Amosando publicacións coa etiqueta Utopía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Utopía. Amosar todas as publicacións

05 abril 2022

Un bonito e agradable soño.

         Normalmente non me lembro dos soños que tiven pola noite. Mais esta mañá espertei lembrando, a grandes trazos, dun deles e, ao mesmo tempo, aterrando na terrible realidade na que me está tocando vivir. Agora relato tal sono:


             Xa non había guerra en Ucraína. Por fin, os habitantes dese país e a cidadanía europea podían durmir con tranquilidade. Os criminais que a guerra derivada da invasión de Ucraína xerara estaban na cadea e condenados por unha Corte Penal Internacional que acadara o recoñecemento de todos os gobernos dos países do mundo, forzados pola presión dos seus propios pobos e contra a vontade da maioría dos gobernantes. Isto servira, tamén, para que o citado tribunal internacional saldara contas pendentes cos criminais de guerra, os sátrapas e aqueles que nos diversos países do mundo violaran os dereitos humanos. Por mor destas actuacións xudiciais foron xulgados e condenados militares dos Estados Unidos polos seus crimes cometidos nas diferentes invasións e intervencións militares (entre eles os asasinos do xornalista José Couso), militares e civís da OTAN, militares e gobernantes rusos, xeques e reis da Arabia Saudita e dos Emiratos Árabes, gobernantes e ex-gobernantes de diversos países de Latinoamérica, monarcas e xefeciños sátrapas e criminais de diversos países africanos, responsables de crimes da dictadura franquista, ...e unha chea de xente do mundo considerados responsábeis de crimes contra a humanidade.

            No Estado Español, a xente estaba farta de sufrir miseria, alzas constantes de prezos, baixos salarios, contratación precaria, deslocalización de empresas en busca de países con salarios de explotación e miseria, dos abusos dos bancos, das eléctricas e enerxéticas, etc. dos que eran vítimas sempre as clases máis desfavorecidas e os pequenos e medianos comerciantes e industriais. Nesta situación o goberno que se dicía progresista non facía máis que chamar á calma mentres nada, absolutamente nada, facía por remediar a situación e botaba pelotas fora, actuación apoiada de forma decidida polos membros do PSOE, o Partido Popular , Vox, os grupos parlamentarios das dereitas asturiana e navarra e a dereita nacionalista catalá. Destacaban os apoios de Vox e Partido Popular coa esixencia da adopción de máis medidas antipopulares como a liberdade da suba de alugueiros, a expulsión dos inmigrantes probes ou de pel escura.

            Esta situación deu lugar a un levantamento popular masivo e  de carácter pacífico. Traballadores e traballadoras, pensionistas, pequenos e medianos comerciantes e industriais de todo o Estado cesaron voluntariamente na súa actividade e saíron pacificamente ás rúas e ás prazas a protestar contra a complicidade do gobernos e os grandes empresarios e banqueiros. E así un día tras doutro, para desesperación do presidente do goberno, dos seus ministros e ministras e de todos aqueles que vían en perigo as súas grandes fortunas, os seus privilexios e/ou as súas poltronas. Pero sobre todo, que tiñan medo de que dunha vez por todas a poboación decidira arriscar todo o que non tiña, esquecérase da súa integridade física e se puxera a derribar todo o seu poder e a súa capacidade de explotar ata os extremos inhumanos ao conxunto da cidadanía española. Polo cal decidiron que non había máis remedio que intervir duramente e rematar con situación tan incómoda e perigosa. Para iso tiñan un goberno e unha oposición do seu lado e con capacidade coactiva e lexislativa; goberno que, coma sempre, podería actuar amparado "na defensa da lei e da orde pública". Así o decidiron e así se fixo; o primeiro que deberían facer era mobilizar ás policías para reprimir calquera disidencia, por moi pacífica e civilizada que esta fora.

