Amosando publicacións coa etiqueta Gasto Militar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gasto Militar. Amosar todas as publicacións

19 xullo 2025

OTAN: 5% do PIB para armas? Pero..., de que van!?

 

 


Na última conferencia da OTAN os dirixentes da mesma falaron de que cada país membro debería dedicar o 5% do seu Produto Interior Bruto (PIB) a gasto[1] en armamento; en teoría, "para garantir a seguridade dos países diante das tensións bélicas mundiais" (lease garantir o dominio xeoestratéxico e ideolóxico dos Estados Unidos de América -EUA- no mundo). A escusa baixo a que se pretende vender á opinión pública como necesidade ese gran gasto en armamento é a da seguridade, utilizando coma escusa os conflitos da Ucraína e os conflitos de Oriente Medio

A guerra na Ucraína

O primeiro é a guerra entre Rusia e Ucraína a causa da probablemente condenable invasión do país ucraíno e da ambición desmedida da OTAN e do Presidente Biden dos Estados Unidos de America (EUA); este último, coa intención de favorecer os negocios gaseiros dos seus achegados. Doutra banda, un conflito provocado pola propia OTAN, ao pretender expandir as súas bases, rachando o acordo asinado con Gorbachov de manter os límites da OTAN nos fixados cando a sinatura do acordo e pretendendo a integración de Ucraína na organización armada.

Todo isto, despois de intervir, ao través de servizos secretos de países da OTAN, no golpe de Estado para procurar un réxime ucraíno que favorecera os seus intereses (apoiándose en elementos e organizacións fascistas nun país que, dentro das tensións provocadas polas diferenzas fronteirizas con Rusia, vivía relativamente en paz e onde as primeiras medidas tomadas polo monicreque da UE e da OTAN foi a de ilegalizar aqueles partidos parlamentarios que disentían da forma na que o seu goberno estaba a afrontar coas áreas rusófonas ds Ucraína). Esta actitude da OTAN e dos EUA foi tomada por Rusia como unha provocación (e realmente así o é) e como un motivo para invadir, de forma inxustificada, Ucraína.

Non podemos esquecer que a actividade dos criminais servizos secretos na Ucraína foi clave para que no Maidan as organizacións fascistas se fixeran co poder e puxeran a sucesivas marionetas ao cargo da presidencia do país. Monicreques que se foron recambiando sucesivamente ata que conseguiron poñer na presidencia a alguén "presentable" diante da opinión pública, a Zelensky. 

Aparte do MI-6 inglés, a CIA ianqui, o DGSE -antes SDEDE-francés (todos eles cun amplo historial de crimes contra a humanidade no seu haber, case todos encubertos pero coñecidos) e os criminais doutros servizos secretos occidentais e pro-occidentais, que foron os que gañaron a batalla, tamén participaron nos intentos de secuestro da opinión maioritaria ucraína os servizos secretos rusos (FSB) e pro-rusos. Todos eles, sen excepción, participantes nos crimes contra o secuestro e masacre da cidadanía ucraína.

O expansionismo israelí baseado no xenocidio

O segundo elemento co cal a que eu denomino, polo seu historial, "organización armada de carácter criminal" pretende xustificar o aumento do gasto en armamento son as tensións no Oriente Medio. E aquí, non podemos esquecer que desde hai moito tempo esas tensións son cotiáns desde a creación do Estado de Israel. Pero esas tensións víronse agudizadas no mes de outubro de 2023, por mor da acción levada a cabo por Hamás en territorio palestino ocupado por Israel que serviu como escusa ao réxime nazi-sionista de Benjamin Netanyahu para iniciar o xenocidio palestino, significativamente e de forma cruel e indiscriminada en Gaza, pero tamén na Cisxordania e no Xerusalén Leste.

Pero non quedan aí as actividades armadas do goberno e o exército de Israel asentadas no xenocidio dos diferentes, sobre todo o pobo palestino, pero que se estende a toda comunidade árabe coa finalidade de consolidar o seu poderío na rexión. Despois dos numerosos e continuos asasinatos e homes, mulleres e crianzas na faixa de Gaza e dos asentamentos e ocupacións ilegais de territorio palestino en Cisxordania, tocoulle o quenda ao Líbano onde Israel volveu a quebrar a legalidade internacional para amedrentar á poboación árabe con base nos asasinatos e o xenocidio utilizando o bombardeo contra as poboacións civís coma medio. Posteriormente, e isto é quizá o máis grave, Israel bombardea ilegalmente Irán baseando as súas accións nunha suposta tenencia iraniana da bomba atómica (non esquezamos que o sionismo si ten bomba atómica, unha ilegalidade internacional máis do Estado de Israel). E, por último, baixo a escusa da defensa dos cristiáns drusos -impórtanlle a Israel unha merda os drusos- bombardean Damasco; tamén de forma ilegal.

