Amosando publicacións coa etiqueta Unión Europea. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Unión Europea. Amosar todas as publicacións

29 maio 2025

A DEREITA E AS AGRESIÓNS CONTINUADAS CONTRA A NOSA LINGUA


          Hai uns días, a proposta do goberno estatal español, estaba previsto que a UniónEuropea (UE) discutira e decidira sobre a posibilidade de que os idiomascatalá, éuscaro e galego pasaran a ser considerados coma oficiais dentro dos organismos que conforman o espazo común europeo. Isto deu lugar a diversos pronunciamentos non só no seo da UE, senón tamén no conxunto do Estado Español, estando en contra desa oficialidade os partidos da extrema dereita Partido Popular e Vox  que, todo hai que dicilo, fixeron gala de fidelidade ás súas orixes comúns franquistas.

          Máis non só foron os parlamentarios europeos do Partido Popular (entre os que hai algún galego de orixe) os que fixeron propaganda contra esa oficialidade europea dos idiomas galego, éuscaro e catalá; tamén a fixo o que a min sempre me pareceu que sente vergoña da súa orixe rural galega, o mesmo que hoxe preside o Partido Popular español, Alberto Núñez Feijóo, que manifestou a súa opinión contraria a que o galego fora considerado coma un idioma cooficial da UE. Posición nada estraña se temos en conta as súas andanzas contra o galego nos moitos anos que ostentou a Presidencia da Xunta de Galicia.

O Presidente da Xunta de Galicia: Alfonso Rueda.

          Todos os galegos sabemos que os coñecidos coma “niños pijos de Pontevedra” nunca tiveron a ben (agás algunha excepción que se me puidera coar) o falar galego. E que tampouco ven con bos ollos a aquelas persoas que o falan porque é a lingua cotiá na que desenvolven a súa vida na súa vila ou parroquia; “paletos” ou “aldeanos”, din deles. E mellor non escoitar o que estes "niños pijos" din daqueles urbanitas que falan de forma cotiá no idioma de Rosalía e/ou que reivindican o poder desenvolver a súa vida dentro da Galiza no idioma propio do país; hainos desde os que simplemente cualifican está actitude, desprezando a quen a mantén, como de “rojos separatistas” ata aos que aderezan esa “rojería separatista” con insultos ou cualificacións de todo tipo, incluídos os de raíz homófoba e con alusións ao paredón. Facendo gala todas esas persoas do pouco respecto ou de actitude violenta cara ás opinións diferentes.

          E a  que ven este parágrafo anterior? preguntaredes. Pois non é moi difícil de adiviñar se consideramos que o actual Presidente da Xunta de Galicia, don Alfonso Rueda, pronunciouse publicamente encontra da posibilidade de que o idioma galego fora considerado pola UniónEuropea coma idioma oficial no seu ámbito. E iso fíxoo desprezando a posición unánime do Parlamento Galego, que en sesión plenaria pronunciouse en favor de solicitar á Unión Europea a inclusión do galego coma un dos seus idiomas oficiais. O cal podemos interpretar coma un desprezo total á Galiza. A conta disto venme unha pregunta á cabeza: E os deputados e deputadas do Partido Popular que votaron favorablemente á inclusión do idioma galego entre os oficiais da UE, que van facer diante do desprezo que o seu presidente de partido e Presidente de Galiza fixo do seu voto? Van facer de ovelliñas obedientes manténdose en rebaño  para que non lle perigue a poltrona ou van recriminar ao Sr. Rueda a súa actitude? Eu non quero ser malo, mais coido que vanse inclinar pola primeira posición e dicir beeeeeee!.

          Este señor, Alfonso Rueda, de Pontevedra, xa desde os seus tempos máis mozos estivo implicado en cruzadas contra o uso do noso idioma. A máis comentada e coñecida foi a manifestación convocada por organizacións de carácter antidemocrático e fascista no ano 2009 en Santiago de Compostela contra o uso do galego; manifestación que foi secundada por partidos de carácter centralista entre os que se atopaba o Partido Popular, representado por un coñecido pontevedrés chamado Alfonso Rueda e por outra pontevedresa de nome Ana Pastor, amais de todo un grupo representativo do facherío antigalego e antidemocrático máis selecto do país.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

          De Cultura, Lingua e Xuventude”. Estraño nome para unha consellería que non fai máis que denigrar a lingua, menosprezar a cultura galega ao través das súas políticas de subvencións de actividades e colectivos de edición e uso do idioma, e que para a xuventude parece que só pensa en subvencionar os autobuses e festivais nos que os seus principais números escénicos non usan nin defenden a nosa lingua propia.

