Amosando publicacións coa etiqueta Contaxios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contaxios. Amosar todas as publicacións

20 maio 2020

Galiza: Eleccións e"fodechinchos" segundo Feijóo (e II)

Poñemos aquí a segunda parte do artigo que leva por título «Galiza: eleccións e “fodechinchos” segundo Feijóo». Poderiamos ter titulado esta parte como «A campaña electoral e o perigo dos “fodechinchos” segundo Núñez Feijóo», pero imos manter o título orixinal.
Campaña electoral
Descartada xa a mobilidade provincial nas Fases Cero e Un, volve Núñez Feijóo (xa coas eleccións convocadas) á carga co tema e solicita para o comezo da Fase 2. É moi posible que a concedan. Posiblemente o pacto acadado entre Goberno central e PNV para acadar apoios ás políticas de desescalada teña algún aspecto deste tipo. Non esquezamos que o goberno vasco tamén ten convocadas eleccións para o mesmo día que o noso presidente vernáculo; e a dereita vasca tamén necesitará mover aos seus peóns electorais.
Falamos na primeira parte de como Feijóo retorce ata estrangular as conclusións dos principais epidemiólogos de Galiza para axeitar os perigos de extensión e de reactivación da pandemia do COVID-19 aos seus desexos electorais. E cando falo dos principais epidemiólogos do país, non me refiro ao que a Consellería de Sanidade e o noso presidente vernáculo chaman “equipo de expertos”. A min os xerentes de áreas de xestión sanitaria, xerentes de SERGAS, xefes de servizo nomeados a dedo e toda a caste de xente que pode estar aí escollida a dedo pola súa fidelidade política ou polo seu comportamento “obediente” non me ofrece ningunha confianza. É dicir, a mesma confianza que me ofrece Núñez Feijóo ou La Voz de Galicia.
Pero si lemos en distintos medios que os expertos non lle dan a razón ao actual presidente da Xunta de Galicia. Así o doutor Enrique Míguez, xefe da unidade de infecciosas do CHUAC, di que se poden esperar dous rebrotes da pandemia neste ano 2020, un “pequeno” nas seguintes dúas semanas e un segundo “dunha amplitude non predecible” cara a finais de xullo (Galicia Confidencial, 13-05-2020).
Incluso os informes que manexa o propio goberno de Galiza indican que a previsible chegada masiva de turistas desde outros territorios nos meses de xullo e agosto pode provocar un aumento da transmisión do virus. Igualmente hai coincidencia entre numerosos especialistas en que o sistema sanitario público está nunha situación de extrema fraxilidade derivada “da pobreza á que se viu sometida nos últimos anos” e que “a precariedade, froito da privatización do sistema sanitario e a falta de investimento en Atención Primaria colócanos agora nunha situación de debilidade. As autoridades deberían entender que o incremento da poboación nas zonas costeiras será importante e debe ter preparado recursos humanos e técnicos para que o sistema de vixilancia e a capacidade asistencial funcionen". (Fonte: Nós Diario, 15 de maio de 2020)
Neste senso, Núñez Feijóo, despois de retorcer os ditames dos especialistas e de, incluso, dar información falsa sobre o número de turistas que se achegan ás nosas costas nos meses de xullo, agosto e setembro (contradicindo os datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística -IGE- di que setembro é o mes de maior afluencia de visitantes e que por iso non pode levar as eleccións a ese mes no que remata a lexislatura) conclúe que a súa conveniencia electoral está en convocar as eleccións no mes de xullo.
O “perigo dos fodechinchos”. Blindar Galiza.
Todos os estudos realizados ata o momento sobre a transmisión na Galiza e a orixe das cepas do COVID-19 presentes na Galiza conclúen que a súa procedencia hai que situala alén dos límites do nosos territorio, fundamentalmente na zona centro. Suponse, tamén, que foron as fins de semana do 13 ao 15 de marzo e a do 19 ao 22 dese mesmo mes na que a afluencia de visitantes á nosa terra serviu de vehículo transmisor do virus. De feito, os galegos da costa eran conscientes deste perigo, de aí a aparición e extensión polas redes sociais de gráficos con connotacións negativas e lendas como a que aquí se reproduce referidas aos turistas e visitantes. 