Os apoio dos EUA.

 Temos que resaltar que ningún destes conflitos tería durado o que están a durar sen o apoio político e militar dos EUA, ao que podemos considerar cómplice das continuadas quebras da legalidade internacional cometidas en ambas áreas do mundo. Son os Estados Unidos de América os que fornecen a Israel das armas e bombas necesarias para cometer o xenocidio do pobo palestino e as armas coas que agriden, tamén quebrando a legalidade internacional, aos países do Oriente Medio. Igualmente, son os EUA os que están a soster, fundamentalmente, o seu monicreque Zelensky provendo armamentos cos que continuar unha guerra que o único que vai procurar é a miseria e miles de mortes aos ucraínos de Ucraína e das repúblicas rusófonas de Ucraína, vai procurar que as riquezas dos ucraínos vaian parar ás mans dos que, co beneplácito dos monicreques locais, negocien no seu nome as condicións para parar a guerra e dos mafiosos ucraínos que persisten no país ou que residen noutros países da Europa dedicándose a negocios de dubidosa  legalidade ou clara ilegalidade.

E, por moito que lle moleste a quen lle moleste, coido que se nos atemos aos feitos podemos dicir, sen risco de equivocarnos, que os Estados Unidos de América é un país delincuente. O cal xa sabiamos desde que en 1945 o Presidente Harry S. Truman, o primeiro presidente delincuente dos EUA desde a IIª Guerra Mundial, ordenou bombardear Hiroshima e Nagasaki con bombas atómicas a sabendas de cales serían as súas consecuencias.

Os apoios da Unión Europea ás políticas dos EUA

Pero estas actitudes e apoios dos EUA á criminalidade internacional con forma de goberno ou de exércitos regulares estou convencido de que non sería posible se houbera dentro da comunidade europea (non so da Unión Europea) gobernos que se opuxeran frontal e decididamente ás accións levadas a cabo contra a humanidade. Pero non, uns porque téñenlle medo ás reaccións que poida ter Washington (máis agora que están gobernado por un nazi irresponsable e bravucón) outros, porque no fondo comparten as actitudes racistas e xenófobas que subxacen nas políticas norteamericanas. E algún destes últimos exercen de palmeiros ou bufóns do Presidente dos EUA; podemos destacar aquí ao holandés Mark Rutte, secretario xeral da OTAN, que amais das funcións como comisario político dos EUA para Europa inherentes ao cargo que desempeña, empéñase en facer da súa presencia pública o papel de palmeiro de Donald Trump; outro destaque, menos evidente pero igual de pernicioso, é o da alemá que preside a Comisión Europea, a marioneta discreta dos EUA... (si, esa que devece porque aos migrantes que foxen da miseria e as guerras de Asia e África se lles encerre en campos de concentración como os que fixo a fascista Meloni), a señora Van der Leyen, á que tanto parece gustarlle apoiar as actividades xenocidas de Netanyahu como ás actividades encubertas dos EUA en Europa, así como as descaradas de manter a guerra en Ucraína para que aqueles aos que ela representa poidan participar do botín que os ucraínos teñan que pagar no futuro pola participación da Unión Europea no mantemento desa guerra de rapina.

E se aumentan o gasto en armas, que?

Por moitos que os gobernos dos distintos países da OTAN (e os de fora dela) nos digan que o aumento do gasto en armamento non vai influír nas previsións habidas sobre o gasto social, calquera observador (non economista nin entendido en finanzas) sabe que por unha vía ou por outra os importes adicados a investimento ou gasto social van diminuír sobre as previsións ou, no peor dos casos, diminuír sobre o actualmente executado.

Non nos vale que, no caso do Estado Español, Pedro Sánchez e membros do seu goberno nos digan que non van reducir o gasto e investimento social, cando é de Economía da ESO que as cifras manexadas non cadran; e menos cando as previsións son de que o actual goberno non poida aprobar uns novos orzamentos xerais do Estado. E recorrer a créditos extraordinarios para investir en sociedade civil sabemos que o PSOE non o vai facer; pero que recorrer a ese mecanismo para financiar a compra de artefactos de guerra cos que matar (eles din defensa, pero non é así) a non se sabe que inimigo para poñerse a ben co nazi Trump e o seu monicreque Rutte non lles quita o sono.

E as consecuencias do tan querido polos gobernos da dereita e os socialdemócratas das consecuencias do aumento do gasto parasitario en armamento (eles din defensa, pero non é así) xa o estamos empezando a ver.

En Francia, o seu ministro de economía, co apoio do primeiro ministro ultraliberal Macron, xa ten anunciado unha redución moi importante do gasto en pensións e no gasto público para poder mercar armamento e cumprir coas ordes do criminal Trump e do seu bufón holandés.

