas independentes nos territorios ocupados.

Esta agresión xenocida e criminal ordenada polos gobernantes israelís e os altos mandos militares, secundada pola totalidade do seu exército de forma salvaxe sen distincións de escalas e graduacións é unha violación en toda regra da lexislación internacional sobre territorios, guerras e dereitos humanos. E os seus ordenantes responsables e os actores directos (como o foron os dirixentes nazis das SS e os seus membros sen graduación) deben ser xulgados coma o que son, criminais de guerra, e condenados pola súa conduta criminal. Tamén aqueles gobernos que dotan, ou permiten que se dote, ao exército de Israel das armas e bombas coas que ese xenocidio se está a levar a cabo deben ser xulgados e condenados coma cómplices dos crimes de lesa humanidade e de guerra.

E agora, debemos engadir tamén os bombardeos sobre a poboación civil do Líbano empezada días atrás polo exército de Israel.

Por que non se matan entre eles?

Por que ten que ser a poboación civil vítima da cobiza, da ambición de riqueza sen límites, dos que manexan as vontades da utilización dos artefactos de matar? Por que non se matan entre eles e deixan que a poboación civil viva en paz? Por que ese afán de destruír as vivendas, as escolas, os hospitais, ...á xente que está sen ánimo de lucro nos distintos lugares axudando e tentando de garantir saúde, educación e benestar entre a poboación civil que despois vai ser agredida, acosada e bombardeada por eses criminais?

Gobernantes civís e xenerais, oficiais e suboficiais, soldadiños: gústavos a guerra? Pois cando teñades ansias de bombardear, mellor vos citades entre vos ou en grupos de animais de dúas patas semellantes, quedades en campo aberto (como nos tempos de María Castaña) e vos bombardeades, vos disparades e vos aniquilades entre vos. Pero deixade á poboación civil en paz. Xa ten bastante co seu traballo, con ter que coidar dos seus e levar o pan e a educación todos os días aos seus fogares. Por que ten a poboación civil, por riba, que aturar as estupideces duns personaxes que están ao servizo doutros máis poderosos e que utilizan as fronteiras, as armas e a morte como medio para agradar e satisfacer a cobiza de quen realmente os manda?

Porque os que dan a orde de bombardear e aniquilar á poboación civil, os que planifican a guerra, son os xenerais. Pero quen da o visto e prace para que eses bombardeos e ataques á poboación civil se materialicen son os gobernantes dos países que os efectúan ou atacan en cada momento. Eles, xenerais e gobernantes, son os principais responsables, son os criminais de guerra, os asasinos. Pero tamén o son os que, sabendo que se está a violar a lei, acatan as ordes de exterminio e ataque contra a poboación civil e os que cometen as atrocidades e falta de respecto contra a poboación non combatente. 

E non podemos esquecernos, e debemos poñer no mesmo plano criminal a aqueles que tendo poder para evitar as matanzas planificadas por gobernantes e militares non actúan para evitalas. Nin daqueles que sabendo que as armas que o seu país fornece a un agresor están a servir para cometer crimes de guerra, xenocidio ou exterminio sistemático. Tamén os gobernantes deses países son criminais de guerra. De igual forma, son cómplices de xenocidio e crimes de guerra aqueles gobernantes que prohiben que a súa poboación civil se pronuncie publicamente en contra ese tipo de prácticas.
 

 


 

 

 

 

 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...