Amosando publicacións coa etiqueta Praias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praias. Amosar todas as publicacións

15 xaneiro 2024

Emplasticados

 

Inacción, incompetencia e complicidade

Como adoita ser cotiá a Xunta de Galicia, dominada polo Partido Popular, volveuse a lucir e ficar en evidencia por mor da súa inacción; esta vez por causa dos pellets de plástico chegados ás costas galegas. Cada paso que da, cada declaración que algún dos seus responsables fai, cada problema que aparece no país e que a administración da Xunta de Galicia oculta ou ignora (por incapacidade ou por medo a meter a pata)  móstranos a súa incompetencia, a súa neglixencia e/ou a súa inacción no intre da facer fronte aos problemas ou de afrontar con eficiencia e con eficacia as dificultades coas que a maioría da cidadanía galega se encontra na súa vida cotiá. Sanidade, agricultura e gandería, pesca, medio ambiente, transportes, estradas, montes, ríos, industria... todo deixado “da man de Deus” e a mercé dunhas persoas que mostran ano tras ano, e así desde a creación do Partido Popular e dos seus sucesivos gobernos desde a Xunta de Galicia, a súa desidia, a súa incompetencia e/ou a súa actividade política cómplice exercida desde os cargos públicos para favorecer intereses privados que van en contra dos intereses públicos e da maioría das galegas e dos galegos. Ata a súa política de financiamento está dirixida a primar os intereses do sistema financeiro privado sobre os intereses xerais da cidadanía galega, ao acudir a Xunta ao endebedamento con institucións privadas en lugar de facelo con aqueles organismos de carácter público que ofrecen un financiamento moito máis barato e, polo tanto, máis favorecedor dos intereses xerais da Galiza.

Non sería estraño que alguén puidera pensar que este tipo de actuacións foran dirixidas non só a beneficiar a corporacións alleas aos intereses da maioría da poboación da Galiza, senón que tamén poderían estar enfocadas á forxa dun futuro persoal dentro das empresas favorecidas por esas políticas dos distintos departamentos. Non podemos esquecer que na actualidade hai numerosos casos de antigos cargos políticos ou técnicos de libre designación da Xunta de Galicia e do Partido Popular que ao remate dos seus cargos públicos pasaron a formar parte de órganos directivos de empresas que dalgunha forma resultaron favorecidas coas políticas dos seus departamentos ou doutros conexos. Empresas eólicas, madeireiras, pasteiras, químicas, mineiras... teñen entre os seus dirixentes e persoal de alta dirección a persoas que no pasado exerceron responsabilidades públicas na Xunta de Galicia.

A “crise” dos chamados pellets

A aparición dos chamados pellets de plástico nas praias de moitos concellos da Galiza (a RAG di que o termo válido é “granulado , mais aquí utilizaremos de forma sistemática pellets, por ser o máis usado na crise das "bolitas")  puxo de manifesto unha vez máis a incapacidade da Xunta de Galicia, dominada polo Partido Popular, para facer fronte dunha forma eficiente, coordinada, con transparecia e publicidade ás posibles crises que poidan afectar ao país que din gobernar. E esta crise así o demostra.

A primeira nova que a cidadanía tivo da aparición dos famosos pellets nas praias da Galiza (se mal non me lembro) foi, nos lugares a onde chegaron as "bolitas", despois do fin de ano, o 2 ou o 3 de xaneiro. E a razón do coñecemento público do problema non foi porque os incompetentes do Partido Popular que gobernan Galiza fixeran pública a aparición de tales cantidades de granulado plástico en numerosas praias, senón porque a cidadanía e os concellos afectados e non gobernados polas hostes  populares denunciaron publicamente a situación e a falla de implicación da Xunta de Galicia na súa contención e/ou limpeza.

Inicialmente, esta contención ou limpeza das autoridades políticas da Galiza non foi máis alá do envío dunha pouca xente, sen material nin outro equipamento, a coller pellets nunha praia de Muros o día 6 de xaneiro durante o tempo estrito e necesario para que a TVG gravara un “flash” para xustificar un labor inexistente por parte da Xunta de Galiza de cara á súa intervención para impedir ou minorar a contaminación do litoral. Así foi denunciado polo Concello de Muros e, tamén, por Ía Lago, alcaldesa da localidade, na súa páxina persoal de Facebook o día 6 de xaneiro:

Así é como non se fai.