Na Unión Europea, a gran defensora de Netanyahu e o seu xenocidio, e Presidenta da Comisión Europea Van der Leyen e a súa comisaria de Asuntos Exteriores e Seguridade, Kaja Kallas (de orientación ultraconservadora) xa teñen anunciado un descenso nos importes dedicados a fondos estruturais e de apoio a sectores fundamentais para a economía de moitos países. 

A Galiza vai ter un problema polo descenso dos fondos dedicados á Política Agraria Común (PAC) e á pesca, que vai crebar multitude de actividades de pesca artesanal e de media altura así como de explotacións agrarias e sectores como o leiteiro e pesqueiro que están empezando a repuntar da crise das cotas impostas pola UE.  

Este cambio nos obxectivos económicos da Unión Europea, de diminución dos fondos de cohesión e nos fondos de desenvolvemento vaise cebar fundamental e negativamente sobre as clases máis desfavorecidas de cada un dos países que conforma a UE, sobre todo daqueles cun nivel medio de vida inferior á media europea, e vai a contribuír a aumentar as grandes diferencias sociais existentes entre a cidadanía dentro de cada país membro da UE e entre a cidadanía dos diferentes países da Europa. E o PSOE o sabe; é máis, unha dos seus membros e Comisaria Europea, Teresa Ribera, é copartícipe e corresponsable desta política de "agresión armamentística" capitaneada por Von de Leyen en favor da industria da guerra e da oligarquía mundial. A mesma comisaria que, sendo ministra do goberno español, deu o visto e prace á instalación de parques eólicos mariños nos caladoiros tradicionais da pesca artesanal de Galiza e o País Vasco, perxudiciais para o sector pesqueiro tradicional e favorecedor das grandes multinacionais a acuicultura mariña.

Noutros países xa están a falar de poñer en marcha ocupacións para pensionistas similares aos mini-jobs alemáns para poder baixar as pensións de xubilación e obrigar á clase obreira que deixou o pelexo nas fábricas ou no campo a acollerse a unha estafa dese tipo para poder subsistir de forma digna. No Estado Español xa se puxeron medidas, coa participación e consentimento de CC.OO. e UGT, para que as persoas poidan prolongar a súa vida laboral máis aló da idade de xubilación a cambio de miserias económicas; e, se non escoitei mal o outro día na radio, está previsto ou vixente (non o sei) que as persoas xa xubiladas poidan acceder a mini-jobs para mellorar a súa pensión. É dicir, as perspectivas non son nada halagüeñas.

Non á OTAN, non á guerra. Non máis gasto en armamento.

A defensa da cidadanía non se consigue dedicando os fondos públicos o lixo parasitario como son as armas e as instalacións militares, que ningún beneficio producen ás poboacións.

A defensa da cidadanía se consigue facendo investimentos e gastos sociais: vivenda pública en venda e aluguer a prezos razoables, construción e modernización de hospitais e centros de saúde públicos con prazas de persoal sanitario e auxiliar suficientes, creación de residencias públicas e centros de día para maiores e de xestión pública, aumento das pensións públicas mínimas ata niveis que permitan levar unha vida digna, programas de servizos públicos de atención no fogar e xantar na casa para persoas que teñan un certo grao de discapacidade, programas de transporte adaptado, dotación suficiente de profesorado nos centros de ensino e políticas de formación continuada dese profesorado, etc.

E por outro lado establecer políticas de aforro en defensa e seguridade pública racionais, como poderían ser: diminuír o número de membros dos altos cargos no exército, manter en uso o armamento co que se conta e non deixar que podreza e sexa inútil (estou pensando non tanques que se regalaron a Ucraína e que estaban inservibles), dedicar os grupos de vivendas non usadas e as construcións propiedade de Defensa non utilizadas para vivenda social ou para servizos de utilidade xeral á sociedade, unificar á Policía Nacional e á Garda Civil nun só corpo unificado e con mando único de Policía Estatal, o que reduciría a cúpula de mando global e territorial, unificaría os seus arquivos e multiplicaría a eficacia e a eficiencia policial e de mantemento da defensa da sociedade contra a delincuencia.

Son só algunhas das ideas que se me ocorren e que avantaxan con moito a defensa dos pobos en lugar de gastar moreas de cartos en armas que nos fan máis vulnerábeis e que só benefician ao complexo militar industrial e aos especuladores que se benefician do crecemento deste comercio armamentístico.

 Notas.-

[1] Eles, os da OTAN, falan de "investimento en defensa" non de gasto. Un investimento faise para crear riqueza, non para procurar aniquilamentos. Un gasto é algo non produtivo, que se consume conxunturalmente e que non serve máis que para manter un estatus produtivo. E no caso militar, un gasto inútil; senón lémbrense da cantidade de carros de combate que tiña o exército español nos seus cuarteis, que se quedaron inútis por falla de uso e que posteriormente despois de volver gastar en reparalos foron doados a Ucraína para a súa defensa.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...