Amosando publicacións coa etiqueta Ruptura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ruptura. Amosar todas as publicacións

05 decembro 2019

CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA: 41 ANOS DE PRIVILEXIOS (para os de sempre)


Como cada ano desde hai 41 anos, o día 6 de decembro vaise celebrar por unha parte da cidadanía do Estado Español o aniversario da vixente Constitución Española de 1978. Outra parte, as persoas que desexaban que o rache co réxime franquista fora real e efectivo, non temos nada que celebrar.
A citada lei, ao través da cal se vertebra (ou dise que iso se fai) o resto da lexislación do estado, ten sufrido dúas modificacións desde a súa promulgación no ano 1978. A primeira, para adaptarse á lexislación europea ao respecto dos dereitos de participación da cidadanía europea non española residente no Estado Español nos procesos electorais de ámbito municipal. A segunda, a modificación do artigo 135 do texto constitucional, para satisfacer as necesidades da oligarquía bancaria internacional e considerar como obriga preferente do Estado o pagamento dos xuros e a devolución da débeda externa, e reflectilo así nos orzamentos xerais do Estado para cada ano sendo un desembolso que tivera preferencia sobre o afrontamento de calquera outra necesidade do Estado ou do conxunto dos seus e das súas cidadáns, aínda que esta última fora de vida ou morte (isto de “vida ou morte” non o di, mais sobreenténdese tendo en conta a súa redacción).
Unha constitución cunha total falta de ética no seu nacemento.
Esta constitución cuxo 41 aniversario celébrase neste ano é unha lei á medida do franquismo e dos franquistas que consideraban que coa morte do ditador o seu corrupto réxime nacido do golpe de Estado de 1936 estaba esgotado e morto; e non só moitos dos xerifaltes políticos do réxime franquista (Manuel Fraga, Federico Silva, Fernández de la Mora, López Rodó, ...) eran desta opinión; tamén moitos dos grandes empresarios que amasaron a súa fortuna ou despegaron ao amparo dos chanchullos e da represión do réxime do ditador Franco eran desta opinión. Toda esta caterva fascista prefería “trocar todo para nada trocar” antes que arriscarse a que a crecente, daquela, mobilización popular rematara totalmente e liquidara o seu réxime de corrupción; ou que un exército e unha policía corruptos e inzados de fascismo e franquismo volveran a ser protagonistas dun novo e cruento golpe de man, ao estilo chileno ou arxentino, que rematara cun baño de sangue e asasinatos dunha parte importante da poboación.
Esta última era unha opción que nada gustaba a unha burguesía e a unha oligarquía españolas que empezaban a ser toleradas na “Europa civilizada”; suporía un novo illamento do réxime que non sería tolerado polo denominado “mundo libre” baixo ningunha circunstancia e que tería ou seus días contados, con todas as consecuencias negativas que iso tería para esa oligarquía industrial e financeira con alicerces na corrupción e na represión franquista.
Por outra parte, a burguesía franquista tampouco estaba polo labor de rachar totalmente nin co seu pasado criminal nin coa totalidade das institucións coas que se dotou o franquismo ao través da denominada Lei de Sucesións de 1967 (a monarquía encarnada en Juan Carlos de Borbón) e tampouco dos privilexios económicos e sociais adquiridos na ditadura ao amparo da economía de mercado e da represión. Nin estaba disposta a prescindir da famosa “España una grande y libre” que esmagaba os dereitos de territorios con lingua e cultura propias, cuxa mantenza se asignaba a un exército fascista organizado territorialmente para esmagar calquera intento de alzar a voz e que tan bos (aínda que ilexítimos) resultados económicos lles reportou. 

Tampouco deberían ficar desprotexidos aqueles que desde os púlpitos fixeron de valedores espirituais do golpe de Estados dos asasinos, santificando desde o minuto un ata o ano 1975 (agás contadísimas e honrosas excepcións) a represión gobernamental e os asasinatos do réxime de Franco; estou a falar da Igrexa Católica, unha confesión relixiosa co-partícipe do golpe franquista e aliada en todas as andanzas do réxime. O franquismo político e económico (este último que tamén integraba a organizacións amparadas pola Igrexa, coma o Opus Dei) non podía deixar de lado, nin rebaixar o nivel de privilexios que a organización católica tivera ao longo do franquismo. 

