11 febreiro 2026

ENSINO GALIZA: UNHA FOLGA ÚTIL

 INFOGAUDA: UN ESPAZO DE INFORMACIÓN TRANSFRONTEIRIZA: ENSINO

         Hai xa máis de 10 anos que, por xubilación anticipada, deixei a miña actividade como ensinante. Daquela xa se empezaban a notar os síntomas do que hoxe xa é unha grave enfermidade do ensino público non universitario na Galiza: exceso de horas lectivas do profesorado, exceso do número de alumnado por aula, burocratización (daquela, sobre todo, na FP), trabas á atención ao alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) por falta de profesorado, falta de profesorado, tamén, noutras especialidades da docencia, exceso de materias afíns, falla dun mantemento estrutural axeitado nos centros educativos, orzamentos de miseria, trabas e obstáculos ao uso normal do galego nas aulas, supresión de aulas e unidades públicas que se traspasan aos negocios do ensino concertado... E, posiblemente, outros que deles xa nin me lembro e que, tamén posiblemente, poderían facer máis doados e produtivos tanto o labor como o aproveitamento docentes.

        Toda esta degradación acelerada planificada xa, sen dúbida, xa coa perspectiva de impulsar unha maior privatización do servizo público de ensinanzas; privatización acelerada que na actualidade vese con claridade, sobre todo, na Formación Profesional con esa mala e ineficiente imitación da formación en alternancia alemá que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia estableceu no noso país e co aumento dos concertos e axudas a centros privados concertados. Sen esquecernos da etapa de cero a tres anos da Educación Infantil, dependente da Consellería de Política Social, onde a privatización é máis que descarada.

         Teño que confesar que me sentía moi a gusto impartindo as materias da miña especialidade; que me congratulaba estar na compañía do meu alumnado (ás veces tamén fora das aulas) e de moitos e moitas das miñas colegas. Que era feliz preparando as miñas aulas na casa aínda que puidera levarme horas e horas acadar e preparar material complementario a sabendas de que non ía ser un esforzo baldío. 

        A miña xubilación non foi por ter chegado aos 65 anos, senón, e como xa sinalei nun principio, anticipada. E, á parte de motivos persoais de peso que me levaron a adoitar a decisión de xubilarme, quizais fora o exceso de burocratización que se miraba vir e a falta de dotacións materiais as que inclinaron a balanza cara á decisión de xubilarme. Mais, no fondo, aínda hoxe sigo a botar en falta a relación co alumnado.

        E vexo, polo que leo en distintos xornais, que os problemas que o ensino público ten na actualidade son os mesmos, pero moi aumentados, que os que tiña cando eu optei por me xubilar. (Cando digo nos xornais, loxicamente non me refiro a La Voz de Galicia, nin a La Región, tampouco a El Correo Gallego, Faro de Vigo ou El Progreso e outros que só sobreviven polas subvencións, subscricións e publicidade das consellerías da Xunta; xornais nos que tal parece que todos os servizos públicos da Galiza dependentes da Xunta de Galicia son unha balsa de aceite con ausencia case total de problemas graves dos que informar.)

        As persoas que sigan este blog, se é que as hai, decataranse de que é a primeira vez que escribo sobre o ensino e a súa situación. Mais desta vez, a participación crecente dos distintos sectores das comunidades educativas nas distintas mobilizacións do curso 2023-24, 2024-25 e as que se están a levar neste curso 2025-26, chamaron a miña atención (folgas, manifestacións en Compostela, peches sindicais na Consellería de Educación, distintas formas de mobilización locais, peches rotatorios en centros de ensino, etc.).

 Por un ensino público de calidade

         (Mira ti! Saíume un título de apartado que parece situarme nas mobilizacións habidas cando estaba en activo, en especial as do ano 1998 na educación non universitaria galega, coas que as actuais mobilizacións teñen algunhas semellanzas, tanto na participación docente como nas actuacións sindicais feitas ás costas do profesorado por algunhas organizacións).

        As actuais mobilizacións, iniciadas xa en cursos anteriores, teñen como leiv motiv a mellora das condicións da profesión docente e de distintos aspectos dos procesos e dotacións educativas (que non vou enumerar para non alongarme en demasía e que poden coñecerse e relembrarse nas hemerotecas dos diferentes sindicatos, na prensa galega publicada en papel e nos medios dixitais galegos, agás os mencionados directamente máis arriba).

        Pero as arelas de mellora da calidade do ensino e de mellora das condicións de traballo do profesorado galego víronse frustradas polo denominado Acordo da Vergoña, asinado polos sindicatos ANPE, CC.OO. e UGT coa Consellería de Educación  ás costas do profesorado; acordo que non recollía ningunha das principais reivindicacións dos corpos docentes da Educación Infantil e Primaria e da Educación Secundaria, simplificando: recuperar os dereitos laborais anteriores ao ano 2007, redución do alumnado por aula, reforzar a atención ao alumnado NEE, etc.  Isto provocou un rexeitamento maioritario no profesorado, que nos seguintes tempos e até hoxe secundou as accións de protesta e reivindicativas convocadas pola CIG-Ensino e STEG. Hai que sinalar que estas mobilizacións do profesorado foron secundadas por multitude de ANPAS, federacións de ANPAS e sindicatos de estudantes.

