Amosando publicacións coa etiqueta TECOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TECOS. Amosar todas as publicacións

22 maio 2020

O particular virus do PSOE: os "tecos"

Hai unha especie de suxeitos que pululan polas escalas administrativas do Estado aos que os círculos económicos denominan coma "tecos". Levan xestionando a economía española desde aqueles tempos nos que o ditador Franco declarou aberto (inaugurou, vamos, que ese home inauguraba todo, desde pantanos ata piscinas) o que denominou Plan de Estabilización, que non era outra cousa que poñer España aos ditados económicos das multinacionais estranxeiras para que estas puideran estabelecerse ás súas anchas pola xeografía española e puideran aproveitarse e explotar, tamén ás súas anchas, unha forza de traballo con escasas perspectivas de ocupación laboral naquel intre. Todo elo en arás a lograr un blanqueo internacional da ditadura fascista. Aquelas perspectivas supoñían unha condena para os traballadores e traballadoras do Estado Español a deixarse explotar na emigración ao amparo dos distintos Plans Marshall estabelecidos en diferentes países da Europa ao amparo dos acordos entre o réxime franquista e os aliados europeos e americanos, especialmente Francia e Alemania, destinos preferentes e forzados da man de obra española.
Non hai que dicir que estes plans do goberno fascista español foron secundados e aprobados polos mesmos gobernos que ao remate da II Guerra Mundial traizoaron aos antifascistas españois negándose a invadir o territorio dominado polos asasinos franquistas. Os mesmos gobernos que traizoaron, coa actuación dos seus servizos secretos, á resistencia antifascista e que entregaron atados de pes e mans á Garda Civil e ao exército franquistas a aqueles homes e a aquelas mulleres que con diferentes formas de actuar estaban dispostos a dar remate ao réxime terrorista de Xeneral Franco.
 Foi por aqueles tempos cando Eisenhower, daquela presidente dos Estados Unidos e imbécil como case todos os presidentes dese país, veu a Madrid para dar o respaldo definitivo e internacional ao réxime dos asasinos, cando nas escolas nos repartiron litros e litros de leite (preparados con leite en po, moitos deles feitos con pos caducados ou en mal estado procedentes dos excedentes do exército americano) e cando, por riba, nos levaban desde as escolas ás salas de proxección a ver brodios como "Raza" ou a outra fascistada da que xa non me lembro o seu título, coa única finalidade de empaparnos e contaminarnos coa ideoloxía fascista. Por desgracia para eles e sorte para o país, a contaminación non se estendeu tanto como eles pretendían. Aínda que si impregnou os comportamentos económicos e sociais dos empresarios españois (non podemos esquecer que nas alicerces da maioría das empresas que hoxe forman o IBEX-35 está a corrupción, os asasinatos e a explotación realizada manu militari baixo o franquismo) que no básico aínda hoxe persisten, como se demostra nos diferentes procesos por corrupción nos que está inmerso o Partido Popular. 
Este ambiente creado polo franquismo económico deu os seus froitos, creou escola. Moitos xoves de clases acomodadas (franquistas case todos, hai que sinalar) que se incorporaron aos estudos de economía nas diferentes universidades españolas, aspiraban a facelo como os xestores do Plan de Estabilización franquista. Posteriormente, na seguinte xeración (e xa non todos e todas fillos e fillas das clases acomodadas) esas aspiracións de moitos estudantes de economía, incluso da miña promoción e seguintes, moitos deles forxados na loita antifascista e con ansias de liberdade,  seguiron a mesma orientación. Teño que confesar que eu mesmo sentinme tentado en facer algún MBA nunha escola de negocios ao rematar a carreira; afortunadamente non o puiden facer, non tiña os cartos que se necesitaban nin vivía nunha cidade na que non tivera que pagar hospedaxe; daquela deume pena, máis vistas as cousas con perspectiva e atendendo ao que maiormente saíu deses sitios pronto alegreime de non ser economicamente podente.
Pois ben, de forma persoal ou ao través da deformación ideolóxica recibida nesas escolas especiais, moitas desas persoas convertéronse en administradores e administradoras dos intereses do gran capital. Uns fixérono incorporándose ao sistema financeiro ou ás grandes empresas herdeiras do franquismo económico e político; outros fixérono mediante a súa incorporación vía oposicións a corpos técnicos ou xurídicos do Estado. Entre eles están os famosos "tecos", os Técnicos Comerciales y Económistas do Estado, que na práctica a min paréceme que non son máis que xestores dos intereses do gran capital que operan desde o interior das instancias estatais.
