Esta entrada ven a conto dunha
proposición realizada no Congreso dos Deputados polo parlamentario
valenciano Toni Cantó, pertencente ao partido político Ciudadanos.
Esa proposición facía referencia a retirar á esixencia, para o
funcionariado das administracións públicas, de coñecer as linguas
das comunidades autónomas que teñen linguas propias ás que
puideran ser destinados ou ás que puideran acceder por concurso ou
oposición. É dicir, que as empregadás públicas e empregados
públicos destinados neses territorios non tiveran a esixencia de
poder entender ás persoas que na súa terra queren facer a vida na
súa lingua nai (cousa á que teñen dereito e que na actualidade
en moitos casos se lles nega -polo menos en Galicia-, moitas veces
con malos modos e quebrando a lei, en numerosos organismos públicos);
ou entender a outras persoas que teñen dificultades para
expresarse en castelán (pola idade, polo baixo nivel académico,...)
pero que dominan a linguaxe oral da súa terra que falaron desde que
eran pequenas, e que moitas veces no afán de falar en español
trocan completamente o significado do que queren dicir ou fan
inentilixible aquelo que falan, co conseguinte prexuicio que iso pode
xerarlles [1].
Todo isto plantexábanno desde Ciudadanos, ao través de Toni Cantó,
como forma de garantir unha suposta igualdade nos procesos
selectivos. Como se a función pública fora un dereito só
atribuible a quen a desempeña e non un dereito, sobre todo, da
cidadanía que recibe atención de quen exerce esa función pública.
Mentiras como parte da propaganda.
Pero ese intento de impedir
que a cidadanía non puidera ser atendida na súa lingua nai sempre
que así o demandara non foi o máis grave da intervención do mal
político e peor actor que é Toni Cantó. O peor foron as mentiras
dese señorito sobre a suposta desaparición do idioma español nas
comunidades con lingua propia, entre elas Galicia, e a imposibilidade
dos español-falantes de comunicarse neses territorios “por ter
desaparecido neles o español”.
Esa eterna mentira que os
partidos e grupos dominados pola extrema dereita como Ciudadanos, Vox
ou o Partido Popular están espallando na súa propaganda cara ao
resto do Estado sobre o que supostamente está a pasar coa lingua
castelá en Cataluña, no País Vasco ou Galiza, pero cuxo parecido
coa realidade é pura coincidencia.
Quen viaxa polo mundo adiante
sabe perfectamente que cando vai a Cataluña e fala castelán non ten
ningunha dificultade para facer a súa vida nese idioma; sabe que
cando chega a un establecemento e quen o atende diríxese a ela en
catalán basta con indicar con educación e corrección que non
entende esa lingua para que con exquisita corrección sexa atendida
en español. E o mesmo no resto do Reino de España. O problema xurde
cando nos reciben no seu idioma natural e nós damos unha mala
contestación por nos falar en catalán, euskara ou galego. Porque
hai moita persoa maleducada ou facha que fai iso; que vai a Portugal
e pretende que lle falen en español ou que vai a Inglaterra e non se
explica como se dirixen a ela nesa idioma. Iso sí, como posiblemente
fai Toni Cantó, Ines Arrimadas, Riverita ou outros fascio-cuentistas
da lingua, non dubidan en introducir na linguaxe cotiá falada na súa
España de palabros como “sponsor”, “cooking”,
“ir de shoping”, ... ou outras do estilo que parece que
visten moito pero con frecuencia amosan o apaletamento idiomático
de quen as usa.