          Pero o de aquí ía do noso aldraxado idioma, cada vez menos usado, cada vez máis vilipendiado e ocultado por unha Administración Pública Galega que debería ser vangarda da súa defensa. Primeiro foi esa administración, da man do Partido Popular que desde a Xunta de Galiza gobernaba o país, coa lexislación ditada desde o primeiro goberno de Núñez Feijóo ao través da Consellería de Educación co chamado “decreto de plurilingüismo no ensino” e co programa de subvencións á prensa escrita que poñía o 17 de maio de cada ano a súa primeira plana no noso idioma pero que no resto do ano dedicábase a espallar a propaganda anti-galego saída das filas do PP e da Xunta. E, unha vez conseguida a conversión das públicas TVG e Radio Galega en órganos de propaganda do Partido Popular, recortes na programación e na produción propia e na emisión dos programas infantís e xuvenís en galego que tan bo resultado deran na expansión do coñecemento e do uso do galego desde a máis tenra infancia, sen que elo supuxera un menosprezo e unha discriminación cara ao idioma común do Estado. Daquela, os nosos nenos e nenas, os nosos mozos e mozas, co seus coñecementos idiomáticos, poderían desenvolverse perfectamente en Galiza no seu idioma propio, en Portugal ou en calquera outra rexión ou país onde a lingua oficial fora o español ou o portugués, cousa que hoxe (vistos os resultados do estudo do IGE sobre coñecemento e uso do galego) non poderían facer.

          O Secretario Xeral da Lingua (para ser máis xustos, poderían denominalo, mellor, como secretario de destrución xeralizada da língua galega) é un personaxe moi peculiar nas súas aseveracións públicas. Normalmente nunca é o primeiro en pronunciarse sobre as cuestións que afectan á nosa lingua; espera sempre a que sexa outro manda-máis do Partido Popular quen diga algo para despois, cal papagaio, dicir o mesmo. Non sei se é cousa de que non sabe que dicir, se é cousa de instrucións recibidas dende arriba ou se é cousa de conservación de poltrona. E, como era de esperar, unha vez que Rueda e Feijóo pronunciáronse contra a oficialidade europea do galego el, o señor don Valentín, saiu a dicir o mesmo que os seus xefes, coma bo mandado que adoita ser.

O estudosobre coñecemento e uso do idioma galego realizado polo Instituto Galego deEstatística (IGE)[i] ao longo do ano 2023 amosa uns resultados demoledores para a política lingüística emprendida pola Xunta de Galicia desde o inicio da presidencia de Núñez Feijóo na Xunta de Galicia, política continuada pola Xunta de Rueda e que segue a escarvar nos mesmos termos que están a erradicar o galego das escolas, dos xornais subvencionados, dos medios públicos galegos de comunicacións e, coma consecuencia, das rúas. Este estudo compara o uso e coñecemento do idioma galego nos anos 2008 e 2023, desde dous anos antes da entrada en vigor do decreto de plurilingüismo no ensino ata o 2023. O que deixa en evidencia a política destrutora do idioma seguida polo Partido Popular en Galiza.

Este estudo do IGE dinos moitas cousas das que destacamos: No referente á capacidade para expresarse en galego da poboación comprendida entre os 5 e os 14 anos, que experimentou un retroceso do 110% entre os anos 2008 e 2023; e sobre o uso do cotiá do idioma amósanos que, entre esas datas, solo usan o español como lingua cotiá o 53,6% da poboación de entre 5 e 14 anos e o 43% da comprendida entre os 15 e os 29 anos. Isto, polos anos que o IGE utiliza para ver a evolución no uso e coñecemento do noso idioma demostra sobradamente que o declive no coñecemento e uso do idioma galego prodúcese desde a entrada en vigor do famoso decreto de plurilingüismo no ensino e da desaparición da programación educativa, infantil e xuvenil en galego dos medios de comunicacións públicos (TVG e RG).

Diante dese estudo que desmontaba toda a propaganda que PPdeG e Xunta de Galiza tiñan fabricado arredor da potenciación do idioma galego, a reacción do goberno galego foi poñer en cuestión a calidade do mencionado estudo, indicando nalgún intre que eles tiñan outro estudo (do que ninguén explicou a súa procedencia nin os parámetros estatísticos nos que ese estudo se baseaba) que desmentía os resultados do IGE; a evidencia de que isto non se sostiña nin con cemento armado era tan clara que pronto meteron este argumento no tinteiro.

