A actualidade política do Estado nestas últimas semanas estase a centrar sobre a lei de liberdade sexual aprobada recentemente polo Goberno do Estado máis coñecida como “Lei do Si é Si”) e a reforma que nestes días está a propoñer o PSOE da mesma. Proxecto de lei de reforma que o partido que dirixe Pedro Sánchez presentou no día de onte no Congreso dos Deputados.
A teórica razón da presentación desta modificación de lei ven supostamente determinada pola “masiva rebaixa” de penas a persoas condenadas por exercer a violencia contra as mulleres derivadas da aplicación da chamada “Lei do Si é Si” que, dito sexa de paso e vistas as cifras achegadas por algún medio de comunicación, non é cantidade tan grande como a que a dereita política e a selva mediática apegada a ela pretenden facer ver.
Que foi o que motivou a cascada de rebaixas nas penas aos criminais machistas?.
Evidentemente é triste que persoas condenadas pola violencia exercida contra as mulleres vexan rebaixadas as súas penas pola aplicación dunha lei que está claramente orientada a combater a violencia machista sexa cal sexa o ámbito no que esta se produza. A meirande parte das solicitudes de redución de pena por aplicación da “Lei do Si é Si” foron rexeitadas polos maxistrados e maxistradas que decidiron sobre a súa aplicación e hai territorios onde non foi reducida ningunha das penas impostas ao abeiro da antiga lei. Xa que logo, preguntámonos: Cales foron as motivacións que provocaron as rebaixas no trinta e pico por centro das condenas por crimes machistas? Puideron ser moitas e de diversa índole e non imos aquí a pronunciarnos sobor dunha ou doutra causa; polo menos, de momento.
A día 3 de febreiro dos presentes podemos ver os datos das “masivas” reducións de condena e territorios nos que se producirón, segundo o publicado no programa Hoy por hoy da Cadena SER, PREMENDO AQUÍ (ou escoitar un resume en audio premendo esta LIGAZÓN).
As reducións das penas.
A min resultoume curioso que as primeiras resolucións de redución de penas coñecidas e aireadas na prensa producíranse en instancias xudiciais da Comunidade de Madrid. Pero máis curioso me resultou que case simultaneamente, cando aínda case non era de dominio público a existencia de ditas resolucións, saltaran á palestra mediática recoñecidos personaxes da ultradereita do Partido Popular e coñecidos propagandistas xornalísticos da dereita e ultradereita cargando contra a “Lei do Si é Si” e, por suposto e coma non podía ser doutro xeito, contra a parte máis progresista do goberno central.
De seguido, toda a dereita en tromba sae ao escenario afondando nunhas críticas á citada lei baseadas soamente na redución de penas, esquecendo todo o demais que de positivo contén a citada disposición. Desde Núñez Feijóo ate Abascal, pasando por García-Page e Lambán, toda a dereita e extrema dereita, todo o machismo central e periférico político e xornalístico (incluso aquelas que se parapetan na súa condición de muller para negar o seu real machismo), sae furibunda a criticar unha lei na que nunca creron e que sempre combateron.
É o mesmo machismo, a mesma orientación política e os mesmos personaxes que se opoñen, claman e arman grandes escándalos acusando de pretensión de adoutrinamento cando desde instancias educativas oficiais ou nos propios centros educativos se pretenden introducir nos curriculos educativos dirixidos ás ensinanzas básicas e medias asuntos relativos á convivencia, á igualdade ou á educación sexual. Os mesmos suxeitos que non se opoñen, ou apoian, a segregación por sexo nas escolas ou o adoutrinamento relixioso nas escolas financiadas con fondos públicos.
Do mesmo modo que a dereita antes citada, tamén comezan a saír en tromba, e comezan a coñecerse, resolucións de reducións de condena favorecedoras para criminais machistas pronunciadas por distintos xulgados en distintos territorios do Estado.
Que hai detrás do cuestionamento da “Lei do Sí é Sí”?
Se deixamos de lado o cuestionamento derivado das posicións político-ideolóxicas e nos limitamos aos aspectos xurídicos da mesma, debemos fixarnos en dúas cousas: o número de condenas rebaixadas en relación ás penas impostas con amparo na antiga lei, así como nos territorios nos que esas condenas sufriron rebaixas, e nas posicións de xuristas de recoñecido prestixio sobre os efectos indesexados da lei.
En relación co primeiro aspecto, deixo a elección da persoa lectora o traballo de facelo ou non (en base aos datos fornecidos máis arriba ou os que ela poida acadar de fontes solventes).
