Como
non dou colgado isto en http://moncloa.gov.es, no apartado
https://escribealpresidente.presidencia.gob.es/formulario,
vou poñelo aquí, en aberto. Cunha pouca de sorte chegaralle ao
destinatario. De todas formas tentareino máis adiante na web moncloita, cando paren
de chorar e atendan.
Na
Galiza, a 11 de novembro de 2019
Señor
Presidente:
Vaian
por diante os bos días e os meus e “parabéns” polos seus, e do
seu partido, resultados electorais.
Xa
hai tempo que tiña gana de dicirllo, directamente e por adiantado,
porque o sospeitaba, pero por desgracia os resultados electorais me
reafirman na necesidade de facelo: a súa maior contribución a
este país coa súa gracia do adianto das eleccións xerais foi a
contribución ao afianzamento electoral de Vox, de un partido
nazi-fascista (ás cousas hai que chamalas polo seu nome; de
extrema dereita era Strauss, aquel bávaro de CSU, que era moi
dereitoso pero non era fascista nin nazi).
Dados
os seus recentes antecedentes políticos non sei que vai pasar. Mais
espero que non volva a poñer por diante dos intereses da maioría da
poboación do Estado os intereses das confederacións de empresarios
e dos banqueiros, como xa fixo coa súa negativa a estabelecer unha
alianza de goberno que fixera unha política socialdemócrata na
pasada lexislatura.
En
todo caso, comentarlle (aínda que supoño que vostede xa o sabe) que
ao fascismo se lle combate con medidas e programas clara e
decididamente sociais; medidas e programas que incidan socialmente
sobre todo no campo da redistribución das rendas, das relacións
laborais, da dependencia, dos servizos sociais e, tamén, na
educación. Programas que non necesitan ser de “esquerda
revolucionaria”; simplemente baseados nos valores keynesianos;
aínda que os grandes empresarios e banqueiros deste país, crecidos
e alimentados á maioría deles ao amparo da corrupción franquista e
postfranquista, non teñan especial simpatía por John M. Keynes.
Non
faga o que os seus correlixionarios de Francia, Italia, Chequia,
Grecia, Hungría, Polonia, etc. que coas súas políticas de medias
tintas e de non desgustar aos especuladores, empresarios e banqueiros, que
o único que conseguiron foi acadar un logro igual ao que vostede
acadou: posibilitar o ascenso dos movementos nazi-fascistas nos seus
países. Como pode observar a historia repítese: isto mesmo ocorreu
na década dos anos 30 do século pasado coa socialdemocracia europea
coas consecuencias por todos coñecidas e coas mesmas correntes
ideolóxicas como protagonistas.
O
que si pediríalle encarecidamente é que derrogue dunha vez (xa
está ben de tanto falar e nada facer) a chamada Lei Mordaza e todos
os artigos do Código Penal de carácter autoritario e fascista que
están a provocar as delicias dos distintos suxeitos da extrema
dereita que existen no interior das distintas institucións do
Estado, que por desgracia (e temos en conta as diferentes
actuacións contra manifestantes pacíficos -mesmo vellos
preferentistas-, procesamentos e condenas de persoas por manifestar
publicamente as súas opinións, sentencias peculiares en casos de
violación ou escandalosas penas cautelares de prisión preventiva)
parecen ser moitos. E os fascistas non poden ter cabida nas
institucións dun país que se queira atribuír o cualificativo de
Estado Democrático e de Dereito; hai que erradicalos sen miramentos
das institucións.
En
todo caso, vostede dirá. Sempre nos quedará Portugal, que aí si
depuraron os aparatos do Estado de elementos fascistas e
salazaristas.
Por
último, dicirlle que espero que esta misiva pase o filtro do seu
gabinete de Moncloa e chegue a vostede, porque xa vai sendo hora de
que alguén lle diga as cousiñas. E comentarlle tamén que sigo a
pensar o mesmo que hai dous meses: dado o seu comportamento político
non merece vostede ser Presidente do Goberno; neste intre é
vostede un mal menor.
Ah!
Xa me esquecía: ese conselleiro seu, Iván Redondo, se foi que o
convenceu, mellor... Pois iso. O cal non quita que o principal
responsable da desfeita sexa vostede.
Sen
máis polo momento, reciba un afectuoso saúdo.