Outra das reaccións diante do excelente estudo do IGE sobre o coñecemento e uso do idioma galego foi a do fiel escudeiro do conselleiro do ramo, o Secretario Xeral de Lingua don Valentín García, que sen cortarse nin un pelo tacha os datos proporcionados polo IGE como “non fiables” e o estudo como “irrelevante en demoscopia e sociolingüistica” (realmente, ese Valentín sabe do que fala?); e xa non busco o que puidera dicir o voceiro do PPdeG no Parlamento Galego porque a cousa pode ser tan forte que non sexa apta para horario de público infantil.

Estas actitudes do Partido Popular e da Xunta de Galicia no seu conxunto de poñer en cuestión os estudos realizados por organismos autónomos da Administración Pública Galega empeza a ser preocupante, sobre todo tendo en conta o que fixeron cos medios de comunicacións públicos desde a entrada na presidencia da Xunta de Galicia e Núñez Feijóo e a lexislación que baixo a presidencia de Alfonso Rueda sobre estes medios se están a realizar. Porque o do estudo do galego polo IGE non é o único caso; están o ditame do Consello de Contas de Galicia sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e o do Consello da Cultura Galega sobre a instalación da macrocelulosa ALTRI en Palas de Rei, ambos contradicintes da propaganda e posicionamento do Partido Popular e da Xunta de Galicia sobre eses temas.

Mobilización popular do 17 de maio

Como xa fixera meses atrás, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, o pobo da Galiza volveu dar unha lección a todos esas persoas desvergonzadas que desde a Xunta de Galicia e desde o Partido Popular se dedican a tentar de enterrar para sempre o noso idioma pero que ao través da propaganda, propia e da que gratuitamente lle facilitan os seus amigos da prensa a cambio das cuantiosas subvencións que reciben, pretenden que comunguemos con rodas de muiño e nos traguemos a ilusión de que eles coidan de que o noso idioma teña unha longa vida e un uso normalizado. A creación desa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é unha desas medidas propagandísticas nas que se agrupan esas tres importantes facianas da vida dun país pero que como coas demais fagan o mesmo que co galego...

O 17 de maio milleiros de persoas patearon as rúas de Compostela reivindicando o noso idioma e criticando as medidas e o desprezo que o Partido Popular e a Xunta de Galiza teñen cara a el e que están a propiciar a súa desaparición. Reivindicando o poder vivir a súa vida no seu propio idioma e na súa terra. Desprezando a todos aqueles que como Alfonso Rueda, Núñez Feijóo, o Secretario Xeral da Lingua, o Conselleiro de Educación e a todos aqueles cargos públicos peperos que só usan o galego coma unha formalidade inherente ao seu cargo pero que no fondo non poñen ningún reparo á súa desaparición (incluso aqueles hipócritas que presumen de galeguistas, que os hai). Reivindicando un futuro para o galego.

...Pero seguen coa súa agresión continuada contra o galego. 

  •  Pese a todas as mobilizacións populares de carácter moi masivo habidas desde a promulgación e imposición do famoso "decreto de plurilingüismo no ensino" (cada unha con máis participación que a precedente) ata chegar a importantísima deste pasado 17 de maio, que rematou cunha foliada na Praza do Obradoiro. 

  • Pese, tamén, a todas as asociacións educativas e populares, así como organismos públicos de carácter autónomo, como a Real Academia da Lingua, que se teñen pronunciado polo mal trato ao que a lingua galega está sendo sometida pola Xunta de Galicia e os seus subconxuntos (consellerías, direccións xerais, secretarías xerais,...), así como polo Partido Popular de Galicia e do Estado. 

  • Pese ás numerosas e sucesivas reclamacións procedentes dos claustros de profesores e profesoras dos distintos centros educativos e dos sindicatos representativos do profesorado para que se derrogue o decreto de plurilingüismo no ensino.

  • ...E moitos máis "pese a que..."