Este perigo de transmisión, como manteñen os especialistas, é previsible tamén nos meses de maior afluencia turística de xullo e agosto. E nin Núñez Feijóo nin o responsable da Consellería de Sanidade de Galiza se atreven a negalo. Nun informe elaborado pola Consellaría de Sanidade, de cara a xustificar unha convocatoria electoral non apropiada para a situación sanitaria do país, indícase que "un factor que pode alterar a situación de control da infección na comunidade é a entrada múltiple de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior, que poden iniciar cadeas que pasen desapercibidas nun inicio". E que "durante o mes de xullo o previsíbel aumento do contacto entre persoas, produto da recuperación de actividades até o momento restrinxidas e a posíbel entrada de persoas infectadas, co incremento do número de viaxeiros, podería provocar unha suba da transmisión do virus, que podería dar lugar, ao cabo de varias semanas, a agrupación de casos en territorios concretos da Galiza que obriguen a novas medidas de mitigación xa abandonadas". E que as comarcas máis afectadas van ser as turísticas (fonte: Nós Diario, 15-05-2020).
Aínda asumindo e afirmando Feijóo que a entrada masiva de turistas desde partes do Estado fortemente afectadas pola pandemia é, segundo as súas propias verbas, un perigo que pode significar un rebrote da pandemia, é incapaz de solicitar do Estado que blinde Galiza para evitar esa probabilidade que, tamén, os distintos especialistas (ata os deles) dan como certa. Fica claro que o que lle interesa é a súa carreira política á costa do que sexa; lonxe quedan os tempos de “como se van celebrar unhas eleccións nunha situación de emerxencia sanitaria e estado de alarma?”. Iso agora non importa; dirían eles, os peperos, que o importante é favorecer aos seus amigos hostaleiros de grandes cadeas para que fagan pingües negocios, de mimar aos pequenos propietarios de vivendas turísticas e pequenos bares e restaurantes. Que iso é un perigo en potencia? Cando se poña de manifesto xa eles contan con ter a maioría absoluta no Parlamento Galego para seguir facendo deste país un local de negocios a costa da destrución da súa economía e da súa sociedade, como levan facendo anos e anos.
De aí, tamén, as presas por convocar eleccións. O tempo é o seu inimigo; canto máis tempo transcorra entre a fin do estado de alarma e as eleccións galegas máis tempo vai ter a cidadanía responsable e os medios de comunicación non comprados polo poder para dar a coñecer todos os despropósitos cometidos polos distintos gobernos de Núñez Feijóo e en cuxa base se encontra a case totalidade das miserias e mortes que hoxe asolan ao país por causa do coronavirus, sobre todo o abandono do sistema sanitario público e do sistema de atención á dependencia postos ambos ao dispor e mellor proveito de negociantes e de políticos, moitos deles sen escrúpulos.
Se queres ir á praia debes pedir a vez (e ter un Smartphone ou un I-phone para poder facelo).
Unha das colaboradoras máis “espelidas” do noso presidente vernáculo, Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dona Ángeles Vázquez, tivo unha brillante idea para que a chegada masiva de turistas nos meses xullo, agosto e setembro non supoña unha ocupación das praias que poida provocar o non gardar distancias de seguridade e xerar contaxios por masificación nas mesmas.
Supoño que a estas alturas, pola chunga e cachondeo públicos provocados pola idea, xa todos e todas estarán ao corrente da brillante e rutilante idea de dona Ángeles: establecer unha aplicación pola que os concellos, ao través da asignación de códigos QR, dean turno para poder acceder aos centos de praias que Galiza ten (e poñer en cada unha persoal para controlar que ninguén se coe, claro).
Por se non se lembran a lumieira produtora desta idea é a mesma persoa que solicitou ao goberno central que retirara a prohibición de efectuar desafiuzamentos durante o estado de alarma para non impedir a dinamización do mercado de alugueiros; ou a mesma, se mal non me lembro, que falaba de indemnizar a Autopistas de Atlántico, S.A. polo descenso no tráfico da autoestrada nas primeiras semáns do estado de alarma coincidindo co confinamento e o paro produtivo.