En relación co segundo, dicir que numerosos xuristas de recoñecido prestixio no ámbito español e internacional (a modo de exemplo cito aos señores Martín-Pallín e Pérez Royo) manteñen que unha correcta aplicación da "Lei do Si é Si" non necesariamente ten que traducirse nunha redución de condena; é máis, suxiren que non tería por que producirse redución algunha. E teño que confesar, tamén, que entre xuristas de recoñecido prestixio non teño a ben considerar á actual Ministra de Xustiza; sobre todo despois de ter escoitado a entrevista que hoxe fíxolle Ángels Barceló no programa Hoy por Hoy da Cadena SER (cuxo audio podes escoitar nesta LIGAZÓN-1) onde ao meu modo de ver se mostra a pouca consistencia e as continuadas contradicións que a Ministra amosa -para desesperacións dos tertulianos posteriores, que non sabían por onde saír para salvala, dito sexa de paso-.
Eu, persoalmente, teño que dicir que as rebaixas das penas primitivamente impostas foron realizadas conforme ás leis vixentes no Estado; que cada maxistrado, maxistrada, xuíza ou xuíz que estimou que reos de crimes machistas deberían ser beneficiarios de redución de penas actuou dentro da flexibilidade de interpretación que a lei lles permite na hora da súa aplicación, cos seus propios criterios e cos seus propios obxectivos, non necesariamente de apoio ás posicións da dereita fascista e da extrema dereita, nin no afán de actuar en clave de ideoloxía machista. Isto aínda que obxectivamente produciran ese efecto. Certo é, tamén, que a maioría das peticións de redución de condena foron rexeitadas e as penas non sufriron modificación algunha (como mantiñan os prestixiosos xuristas antes mencionados) e, polo tanto tampouco foron obxecto de publicidade pola ultradereita mediática nin pola utradereita dereita e o fascismo políticos (Partido Popular, Vox, Ciudadanos e personaxes vindos a menos que se resisten a desaparecer do panorama político).
Eleccións á vista.
No día de onte o PSOE presentou no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modificar a denominada “Lei do Si é Si”. Fundamentalmente, segundo din os propoñentes, a súa base está no aumento das penas dos criminais machistas. Mais a realidade parece ser outra: que o seu contido vai desvirtuar o tema do consentimento para volver á lei anterior e que supoñía un verdadeiro abuso xudicial ás vítimas de violencia de xénero nos seus diversos aspectos, como que ficou patente no xuízo da tristemente famosa manda do San Fermín e noutros outros moitos xuízos onde en lugar de xulgar aos agresores parecía que as xulgadas eran as vítimas.
É significativa a fronte común formada polo PSOE co Partido Popular nestes aspectos contra o outro socio de goberno, e o anunciado apoio do segundo á modificación da “Lei do Si é Si”; e aínda máis significativa se temos en conta a proximidade de numerosos procesos electorais que dalgunha forma poden crebar a actual tendencia ao bipartidismo desexado polos mencionados partidos.
Significativo tamén que moitos dos grupos e partidos políticos que serven de apoio ao actual goberno central se teñan manifestado xa contra a reforma que pretende o PSOE de modificar o consentimento matizando o mesmo e deixando aberta á interpretación xudicial a existencia ou non de violencia no abuso.
No intre de escribir estas liñas descoñezo o texto literal da proposición de lei; só as palabras da Ministra de Xustiza, as de Patxi López, as da Ministra Portavoz e as críticas que desde Podemos, Esquerra Republicana e Bildu se refiren á proposición pesoera.
Á
parte da parte da precampaña electoral, eu non sei se amais o
alimento desta polémica ven determinada pola necesidade de esconder
as continuadas últimas “cagadas” do PSOE e do Goberno como son a
baixada de pantalóns diante do réxime do sátrapa marroquino, a
nova puñalada trapeira ao pobo sahariano e o incremento da
supeditación dos intereses do Estado Español á soberanía dos USA
e da OTAN no que respecta a inxusta e cruel guerra de Ucraína, a impresentable posición do PSOE diante da lei trans e, tamén, a súa posición ultraliberal cara á regulación da vivenda.
Xa veremos, no caso de que a modificación de lei sexa aprobada, se volvemos a ver xuízas impresentables que pregunten á vítima de abusos sexuais se “pecharon ben as pernas” ou a xuíces que culpabilicen ás vítimas por saír á rúa pola noite ou levar "vestimenta provocativa” e cousas polo estilo ou que, incluso, manteñan que se notaba no video que a vítima de agresión disfrutaba.
O que si é seguro é que a aprobación da mesma non vai supoñer que non poidan seguir dándose rebaixas de penas, porque os xa condenados con sentenza firme poden ser beneficiados por maxistrados, maxistradas, xuízas e xuíces que rebaixen as súas penas por crimes machistas en aplicación da “Lei do Si é Si” segundo a súa interpretación.
E que só os condenados pola nova lei, se é que sae adiante, van ser condenados ou absoltos con base ás circunstancias, a interpretación da lei que fagan os xulgadores e as penas que nela se contemplen.