        Un acordo asinado pola Consellería de Román Rodríguez con sindicatos que entre todos eles só representan ao 47,3%, segundo datos recollidos das últimas eleccións sindicais, do profesorado non universitario de Galiza, e que foi rexeitado pola maioría sindical que representa ao profesorado do ensino público non universitario. 

        A todo isto, hai que lembrar que ese Acordo da Vergoña foi unha manobra impulsada pola Consellería de Educación, utilizando como comparsas aos asinantes, para tentar parar as crecentes mobilizacións non porque a Consellería fora a cumprir o que asinou. Iso ficou patente na impotencia amosada polos asinantes do mesmo diante dese incumprimento que nada achegaría á resolución dos problemas do ensino e do profesorado. Porque de cumprir as tristes condicións do mesmo... nin flores (como era de esperar desa maquinaria de propaganda baleira de realidade que é a Consellería de Educación, dito de paso).

        Outra cousa a lembrar é que, xa no pasado non foron nin unha, nin dous, nin tres, as ocasións nas que estes mesmos sindicatos teñen asinado coas administracións educativas (centrais ou autonómicas) acordos que supuxeron puñaladas trapeiras ao profesorado, e que en numerosas ocasións provocaron unha desmoralización e unha desmobilización do mesmo.

A reacción da Consellería diante do mantemento e gran participación nas mobilizacións.

        Diante das masivas mobilizacións do profesorado e coa clara intención de parar a mobilización docente (parece que agora os pais, nais e alumnado á Consellería impórtanlle un pemento), o peor conselleiro de Educación que tivo este país desde 1996 ata hoxe, moi "esperto" el, tivo unha "excelente" idea: convocar aos asinantes do Acordo da Vergoña para facerlle novas propostas.

        Cales foron esas propostas? Pois nin máis nin menos que a de volver ás 18 horas lectivas no ensino secundario. E o demais? E no resto dos niveis educativos non universitarios? E os rateos nas aulas? A dotación de máis profesorado especialista para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais? E o aumento dos cadros do profesorado? E así poderiamos seguir ata encher dúas páxinas, ou máis, completas dun xornal editado en formato tabloide. Volvera a Consellería de Educación a incumprir ese novo acordo adoitado con organizacións que se deixan tomar o cabelo e non teñen o respaldo do profesorado?

        O realmente triste é que eses sindicatos reafirmen a súa complicidade e confianza con un órgano, a Consellería de Educación, que normalmente se resiste a cumprir os acordos e que xa os ten enganado; é triste, tamén, que se presten a ser cómplices da maquinaria de propaganda do Partido Popular, contribuíndo a espallar o fume que desde esa consellería xeran o conselleiro Román Rodríguez e os seus cargos de confianza.

        Igualmente triste é que algunha das representantes dos vergoñentos sindicatos asinantes sinale na rolda de prensa posterior á firma algo así como que "os que non asinaron non van poder participar no seguemento do acordo". Acaso non saben, a mencionada persoa e os restantes asinantes, que as condicións de traballo dos docentes teñen que ser negociadas nas mesas sectoriais? Porque iso é o que di a Lei de Representación Sindical dos empregados públicos. Ou acaso pretenden, de novo, desprezar á unha maioría do profesorado que non está representada por eles?

        Pero os depositarios da vergoña docente medraron desta volta; a eles xuntouse o CSIF, que durante un tempo apoiou as mobilizacións contra o vergoñento acordo. Pero iso é o que teñen os sindicatos corporativistas; e o CSIF o é.

        Outro dos elementos da propaganda baleira creada por Román Rodríguez é o da oferta pública de emprego para o ano en curso, destacando a creación de prazas nas especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Máis fume, máis mentiras e máis propaganda da Consellería espallada aos catro ventos polos xornais máis arriba mencionados. Non espallan eses xornais as contas feitas polo sindicato maioritario do ensino público non universitario da Galiza, a CIG-Ensino,  onde con datos e cifras ponse en evidencia que a convocatoria de oposicións apenas cubre as vacantes que por mobilidade, xubilación ou defunción se producen no ensino público da Galiza.

        En fin, todos a unha: Partido Popular e asinantes do Acordo da Vergoña, ver 1.0 e 2.0.

Polo ben do ensino público e do país 

        Polo ben do ensino público, polo ben das clases populares máis desfavorecidas economicamente, polo ben do ensino rural, polo ben do futuro do país, espero que as mobilizacións do profesorado non se deteñan, que forcen á Consellería de Educación a negociar e chegar a acordos coas forzas sindicais que representan á meirande parte do profesorado non universitario.

ENSINO GALIZA: UNHA FOLGA ÚTIL

              Hai xa máis de 10 anos que, por xubilación anticipada, deixei a miña actividade como ensinante. Daquela xa se empezaban a nota...