Amosando publicacións coa etiqueta Goberno á portuguesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Goberno á portuguesa. Amosar todas as publicacións

11 agosto 2019

Goberno á portuguesa ?

Non remato por entendelo; e, a medida que o tempo vai pasando, o entendo menos. E refírome á actitude adoptada polo PSOE, e Pedro Sánchez como actor -ou comediante- principal, no camiño de tentar de formar goberno e así non ter que convocar eleccións no mes de setembro. Non entendo que tendo os prazos tan curtos e axustados teña a ousadía de “coller vacacións” e adiar os contactos con quen coida que pode apoiar a súa investidura ata o mes de setembro; e, por riba de todo, os contactos coa forza política da que depende fundamentalmente a posibilidade de que se forme goberno.
Porque o que parece claro (e todo pese ás mareiras que hai dentro do Partido Popular e nunha pequena parte de Ciudadanos) é que tanto o partido franquista como o partido que está a virar progresivamente cara á extrema dereita (C's) van votar negativamente á investidura de Pedro Sánchez coma Presidente do Goberno do Estado. E o partido nazi-fascista claramente vai votar en contra. O resto das forzas presentes no Congreso dos Deputados non se sabe moi ben o que van facer; supoño que dependerá do comportamento do PSOE. Mais non esquezamos a presencia na cámara de forzas situadas moi á dereita ideolóxica, como son Coalición Canaria ou Partido Democrático de Catalunya (PDCat) ou a marca branca do partido franquista en Navarra, aos que molestaría -e, polo tanto, non apoiarían- un acordo medio socialdemócrata entre PSOE e Unidas Podemos (UP). E non esquezamos que tamén está a dereita nacionalista vasca, o PNV, que aínda que máis proclive a aceptar medidas cunha certa progresividade social tampouco é para botar foguetes.
Tampouco a simple abstención do partido do “caudillo” Rivera, tan solicitada polo PSOE e tan negada por C's, serviría para investir a Pedro Sánchez coma Presidente porque é case seguro que o resto do arco parlamentario (agás Coalición Canaria e o Partido Regionalista de Cantabria) votara en contra da citada investidura, incluso aquelas que apoiaron a moción de censura de Sánchez, tendo en conta a progresiva e continuada viraxe cara á extrema dereita de Rivera.
Cal é a solución para formar goberno?
Logo, cal é a solución? Todo parece indicar que as cabezas pensantes do PSOE siguen a reclamar un goberno do PSOE con carta branca e apoiado polas mesmas forzas que posibilitaron o ascenso á Presidencia do seu secretario xeral; a outra posibilidade que seguen sen descartar parece ser a de que, de repente, Partido Popular e Ciudadanos se impregnen na crenza da existencia dos paxaros preñados e opten por absterse. Non cabe dúbida de que, obxectivamente, esta sería unha opción “interesante” para o Partido Popular desde o punto de vista de poder acadar acordos básicos co PSOE de cara a volver a afianzar o bipartidismo que ambos partidos pretenderon establecer ao longo da evolución da reforma do franquismo cara á esta democracia capada que padecemos. Cousa que ao PSOE tampouco lle iría mal. Amais, no esencial para eles, tampouco son tan diferentes PSOE e partido franquista; teñen múltiples coincidencias en cuestións básicas como a privatización sanitaria, mercado de traballo, sistemas de pensións, privatización da educación e dos servizos sociais, sistema tributario, defensa e relacións internacionais, política de interior e orden público...
Claro que: como xustificaría o PSOE diante das súas bases (tanto a militancia como a electoral) un “pacto de facto” coa dereita franquista ? Porque na noite electoral, coñecedores dos resultados e de que o goberno en solitario do PSOE non era posible, os partidarios de Sánchez presentes diante da súa se central dixeron claramente que “con Rivera no” e dáse por suposto que menos co Partido Popular, co cal o único que quedaba para poder optar a formar goberno era un acordo coa esquerda e, dentro da esquerda, só fundamentado nun acordo con Unidas Podemos. E, supoño, que os alí presentes nesa noite electoral non eran simples simpatizantes do PSOE, senón militantes do partido ou das súas xuventudes. Ata agora vese claro o desprezo que a cúpula do partido felipista ten amosado por eles.
Pacto á portuguesa.