Hoxe volvémonos desprazar á Area Maior, cando estabamos alí apareceron operarios dunha empresa mandada pola Xunta, o responsable dime que veñen a recoller as bolsas do que nós limpamos, aínda que non se puxeron en contacto co concello e non saben onde está acopiado o material. Ante a chegada da TVG, póñense a recoller os pellets. Non traen material pra facelo, recollen un a un, hai 4 operarios. Pasan 10 minutos e marchan as cámaras, inmediatamente despois, recolle a empresa. 10 minutos de reloxo e un titular para abrir os informativos. 

Ata non lles cae a cara de vergoña.

Esta voz de alarma procedente de organizacións ecoloxistas, concellos afectados gobernados por xente decente, cidadáns particulares e persoas que diante das confusas novas sobre o tema achegáronse ás praias para botar unha man coma voluntariado na recollida dos plásticos, puxo en garda a toda a incompetencia gobernamental e a todo o lixo mediático con base na Galiza (que non é pouco) para tratar de minimizar e desviar responsabilidades sobre a contención dos vertidos, a súa localización e sobre o estado da costa e praias galegas

 Incompetencia galopante e "in crecendo"

Os responsables da Xunta de Galiza un día din unha cousa, ao seguinte outra distinta e contraria; habendo incluso algún día no que a mesma persoa declarou unha cousa a primeira hora da mañá, trocando a súa versión polo medio día para volvar declarar pola tarde noite outra versión distinta ou contraria.

Presidente Alfonso Rueda, Conselleira de  Medio Ambiente, Conselleiro de Pesca..., todos eles perdidos e desbordados, facendo declaracións totalmente inverosímiles, amosando publicamente a súa incapacidade e a súa incompetencia, asignando culpabilidades de forma gratuíta, mentindo de forma descarada, pedindo cousas que se escapan a toda lóxica... Simplemente, impresentable. Incluso escoitamos nalgún medio radiofónico declaracións totalmente irresponsables como as realizadas polo Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Muxía (supoño que para amosar diante do Conselleiro de Pesca, ao que acompañaba neses intres, a súa submisión incondicional aos desexos do Partido Popular); ou as declaracións altamente escatolóxicas e fora de lugar do responsable de pesca sobre a función dixestiva diante dunha potencial inxestión de pellets ou as instrucións do mesmo señor sobre o que se come e o que non se come dos “pescados”.

E aínda hoxe, cando as evidencias en contra da súa nefasta xestión da crise dos pellets son máis numerosas seguen co conto: a unha hora unha cousa e a outra unha distinta da de antes. E, segundo eles e as insinuacións da súa prensa amiga, a culpabilidade da inacción está no goberno central (cousa que tampouco eu dubido, xa que corresponde ao goberno central –a este e aos anteriores- estabelecer os sistemas de protección das costas galegas contra os posibles vertidos de elementos contaminantes e outros que o inxente tráfico marítimo que usa o corredor atlántico como vía de circulación para o transporte de mercancías poida causar, compromiso realizado polos distintos gobernos centrais despois do ocorrido co Prestige no ano 2002).

Non foi ata o martes 9 de xaneiro o día no que a maioría dos medios de prensa editados en papel empezaron a preocuparse do tema que se estaba a xerar cos pellets nas praias. Mais, sobre todo, coido que o motivo da preocupación non sería tanto a de informar aos seus lectores como a de protexer por unha parte aos seus correlixionarios ideolóxicos e, pola outra, protexer unha das súas formas de financiamento: as cuantiosas subvencións recibidas por diversos motivos (algúns deles incribles) e a numerosa publicidade institucional coa que son regados e as subscricións para os numerosos centros dependentes da Xunta de Galicia. E que para algún deses medios son vitais para a súa pervivencia. É dicir, o Partido Popular non está só no seu labor de embarullar, manipular e terxiversar a información.