A min sempre me asaltou unha dúbida sobre estas persoas "tecos". Realmente saben economía e adoitan solucións persoais e distintas diante de cada problema e axustados a cada momento ou actúan por esquemas automáticos aprendidos nas escolas de negocios ou nos apuntamentos cos que pasaron as oposicións? Non o sei, é un interrogante que por máis que o penso nunca dou resolto. "Tecos" famosos son, ou foron, Fuentes Quintana, Guillermo de la Dehesa, Miguel Angel Fernández Ordoñez (MAFO), Luís de Guindos, Pedro Solbes, Luís Gámir, José Manuel Soria, Álvaro Nadal, Jordi Sevilla ou Nadia Calviño, actual vicepresidenta e ministra de Economía do Goberno de Pedro Sánchez. Moitos deles forxados ao abeiro do Plan de Estabilización de 1959 baixo o amparo dos tecnócratas Opus Dei. Como podedes ver, hai unha teórica variedade e diversidade ideolóxica entre eles; a práctica desminte tal impresión.
Unha característica común a todos eles é que as solucións que aportaron aos diferentes aspectos da economía española sempre foron axeitadas aos esquemas de comportamento dos manuais dos gurús do capitalismo, e tenderon a favorecer, en maior ou menor grado, os intereses do gran capital e dos grandes empresarios, aínda a costa dos dereitos e do empobrecemento de gran parte dos traballadores e traballadoras. E seguen, polo que vemos nos comportamentos e reaccións de Nadia Calviño e do seu equipo, como vimos antes en Solbes ou en de Guindos. Pode ser que a crudeza das solucións sexa maior nos declarados como políticos "tecos" de dereitas (para iso son e para iso os contrata o capital), pero non son moi diferentes nin as solucións que achegan, nin as consecuencias dos seus actos son moi distintas das que achegan os políticos "tecos" que se declaran de esquerda ou socialdemócratas. Outra das súas características e que, cando tocan ministerio ou posto clave, sempre se arrodean doutros "tecos" nas direccións xerais ou subdireccións xerais que teñen o mesmo patrón de actuación e que proceden de escolas económicas iguais ou similares. E dicir, solucións ao servizo do gran capital e da supervivencia, a calquera prezo, deste corrompido e corruptor sistema económico que se chama capitalismo (ou "economía de mercado", se o prefiren).
E a que ven toda esta perorata? Pois a conto do que desde onte está nos medios: o pacto entre PSOE, Podemos e Bildu para derrogar a reforma laboral do Partido Popular. Esa reforma que é un cancro para a clase obreira pero que supón un instrumento que teñen os empresarios para aplicar políticas salvaxes con tal de protexer os seus beneficios. Iso aínda que teñan reservas de sobra para facer fronte a un período de vacas fracas. Pero non, os empresarios queren seguir a desfrutar e incrementar os seus beneficios e o seu benestar persoal aínda a costa de empobrecer, precarizar, facer sufrir e facer pasar fame á clase obreira e aos pequenos e medianos empresarios (aos reais, nos aos que defende CEPYME). E, por desgraza, co que parece ás veces colaboración activa dos dous sindicatos estatais CC.OO. e UGT. que pactan continuamente contra os intereses dos traballadores e ao son do que lles marca o capital, incluso impedindo que maiorías de traballadores de comunidades autónomas onde outros sindicatos máis reivindicativos son maioritarios participen nos procesos negociadores de ámbito estatal.
En todo este balbordo, polo que parece, van saír gañando os grandes empresarios. Co decidido apoio de Nadia Calviño, apoiada polo gran capital e polos seus servidores desde dentro do PSOE e coa pusilanimidade dos sectores máis sociais do PSOE. E por riba coas bendicións de CC.OO. e UGT.
Como xa ten pasado con Solbes e Jordi Sevilla desde os ministerios, con De La Dehesa e MAFO desde as direccións xerais e/ou o Banco de España e, agora, con Calviño desde o ministerios e as direccións xerais, os "tecos" cumpren a súa función de administradores dos intereses do gran capital. Son un virus tan asentado no PSOE que ten como efecto que nunca ese partido cumpra coas súas promesas electorais de carácter máis social e redistributivo, que xa de por si son bastante tibias. O que non fai máis que afianzar a miña idea, expresada en moitas ocasións, de que o PSOE non é de fiar; está demasiado implicado na defensa do capitalismo e da burguesía como para adoitar medidas tendentes a acadar unha maior igualdade e xustiza social entre as persoas.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...