            Inmediatamente, o ministro do Interior deu orde aos xefes policiais para que reprimiran "aos revoltosos" . E os xefes transmitiron as ordes aos subordinados, indicando que nada de contemplacións, que a quen se resistira ou puxera pegas á súa actuación que se lle aplicara a Lei Mordaza ou o Código Penal, que foran acusados de agresión ás forzas da orde ou calquera outra cousa; e que se usaran de forma discrecional todos os medios materiais antidisturbios dispoñíbeis e todos, todos, os medios que consideraran pertinentes. Pero o que había que acadar era rematar coa rebelión, que a xente deixara a rúa e volvera aos seus postos de traballo. O que non contaban os xerifaltes políticos e policiais era que moitos oficiais de baixa graduación, a maioría dos suboficiais e a inmensa maioría dos policías se rebelaran contra as ordes recibidas por consideralas ilegais e que se puxeran do lado dos "cidadáns revoltosos". É dicir, e contra do que se sole ver, unha rebelión policial contra os poderes establecidos para apoiar as xustas reivindicacións das persoas máis desfavorecidas e contra os abusos permitidos polos gobernos. Todos os altos mandos e moitos dos oficiais policiais foron destituídos polos propios policías de a pé.

            "Pois teremos que recorrer á nosa tradicional forza de reserva, nunca nos ten fallado ao longo da historia" pensaban os grandes industriais e os banqueiros e con esta deron ordes ao goberno, sabedores de que quen realmente gobernaba eran eles. Así que deron orde de intervención do exército para reprimir aos movementos sociais e "meter en cintura" aos "policías rebeldes". Unha intervención televisiva da Ministra de Defensa do momento, coa cara desencaixada, os pelos de bruxa e botando sapos, cobras, crocodilos, lóstregos e maldicións pola súa boca, así como amenazando con case que de todo á maioría da poboación "rebelde"  foi o sinal do inicio da intervención militar na vida civil. Como xa tiña acontecido nos corpos policiais, tamén a inmensa maioría dos oficiais intermedios, suboficiais e soldados negáronse a cumprir as ordes da superioridade e puxéronse ao lado da maioría da poboación. Despois de todo, os seus problemas eran os mesmos que os das persoas que protestaban nas rúas e nas prazas, os mesmos das clases sociais ás que eles pertencían, os da inmensa maioría da poboación que sufrías os abusos dos máis economicamente poderosos aos que se xuntaban os seus mandos.

            Todo este proceso desembocou nunha marea de auditorías de todo tipo e de todas as institucións públicas que implicou a destitución, procesamento e condena por corrupción de centos de persoas que ostentaban cargos públicos en comunidades autónomas, concellos, aparato xudicial, exercito e policía. Tamén a ilegalización dos partidos aos que se consideraron beneficiados pola corrupción. Igualmente, moitos corruptores pertencentes a grandes grupos económicos así como de moitos defraudadores fiscais, traficantes de armas, especuladores inmobiliarios e de toda caste foron xulgados e condenados. Unha verdadeira e necesaria limpeza na estrutura do Estado e na sociedade civil.

            Houbo trocos constitucionais, en aras á participación da cidadanía na elección dos cargos representativos do Estado, facéndoos  a todos responsábeis das súas actuacións e rematando co principio de "impunidade por ser quen son",  recoñeceuse o dereito de sindicación e participación política dos militares e dos policías e xuíces. E toda unha seria de lexislación destinada a garantir uns maiores niveis de igualdade entre a poboación, tanto no económico como no trato xudicial e social. Que felicidade!

                 E nisto empeza a soar a radio-espertador coincidindo coa hora das novas, e a locutora narra: "Ucraína: violación dos dereitos humanos en Bucha"; "Pedro Sánchez se nega a derrogar toda a Lei Mordaza"; "Núñez Feijóo se prepara para o asalto ao poder"; "Unidas-Podemos, outra vez menosprezada pola parte socialista do goberno"; "Duras críticas en Vigo ao árbitro por considerar que o partido do Celta contra o Madrid tivo un resultado condicionado por un arbitraxe inxusto", ...

                    En fin era só un soño, unha utopía. Co agradable que estaba resultando...!

            

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...