            Pese a todo iso, a Xunta do Partido Popular, esa Xunta que quer rematar coa presencia pública do noso idioma, non recúa. esa Xunta á que cada vez máis galegos e galegas que rexeitamos estar sometidos a caciques e prisioneiros de ameazas veladas; esa Xunta que segue tendo moito voto refén e que utiliza os mecanismos ancestrais do caciquismo para manterse na poltrona; esa Xunta que ten do seu lado ás editoras de numerosos xornais, emisoras de radio e televisión; e que controla con man férrea os medios de comunicacións públicos impedindo a presencia de pluralidade de todo tipo nos mesmos (informativa, artistas, producións, debates,...).
 
            Se queremos que o idioma propio da Galiza, o galego, sobreviva como unha parte esencial da nosa identidade propia e unha parte integrante da nosa rica cultura propia, cultura que non podería ser entendida se non é conxuntamente co noso idioma, só nos cabe rematar co dominio político da bazofia política no noso país; rematar co dominio político das ideas de ultradereita e unificadoras da diversidade cultural e lingüística; e esa bazofia política, na actualidade, son o Partido Popular e as bandas nazi-fascistas lideradas por Vox, o partido de Abascal.
 
        Porque como dicía o noso querido e admirado Castelao, personaxe odiado e vilipendiado por esa bazofia á que antes teño mencionado (aínda que algúns dos integrantes da mesma pretendan apropiarse do personaxe para esconder a súa miseria ideolóxica e o seu compromiso con Galiza): "Se ainda somos galegos é por obra e graza do idioma".
 


[i] O IGE é un organismo autónomo da Adminsitración Galega que ten por finalidade facer estudos sobre os distintos aspectos da realidade da Galiza (economía, cultura, poboación,...) 

21 maio 2025

EXTREMA URXENCIA EN GAZA

Hoxe non tiña pensado escribir sobre o tema do xenocidio palestino que o Estado de Israel está a cometer na totalidade da Palestina, pero que está extremadamente agudizado na Faixa de Gaza onde os criminais armados do exército sionista non só bombardean hospitais, escolas, poboación civil, etc. de forma indiscriminada, senón que amais están procurando que numerosas crianzas estean a morrer de fame ou afectados por enfermidades derivadas da desastrosa situación hixiénica á que os xenocidas  sionistas están a someter á poboación dese territorio palestino.

 


 Quizá a situación máis grave e penosa que se está a dar neste intre é a dos miles de crianzas que nun curto prazo van morrer de fame se o Goberno criminal do Estado de Israel segue a impedir que a axuda humanitaria e alimentaria chegue á Faixa de Gaza. Pero non é a única; son moitas as enfermidades que estaban erradicadas da Palestina que por falla de medicamentos e por falla de establecementos sanitarios e hospitalarios (a maioría deles destruídos polas bombas do país do corrupto e criminal de guerra primeiro ministro Netanyahu coa escusa e mentira de albergar membros de Hamas no seu interior) e mesmo falla de profesionais da medicina, moitos deles asasinados polas bombas ou os francotiradores do exército sionista, que poidan atender á poboación afectada.

A complicidade criminal dos EUA

Pero esas persoas de que permanecen en Gaza está a recibir instrucións enganosas do goberno de criminais presidido por Netanyahu para que se vaian da súa terra, forzados a marchar daquela terra que é deles desde os orixes da historia, coa ameaza de ser exterminados pero á súa vez son exterminados mentres seguindo as instrucións se moven dun lugar cara a outro. O propósito parece ser que os colonos criminais e sionistas israelís ocupen as terras que pertencen ás palestinas gazatís (e converter a Faixa de Gaza nun ressort turístico de luxo con participación da familia Trump, se facemos caso das declaracións do presidente criminal dos EUA). E, por riba. vemos imaxes nos que a tropa de soldadiños rasos do exército israelí rise cando ven desde o lonxe como as bombas arrasan edificios civís, hospitais, escolas e poboación palestina; actitude que os fai cómplices e responsables dos mesmos crimes que cometen os seus superiores que deciden eses bombardeos criminais.

Todo isto co beneplácito dos Estados Unidos de América (EUA), presidido agora polo delincuente nazi Donald Trump e antes por Biden, e co silencio cómplice da maioría dos estados da Unión Europea e de Europa. Os EUA fornecen todo tipo de armas de destrución ao estado xenocida de Israel sabendo que o seu destino é masacrar á poboación Palestina, principalmente á de Gaza, o que fai dese país un cómplice activo na masacre humanitaria e nos crimes contra a humanidade e de guerra que están a acontecer na faixa de Gaza; así como dos crimes de lesa humanidade que colonos, exército e policía de Israel están a cometer na Cisxordania e no Xerusalén Leste contra a poboación Palestina.