Un goberno á portuguesa? É dicir: un goberno do PSOE apoiado en acordos parciais con distintas forzas políticas pero que deixe as responsabilidades de goberno unicamente no primeiro? Aclarar que o goberno do PS de Portugal (PSP), por razóns da relación entre as forzas á esquerda do PSP, está sustentado por dous acordos distintos: un entre o Bloco de Esquerda e o PSP e outro entre o Partido Comunista de Portugal e o PSP. Tamén sinalar que as orientacións de goberno do PSP se saltaron os acordos en asuntos tan esenciais como a privatización sanitaria, os dereitos salariais dos empregados públicos ou o sistema bancario portugués, o que produciu importantes friccións, case de ruptura, entre as forzas políticas do pacto. Non é de estrañar que diante da experiencia dos nosos veciños Unidas Podemos desexe ter presenza no goberno para garantir que os posibles acordos se cumpran, e que queira estar en áreas que garantan un maior grado de xustiza social.
Pero non só está a experiencia portuguesa. Está a propia experiencia do acordo subscrito entre o Gobierno de España e o Grupo Parlamentario de Unidas Podemos baixo o título de “Acuerdo de Presupuestos Generales del Estado para 2019” no que se introducían numerosos propósitos para realizar a curto prazo, así como outros a medio e longo prazos de contidos tendentes a acadar un estado cunha mellor distribución das rendas e máis social. Podíase adiviñar no citado acordo as intencións dos asinantes de tentar de prolongar máis ala do ano 2019 a colaboración de goberno en aras dun Estado máis xusto e respectuoso coas persoas e cos pobos que o conforman. No citado acordo falábase de cousas tan importantes para a maioría da poboación como o dereito a unha sanidade universal e da protección da sanidade pública contra as privatizacións, como da política de vivenda e alugueiro, falábase de derrogar o máis lesivo da reforma laboral, falábase do sistema público de pensións, da derrogación da lei mordaza e da progresividade da fiscalidade e da obriga de pagar impostos por todas as sociedades mercantís, de controlar as SOCIMIS e as SICAV.
Certo que os orzamentos non chegaron a ser aprobados. Tamén certo que o Goberno de España incumpriu o seu compromiso na regulamentación dos alugueiros e noutros moitos aspectos do acordado. Tamén que utilizou a non aprobación dos orzamentos para convocar eleccións e ir facéndose propaganda electoral en base a ir decretando leis de carácter social (positivas socialmente aínda que insuficientes). A cousa non lle saíu todo o ben que esperaban: non acadaron a maioría suficiente que lles permitira gobernar en solitario con apoios puntuais.
Pero iso non ficou aí; desde as eleccións e ata hoxe desmárcanse unha a outra vez das políticas sociais progresistas e de todo o, aínda que limitado, positivo que podía ter o acordo asinado entre Goberno e Unidas Podemos.
Queren goberno de verdade ou queren novas eleccións?
Vista a experiencia, como se fiar do PSOE ? É claro que non é de fiar, que segue na mesma tesitura da época “OTAN de entrada non”. Que non é sequera un partido de orientación socialdemócrata, senón un partido social-liberal que non aspira a transformar a sociedade cara a unha máis xusta.
E máis se temos en conta as que eu considero nauseabundas declaracións de dona Carmen Calvo no día de onte e as de vergoñentas declaracións de Ábalos publicadas no día de hoxe no diario El País.
Se o que o PSOE quer son novas eleccións, que o valoren ben. Pode volver a pasarlle o que nas últimas: que non lle saian as contas pese á cociña do CIS e que se repitan os resultados electorais. Ou, o que é peor, que a gobernabilidade do Estado caia nas mans do “trifachito”, o que implicaría (como estamos a ver que ocorre onde está a gobernar) un importante retroceso da sociedade en todos os aspectos.
Que queren apurar as cousas, presentar agora un programa de compromiso (Que fixeron todo este tempo atrás? Non tiñan xa un medio avanzado con UP?) para tentar de acadar “a última hora” como di Ábalos un apoio forzado por UP, PNV, Esquerra Republicana,... Pese a que o PCE (Esquerda Unida, vamos) volve ás súas compracencias co PSOE me temo que a súa influencia non vai ser quen de convencer á outra parte da súa coalición. Que a única solución vai ser un goberno de coalición real, con participación no goberno e no fundamental de todas as forzas que asinen o citado pacto.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...