Pero se grave é facer unha
afirmación gratuíta dese tipo, afirmación que só lles sirve para
pescar votos no mundo facha, dicilo da Galiza sobrepasa con moito
calquera nivel de realidade. Galiza, onde a extrema dereita do
Partido Popular de Galicia desde o goberno galego, coa ferviente e
interesada colaboración de xornais escritos como La Voz de
Galicia ou o Faro de Vigo, ten reducido o uso da lingua
galega case a un nivel marxinal nos medios urbanos e falada cada vez
menos no medio rural. Os gobernos de Núñez Feijóo teñen
procurado, desde a chegada deste personaxe á Presidencia da Xunta de
Galicia, de que o uso do galego fora diminuíndo en todos os campos e
administracións [2],
sobre todo no ensino onde a utilización da língua redúcese a un
número ínfimo de materias, impídese en moitas ou poténciase a súa
non utilización en outras nas que si pódese ou debería ser usada
(con dicir que son numerosos os colexios autodenominados trilingües
nos que imparten a materia de “Coñecemento do Medio” en
inglés...); e, polo que me contan antigos colegas, nas poucas nas
que si é obrigado o uso da lingua galega, parece como si a
inspección non actuara para controlar a súa non utilización, sobre
todo en colexios privados. Con estas políticas activas de
socavamento da lingua propia estase mesmo a quebrar, ao meu entender,
a Lei de Normalización Lingüística aprobada coa maioría
parlamentaria durante un período de goberno de Fraga Iribarne; e,
por suposto, québrase ampliamente a Carta Europea das Linguas
Minorizadas. Ata tal punto que hai conselleiros da Xunta de Galicia
que teñen a pouca vergoña de facer, incluso na Galiza, as súas
intervencións oficiais en castelán.
Partido
Popular: en Galicia unha cousa, no Congreso dos Deputados a
contraria.
Ben sabemos, por ser numerosos
os exemplos (a bote pronto lémbrome do rescate e da carestía das
peaxes da AP-9, das obras do AVE, da peaxe de Redondela, da
organización sanitariada Galiza, etc.), que os membros do Partido
Popular din unha cousa en Galicia e no seu Parlamento e logo a
contraria no Congreso dos Deputados ou trocan a música dependendo de
quen goberne.
Isto tamén aconteceu coa
proposición de lei de Ciudadanos defendida por Toni Cantó, na que
todos os deputados do Partido Popular polas catro provincias
galegas votaron favorablemente (xunto aos demais deputados da extrema
dereita) á citada proposta, é dicir, a que a cidadanía de Galicia
non tivera garantido o dereito a ser atendida na súa lingua propia
en calquera organismo público sito na súa comunidade. Eses
deputados e deputadas foron: Marta
González, Juan Juncal, Miguel Lorenzo, Tristana Moraleja, Joaquín
García Díez, Jaime de Olano, Celso Delgado, Ana Belén Vázquez,
Miguel Viso, Tomás Fole, Pilar Rojo e Ana Pastor, esta última
Presidenta da cámara baixa.
Parece
que o deputado Cantante (perdón) ...Cantó días máis tarde,
despois de ter coñecemento das numerosas críticas e máis que se
lle fixeron pediu desculpas aos galegos pola súa metedura de pata. O
que non sei é se fixo o mesmo cos cataláns e cos vascos, aínda que
penso que non, que non llo permitiría o Riverita e a Arrimadas aínda
que quixera. En todo caso, tiña que pensalo antes de facer esas impresentábeis afirmacións.
De borreg@s e de vacas.
A
min esta campaña mintireira de Ciudadanos lémbrame aquela, outra
tamén baseada nas mesmas fantasmadas, emprendida por un clube de
amigotes liderados por unha señora e chamado Galicia Bilingüe (que
non sei se sigue existindo) e que tivo o seu culmen no mes de
febreiro do ano 2009 nunha manifestación celebrada en Compostela na
que estaban, amais dos organizadores, un amplo abanico representativo
da extrema dereita e da extrema dereita lingüística. Así podiamos
ver nela á Ana Pastor, actual Presidenta do Congreso dos Deputados
(vemos que segue igual de facha que entón), Rosa Díez, o Riverita,
o actual Vicepresidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda, Ignacio
López Chaves, Corina Porro, etc. É dicir personaxes coñecidos polo
seu apego á extrema dereita ideolóxica.
A
idea destes suxeitos ligados ao Partido Popular e Ciudadanos ou
similar era o acoso e derribo ao goberno galego que compartía
PSdG-PSOE e BNG, próximas xa as eleccións autonómicas galegas.