Por outra banda, que pasaría coa xudicatura, a policía e o exército fascistas? Loxicamente non ían limpar os estamentos estatais daqueles elementos que, en distinto grao de participación, contribuíran decisivamente ao medre dos seus negocios e ao posicionamento social dos impulsores do xiro franquista; ese xiro cara a un réxime admitido por Europa tamén debería salvar da queima a eses indesexables elementos que perviven aínda a día de hoxe, por si ou polos seus sucesores, en institucións que deberían ser inmaculadas nun estado democrático.
De garantir todo o antedito encargáronse distintas leis: a mal chamada de amnistía e a modificación de parte do articulado do acordo subscrito polo réxime de Franco co Vaticano, ambas no ano 1977; e a propia constitución aprobada no ano 1978 sometida a referendo tramposo e amparado nas ansias de liberdade do conxunto da cidadanía española na que se coaron aspectos de mantemento do réxime que deberían ser motivo de consulta separada e aspectos que pechaban, na práctica, a porta a calquera modificación posterior.
De branquear á policía, exercito e xudicatura fascistas ocupóuse a lei de amnistía de 1977; inicialmente pensada para dar liberdade a todas as persoas encarceradas, condenadas ou exiliadas polo seu labor de oposición ao réxime ditatorial, o citada lei converteuse nun coador polo cal se desculpou e impediu o procesamentos de asasinos, torturadores e cómplices dos mesmos sitos dentro das instancias xudiciais, do exército e da policía franquista. Foi unha lei de punto final enmascarada. E, ao mesmo tempo, salvar as institucións sobreviventes do franquismo; entre elas, a monarquía juancarlista.
A modificación, no ano 1977, do Concordato establecido entre o Estado Español e o Vaticano anteriormente, no ano 1963, baixo o réxime de Franco foi outro dos piares nos que se asentaron nos inicios da transición os privilexios concedidos pola burguesía española á sacrosanta Igrexa Católica. Nesta modificación esa institución económico-relixiosa sigue a manter todo tipo de privilexios de financiamento polo Estado, de presencia na educación e innumerábeis privilexios fiscais polos que está exenta de tributar en numerosos supostos, moitos deles tramposos. Todo iso coa venia do Estado da transición e, por desgracia, do actual.
Pero foi a aprobación da Constitución, no ano 1978, cando se deron carta de natureza inamovible a todos os privilexios e intereses da burguesía española e a todas as distorsións democráticas xeradas polo réxime franquista. A monarquía non foi sometida a referendo e se constitúe como unha institución herdeira do franquismo na figura do Juan Carlos de Borbón nomeado por Franco e, por riba, unha monarquía machista na que pervive a lei sálica (pola que o herdeiro ao trono é o primeiro fillo varón no caso de que o haxa, supeditando ás mulleres para o caso de ausencia de herdeiros varóns); é a única constitución europea na que se dita como debe ser o modelo económico no que se desenvolvan as relacións sociais no Estado; unha constitución na que, sen establecerse como Estado confesional, establece a preferencia da Igrexa católica sobre as demais relixións; unha constitución que atribúe a un exército herdeiro do franquismo a misión de velar polo que esa institución estime como “unidade de España”, un poder armado que para facer unha interpretación deste artigo non ten nin sequera que estar ao que diga o poder lexislativo que é o Parlamento. Unha Constitución tan flexible nos aspectos dos dereitos humanos, os dereitos democráticos e os dereitos sociais que permite leis de explotación explícita dos traballadores e traballadoras como as sucesivas reformas laborais promulgadas polos gobernos do PSOE e do Partido Popular, na que leis como a de seguridade cidadán (lei mordaza) ou as últimas reformas do Código Penal fan anacos da liberdade de expresión, manifestación e seguridade xurídica da cidadanía. Unha Constitución que permite que un Tribunal Constitucional declare procedente os despedimentos de traballadores por ausentarse do traballo por enfermidade, ou que causa que todo un Tribunal Supremo teña que ser reprendido por tribunais europeos polo seu favoritismo cos bancos nas súas relacións cos clientes (gastos bancarios, cláusulas chan dos préstamos, etc.) dentro da Constitución Española.
É dicir, unha Constitución que é un verdadeiro timo, feita á medida dos franquistas e tendo como cerne o mantemento dos privilexios da oligarquía e a alta burguesía franquista. Unha Constitución produto dunha reforma integral para manter todo integramente. E o peor, que foi santificada por partidos que nos últimos anos do franquismo amosábanse favorables a unha ruptura democrática co réxime franquista. E que, posteriormente, acomodáronse ás políticas e aos modos das portas xiratorias.
Unha constitución que permite que se violen os máis elementais dereitos humanos e democráticos e que nos mantén prisioneiros da burguesía e dos poderes franquistas que dominan as institucións do Estado.
E así seguiremos ata que se produza unha ruptura real co réxime de Franco, ata que se depuren as institucións e os corpos do Estado de elementos afectos ao franquismo e ás costumes e procedementos antidemocráticos, ata que se derrogue a lei de punto final e se procese aos torturadores franquistas, ata que se eliminen das rúas do Estado todo resto de simboloxía de persoas ligadas ao réxime de Franco, ata que se cumpra coa memoria histórica e se practique a xustiza e a reparación cos miles de persoas desaparecidas durante o réxime franquista.
En fin, esta constitución non ten nada que celebrar.
A Constitución Española de 1931, que foi vítima do golpe de Estado franquista, si que era unha constitución democrática e avanzada incluso para este tempo e neste Estado Español inzado de franquistas. Aínda sendo a súa redacción tan antiga, supera con moito ao texto constitucional post-franquista vixente no Estado español. Que así o desexe pode lela premendo aquí : Constitución Española de 1931. A vixente constitución non fornece de ningún motivo para ser celebrada; mais ben é unha lei agotada, tanto pola realidade do país e do entorno internacional como por manter aspectos totalmente trasnoitados e que máis ben son parte do século XVIII que dos tempos actuais. E, tamén, porque significa un deterioro social e lexislativo respecto da anterior e lexítima constitución do Estado, a de 1931 É necesario outro proceso constituínte. É necesaria outra constitución.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...