Eu non sei se esta persoa, amais de a propoñer ideas deste tipo, non se dedicará a coleccionar esquinas ou a contar os farois que vai atopando ao seu paso; non me estrañaría, é membro do equipo de Núñez Feijóo.
Como se van organizar as mesas electorais?
Outro dos aspectos dos que Feijóo non quer falar é o de como se van organizar as mesas electorais e os protocolos de votación en pleno estado de alarma pola pandemia. Simplemente deixa nas man da Xunta Electoral a organización do evento, sen dar máis alternativas que a de intensificar o voto por correo.
En definitiva serán as xuntas electorais locais ou provinciais e os concellos quen deben organizar e dispoñer os recursos materiais e humanos para que o proceso electoral poida levarse a cabo. Cantas mesas ?, Onde? , Cantos electores e electoras por mesa?, Como organizar as cabinas de votación para impedir contaxios? Como manter o distanciamento social entre os membros das mesas electorais e entre estes e os electores?, Como esixir a documentación aos votantes e pasala de man en man? Que medidas sanitarias se adoitan para evitar contaxios nos colexios electorais? Só con ver este pequeno número de cuestións que aparecen a bote pronto mostran a inoportunidade desta convocatoria electoral precipitada, mostran que é unha convocatoria electoral ad hoc, a medida dos intereses de alguén concreto e non da maioría da poboación galega. Mais o goberno e o partido de Núñez Feijóo lávase as mans; o que lles interesa é seguir a mangonear.
Como unha primeira medida poderíase prohibir o traer o voto co sobre da casa, obrigando a proverse del no colexio electoral no intre de ir votar. Pero nin PSOE nin PP van admitir que unha das principais formas de captación de voto, sobre todo aqueles procedentes do carrexo de xente desde aldeas e residencias de maiores afíns. 
O voto por correo.
E se hai unha participación masiva no voto por correo? Están as oficinas postais capacitadas en medios e persoal para atender unha masiva afluencia nunhas xestións que, por sinxelas que son, levan o seu tempo entre entrega de impresos, xustificación de identidade, materialización do depósito do voto en correos e hixienización de todos e cada un dos sobres depositados? E posteriormente traslado en tempo dos votos ao colexio electoral correspondente? Non esquezamos que, segundo os sindicatos de correos, o colectivo de carteiros é un dos máis afectados polos contaxios de COVID-19.
Igualmente, a participación do voto por correo require a intervencións das xuntas electorais provinciais. Recepción das solicitudes en papel libre de virus (suponse) , comprobación de identidades, envío de documentación aos solicitantes para que poidan exercer o seu voto, mantemento da hixiene e desinfección de todo o papel que se move en e durante o proceso. Iso require persoal. Hai persoal suficiente nas xuntas electorais para acometer unha labor masiva no voto por correo? Non esquezamos que nas últimas eleccións, debido a un breve aumento no voto postal, as xuntas electorais tiveron que aumentar os prazos para a entrega dos votos e documentacións.
Outro aspecto do voto por correo, no caso de que se masifique, é o referente ás mesas electorais presenciais. Este voto é o último que se mete en urna, unha vez pechados os colexios electorais aos votantes directos. No caso de que a afluencia presencial sexa mínima ás urnas e a meirande parte dos electores e das electoras se decante por utilizar os servizos postais pra exercer o seu dereito a voto que vai pasar? a) Ao ter que estar os membros da mesa ata o remate da xornada e despois abrir masivamente os sobres, clasificar, recontar e cumprimentar toda a documentación; daranlle as tantas antes de rematar o reconto?. b) Quen asegura aos carteiros que trasladan a documentación ata as mesas e ás persoas que compoñen as mesmas que esas documentacións, tanto no seu interior coma no seu exterior, están perfectamente hixienizadas e desinfectadas e non supoñen risco para a súa saúde?
Un despropósito. Cóllase por onde se colla.
