Pasadas as eleccións municipais e autonómicas do 28 de maio e vistos os resultados das distintas composicións dos gobernos rexionais e municipais alí onde Partido Popular e Vox se xuntan para acadar a maioría cuns pactos que está moi claro que teñen ámbito estatal e son preparatorios dos posibles que saian dos resultados das vindeiras eleccións do 23 de xullo (aínda que os fascistas do partido que nominalmente lidera Núñez Feijóo o neguen). Isto dános unha pista (para quen non o soubera ou quixera estar inmerso no engado) de quen son realmente os membros do Partido Popular e, por suposto, confírmanos o que xa sabíamos dos nazi-fascistas de Vox, o partido liderado por Abascal.
Para aqueles que voluntariamente estaban sumidos no engado respecto ao Partido Popular agora as cousas deberían estar claras, unha vez coñecidas as primeiras iniciativas deses gobernos conxuntos saídos dos citados pactos . Partido Popular e Vox son as dúas caras visibles do fascismo español na actualidade; e as súas representacións persoais están enfocadas no “moderado” Núñez Feijóo e no recoñecido nazi-fascista Santiago Abascal, respectivamente.
O bo trato dos medios ao fascismo.
Non pretendemos descubrir aquí, nin desmontar, quen son os dous nefastos personaxes que poñen a cara para servir aos intereses da capitalismo máis rancio do Estado Español. Tampouco imos pretender rifar a aqueles que sen ter en conta a historia pretérita do personaxe, ou á súa historia pública e notoria polas súas andanzas coma Presidente da Xunta de Galiza e as súas amizades narco-perigosas, facendo gala da súa pouca profesionalidade coma xornalistas ou que por motivos inconfesables presentaron a Núñez Feijóo coma un personaxe “moderado” cando “foi ascendido” polos que mandan á presidencia do Partido Popular español. Algúns deles parece que ou ben xa caeron da burra ou ben se lle disolveron as motivacións.
Si que critico aquí a aqueles medios que desde sempre se negaron, a sabendas de que a realidade era esa, a cualificar a Abascal e ao seu partido coma fascistas ou nazis, acudindo sempre á expresión nada concreta de “partido da extrema dereita”, “extremistas de dereita”, “ultradereita” ou outros termos que escondían a conexión ideolóxica de Vox e os seus dirixentes coas páxinas máis negras da historia europea e mundial. Porque extrema dereita, ultradereita e extremistas de dereita son termos perfectamente aplicables ao Partido Popular e á maioría dos seus integrantes e dirixentes desde a súa fundación como Alianza Popular ata o presente, momento no que de forma clara e concisa están a recuperar a ideoloxía fascista propia do réxime que os veu nacer: o réxime criminal franquista.
Os medios que non combaten ou apoian ao fascismo.
É evidente que entre os medios aos que me refiro no parágrafo anterior non están ABC, nin El Mundo, tampouco as cabeceiras locais ou rexionais do grupo Prensa Ibérica, ou La Razón. Tampouco os ligados á Conferencia Episcopal nin a xornais editados en Galiza como La Región, La Voz de Galicia, El Progreso, Atlantico Diario ou Diario de Pontevedra, que sempre ampararon as políticas extremistas do Partido Popular e preocupáronse de que a información que chegara ao seus lectores e lectoras non foran conflitiva para os intereses do partido que preside Núñez Feijóo. Nin tampouco ás cadeas televisivas ou emisoras de radio ligadas ao grupo Atresmedia, Mediaset, Vocento, Planeta Medía ou Grupo Godó cuxos programas informativos ao meu modo de ver carecen de calquera credibilidade agás no campo dos accidentes de tráfico ou das festas e gilipolleces varias da “xente way”.
Tampouco, por suposto, teño coma medios de fiar a aqueles que defenden sen pudor e distribúen os bulos ou fake-news procedentes do partido fascista Vox e o seu entorno, entre os que podemos citar a OK Diario, os medios ligados ao grupo que ten un touro coma símbolo ou a Es-Radio e Libertad Digital , por citar a algúns. Sen esquecernos a toda unha serie de pringados autodenominados “influencer” que, non se sabe a cambio de que, están instituídos como intensos propagandistas de Vox e que chegan coas súas mensaxes á unha xente nova que nunca sentiu nas súas carnes e nas súas mentes a presión du fascismo que, se triunfa, vai obrigalos a calar.
Acadaron gobernar concellos e comunidades autónomas. Que están a facer?
Hai uns días quedaron constituídos a maioría dos concellos, dos gobernos e parlamentos autonómicos e deputacións provinciais. Aqueles concellos con maioría de goberno fascista por acordos entre Partido Popular e Vox xa están a dar mostras do que puidera ocorrer se unha, outra ou ambas formacións de carácter fascista chegan ao goberno do Estado Español.
En numerosos concellos a primeira medida adoitada pola coalición fascista foi suspender a representación de obras teatrais, proxeccións cinematográficas ou monólogos de humoristas baixo diferentes escusas: que se eran moi custosas, que se non había contratos asinados, que se non eran axeitados. A realidade é que no teatro eran obras que defendían a convivencia en liberdade ou que denunciaban pasadas actitudes presentes no Estado Español que non coincidían co discurso belicoso, antidemocrático e falso que sobre o pasado franquista manteñen ambos partidos fascistas. No cine, sábese que foi suspendida unha película de debuxos animados, producida por Pixar e Disney, porque nunha escena aparecían dúas mulleres que se daban un inocente bico.