Agás Rosa Díez, todos eles seguen a estar nos cumios da política
na actualidade. Hai que dicir que non estaba presente Núñez Feijóo,
daquela candidato a presidir a Xunta da man do Partido Popular;
supoño que non por falta de ganas senón por outros motivos
confesables ou inconfesables. A señora esa cuxa grupello de amigos
organizou a manifestación parece que agora anda moi próxima á
extrema dereita de Vox e sigue nas súas fantasmadas; sei que agora
anda a recoller sinaturas para que os topónimos galegos teñan a
versión española. Que Sanxenxo, sexa Sangenjo
(non San
Gines,
como sería de verdade); que O Carballiño sexa Carballino
(non El
Roblecito);
supoño que pedirá Niño
de la Guía para
Niño da Águia, en lugar de Nido
del Águila que
sería a tradución correcta; e non sei si para O Porriño pide El
Porrito
ou para Muxía pide Múgía
ou Ordeñaba, este último sería a tradución correcta. Parece que
anda por aí recollendo sinaturas e que moitas persoas de fora de
Galicia, supoño que maiormente fachas ou crédulos en grado sumo,
están a asinar semellantes historietas. De Galicia poucas ou case
ningunha; e quen asina... extrema dereita.
A
dicir dos xornais de fora de Galicia, para acadar asistencia á
citada manifestación fletaron buses de casi toda Galiza e viñeron
colectivos de extrema dereita lingüística desde Cataluña e País
Vasco. Iso custa moitos cartos e coido que Galicia
Bilingüe (ou
Bífida,
como lle dicían moitos daquela) non os tería, así que damos por bo
que a pasta e a xente púxoa o Partido Popular, que reclutaría vai
ti saber donde coma se foran borreg@s. Porque só póde denominarse
desa así a quen, vivindo na Galiza, tragaba semellantes fantasmadas
cuxo parecido coa realidade era pura coincidencia, igual que agora
coas estupideces ditas por Toni Cantó no Congreso. Ou tiñan
interese político non declarado no evento. Ou, simplemente, eran da
extrema dereita política e lingüística. Eu penso que as dúas
cousas.
O
que non contaban @s borreg@s era con que cando menos o esperaban
íanlle a aparecer unhas vacas a disputarlle o pasto (non falo dos
bocatas nin dos 20 pesos por asistente, e quiza unha visita guiada ao
sepulcro do apóstolo, que non me extraña recibiran por ir). Cun
sublime alarde de imaxinación houbo unha organización política
cuxos membros disfrazáronse de vacas e aparecéronlle na cabeceira
da manifestación contra o idioma galego antes de escomenzar a
andaina. Supoño que non fai falla dicir que a presencia das vacas
tivo tempo contado; que dilixentemente, e como adoita acontecer en
casos coma este, apareceron as chamadas forzas da orde para deter
e/ou impedir que as vacas puideran impedir que @s borreg@s seguiran
o camiño marcado polos pastores.
En
fin, isto non cambia. As moscas trocan, pero a merda segue a ser a
mesma.
Notas.-
1 Agora
non me lembro quen foi o autor, pero hai anos (non sei se foi un
fiscal ou un xuíz) publicouse algo relacionado cos prexuizos que a
falta de uso do galego na Administración de Xustiza estaba a
provocar ás persoas galego falantes que tiñan que declarar en
causas xudiciais, tanto no referente á forma de tradución que esas
persoas facían para tentar de falar castelán como ás
interpretacións realizadas por quen tiña que levantar acta desas
intervencións.
2 Non
sei se a posición de Núñez Feijóo contra o galego ten algo que
ver con aquelo que me contaba cando eu estudaba en Compostela unha
persoa, nativa dos Peares, coa que compartía piso de estudantes. O
feito aconteceu nun programa de Cesta y Puntos, onde un mozo natural
dos Peares, alumno dun colexio de pago ourensá, preguntado polos
sons que emiten os animais en lugar de dicir “rebuzno”,
posiblemente condicionado pola diglosia lingüística, dixo “orneo”
ou “ornear”
(agora mesmo non recordo ben) referíndose ao son emitido polos
burros. Loxicamente, ao desenvolverse o programa en castelán, nos
anos sesenta do pasado século, foi dada a resposta por non válida.
Feijóo é dos Peares.