Fica máis que claro que convocar unha eleccións con todas estas limitacións e baixo a ameaza da extensión dunha pandemia da que non se coñece case nada é unha temeridade, que sería mellor esperar ata o mes de setembro no que parece que poida haber senón unha vacina si un medicamento que axude a conter os efectos do coronavirus (polo menos os máis nocivos).
E se por mor dun repunte perigoso da pandemia non é posible convocar no mes de setembro, cando tocaría por remate da lexislatura, posiblemente estariamos diante dun novo estado de alarma e unha nova xeira de confinamentos en maior ou menor grao polo que automaticamente esas eleccións poderían volver ser adiadas unha vez máis.
Hai indicios que nos din que as cousas non pintan tan ben na saúde do país como desde hai algunhas semanas pretenden facernos crer o presidente vernáculo e os seus escudeiros: Feijóo di non descartar o ter que suspender o proceso electoral se houbera un rebrote dos contaxios. Iso quer dicir nin sequera este e o seu partido teñen as cousas claras sobre esta nova convocatoria electoral.
En fin, o que diciamos antes: un despropósito feito a medida dos intereses particulares dos convocantes, dos intereses de Núñez Feijóo e do Partido Popular. Sen esquecer os intereses das grandes empresas de hostalería cuxos intereses antipopulares sempre representou o Partido Popular.
O grave problema da información obxectiva na Galiza.
Eu non sei como vostedes verán as cousas desde o punto de vista de poder acceder a unha información independente, completa e obxectiva a través dos chamados medios de comunicación. Medios que non confundan a información coa opinión nin a información coa propaganda; medios que non beneficien e potencien a unhas opcións políticas sobre outras.
Eu teño claro (e esta é unha opinión moi persoal que non ten porque ser asumida por ninguén) que hai medios que non me van servir para informarme con obxectividade do que realmente está a ocorrer na Galiza. E vounos nomear. Dentro da prensa escrita e das súas edicións dixitais editadas na Galiza, a min no me serven como referencia de información obxectiva e fiable La Voz de Galicia, El Faro de Vigo, El Progreso, La Región, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra e La Opinión de Coruña. Dentro das limitacións que os diarios impresos de carácter estatal teñen para estenderse sobre a realidade de Galiza, tampouco quero saber nada de El Mundo, ABC e La Razón, de entre os máis significativos, tanto nas súas versións impresas como dixitais por non consideralos fiables e imparciais nas súas informacións (prefiro ler os xornais portugueses que me informan mellor).
Por suposto non so non me fío senón que desconfío das emisoras da Compañía de Radio e Televisión de Galicia, RTG e TVG. Son claramente instrumentos de propaganda ao servizo do Partido Popular e de Núñez Feijóo, coa falta total de imparcialidade e obxectividade informativa que calquera medio público debería ter. E non o digo eu; dino os seus propios traballadores e traballadoras, incluso os de informativos falan de censuras, mencións prohibidas, censuras previas e temas tabú amais de criticar abertamente a política informativa dos citados medios. Póñeno de manifesto os propios traballadores participantes do movemento “Defende a Galega” cada venres desde hai algúns anos.
É dicir, hai pouco onde escoller. Nos xornais diarios estatais impresos Galiza case non existe, está desaparecida do Estado pese a ter graves e variados problemas tanto económicos como sociais, agravados de forma recorrente en cada actuación do goberno de Núñez Feijóo; parece que só aparecemos nos medios dixitais ou escritos estatais cando hai algunha desgraza. Antes tiñamos a edición galega de El País; non é que fora gran cousa pero era información, con matices pero información.
Que é o que nos queda? Fundamentalmente os xornais diarios editados en dixital Galicia Confidencial, Praza Pública e Nós Diario (este editado tamén en papel) así como informativos de carácter local editados dixitalmente dos que sempre se saca algo positivo. Que é o que nos queda? Fundamentalmente os xornais diarios editados en dixital Galicia Confidencial, Praza Pública e Nós Diario (este editado tamén en papel) así como informativos de carácter local editados dixitalmente dos que sempre se saca algo positivo. E tamén xornais diarios estatais editados en dixital como publico.es, eldiario.es, elconfidencial.com, cxtx.es, elsaltodiario.com e outros minoritarios que entre información e colaboracións van aportando información obxectiva sen misturar opinión-información e sen sesgos (ou con poucos) na exposición das novas.