Suponse que este será o principio dunha sucesión de cancelacións culturais en cadea que van afectar a aqueles grupos teatrais, musicais, cantautores, cineastas e todo tipo de actos de carácter cultural ou festivo que non cadren coa forma de pensar das formacións fascistas. Unha forma de pensar na que non cabe a discrepancia ou unha visión da historia ou da realidade diferente da que eles teñen; discrepancias que queren eliminar dun plumazo mediante a súa ocultación ou recorrendo á represión e á persecución das persoas discrepantes.
Outra das súas realizacións nos primeiros días das súas andanzas polas institucións é o nomeamento de recoñecidos fascistas para presidir parlamentos rexionais ou o nomeamento de concelleiros e conselleiros de caracter nidiamente fascista en postos relacionados coa cultura e a educación; suxeitos que van cortar polo san todo tipo de crítica ás andanzas do Partido Popular e de Vox nas institucións que presiden, como xa teñen feito no parlamento rexional de Castilla y León, ou que van facer da barbarie, da tortura, da homofobia e da xenofobia a súa achega á cultura e á educación.
As políticas sociais e de igualdade van ser vítimas do fascismo.
Os da coalición ou maioría PP-Vox van ser concellos e comunidades autónomas onde a ideoloxía fascista e a confesionalidade ultracatólica vai presidir todas as medidas que as súas competencias en educación lles permitan, empezando por falsificar a historia deste país e deformando as mentes dos estudantes desde idades moi temperás. Un ensino acrítico, intolerante, de inclinacións machistas, segregador e nada respectuoso coa diferenza e coa interculturalidade. Un ensino onde a muller vai ser privada dos seus dereitos e onde os sentementos de xénero do alumnado vai ser secuestrado e reprimido.
Partido Popular e Vox xa teñen anunciado a súa guerra contra a liberación das mulleres, ás que lles van negar o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, onde lles van limitar o dereito a unha atención digna en caso de ter un embarazo non desexado. Onde van facer como na nosa Galiza, onde puxeron en mans de organismos ligados a organizacións ultracatólicas da Red Madre todo o referente aos procesos de embarazos non desexados, así como a derivación das mulleres que manteñen o seu firme desexo de non levar a fin o seu embarazo cara a clínicas privadas porque na sanidade pública casi todos os profesionais da xinecoloxía son obxectores para a realización de abortos (curioso que onde tanto obxector hai na pública haxa tanta clínica abortiva; de onde sairan os médicos?).
Pero as mulleres non só van ser vítimas pola negativa fascista a que sexan donas do seu propio corpo. É máis que declarada a intención dos bárbaros que negan a violencia machista a súa intención de rematar coas políticas que contribúan a rematar con esa lacra social da que a muller é vítima só por iso: por ser muller. Estes senvergoñas do Partido Popular e de Vox falan de violencia intrafamiliar, que non se sabe moi ben o que é. Non se sabe se son as violacións dun home sobre a muller coa que está casado, se son as violacións que as mulleres sofren cando son atacadas por homes ou mandas coas que nada teñen que ver, se é cando un fillo ou filla pégalle a un pai ou nai, ou viceversa...; non, non é nada disto. É simple odio dos fascistas cara á muller, á que seguen a querer que sexa a súa criada do fogar, a súa escrava sexual e a súa coella particular paridora e coidadora de criaturas para a súa propiedade; e, se considera que non cumpre, poder castigala como ben lle pareza, de forma física ou psiquicamente.
Serán, tamén, castigados polas políticas sociais destes bárbaros fascistas do Partido Popular e Vox que gobernan numerosos concellos as persoas que mostran sensibilidades e preferencias sexuais diferentes á heterosexualidade. E igualmente os matrimonios e parellas de feito realizados entre persoas do mesmo sexo, castigo do que van ser vítimas non só os membros da parella senón que tamén o serán os seus fillos.
As políticas de integración e acollemento das persoas migrantes van sofrir, tamén, recortes e limitacións importantes. Xa o sofriron cando o fascista M. Rajoy presidiu o goberno do Estado que lles quitou o dereito a ser atendidos na sanidade pública e que executou políticas de represión e expulsión xeneralizadas contra as persoas migrantes (e tamén contra todo o discrepante, pero algo menos).
Mentres recortan liberdades e políticas sociais destinadas a favorecer ás persoas máis necesitadas amparándose nas súas competencias municipais e autonómicas; mentres poñen todo o seu empeño en rematar coa cultura e coa educación pública; mentres recortan toda política de igualdade; mentres recortan prazas de ensino público e escolas infantís en favor dos centros privados; mentres manipulan a historia que se ensina nos centros públicos e a educación en valores democráticos, antibelicistas e antiracistas. Mentres recortan todo iso e máis, dotan bolsas de estudos de importes elevados dos que van ser beneficiarios os nenos e nenas ricas que estudan en colexios privados.
E outras moitas cousas que, por extensión non vou seguir enunciando.
Final.
Imaxínanse vostedes que o Estado Español puidera volver a vivir nun réxime de terror como o que sofreu durante a etapa do franquismo acaecida entre os anos 1936 e 1977? Un Estado onde os obreiros foron explotados a pracer polos patronos coa supervisión e apoio do aparato de Estado, onde non existía sanidade universal nin seguridade social, onde as pensións eran de miseria, onde as mulleres non tiñan dereitos coma tales, onde a liberdade de expresión era perseguida, onde as persoas que sentían a súa pertenza a un xénero diferente do seu biolóxico de nacemento eran perseguidas, onde Guardia Civil, exército e policía eran sicarios ao servizo do capital,...? Pois iso pode ocorrer se estabelece no Estado unha maioría fascista formada polo Partido Popular e Vox como xa está empezando a ocorrer a pequena escala nos concellos e comunidades autónomas onde gobernan ambas forzas políticas fascistas, en solitario ou en coalición.