E a Unión Europea?

A Unión Europea, cuxa Comisión preside Ursula von der Leyen (á que tanta satisfacción parece reportar fotografarse con xentes da caste de Netanyahu ou de Donald Trump), parece insensible, desde un primeiro momento no que manifestou que “Israel ten dereito a se defender”, ao que desde o fatídico día de outubro no que comezou o exterminio palestino está a acontecer en Gaza, que non é máis que un clásico xenocidio.

Pero é que, a día de hoxe, esa Comisión Europea aínda está a discutir se o xenocidio de manual que Israel está a cometer contra o pobo palestino é, ou non, un xenocidio. E, de paso, temos coñecemento de que esa comisión tamén está a incumprir un acordo asinado pola Unión Europea con Israel polo cal o mantemento de relacións comerciais entre ambos territorios está condicionado ao respecto polos dereitos humanos e, polo tanto, a Comisión europea está a cometer unha ilegalidade manifesta. E non só desde que comezou o labor criminal de Israel na Faixa de Gaza, senón desde hai moito máis tempo no que Israel leva violando os dereitos humanos da poboación palestina (encarceramentos infinitos sen acusacións, permisividade coas ocupacións de propiedades palestinas polos colonos, discriminación da poboación árabe en todas as facetas oficiais e civís, derrubamentos de vivendas ou barrios enteiros baixo a escusa de ter albergado algún membro das resistencia palestina contra a ocupación, torturas e malos tratos aos detidos, etc.).

O que se debería demandar da Unión Europea non é só que condene firmemente o que está a acontecer coa poboación Palestina en todos os seus territorios, pero fundamentalmente en Gaza e na actual situación. Non o fan en bloque e dunha forma clara; e os países que individualmente se pronuncian condenando a violación dos dereitos humanos polo Estado de Israel buscan formas semánticas que poidan suavizar esas condenas e a maioría deles non adoitan medidas efectivas; e xa non digamos aqueles países, cómplices inmateriais do xenocidio, que non só non condenan o comportamento de Israel senón que o apoian.

Pero, amais dos países que non condenan o xenocidio palestino, dentro dos países que si o fan hai forzas políticas que defenden as políticas criminais de Benjamin Netanyahu (moitas desas forzas aínda hoxe negan a existencia do holocausto dos xudeus baixo o réxime hitleriano), que defenden con uñas e dentes ben as accións de Israel contra Palestina, ben a non-condena desas accións e a toma de medidas restritivas nas relacións co estado sionista. A estes tamén podemos consideralos coma cómplices inmateriais do sionismo criminal.

Necesidade dunha fronte internacional contra os crimes de lesa humanidade

Quizá o único organismo colectivo que condena firmemente o xenocidio que está a acontecer en Gaza e que denuncia o incumprimento polo Estado xenocida de Israel da legalidade internacional é a ONU.

Na Segunda Guerra Mundial, á vista da violación dos dereitos humanos emprendidos pola Alemaña nazi e o seu intento de expansión territorial, os países democráticos formaron unha forza militar coa finalidade de rematar con esa situación. Só quedaron á marxe desa operación os aliados europeos de Hitler (a España franquista e a Italia fascista) e o imperialismo Nipón na área do pacífico.

Hoxe, os países que se consideren así mesmos como democráticos deberían rachar todo tipo de relacións co Estado de Israel, sen ver e considerar o que poidan pensar os EUA gobernados por nazis coma Trump ou países gobernados por calamidades tipo Milei; deberían esixir dese estado criminal a fin da agresión e do xenocidio contra a poboación palestina e o respecto polos dereitos humanos; deberían esixir tamén o cese dos seus actuais gobernantes e dos máximos responsábeis do seu exército e dos seus servizos de intelixencia. Igualmente, deberían esixir a entrega de todos eles para ser xulgados por crimes de lesa humanidade, como o foron os responsábeis do holocausto nazi.

E, no caso de que a ruptura das relacións non deran resultado, non dubidar en facer o que fixeron as democracias contra o réxime de Adolfo Hitler: formar un exército internacional para pararlle os pes ao sionismo do Estado de Israel; estado que non é nin máis nin menos que a reprodución en termos actuais  do Estado Hitleriano responsable do Holocausto contra a poboación de relixión xudea. O que non pode permitir a decencia e a humanidade é o que está a facer o Estado criminal de Israel; se hai que usar a forza, úsase.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...