E emisoras de radio comerciais? Pois nada aquí volvemos a ver a non confiabilidade. A min non se me ocorrirá tentar de informarme do que realmente ocorre pola Radio Popular, nin pola redacción local de Radio Vigo, nin por Radio Voz ou ES Radio. Podo escoitar Onda Cero ou a rede estatal da Cadena SER, ambas con moitas cautelas separando o que é información do que é opinión cando estas vanmisturadas.
Votar para botar.
E niso estamos. Asi que a votar o día 12 de xullo. E, sobre todo, a votar para botar á pandemia pepera do goberno da Galiza.

Galiza: Eleccións e"fodechinchos" segundo Feijóo (I)

O noso presidente folclórico e vernáculo, o señor Núñez Feijóo, como era de esperar, non puxo nada da súa banda para defraudar aos agoireiros que falaban de que ía convocar eleccións en plena pandemia do COVID-19. Teremos que acudir ás urnas o domingo 12 de xullo, ou votar por correo previamente. E deberemos facelo, a ver se nos desfacemos dunha vez por todas de esa grave enfermidade que ten Galiza e que se chama Partido Popular. Alternativa proposta? Eu teño as miñas preferencias, loxicamente, pero diante da posibilidade de seguir gobernado pola dereita franquista do Partido Popular ou por unha alianza desta cos nazi-fascistas calquera outra alternativa éme válida.
Faino retorcendo ata estrangular os distintos argumentos dos científicos sobre o previsible futuro dunha extensión da pandemia na Galiza acompañado dun rebrote dos contaxios e, conseguintemente, do colapso dun sistema sanitario público que segue a estar infradotado tanto en persoal como en medios técnicos para atender unha nova onda de contaxios. Deixando claramente á vista que, desde o primeiro momento do aprazamento das eleccións acordado no mes de marzo ou abril das eleccións galegas toda a súa actividade de busca de culpables para as desfeitas da que só el e os seus administradores son responsables, estaba supeditada á unha campaña electoral máis ou menos encuberta.
Esta convocatoria electoral dáse nunha situación na que unha Consellería de Sanidade, xunto coa súa tropa de administradores das distintas áreas de xestión e dos xerifaltes do SERGAS, nomeados todos eles a dedo e con motivacións fundamentalmente políticas non parece disposta a remediar as carencias do sistema sanitario público sobre o que ten plenas competencias; nin Núñez Feijóo disposto a esixirllo. Nin nas áreas de atención primaria, nin nas áreas de atención especializada e hospitalaria. Como di a célebre canción dun dos “artistas” bandeira do Partido Popular: la vida sigue igual. De feito, as contratacións de persoal en prácticas para facer fronte á dura sacudida do virus nunha Galiza cunha sanidade pública desmantelada por Feijóo e os seus mercenarios, contratacións pensadas para o momento de apuro, son prorrogadas ata un ano en detrimento das listas de contratación de persoal con experiencia abertas no SERGAS; un bordeo da lei máis por parte dos incompetentes xestores dun servizo público esencial como é a sanidade seguindo as directrices do Partido Popular.
Pero amais, estas carencias vanse por de manifesto nun período post-electoral no, que se alguén non o remedia, imos estar nunha situación na que os centros de saúde e urxencias hospitalarias van estar (como todos os meses de xullo e de agosto) saturados pola afluencia de turistas á Galiza; e, por riba, cos cadros de persoal aínda máis diminuídos e compostos en gran parte por persoal en prácticas. Excepto que se lle neguen as merecidas vacacións a uns sanitarios e a unhas sanitarias que nestes últimos meses estiveron traballando a reo, forzando as súas posibilidades físicas e psicolóxicas e maltratados por unha administración sanitaria infectada de cargos “obedientes” e cargos políticos, todos nomeados a dedo, que os explota e precariza laboral e profesionalmente e os reprime se alzan a voz contra os desleixos, temeridades e inxustizas que cometen (aínda que de cara ao público eses vergoñentos lambecús e esas vergoñentas chupa-pollas aplaudan todos os días ás 20:00 horas; e aínda que cada día se lles encha a boca de verbas hipócritas que despois os seus actos desmenten).