Non están sos

 Poderosos protectores controlan a maioría da información que circula pola Galiza e contribúen á falta de difusión de todos aquilo que poida resultar desfavorecedor ás actuacións, ou ás inaccións, que o Partido Popular poida desenvolver no seu labor desde as distintas institucións públicas que controla. E, como xa teño indicado nalgún artigo anterior, cando a realidade contradí ou é desfavorable aos intereses do Partido Popular, só mencionan “á bicha” cando non lles queda máis remedio. A calquera cidadán chocaríalle que un feito grave ou importante que ocorre na súa proximidade non saíra reflexado nas novas do xornal que fala da comarca, polo que estes manipuladores da información so o publican na edición do sitio pero ocúltanno en todas as demais edicións (que é o que está a pasar coas mobilizacións pola sanidade pública, que nos principais medios só se reflexa na edición local ou comarcal o que pasa no lugar, coma se fora algo que só ocorre alí e non é un problema xeralizado a toda Galiza).  

E non falo dos espazos “informativos” das cadeas e emisoras da RTVG (que, como denuncian os seus propios traballadores e traballadoras, ocultan, manipulan, deforman a información e son plataformas de propaganda do Partido Popular). Falo daqueles outros que presumindo de ser medios de información independentes non só teñen aos seus columnistas ao servizo da causa da dereita e do Partido Popular, senón que amais fan un tratamento da información de tal forma que está non desfavoreza os intereses da dereita política galega. Estes medios en numerosas ocasións terxiversan de tal forma a información que mesmo parece que un feito certo que é orixe dun feito negativo para o país (e que pon en evidencia a inacción, a incompetencia, as numerosas mentiras e as magnas estupideces expresadas por distintas persoas con responsabilidade política na Xunta de Galicia –mesmo a Presidencia-) é responsabilidade de terceiros.

Un exemplo claro deste tipo de comportamentos informativos é unha nova aparecida nun dos máis importantes diarios galegos, o día 9 de xaneiro, sobre a orixe dos vertidos de pellets coa perda de seis containers polo mercante Toconao nas costas portuguesas o 8 de decembro, que foi comunicado ás autoridades marítimas españolas como é practica cotiá cando os buques perden carga para que se avise ao tráfico das diferentes costas e evitar accidentes marítimos. Dista última particularidade ese xornal non informa, como tampouco informa de que o capitán do Toconao non tiña porque coñecer o tipo de carga que contiñan eses contedores perdidos. Pero tal como estaba redactada a nova parecía que se puidera saber xa que eses recipientes tiñan contidos contaminantes ou os pellets que ían chegar ás nosas costas. E que, polo tanto, a responsabilidade era do goberno do Estado, non dunha Xunta que nada comunica nin actúa –coñecendo a existencia de pellets nas praias- ata ben entrado o mes de xaneiro.

Máis non é o anteriormente citado o único medio protector do Partido Popular. En xeral podemos encadrar neste concepto ás principais cabeceiras provinciais dos distintos xornais editados en papel (amais doutras menores e dalgunhas emisoras de radio locais), que curiosamente son tamén as beneficiarias das maiores subvencións á prensa concedidas de forma discrecional pola Xunta de Galicia.

Para remate

En fin, por moito que se empeñe o Partido Popular e os seus protectores das diferentes esferas e medios de comunicación, os responsables de actuar, para manter limpas as praias en casos como o dos pellets e de informar á cidadanía do que acontece nelas, son as autoridades políticas galegas.  

Esa falla de transparencia só se pode achacar á Xunta de Galicia e aos seus protectores do lixo mediático, que poñen os seus propios intereses ideolóxicos e económicos por riba do dereito dos seus lectores a ser informados dunha forma obxectiva. Porque os que mercamos xornais facémolo para informarnos do que ocorre no país e no mundo fora do noso espazo cotiá, non so do que xa sabemos que ocorre na nosa proximidade. Eses que deben informar de forma veraz e obxectiva aos seus lectores son libres de expresar a súa opinión e a dos seus correlixionarios, pero non de confundir o pensamento coa información, nin de ocultar a información para protexer aos que pensan coma eles ou nos seus propios intereses.

E o único xeito de rematar con isto é impedindo que os que actualmente gobernan na Galiza sigan a facelo; para elo temos unha inmellorable ocasión o próximo 18 de febreiro. E, con relación á prensa, non mercando aqueles xornais ou escoitando novas naquelas emisoras e cadeas de televisión que incumpren coa súa obriga de informar de forma obxectiva sobre o que ocorre na localidade, no país, no Estado e/ou no mundo.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...