Fica claro que ese presidente folclórico e vernáculo, o señor Núñez Feijóo, non quere dar tempo a que se poida dar publicidade a todos as barrabasadas que el cos seus equipos políticos cometeron na Galiza. Barrabasadas que xeraron centos de mortes en residencias de maiores privadas ou que eles cederon en xestión privatizada. Onde se denota unha clara connivencia cun grupo empresarial dedicado ao negocio da atención á dependencia con múltiples residencias de maiores e de centros de día, con altos beneficios económicos resultado do desleixo da administración dirixida por Núñez Feijóo; grupo empresarial e ao que se lle concedeu a xestión de residencias de propiedade pública non se sabe moi ben por que, pero que si se sabe que eran escasos en persoal e medios para atender aos residentes e que xa houbera denuncias e queixas dos familiares das persoas alí mal atendidas. 

Está claro que queren ocultar todas as barrabasadas que xeraron nos moitos anos que levan desgobernando Galiza, que non queren dar tempo a que a poboación poida atar cabos e ver que os gobernos de Núñez Feijóo e do Partido Popular son os máximos culpables do abandono que está a sufrir este país, de todos os problemas sanitarios (xa sinalados en distintos artigos deste blog) que asolan ao sistema sanitario público de Galiza, da precariedade da contratación e da escasez de persoal nos servizos públicos, así como un desleixo programado na xestión dos ERTEs que impediu que moitos dos traballadores e traballadoras afectadas poideran cobrar o que lles correspondía no tempo que debería cobralo. E moitas outras barrabasadas máis; e iso só no período de dous meses, do pasado marzo ata hoxe, que se me poño a mencionar todas as que fixeron ou dixeron Feijóo e os seus conselleiros e conselleiras nestes dous meses remataría cando tivera máis anos que Matusalén. Xa non digo se nos centramos nos anos que leva presidindo o goberno da Galiza, porque entón non chegarían tres vidas do famoso Matusalén para contalas todas..
Mobilidade interprovincial ao comezo da “Fase 0”.
Cando Feijóo decidiu que as eleccións tiñan que ser celebradas no verán, cousa que sucedeu ao pouco de que o goberno central implantara o estado de alarma e estimara a duración probable do mesmo, todas as actuacións del e do seu partido puxéronse en termos de campaña electoral; a saúde da poboación, a pesar das súas continuas declaracións, ficaba nun plano secundario. Para el o importante era el e as súas ansias de revalidar o mandato.
Ao pouco de comezar a chamada “Fase 0” da deses calada, a primeira petición que desde a Xunta de Galicia se fixo ao goberno central foi a de permitir a mobilidade interprovincial en toda Galiza. Coñecendo o percal e os personaxes queda claro que a verdadeira intención do Partido Popular e de Núñez Feijóo non era que poidéramos visitar aos nosos seres queridos ou aos nosas amizades que vivan en localidades de distinta ou da mesma provincia. A verdadeira intención que tiña esta solicitude era a de poder espallar por toda Galiza, fundamentalmente nun medio rural por el maltratado aos seus axentes electorais; empezar a deixar cabos atados e contactos nos diversos lugares; engaiolando coas mais diversas artimañas, prebendas e medias verdades convenientes a unha poboación desinformada coa finalidade de poder pulsar os resortes electorais cando así o requirira a cuestión. E máis cando se supoñía que ía ser unha campaña curta, como parece que se confirma. Ter tocados aos seus peóns no rural é unha cuestión básica para Feijóo e o Partido Popular; o medio rural é unha das súas bases electorais fundamentais e, á súa vez, é un medio no que os caciques e medio caciques rurais móvense moi ben e, coa inestimable colaboración da Televisión de Galicia, prometen o que nunca cumpren. Afortunadamente para saúde física da poboación, o goberno central fixo caso omiso de tal pretensión.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...